Aviso Cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario. As cookies non se utilizan para recoller información de carácter persoal. Para máis información consulte a nosa política de cookies.

Valore esta páxina
Valore este contido

Réximes Especiais

Integración do Réxime Especial Agrario no Réxime Xeral:

Os traballadores por conta allea agrarios incluídos no REA, así como os empresarios aos que prestan os seus servizos, quedan integrados, con efectos dende o 01-01-2012, o Réxime Xeral da Seguridade Social, mediante o establecemento dun Sistema especial para estes traballadores, tendo dereito ás prestacións da Seguridade Social nos mesmos termos e condicións que no Réxime Xeral.

Integración do Réxime Especial de Empregados de Fogar no Réxime Xeral:

Con efectos do 01-01-2012, o Réxime Especial dos Empregados de Fogar queda integrado no Réxime Xeral da Seguridade Social, mediante o establecemento dun Sistema especial para estes traballadores, os que terán dereito ás prestacións da Seguridade Social nos mesmos termos e condicións que no Réxime Xeral

Requisitos xerais esixidos

Os requisitos xerais esixidos para causar dereito á prestación nos Réximes Especiais son, en cada caso, os seguintes:

  • Estar en alta ou en situación asimilada á alta no Réxime correspondente.
  • Estar ao corrente no pagamento das cotas das que sexan responsables directos os traballadores, aínda que a prestación sexa recoñecida, como consecuencia do cómputo recíproco de cotizacións, nun réxime de traballadores por conta allea.

    • Para tales efectos, será de aplicación o mecanismo de invitación ao pagamento previsto no |art. 28.2 do Decreto 2530/1970, do 20 de agosto, calquera que sexa o réxime de Seguridade Social en que o interesado estivese incorporado, no momento de acceder á prestación ou no que esta se cause.

    • Cando ao interesado se lle considere ao corrente no pagamento das cotizacións para os efectos do recoñecemento dunha prestación, en virtude dun aprazamento no pagamento das cotas debidas, pero posteriormente incumpra os prazos ou condicións do devandito aprazamento, perderá a consideración de atoparse ao corrente no pagamento e, en consecuencia, procederase á suspensión inmediata da prestación recoñecida que estivese a percibir, a cal soamente poderá ser rehabilitada unha vez que salde a débeda coa Seguridade Social na súa totalidade. A tal fin, a Entidade Xestora da prestación poderá detraer de cada mensualidade percibida polo interesado a correspondente cota debida.

Réxime Especial de Traballadores por Conta Propia ou Autónomos

A prestación recoñécese nos mesmos termos e condicións que no Réxime Xeral da Seguridade Social, coas particularidades seguintes:

Opción e formalización da cobertura:

Os traballadores comprendidos no ámbito de aplicación do Réxime Especial da Seguridade Social dos Traballadores por Conta Propia ou Autónomos deberán formalizar a cobertura da acción protectora por continxencias profesionais, incapacidade temporal, cesamento de actividade  e formación profesional cunha mutua colaboradora coa Seguridade Social, debendo optar pola mesma mutua colaboradora para toda a acción protectora indicada.

