Aviso Cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario. As cookies non se utilizan para recoller información de carácter persoal. Para máis información consulte a nosa política de cookies.

Valore esta página
Valore este contenido

Réxime Xeral

Situación protexida

Considérase situación protexida aquela en que se atope a traballadora embarazada durante o período de suspensión do contrato de traballo nos supostos en que, debendo esta cambiar de posto de traballo por outro compatible co seu estado, nos termos previstos no artigo 26.2 e 3 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, este cambio de posto non resulte técnica ou obxectivamente posible ou non poida, razoablemente, esixirse por motivos xustificados.

Cando as circunstancias a que se refire o mencionado artigo 26 afectasen a unha funcionaria integrada no Réxime Xeral e incluída no ámbito de aplicación do EBEP , considerarase situación protexida o permiso por risco durante o embarazo, para os efectos da prestación económica da Seguridade Social.

Non se considerará situación protexida a derivada de riscos ou patoloxías que poidan influír negativamente na saúde da traballadora ou do feto, cando non estea relacionada con axentes, procedementos ou condicións do posto de traballo desempeñado.

Beneficiarias / Requisitos

As traballadoras por conta allea e socias traballadoras de sociedades cooperativas ou laborais, en situación de suspensión de contrato ou permiso por risco durante o embarazo, sempre que reúnan os seguintes requisitos:

  • Estar afiliadas e en alta nalgún dos réximes do sistema da Seguridade Social na data en que se inicie a suspensión. 
    • Consideraranse de pleno dereito afiliadas e en alta, aínda que o empresario incumprise as súas obrigas.
    • Para as profesionais taurinas, a inclusión no censo de activos equivale á situación de alta.
    • Considérase situación de alta especial a folga legal ou peche patronal.
  • No caso dos representantes de comercio esíxese, ademais, estar ao corrente do pagamento de cotas na data en que sobreveña a continxencia. Se non están ao corrente, advertirase da necesidade de que se poñan ao día, e queda condicionado o pagamento da prestación ao cumprimento da devandita obriga.
  • No caso das artistas e profesionais taurinas, que resulten debedoras de cotas en virtude das regularizacións que se efectúen ao finalizar o exercicio económico, será de aplicación o indicado no parágrafo anterior.
  • Nas situacións de pluriactividade:

    • Cando a situación de risco afecte a todas as actividades desempeñadas, terá dereito ao subsidio en cada un dos réximes se reúne os requisitos esixidos de maneira independente en cada un deles.
    • Cando a situación de risco afecte a unha ou algunha das actividades realizadas pola traballadora, pero non en todas, unicamente terá dereito ao subsidio no réxime no que estean incluídas as actividades en que exista este risco.
    • A percepción do subsidio será compatible co mantemento daquelas actividades que a traballadora xa viñera desempeñando con anterioridade ou puidera comezar a desempeñar e que non impliquen risco durante o embarazo.

Non se esixe un período mínimo de cotización ao derivarse de continxencias profesionais dende o 24-03-2007.

Prestación económica / Contía

A prestación económica consiste nun subsidio equivalente ao 100% da base reguladora correspondente:

  • A base reguladora será a equivalente á que estea establecida para a prestación de incapacidade temporal (IT) derivada de continxencias profesionais, tomando como referencia a data en que se inicie a suspensión do contrato.
  • Cando o réxime de que se trate non considere a cobertura das continxencias profesionais, a base reguladora será a equivalente á establecida para a prestación por incapacidade temporal derivada de continxencias comúns.

Nas situacións de pluriemprego:

  • Cando a suspensión do contrato de traballo por risco durante o embarazo se declare en todas as actividades que realice simultaneamente a traballadora, para a base reguladora, computaranse todas as bases de cotización nas distintas empresas, sendo de aplicación o tope máximo establecido para os efectos de cotización.
  • Se a suspensión do contrato de traballo por risco durante o embarazo se declarase nunha ou nalgunhas das actividades realizadas pola traballadora, pero non en todas, no cálculo da base reguladora só se tomarán as bases de cotización correspondentes ás empresas nas que se produce a suspensión do contrato de traballo, aplicando, para estes efectos, o límite que corresponda á fracción ou fraccións do tope máximo que aquelas teñan asignado. 

