Aviso Cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario. As cookies non se utilizan para recoller información de carácter persoal. Para máis información consulte a nosa política de cookies.

Contenido principal

Sistema de financiamento

Por sistemas de financiamento, enténdense as técnicas financeiras utilizadas para planificar a cobertura dos custos da acción protectora da Seguridade Social. Fundamentalmente son: capitalización e reparto

Capitalización

As técnicas de capitalización implican a formación dun capital integrado polas cotas ou primas máis os intereses acumulativos, destinado a satisfacer as prestacións futuras. Así concebido, o método capitalizador foi o principal vehículo financeiro dos sistemas de previsión social, especialmente mentres estes se mantiveron apegados ás técnicas actuariais e aos esquemas xurídicos do seguro privado. Non en balde a técnica capitalizadora ten no seguro privado as súas raíces.

Explicouse esta técnica como conta particular aberta a cada asegurado, na que ingresan as cotizacións e os seus intereses. Sen embargo, son numerosos os inconvenientes que se desprenden de tal sistema (depreciación monetaria, longo período de tempo, complexa administración xestora…).

Repartición

As técnicas financeiras de reparto supoñen a distribución inmediata ou a corto prazo das cotizacións e ingresos xerais da Seguridade Social que, sen tempo para ser capitalizados, se converten en prestacións a percibir polos suxeitos beneficiarios. As técnicas de reparto son as que mellor se adecúan a un sistema de seguridade social, e permiten plasmar o principio de solidariedade financeira.

Na medida en que consigue corrixir as deficiencias do sistema de capitalización, tales correccións aparecen como vantaxes do sistema de reparto.

O actual sistema de financiamento da Seguridade Social, se se pensa ben, se apoia na idea da solidariedade, solidariedade que, á súa vez, opera en tres eixos diferentes:

  • solidariedade entre xeracións.
  • solidariedade dos activos respecto dos pasivos.
  • solidariedade entre os distintos territorios da Nación.

O artigo 87 da Lei Xeral da Seguridade Social sinala que o sistema financeiro da Seguridade Social é o de reparto, é dicir, que impón sacrificios aos xoves respecto dos vellos; aos sans respecto dos enfermos; aos ocupados respecto dos que se atopan en situación de desemprego; aos vivos respecto das familias dos falecidos; aos que teñen cargas familiares respecto dos que non as teñen; aos de actividades económicas en auxe e prosperidade, en fin, respecto dos sectores deprimidos.

A estes vínculos de solidariedade entre os cotizantes actuais e os receptores, en tempo presente, das prestacións, únense os non menos importantes lazos de solidariedade que se producen entre os distintos territorios da Nación.

Un determinado territorio podería ser deficitario, se só se consideraran aisladamente os cotizantes e pensionistas que viven alí nun determinado momento. Nesta ocasión, son as cotizacións procedentes dos residentes noutros territorios os que salvan a situación, conformando o que o Tribunal Constitucional viu en denominar solidariedade interterritorial.

Tamén dende o punto de vista do financiamento hai que indicar que o artigo 41 da Constitución prevé "un réxime público de Seguridade Social", o que en interpretación do Tribunal Constitucional supón "un réxime único e unitario de Seguridade Social para todos os cidadáns que garante ao tempo a igualdade de todos os españois no exercicio dos dereitos e deberes en materia de Seguridade Social".

Para que esta igualdade dos españois ante a Seguridade Social sexa real e efectiva é necesario asegurar, polo menos, o seguinte:

  • Que as cotizacións realizadas ao longo do tempo, en calquera parte do territorio nacional, sexan, chegado o momento, trascendentes para satisfacer as correspondentes prestacións, calquera que sexa o lugar onde as mesmas sexan solicitadas.
  • Que os requisitos esixidos para a inscrición das empresas, afiliación, altas, baixas, variacions e o réxime das correspondentes prestacións sexan uniformes en todo o territorio nacional.
  • Que as cotizacións teñan o mesmo importe e que sexan esixidas de igual maneira en calquera parte.
  • Que chegado o momento os beneficiarios poidan gozar das súas prestacións en calquera parte do territorio nacional.

A obtención destes obxectivos tamén implicará a consecución doutros beneficios moi importantes, que poden supoñer o cumprimento de determinacións legais e constitucionais e tamén esixidas por distintos Tratados da Unión Europea.

En efecto, a transcendencia das cotizacións realizadas en calquera territorio, permite asegurar a liberdade de residencia dos españois en calquera parte do territorio nacional e contribúe á libre circulación de traballadores no espazo da Unión Europea.

A identidade de custo da Seguridade Social con independencia do lugar onde se presten os servizos axuda a impedir o fraccionamento do mercado de traballo.

A importancia da consecución destes obxectivos non só se manifesta durante a vida laboral dos traballadores, senón que se prolonga unha vez producida a xubilación. O efecto Florida, entendendo por tal o feito de que moitos xubilados elixan durante a vellez unha residencia distinta - non sería posible sen o principio da posibilidade de exportación das prestacións esixido polas normas comunitarias na materia.

Contenido complementario
${loading}