Beneficiarios / requisitos
Poderán acceder a esta modalidade de xubilación anticipada os traballadores que reúnan os seguintes requisitos:
- Ter unha idade que sexa inferior en catro anos, como máximo, á idade esixida que en cada caso resulte de aplicación, sen que para estes efectos resulten de aplicación as bonificacións de idade, das que poidan beneficiarse os traballadores dalgúns sectores profesionais pola realización de actividades penosas, tóxicas, perigosas ou insalubres e as persoas con discapacidade igual ou superior ao 45% ou ao 65%.
- Encontrarse en situación de alta ou asimilada á de alta.
- Encontrarse inscritos nas oficinas de emprego como demandantes de emprego durante un prazo de, polo menos, seis meses inmediatamente anteriores á data da solicitude da xubilación.
- Acreditar un período mínimo de cotización efectiva de:
- 33 anos, sen que, para tales efectos, se teña en conta a parte proporcional por pagas extraordinarias nin o aboamento de anos e días de cotización por cotizacións anteriores ao 01-01-1967. Para estes exclusivos efectos, só se computará o período de prestación do servizo militar obrigatorio ou da prestación social substitutiva ou do servizo social feminino obrigatorio co límite máximo dun ano.
- Do período de cotización, polo menos 2 anos deberán estar comprendidos dentro dos 15 inmediatamente anteriores ao momento de causar o dereito ou ao momento en que cesou a obriga de cotizar, se se accede á pensión de xubilación anticipada dende unha situación de alta ou asimilada á alta sen obriga de cotizar.
- No caso de traballadores incluídos no Sistema especial para traballadores por conta allea agrarios, para os efectos de acreditar o período mínimo de cotización efectiva (33 anos), será necesario que nos últimos 10 anos cotizados, polo menos 6 correspondan a períodos de actividade efectiva neste sistema especial. Para estes efectos computaranse tamén os períodos de percepción de prestacións por desemprego de nivel contributivo neste sistema especial.
- No caso de traballadores contratados a tempo parcial, para acreditar o período mínimo de cotización de 33 anos, aplicaranse as regras establecidas en artigo 247 do texto refundido da Lei Xeral da Seguridade Social, aprobado polo Real Decreto Lexislativo 8/2015, do 30 de outubro.
-
Que o cesamento no traballo se producise como consecuencia dalgunha das causas seguintes:
- O despedimento colectivo por causas económicas, técnicas, organizativas ou de produción, conforme o artigo 51 do Estatuto dos Traballadores (ET).
- O despedimento obxectivo por causas por causas obxectivas, conforme ao artigo 52 do ET.
- A extinción do contrato por resolución xudicial, nos supostos recollidos no texto refundido da Lei Concursal aprobado polo Real Decreto Lexislativo 1/2020, do 5 de maio.
- A morte, xubilación ou incapacidade do empresario individual, sen prexuízo do disposto no artigo 44 do ET, ou a extinción da personalidade xurídica do contratante.
- A extinción do contrato de traballo motivada pola existencia de forza maior constatada pola autoridade laboral conforme o establecido no artigo 51.7 do ET.
- A extinción do contrato por vontade do traballador polas causas previstas nos artigos 40.1 (mobilidade xeográfica), 41.3 (modificación substancial de condicións de traballo) e 50 (incumprimentos do empresario) do ET.
- A extinción do contrato por vontade da traballadora por ser vítima da violencia de xénero prevista no artigo 49.1.m) do ET.
Nos supostos considerados nas letras a, b e f será necesario, ademais, que o traballador acredite ter percibido a indemnización correspondente derivada da extinción do contrato de traballo ou ter interposto demanda xudicial en reclamación da devandita indemnización ou de impugnación da decisión extintiva.
A percepción da indemnización acreditarase mediante documento da transferencia bancaria recibida ou documentación acreditativa equivalente.