  • A cobertura da prestación económica por IT derivada de continxencias comúns terá carácter obrigatorio, sen prexuízo do indicado nos parágrafos seguintes, e deberase formalizar cunha Mutua Colaboradora coa Seguridade Social, que estará obrigada a aceptar toda proposta de adhesión que se lle formule para tal efecto.
    • Os traballadores autónomos (agás os TRADE ou os que desempeñen actividades na que a cobertura das continxencias profesionais resulte obrigatoria polo seu maior risco de sinistralidade) que teñan cuberta a prestación por IT noutro réxime do sistema da Seguridade Social no que tamén se encontren en alta poderán, en tanto se manteña a súa situación de pluriactividade, acollerse voluntariamente á cobertura da devandita prestación no RETA así como, se é o caso, renunciar a ela.
  • Para os traballadores incluídos no Sistema especial de traballadores agrarios por conta propia, a cobertura da IT será voluntaria, coas seguintes particularidades:
    • Se ao solicitar a súa inclusión neste sistema especial xa estivesen de alta no RETA, tendo cuberta obrigatoriamente a prestación por IT, poden renunciar a esta cobertura na respectiva solicitude, con efectos do día 1º do mes seguinte ao da súa presentación.
    • Cando os traballadores, que non se acollesen á cobertura por IT, queden excluídos deste sistema especial, permanecendo en alta no RETA pola mesma ou distinta actividade, a cobertura da prestación será obrigatoria dende a data de efectos da exclusión, agás que se tivese dereito a ela en virtude da actividade realizada noutro réxime da Seguridade Social.
  • A cobertura da prestación por IT, se atopen acollidos ou non os traballadores a ela, pasará a ser obrigatoria:
    • Cando finalice a situación de pluriactividade con mantemento da alta no RETA, con efectos dende o día 1º do mes en que finalice a pluriactividade.
    • Cando os traballadores pasen a ter a condición de TRADE ou a desempeñar unha actividade profesional con elevado risco de sinistralidade, con efectos dende o día 1º do mes en que se reúna tal condición ou se iniciase a referida actividade profesional.
  • A opción en favor da devandita cobertura, que haberá de formalizarse cunha Mutua, poderá realizarse no momento de causar alta neste réxime especial e os seus efectos coincidirán cos desta alta. Se non se exercita esta opción, os traballadores poderán optar por acollerse a esta protección mediante solicitude por escrito que deberá formularse antes do 1 de outubro de cada ano, con efectos dende o día 1 de xaneiro do ano seguinte.
    Os dereitos e obrigas derivados da opción en favor da cobertura da prestación por IT serán esixibles durante o período dun ano natural, que se prorrogará por períodos de igual duración.
  • A renuncia á cobertura da prestación poderá realizarse, mediante solicitude por escrito, nos seguintes supostos:
      1. Con carácter xeral, antes do 1 de outubro de cada ano, con efectos dende o día 1 de xaneiro do ano seguinte.
      2. Cando a situación de pluriactividade se produza con posterioridade á alta no RETA, dentro dos 30 días seguintes aos da alta pola nova actividade, con efectos dende o día 1º do mes seguinte ao da renuncia. Noutro caso, será de aplicación o disposto no parágrafo anterior.
      3. Cando os traballadores deixen de reunir os requisitos para ter a condición de economicamente dependentes ou de desempeñar unha actividade con alto risco de sinistralidade, permanecendo en alta no RETA, con efectos dende o primeiro día do mes seguinte a aquel en que se extinguise o respectivo contrato ou en que finalizase a referida actividade, sempre que a variación de datos correspondente se comunique dentro de prazo; noutro caso, a cobertura manterase ata o último día do mes en que produza efectos a referida variación.

A renuncia realizada nos supostos anteriores non impedirá exercer novamente a opción por esta cobertura, sempre que transcorrese, como mínimo, un ano natural dende que tivo efectos a renuncia anterior.

  • Nos supostos de cambio de Mutua colaboradora coa Seguridade Social, os efectos da opción por esta cobertura ou da renuncia a ela terán lugar dende o día 1º do mes de xaneiro do ano seguinte ao da formulación da correspondente opción ou ao de presentación da renuncia.

  • Cando na data de efectos da opción e da renuncia a que se refiren as regras anteriores, ou ben do cambio de Mutua colaboradora coa Seguridade Social a que se refire o parágrafo anterior, o traballador se encontrase en situación de IT, tales efectos demoraranse ao día primeiro do mes seguinte a aquel en que se produza a alta médica.

Continxencias profesionais:

  • A protección terá carácter obrigatorio a partir do 1 de xaneiro de 2019, agás para os traballadores incluídos no Sistema Especial para traballadores por Conta Propia Agrarios (artigo 316 apartado 1 do Texto Refundido da Lei Xeral da Seguridade Social, en redacción dada polo RD-Lei 28/2018 do 28 de decembro).
    A formalización desta cobertura levarase a cabo coa mesma Mutua colaboradora coa Seguridade Social coa que se formalizase ou se formalice a cobertura da IT.
  • A opción pola protección fronte a estas continxencias, a renuncia a ela e, se é o caso, a súa conversión en obrigatoria realizaranse na forma, prazos, condicións e cos efectos establecidos sobre a opción e renuncia da protección por IT.
  • No caso de traballadores que realicen varias actividades que dean lugar a unha única inclusión no RETA, a cobertura dos accidentes de traballo e enfermidades profesionais practicarase por aquela das súas actividades á que resulte aplicable o tipo de cotización máis alto entre os recollidos na tarifa de primas vixente.

Declaración de situación da actividade:

Ademais de acreditar os requisitos xerais esixidos, o traballador autónomo (a excepción dos incluídos no Sistema Especial para traballadores por conta propia agrarios e dos TRADE) deberá presentar ante o INSS ou a Mutua Colaboradora coa Seguridade Social coa que concertase a continxencia de IT, declaración no modelo oficial sobre a persoa que xestione directamente o establecemento mercantil, industrial ou doutra natureza do que sexan titulares ou, se é o caso, o cesamento temporal ou definitivo na actividade desenvolvida.

Prazo de presentación:

  • Dentro dos 15 días seguintes á data da baixa.
  • Mentres dure a situación de IT, o traballador estará obrigado a presentar esta declaración con periodicidade semestral, a contar dende a data en que se inicie a situación, se fose requirido para iso.

A falta de presentación da declaración, no prazo máximo indicado, producirá a suspensión no inicio do pagamento da prestación, podendo iniciarse de oficio as actuacións pertinentes para verificar a situación na que queda o establecemento do que é titular o beneficiario da prestación.

