Requisitos xerais esixidos
Os requisitos xerais esixidos para causar dereito á prestación nos réximes especiais son, en cada caso, os seguintes:
-
Estar en alta ou en situación asimilada á alta no Réxime correspondente. Non obstante, pódese causar dereito a pensión de xubilación dende a situación de non alta, sempre que se reúnan os requisitos de idade e cotización establecidos.
-
Estar ao corrente no pagamento das cotas das que sexan responsables directos os traballadores, aínda que a prestación sexa recoñecida, como consecuencia do cómputo recíproco de cotizacións, nun réxime de traballadores por conta allea.
-
Para tales efectos, será de aplicación o mecanismo de invitación ao pagamento previsto no |art. 28.2 do Decreto 2530/1970, do 20 de agosto, calquera que sexa o réxime de Seguridade Social en que o interesado estivese incorporado, no momento de acceder á prestación ou no que esta se cause.
-
Cando ao interesado se lle considere ao corrente no pagamento das cotizacións para os efectos do recoñecemento dunha prestación, en virtude dun aprazamento no pagamento das cotas debidas, pero posteriormente incumpra os prazos ou condicións do devandito aprazamento, perderá a consideración de atoparse ao corrente no pagamento e, en consecuencia, procederase á suspensión inmediata da prestación recoñecida que estivese a percibir, a cal soamente poderá ser rehabilitada unha vez que salde a débeda coa Seguridade Social na súa totalidade. Para tal fin, a Entidade Xestora da prestación poderá detraer de cada mensualidade percibida polo interesado a correspondente cota debida.
-
Para os efectos do recoñecemento do dereito a unha pensión, as cotizacións correspondentes ao mes do feito causante da pensión e aos dous meses previos a aquel, cuxo ingreso aínda non conste como tal nos sistemas de información da Seguridade Social, presumiranse ingresadas sen necesidade de que o interesado o teña que acreditar documentalmente, sempre que o traballador acredite o período mínimo de cotización esixible, sen computar para estes efectos o período de tres meses referido neste.
-
Nestes supostos, a entidade xestora revisará, con periodicidade anual, todas as pensións recoñecidas durante o exercicio inmediato anterior baixo a presunción de situación de estar ao corrente para verificar o ingreso puntual e efectivo desas cotizacións. No caso contrario, procederase inmediatamente á suspensión do pagamento da pensión, aplicándose as mensualidades retidas á amortización das cotas debidas ata a súa total extinción, rehabilitándose o pagamento da pensión a partir dese momento.
-