Aviso Cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario. As cookies non se utilizan para recoller información de carácter persoal. Para máis información consulte a nosa política de cookies.

Contenido principal

Etapa de definición prestacional e institucional (1900 - 1962)

Esta etapa caracterízase polo nacemento e xeneralización dos seguros sociais que, nos seus inicios, foron o resultado dos mecanismos e instrumentos de protección que fora a desenvolver o movemento obreiro de forma mutualista e pola elaboración e creación das normas e institucións que estendían ao conxunto dos traballadores as prestacións que, ata eses momentos, recoñecíanse só aos traballadores sindicados, de forma allea á actuación do Estado. Nesta fase poden destacarse os seguintes fitos:

Promulgación da Lei de Accidentes de Traballo

O desenvolvemento industrial e a crecente mecanización dos procesos produtivos provocaron un importante aumento dos accidentes de traballo, con total desamparo para os traballadores e as súas familias.

A citada lei, aprobada o 30 de xaneiro de 1900, define o accidente de traballo como “toda lesión corporal que o operario sofre con ocasión ou por consecuencia do traballo que execute por conta allea”.

Declárase, por primeira vez, a responsabilidade directa e obxectiva das empresas nos accidentes sufridos polos seus traballadores e foméntase a institución do seguro, pero a súa obrigatoriedade por parte do empresario e con carácter xeral non aparece ata 1932.

Creación do Instituto Nacional de Previsión(INP)

En 1908 créase o Instituto Nacional de Previsión, cuxa realización máis destacable sería a posta en práctica dun réxime de liberdade subsidiada, que pretendía atopar o equilibrio entre a liberdade de concertar un seguro por parte dos asegurados e a responsabilidade de cobertura dos riscos por parte do Estado.

A aparición do Retiro Obreiro Obrigatorio

En 1919 créase o Retiro Obreiro Obrigatorio, xestionado polo INP e destinado a asalariados entre 16 e 65 anos cuxa retribución non superara un certo límite. Este seguro protexía a vellez por considerala unha invalidez por razóns de idade.
O financiamento era mixto, con participación das empresas e do Estado.

Unificación e coordinación dos Seguros Sociales

No período de 1932 a 1935 o goberno da II República encargou ao INP a elaboración dun proxecto de unificación e coordinación dos seguros sociais preexistentes, que non chegou a cristalizar nin puido aplicarse como consecuencia da Guerra Civil. Este proxecto contemplaba un sistema de Seguridade Social laboral de carácter integrador e xestión participada.

Subsidios familiares

Unha lei de Bases de 1938 instituíu un réxime obrigatorio de subsidios familiares. Este novo seguro estende o seu campo de aplicación a todos os traballadores por conta allea, de certas ramas de produción, e determina as súas prestacións en función do número de fillos, da súa idade e da súa capacidade laboral.

O seguro obrigatorio de Vellez e Invalidez

No ano 1939, o antigo Retiro Obreiro transfórmase en subsidio de vellez e oito anos máis tarde, en 1947, este se configura como Seguro de Vellez e Invalidez (SOVI) xestionados todos eles polo INP.

O Seguro Obrigatorio de Enfermidade (SOE)

En 1942, créase o Seguro de Obrigatorio de Enfermidade, destinado a todos os produtores "economicamente débiles" organizado sobre un sistema de reparto, aboándose as súas primas a partes iguais entre empresarios e traballadores. Este seguro desapareceu coa inclusión da Asistencia Sanitaria na acción protectora da Seguridade Social.

O Mutualismo Laboral

A partir de 1946 e debido á insuficiencia cuantitativa dos seguros sociais, establécense en España formas complementarias de protección social, organizadas por ramas profesionais. Este proceso culminará en 1954 coa publicación do Regulamento Xeral do Mutualismo Laboral. As prestacións que recoñecía eran de carácter regulado (pensións e subsidios) e potestativas (asistencia social, créditos, acción formativa...). A cotización era bipartita a cargo de empresarios e traballadores.

Para concluír o exame desta primeira etapa, cabe destacar que as reformas legais operadas neste período comparten unha dobre característica:

  • mínima participación de empresarios e traballadores nos órganos de xestión.
  • baixa intensidade protectora como consecuencia do exiguo nivel inversor destinado á protección social.
Contenido complementario
${loading}