Se como consecuencia das actuacións administrativas, se deducise o carácter indebido da prestación que, no seu caso, se comezase a percibir, procederase a realizar as actuacións precisas para o reintegro desta.

O establecido nos dous parágrafos anteriores enténdese sen prexuízo de que, pola non presentación en prazo da declaración, así como, se é o caso, por ter percibido indebidamente a prestación, puidesen iniciarse os correspondentes expedientes sancionadores naqueles casos en que, atendendo ás circunstancias concorrentes, oportunamente valoradas pola Entidade xestora, así o determine esta.

Contía da prestación:

A contía obtense aplicando as porcentaxes correspondentes á base reguladora (BR).
Porcentaxes:

  • Se deriva de enfermidade común ou accidente non laboral: 
    • O 60% (por cento), que se aboará dende o día cuarto ao vixésimo da baixa, ambos inclusive.
    • O 75%, que se aboará a partir do día vixésimo primeiro.
  • Se deriva de accidente de traballo ou enfermidade profesional, aboarase o 75 % da BR dende o día seguinte ao da baixa, sempre que o interesado optase pola cobertura das continxencias profesionais.
  • Situacións especiais de IT para mulleres traballadoras:
    • Menstruación incapacitante secundaria: 
      • Do primeiro día ao vixésimo: 60% base reguladora. A partir do vixésimo primeiro: 75% base reguladora.
    • Interrupción do embarazo, voluntaria ou non e o día primeiro da semana trixésimo novena de xestación: 
      • Do segundo ao vixésimo día: 60% base reguladora. A partir do vixésimo primeiro día: 75% base reguladora.

Base reguladora:

  • Estará constituída pola base de cotización do traballador correspondente ao mes anterior ao da baixa médica, dividida entre 30. A devandita base manterase durante todo o proceso, incluídas recaídas, agás que o interesado optase por unha base de cotización inferior, en cuxo caso se terá en conta esta última.

IT DOS TRABALLADORES AUTÓNOMOS QUE POÑEN FIN Á ACTIVIDADE

Contía da prestación por cesamento de actividade:

A contía da prestación, durante todo o seu período de gozo, determinarase aplicando á BR o 70%.

A BR será o medio das bases polas que se cotizase durante os 12 meses continuados e inmediatamente anteriores á situación legal de cesamento, computando para tal efecto o mes completo no que se produza esta situación.

A contía máxima da prestación por cesamento de actividade será do 175% do IPREM, agás cando o traballador autónomo teña un ou máis fillos ao seu cargo; en tal caso, a contía será, respectivamente, do 200% ou do 225% do devandito indicador.

A contía mínima da prestación por cesamento de actividade será do 107% ou do 80% IPREM, segundo o traballador autónomo teña ou non fillos ao seu cargo.

Para os efectos de calcular as contías máxima e mínima, entenderase que se teñen fillos a cargo, cando estes sexan menores de 26 anos, ou maiores cunha discapacidade en grao igual ou superior ao 33%, carezan de rendas de calquera natureza iguais ou superiores ao SMI excluída a parte proporcional das pagas extraordinarias, e convivan co beneficiario.

Para os efectos da contía máxima e mínima da prestación por cesamento de actividade, terase en conta o IPREM mensual, incrementado nunha sexta parte, vixente no momento do nacemento do dereito.

Aos colectivos con base de cotización á Seguridade Social inferior á base mínima ordinaria de cotización para os traballadores por conta propia ou autónomos non lles será de aplicación a contía mínima da prestación por cesamento de actividade.

Cesamento da actividade estando o traballador en situación de IT:

Cando o feito causante da protección por cesamento na actividade se produza estando o traballador en situación de IT, continuará percibindo a prestación por IT, na mesma contía que a prestación por cesamento de actividade, ata que esta se extinga, en cuxo momento pasará a percibir, sempre que reúna os requisitos legalmente establecidos, a prestación económica por cesamento de actividade que lle corresponda. En tal caso, descontarase do período de percepción da prestación por cesamento de actividade, como xa consumido, o tempo que permanecese na situación de IT a partir da data da situación legal de cesamento de actividade.

O traballador autónomo terá a obriga de comunicar e acreditar a situación de cesamento de actividade ao órgano xestor que aboa a prestación de IT dentro dos 15 días seguintes ao que se produce o cesamento de actividade.

A solicitude da protección por cesamento de actividade deberá facerse unha vez extinguida a IT, acreditando a situación legal de cesamento de actividade ante a entidade ou órgano xestor co que se teña cuberta as continxencias de accidentes de traballo e enfermidades profesionais (Mutuas Colaboradoras coa Seguridade Social, ISM ou o SPEE se ten cuberta a devandita protección co INSS) nos 15 días hábiles seguintes ao día de extinción da IT.  

