Xubilación anticipada derivada do cesamento non voluntario no traballo
A partir do 17-03-2013, establécese esta nova modalidade de xubilación anticipada que será aplicable aos feitos causantes producidos a partir da devandita data, agás nos casos en que resulte de aplicación o establecido na disposición final 12.2 da Lei 27/2011, do 1 de agosto.
Beneficiarios / requisitos
Poderán acceder a esta modalidade de xubilación anticipada os traballadores que reúnan os seguintes requisitos:
- Ter unha idade que sexa inferior en catro anos, como máximo, á idade esixida que en cada caso resulte de aplicación, sen que a estes efectos resulten de aplicación as bonificacións de idade, das que poidan beneficiarse os traballadores dalgúns sectores profesionais pola realización de actividades penosas, tóxicas, perigosas ou insalubres e as persoas con discapacidade igual ou superior ao 45 % ou ao 65 %.
- Encontrarse en situación de alta ou asimilada á de alta.
- Encontrarse inscritos nas oficinas de emprego como demandantes de emprego durante un prazo de, polo menos, seis meses inmediatamente anteriores á data da solicitude da xubilación.
-
Acreditar un período mínimo de cotización efectiva de:
- 33 anos, sen que, para tales efectos, se teña en conta a parte proporcional por pagas extraordinarias. Para estes exclusivos efectos, só se computará o período de prestación do servizo militar obrigatorio ou da prestación social substitutoria, ou do servizo social feminino obrigatorio, co límite máximo de un ano.
- Do período de cotización, polo menos 2 anos deberán estar comprendidos dentro dos 15 anos inmediatamente anteriores ao momento de causar o dereito ou á data en que cesou a obriga de cotizar, se se accede á pensión de xubilación anticipada desde unha situación de alta ou asimilada, sen obriga de cotizar.
- No caso de traballadores incluídos no Sistema especial para traballadores por conta allea agrarios, para os efectos de acreditar o período mínimo de cotización efectiva (33 anos), será necesario que, nos últimos 10 anos cotizados, polo menos 6 correspondan a períodos de actividade efectiva neste sistema especial. Para estes efectos, computaranse tamén os períodos de percepción de prestacións por desemprego de nivel contributivo neste sistema especial.
- No caso de traballadores contratados a tempo parcial e no de fixos-discontinuos, para acreditar o período mínimo de cotización de 33 anos, aplicaranse as regras establecidas no artigo 247 do texto refundido da Lei Xeral da Seguridade Social, aprobado polo Real decreto lexislativo 8/2015, do 30 de outubro. En consecuencia, respecto aos traballadores a tempo parcial, teranse en conta os distintos períodos durante os cales o traballador permanecese en alta cun contrato a tempo parcial, calquera que sexa a duración da xornada realizada en cada un deles. E respecto aos fixos-descontinuos, computarase todo o período durante o cal o traballador estivese en situación de alta cun contrato fixo-descontinuo e multiplicarase por un coeficiente de 1,5, sen que o número total de días computables anualmente polo traballador poida superar o número de días naturais de cada ano.
-
Que o cesamento no traballo se producise como consecuencia dalgunha das causas seguintes:
- O despedimento colectivo por causas económicas, técnicas, organizativas ou de produción, conforme ao artigo 51 do Estatuto dos Traballadores (ET).
- O despedimento obxectivo por causas por causas obxectivas, conforme ao artigo 52 do ET.
- A extinción do contrato por resolución xudicial, nos supostos recollidos no texto refundido da Lei Concursal aprobado polo Real Decreto Lexislativo 1/2020, do 5 de maio.
- A morte, xubilación ou incapacidade do empresario individual, sen prexuízo do disposto no artigo 44 do ET, ou a extinción da personalidade xurídica do contratante.
- A extinción do contrato de traballo motivada pola existencia de forza maior constatada pola autoridade laboral conforme ao establecido no artigo 51.7 do ET.
- A extinción do contrato por vontade do traballador polas causas previstas nos artigos 40.1 (mobilidade xeográfica), 41.3 (modificación substancial de condicións de traballo) e 50 (incumprimentos do empresario) do ET.
- A extinción do contrato por vontade da traballadora por ser vítima da violencia de xénero ou violencia sexual prevista no artigo 49.1.m) do ET.
Nos supostos contemplados nas letras a, b e f , será necesario, ademais, que o traballador acredite, percibir a indemnización correspondente derivada da extinción do contrato de traballo ou interpoñer demanda xudicial en reclamación da devandita indemnización ou de impugnación da decisión extintiva.
O percibo da indemnización acreditarase mediante documento da transferencia bancaria recibida ou documentación acreditativa equivalente.
Contía
A contía da pensión que resulte de aplicar á base reguladora a porcentaxe xeral que corresponda en función dos meses cotizados será obxecto de redución mediante a aplicación, por cada mes ou fracción de mes que, no momento do feito causante, lle falte ao traballador para cumprir a idade legal de xubilación que en cada caso resulte da aplicación, dos coeficientes que resultan do cadro de coeficientes redutores en función do período de cotización acreditado e os meses de anticipación.
Para os exclusivos efectos de determinar a dita idade legal de xubilación, considerarase como tal a que lle correspondese ao traballador de seguir cotizando durante o prazo comprendido entre a data do feito causante e o cumprimento da idade legal de xubilación que en cada caso resulte de aplicación.
Para o cómputo dos períodos de cotización tomaranse períodos completos, sen que se equipare a un período a fracción deste.
Límite da contía:
Unha vez aplicados os referidos coeficientes redutores, o importe resultante da pensión non poderá ser superior á contía que resulte de reducir o tope máximo de pensión nun 0,50 por 100 por cada trimestre ou fracción de trimestre de anticipación.
O coeficiente do 0,50 por 100 a que se refire o apartado anterior non será de aplicación nos seguintes supostos:
-
Cando se trate de xubilacións causadas ao abeiro do establecido na norma 2ª do apartado 1 da disposición transitoria cuarta da Lei Xeral da Seguridade Social (mutualistas a 1 de xaneiro de 1967).
-
Nos casos de xubilacións anticipadas por razón da actividade ou no caso de discapacidade, en relación cos grupos ou actividades profesionais cuxos traballos sexan de natureza excepcionalmente penosa, tóxica, perigosa ou insalubre, ou se refiran a persoas con discapacidade.
COMPLEMENTO DE PENSIÓNS CAUSADAS ENTRE 01-01-2002 E 31-12-2021
Os beneficiarios de pensión de xubilación anticipada non voluntaria causada entre o 01-01-2002 e o 31-12-2021 teñen dereito, con efectos de 01-03-2022, a un complemento cuxa contía equivale á diferenza entre o importe da pensión inicialmente recoñecida e a cantidade resultante de aplicar á pensión inicial os coeficientes redutores vixentes a partir de 01-01-2022. Para iso é necesario que concorran os seguintes requisitos:
- Acreditar polo menos 44 anos e 6 meses de cotización, ou ben 40 anos de cotización se a contía da pensión é inferior a 900 euros a 01-01-2022.
- Que a contía da pensión inicial fose superior se se aplicasen os coeficientes redutores vixentes a 01-01-2022.
O complemento, que formará parte da pensión para todos os efectos e se aboará en 14 pagas, recoñecerase de oficio durante o primeiro trimestre de 2022.