Traballadoras contratadas a tempo parcial:

  • A base reguladora diaria do subsidio será o resultado de dividir a suma das bases de cotización acreditadas na empresa durante os tres meses inmediatamente anteriores á data de inicio da suspensión laboral, entre o número de días naturais comprendidos no devandito período.
  • De ser menor a antigüidade da traballadora na empresa, a base reguladora da prestación será o resultado de dividir a suma das bases de cotización acreditadas entre o número de días naturais a que estas correspondan.

No caso de contratos para a formación e aprendizaxe/persoal investigador en formación:

  • A BR será a base mínima de cotización do Réxime Xeral, se se trata de traballador con contrato para a formación e a aprendizaxe.
  • A BR será a base mínima correspondente ao grupo 1 de cotización ao Réxime Xeral, se se trata de persoal investigador en formación.

Artistas e de profesionais taurinos:

  • A base reguladora será a media diaria que resulte de dividir por 365 a suma das bases de cotización dos doce meses anteriores ao feito causante, ou a media diaria do período de cotización que se acredite, se este é inferior a un ano.

En ningún caso a media diaria que resulte poderá ser inferior, en cómputo mensual, á base mínima de cotización que en cada momento corresponda á categoría profesional da traballadora.

Nacemento do dereito e duración

  • O dereito ao subsidio nace o mesmo día no que se inicia a suspensión do contrato de traballo ou o permiso por risco durante o embarazo.
  • Aboarase durante o período de suspensión ou permiso que sexa necesario para a protección da seguridade ou da saúde da traballadora embarazada e/ou do feto, e finalizará o día en que se inicie a suspensión do contrato por maternidade biolóxica ou o lactante faga nove meses, respectivamente, ou en ambos os dous casos, cando desapareza a imposibilidade da traballadora de reincorporarse ao seu posto anterior ou a outro compatible co seu estado.
  • No caso de traballadoras contratadas a tempo parcial, aboarase durante todos os días naturais en que se manteña a suspensión do contrato de traballo por risco durante o embarazo, coa excepción aludida no parágrafo anterior.

Denegación, anulación, suspensión

O dereito ao subsidio pode ser denegado, anulado ou suspendido cando a beneficiaria:

  • Actúe fraudulentamente para obter ou conservar o subsidio.
  • Realice calquera traballo ou actividade, xa sexa por conta allea ou propia, agás o previsto nos supostos de pluriactividade.

O dereito ao subsidio suspenderase durante os períodos entre tempadas para as traballadoras fixas descontinuas, en tanto non se produza o novo chamamento.

Extinción

O dereito ao subsidio extínguese por:

  • Suspensión do contrato de traballo por maternidade.
  • Reincorporación da muller traballadora ao seu posto de traballo anterior ou a outro compatible co seu estado.
  • Extinción do contrato de traballo en virtude das causas legalmente establecidas.
  • Interrupción do embarazo.
  • Falecemento da beneficiaria. 

A traballadora e a empresa estarán obrigadas a comunicar á Entidade xestora ou colaboradora calquera circunstancia que implique a suspensión ou extinción do dereito ao subsidio.

Incapacidade temporal e risco durante o embarazo

  • Cando a traballadora se atope en situación de incapacidade temporal (IT) e, durante esta solicite a prestación de risco durante o embarazo, non procederá o recoñecemento, se é o caso, do subsidio ata que se extinga a situación de IT por calquera das causas establecidas de xeito legal ou regulamentario.
  • Cando a traballadora se atope en situación de risco durante o embarazo e durante esta solicite a prestación por IT, non procederá o recoñecemento desta ata a finalización da situación de risco durante o embarazo, se reúne nese momento os requisitos necesarios para acceder á IT.
  • Cando a traballadora se encontre en situación de risco durante o embarazo e durante esa se extinga o seu contrato, por algunha das causas previstas no artigo 267 do Texto Refundido da LGSS , a prestación por risco durante o embarazo extinguirase, pasando entón á situación legal de desemprego e a percibir, se reúne os requisitos necesarios, a correspondente prestación.

Xestión / Pagamento

  • A xestión e o pagamento da prestación económica corresponde á Entidade xestora ou á Mutua Colaboradora coa Seguridade Social coa que a empresa teña concertada a cobertura dos riscos profesionais no momento da suspensión do contrato, con independencia de que durante a mencionada situación se produza un cambio da entidade.
  • O pagamento do subsidio realizarase pola Entidade xestora ou colaboradora por períodos mensuais vencidos.
  • No momento de facer efectivo o subsidio, deducirase do importe deste:
    • A contía a que ascende a suma das achegas do traballador relativas ás cotizacións á Seguridade Social, desemprego e formación profesional que procedan, no seu caso, para o seu ingreso na TGSS. O empresario virá obrigado a ingresar unicamente as achegas ao seu cargo correspondentes á cotización á Seguridade Social e polos demais conceptos de recadación conxunta que, no seu caso, procedan.