Efectos da nova contía da IT:

O traballador autónomo que inicia unha IT estando de alta no Réxime Especial de Traballadores por Conta Propia ou Autónomos (RETA), se con posterioridade causa baixa neste réxime por cesamento de actividade, e ten cubertas as continxencias profesionais co INSS, continuará percibindo a prestación de IT en pagamento directo, pero o importe que percibirá neste caso será do 70% da base reguladora da prestación por cesamento de actividade (media das 12 bases anteriores ao cesamento de actividade incluíndo o mes de cesamento), que se manterá durante toda a prestación e que se aboará a partir do primeiro día do mes inmediatamente seguinte a aquel en que se produciu o feito causante do cesamento de actividade -cesamento no RETA- (dende 01/01/2015 ao 29/07/2015 os efectos fixáranse a partir do segundo mes posterior a aquel en que se produciu o feito causante - Disposición final segunda da Lei 35/2014, do 26 de decembro.

Disposición final sexta da Lei 25/2015, do 28 de xullo.

IT causada durante a prestación económica por cesamento na actividade:

O período de percepción da prestación por cesamento de actividade non se ampliará como consecuencia de que o traballador autónomo pase á situación de IT. Durante esta situación, o órgano xestor da prestación farase cargo das cotizacións á Seguridade Social nos termos previstos no artigo 4, apartado primeiro, letra b), ata o acollemento do período de duración da prestación ao que o traballador autónomo tivese dereito.

  • Nos casos en que a IT constitúa recaída dun proceso anterior iniciado con anterioridade á situación legal de cesamento na actividade, percibirá a prestación por IT en contía igual á prestación por cesamento na actividade. Neste caso, e no suposto de que o traballador autónomo continuase en situación de IT unha vez finalizado o período de duración establecido inicialmente para a prestación por cesamento na actividade, seguirá a percibir a prestación por IT na mesma contía na que a viña percibindo.
  • Cando a situación de IT non constitúa recaída dun proceso anterior iniciado con anterioridade á situación legal de cesamento na actividade, percibirá a prestación por IT en contía igual á prestación por cesamento na actividade. Neste caso, e no suposto de que o traballador autónomo continuase en situación de IT unha vez finalizado o período de duración establecido inicialmente para a prestación por cesamento na actividade, seguirá percibindo a prestación por IT en contía igual ao 80% do IPREM mensual.
    Esta garantía de contía mínima non será de aplicación aos colectivos con base de cotización á Seguridade Social inferior á base mínima ordinaria de cotización establecida para os traballadores por conta propia ou autónomos.

O disposto nos parágrafos anteriores será aplicable aos traballadores incluídos no Sistema especial para traballadores por conta propia agrarios, que reúnan os requisitos esixidos no art. 330 do Texto Refundido da Lei Xeral da Seguridade Social, coas especialidades previstas na disposición adicional quinta do RD 1541/2011, do 31 de outubro, en cuxo apartado 5 se establece que estes traballadores iniciarán a cotización a partir do 01-01-2012.

Máis información relativa a este Réxime:

Réxime Especial da Minería do Carbón

A prestación recoñécese nos mesmos termos e condicións que no Réxime Xeral da Seguridade Social, coa seguinte particularidade:

  • Base reguladora:

Cando a incapacidade derive de continxencias comúns, é a base normalizada que corresponda ao traballador, en cada momento, segundo a categoría profesional que tivese ao iniciarse esta situación.

Réxime Especial dos Traballadores do Mar

Todos os traballadores, incluídos no Réxime Especial do Mar teñen cuberta a incapacidade temporal, tanto se deriva de continxencias comúns como profesionais.

A prestación recoñécese nos mesmos termos e condicións que no Réxime Xeral da Seguridade Social coas particularidades seguintes:

Para os traballadores pertencentes aos grupos II e III o pagamento do Subsidio realizarase directamente a través das Direccións Provinciais ou Locais do Instituto Social da Mariña ou Mutua correspondente, sen que exista pagamento delegado por parte das empresas aínda que si responsabilidade en canto ao pagamento durante os días 4º ao 15º da baixa no traballo.

No caso dos traballadores por conta propia:

  • Será requisito indispensable para o acceso ao subsidio atoparse ao corrente no pagamento das cotas no momento da baixa médica, así como a presentación dunha declaración sobre a persoa que xestione a actividade ou, se é o caso, o cesamento temporal ou definitivo desta.
  • Os traballadores do Grupo III de cotización estarán obrigados a concertar coa Entidade Xestora (ISM) a protección das continxencias comúns.

Máis información relativa a este Réxime:

Persoas incluídas no campo de aplicación deste Réxime, afiliación, altas e baixas e cotización

Tramitación : Direccións Provinciais e Locais do ISM.

Complementary Content
${loading}