Contenido principal
Organización Xestora da Seguridade Social
Corresponde aos órganos superiores dos departamentos ministeriais competentes da Administración Central do Estado tanto a potestade normativa sobre a Seguridade Social -impulso e dirección da súa organización xurídica- como a vixilancia, tutela e control da xestión.
A xestión e administración en si mesmas están encomendadas a entidades estatais, Xestoras da Seguridade Social, auxiliadas e complementadas polos denominados Servizos Comúns.
Como características da organización xestora da Seguridade Social en España poden mencionarse:
Natureza pública
Trátase de Entes Públicos dotados de personalidade xurídica propia e creados para levar a cabo, baixo a dirección e tutela do Ministerio correspondente, a xestión e administración das prestacións concedidas polo sistema da Seguridade Social.
Racionalización por Entidades Xestoras especializadas
Ao terse simplificado ao máximo as Entidades xestoras, as súas funcións racionalizáronse, e tras reintegrarse o Estado dalgunhas competencias que tiña asumidas a Seguridade Social (emprego, educación e servizos sociais) e que non eran propias da mesma, posibilitouse tamén unha clara delimitación das tres áreas de obxectivos específicos: a saúde, a Seguridade Social e os servizos de asistencia social.
Descentralización territorial e eficacia social
As Entidades Xestoras desenvolven a súa actividade en réxime descentralizado nos diferentes ámbitos territoriais. Constitucionalmente, correspóndelle ao Estado a lexislación básica e o réxime económico da Seguridade Social e, en determinados casos, corresponde ás Comunidades Autónomas o desenvolvemento normativo desta lexislación básica, así como a xestión e administración dos servizos.
Participación dos interesados
A Constitución determina no artigo 129.1 que "a Lei establecerá as formas de participación dos interesados na Seguridade Social e na actividade dos organismos públicos cuxa función afecte directamente á calidade da vida ou ao benestar xeral".
A participación no control e vixilancia da xestión das Entidades Xestoras efectúase, dende o nivel estatal ao local, por órganos nos que figuran por partes iguais, representantes dos sindicatos, das organizacións empresariais e da Administración Pública.
Ausencia de ánimo de lucro
Así o establece a propia Lei da Seguridade Social no art. 4º: "En ningún caso, a ordenación da Seguridade Social poderá servir de fundamento a operacións de lucro mercantil".
Tutela administrativa
Realízase polos Centros Directivos do Ministerio a través de diversos controis: de orde organizativa, de persoal e de orde económico-financeira, mediante a dirección e coordinación da xestión dos recursos humanos, financeiros e gastos da Seguridade Social.
Sometemento a un réxime xurídico
A Seguridade Social enmárcase no procedemento administrativo común xa que é un servizo público exercido por órganos estatais que realizan actos administrativos.