    • A retención por IRPF.

  • A Entidade xestora competente poderá declarar a responsabilidade empresarial en orde ás prestacións, así como a entidade que, no seu caso, deba anticipalas.

Recoñecemento do dereito

O recoñecemento do dereito ao subsidio corresponde á Entidade xestora ou á Mutua Colaboradora coa Seguridade Social coa que teña concertada a empresa a cobertura das continxencias profesionais.

Iniciación do procedemento:
  • O procedemento iníciase a instancia da traballadora, mediante un informe que deberá solicitar ao facultativo do Servizo Público de Saúde, no que se acredite a situación de embarazo e a data probable do parto.

  • Co citado informe e un certificado da empresa sobre a actividade desenvolvida e as condicións do posto de traballo, a traballadora solicitará a emisión da certificación médica sobre a existencia de risco durante o embarazo ante a Entidade xestora ou colaboradora que corresponda.

Se a Entidade xestora ou colaboradora considera que non se produce a situación de risco durante o embarazo, denegará a expedición da certificación médica solicitada, comunicando á traballadora que non cabe iniciar o procedemento dirixido á obtención da correspondente prestación.

  • Unha vez certificado o risco, se non foi posible o cambio do posto de traballo, a empresa declarará a traballadora afectada en situación de suspensión do contrato por risco durante o embarazo.

Solicitude da prestación:
  • Para o recoñecemento do subsidio, a traballadora deberá presentar solicitude dirixida á Dirección provincial competente da Entidade xestora da provincia en que aquela teña o seu domicilio ou ante Mutua Colaboradora coa Seguridade Social que  lle corresponda.

  • A solicitude formularase nos modelos normalizados e deberá conter os datos e circunstancias que establece o |art.  70 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común, acompañada dos documentos necesarios.

Resolución e notificación:

O Director provincial da Entidade xestora competente ditará resolución expresa e notificaralla á interesada no prazo de 30 días, contados dende a recepción da solicitude da interesada.

As notificacións e comunicacións dirixidas ás persoas solicitantes ou perceptoras da prestación de risco durante o embarazo, incluídas as resolucións da prestación, non se remiten en papel senón que se envían exclusivamente por medios electrónicos.

Pode accederse a elas no servizo da sede electrónica Notificacións telemáticas. Neste vídeo ten información sobre o funcionamento deste servizo: https://youtu.be/KCuTpYlv0yE

Cando non se recoñeza inicialmente o dereito á prestación económica, por non concorrer a situación protexida, indicarase á interesada, se procede, a data a partir da cal poderá recoñecerse a prestación, tendo en conta a certificación médica sobre a existencia de risco e a evolución no estado de xestación, en relación co risco específico derivado do posto de traballo. En consecuencia, nestes casos, non será necesaria unha nova solicitude senón, tan só, a achega da documentación esixida.

Cando se produzan contradicións nas declaracións e certificacións presentadas coa solicitude, ou concorran indicios de posible convivencia para obter a prestación, poderase solicitar informe á Inspección de Traballo e Seguridade Social, a fin de que esta manifeste a súa conformidade ou discrepancia en relación coas medidas adoptadas pola empresa, que poidan determinar o dereito ao subsidio. A petición do informe deberá ir acompañada da documentación presentada.

O informe deberá emitirse no prazo máximo de 15 días, transcorrido o cal, poderase ditar resolución, sen ter en conta este, para os efectos do recoñecemento ou denegación da prestación económica. Excepcionalmente, nestes casos, o prazo de 30 días quedará suspendido ata a recepción do informe na Entidade xestora. 

Prescrición

O dereito ao recoñecemento da prestación prescribe aos 5 anos, contados dende o día seguinte a aquel en que se produce o feito causante, sen prexuízo de que os efectos deste recoñecemento se produzan a partir dos 3 meses anteriores á data na que se presente a correspondente solicitude.

Certificación médica sobre a existencia de risco

Nas |DDPP do INSS nas que non se dispoña de servizos médicos propios, a certificación médica sobre a existencia de risco será expedida pola Inspección de Servizos Sanitarios do Servizo Público de Saúde ou órgano equivalente das Comunidades Autónomas que asumisen as transferencias en materia de asistencia sanitaria.

No ámbito de aplicación do Réxime Especial da Seguridade Social dos Traballadores do Mar, nas DDPP nas que o ISM non dispoña de servizos médicos propios, a referida certificación médica será expedida polos servizos médicos do INSS ou, no seu caso, pola Inspección dos Servizos Sanitarios do Servizo Público de Saúde ou órgano equivalente das Comunidades Autónomas.

A expedición desta certificación, se procede o recoñecemento da situación de risco durante o embarazo ou a lactación natural, será de tramitación preferente e constará de orixinal e dúas copias:

  • Entregaráselle á traballadora o orixinal e unha copia con destino á empresa ou, de ser o caso, ao responsable do fogar familiar.
  • A outra copia quedará en poder do servizo médico.

A Entidade xestora ou colaboradora, responsable da xestión e o pagamento do subsidio por risco durante o embarazo ou a lactación natural, poderá solicitar a achega da avaliación inicial do risco do posto de traballo ocupado pola traballadora, así como a relación de postos de traballo exentos de risco.

Documentos que deben acompañar a solicitude

EXHIBICIÓN DOS SEGUINTES DOCUMENTOS ORIXINAIS E EN VIGOR

1. Acreditación de identidade da interesada mediante a seguinte documentación en vigor:

  • Españolas: Documento Nacional de Identidade (DNI ). 
  • Estranxeiras:
    • Número de Identificación de estranxeiros (NIE) e pasaporte ou documento/carta do seu país (UE  , EEE e Suíza).
    • Tarxeta de identidade de estranxeiros (TIE), resto de países.

PRESENTACIÓN DOS SEGUINTES DOCUMENTOS, ORIXINAIS E EN VIGOR, E FOTOCOPIAS COMPULSADAS OU COPIAS PARA PROCEDER Á SÚA COMPULSA

2.  Documentación relativa á cotización:

  • Traballadora por conta allea do Réxime Xeral: certificado de empresa debidamente cuberto.
  • Traballadoras por conta allea agrarias: certificado de empresa, cuberto conforme o TC 2/8 do mes anterior ao inicio da suspensión do contrato de traballo e xustificantes de pagamento dos tres últimos meses (TC 1/9).
  • Para as artistas e profesionais taurinas: declaración de actividades (TC 4/6) e xustificantes de actuacións (TC 4/5), que non se presentasen na Dirección provincial ou Administración da Tesourería Xeral da Seguridade Social.
  • Traballadora por conta propia: Xustificantes do pagamento de cotas dos tres últimos meses.
  • Representantes de Comercio: Xustificantes do pagamento de cotas dos tres últimos meses (TC 1/3).

DOCUMENTACIÓN QUE ACREDITE O RISCO

3. Informe médico do facultativo do Servizo Público de Saúde que a asiste.(1)

4. Certificación médica expedida polos Servizos Médicos da Entidade Xestora, en función da Entidade coa que a empresa, ou as traballadoras por conta propia, teñan concertada a cobertura dos riscos profesionais, na que quede acreditado, no caso de "risco durante o embarazo", que as condicións do posto de traballo inflúen negativamente na saúde da traballadora ou do feto e, no caso de "risco durante a lactación natural", que as condicións de traballo inflúen negativamente na saúde da muller ou do fillo.

5. Declaracións da empresa ou da traballadora por conta propia. (2)

  • Traballos e actividades realizadas pola traballadora, condicións do posto de traballo, categoría e risco específico.
  • Inexistencia doutro posto compatible co seu estado.

OUTRA DOCUMENTACIÓN

6. Declaración de situación de actividade, só para as traballadoras do Réxime Especial de Traballadores Autónomos.

7. Libro de familia, para a prestación de "risco durante a lactación natural".

 

(1) Non será necesaria a súa presentación cando achegue a certificación médica, que acredite o risco, e esta fose expedida polo Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS)

(2) No caso de socias de sociedades cooperativas ou laborais, a declaración será emitida polo xerente ou o administrador da sociedade.

No caso de traballadoras integradas no Sistema especial para empregados de fogar, a declaración emitiraa o responsable do fogar familiar.

Esta documentación pode presentarse en calquera dos Centros de Atención e Información da Seguridade Social. Tamén pode ser tramitada a través da Sede Electrónica, sempre que dispoña dun certificado dixital e a xestión corresponda ao INSS.

Complementary Content
${loading}