O parte médico de baixa de incapacidade temporal, calquera que sexa a continxencia determinante, expedirase inmediatamente despois do recoñecemento médico do traballador, polo facultativo que o realice, utilizando o modelo que figura como anexo I da Orde ESS/1187/2015, do 15 de xuño
Proceso de duración considerada moi curta: inferior a cinco días naturais.
Cando o facultativo do servizo público de saúde ou da mutua considere que se trata dun proceso de duración considerada moi curta, emitirá o parte de baixa e de alta no mesmo acto médico. Para iso utilizará un único parte, facendo constar:
- os datos relativos á baixa,
- os identificativos da alta e a data desta, que poderá coincidir co día da baixa ou estar comprendida dentro dos tres días naturais seguintes.
Modificación da duración do proceso: Parte de confirmación.
Non obstante, o traballador poderá solicitar que se lle realice un recoñecemento médico o día que se fixase como data de alta, e o facultativo, se considerase que o traballador non recuperou a súa capacidade laboral, poderá modificar a duración do proceso estimada inicialmente, expedindo, para o efecto, un parte de confirmación da baixa. Neste primeiro parte de confirmación, que deixará sen efecto a alta prevista no parte de baixa, indicarase o diagnóstico, a nova duración estimada e o tipo de proceso, así como a data da seguinte revisión médica.
Outros procesos de IT
Cando o facultativo do servizo público de saúde ou da mutua considere que se trata dun proceso de duración considerada curta, media ou longa, consignará no parte de baixa a data da seguinte revisión médica prevista que, en ningún caso, excederá:
- en máis de sete días naturais á data da baixa médica, tratándose de procesos de duración considerada curta ou media,
- de catorce días naturais tratándose de procesos de duración estimada longa.
Na data da primeira revisión médica estenderase o parte de alta ou, en caso de que proceda manter a baixa, o primeiro parte de confirmación.
Competencia para a emisión dos partes médicos de baixa:
- Servizo público de saúde, de procesos de IT derivados de:
continxencias comúns dos traballadores da Seguridade Social
continxencias profesionais dos traballadores de empresas que teñen protexidas estas continxencias co INSS
- Servizo médico da mutua colaboradora coa Seguridade Social de procesos de IT derivados de continxencias profesionais de:
traballadores de empresas asociadas cunha mutua
traballadores por conta propia adheridos a unha mutua para a protección das devanditas continxencias.
- Facultativo da empresa colaboradora voluntaria na xestión de continxencias profesionais: procesos de IT derivados de continxencias profesionais dos traballadores desas empresas.
- Inspector médico do INSS/ISM: baixas médicas de recaídas dun proceso de menos de 365 días que finalizou por alta médica emitida polo médico do INSS
- O INSS, a través do EVI/CEI:
baixas médicas tras a alta médica sen declaración de Incapacidade Permanente formalizadas antes dos 365 días de IT
baixas médicas tras a alta médica sen declaración de Incapacidade Permanente formalizadas entre os 366 ata os 545 días de IT
Información que comprende o parte médico de baixa.
O parte médico de baixa recollerá os datos persoais do traballador e, ademais, a data da baixa, a continxencia causante, o código de diagnóstico, o código nacional de ocupación do traballador, a duración estimada do proceso e, se é o caso, a aclaración de que o proceso é recaída dun anterior, así como, neste caso, a data da baixa do proceso que o orixina.
Así mesmo, fará constar a data en que se realizará o seguinte recoñecemento médico.
Entrega de exemplares ao traballador:
O facultativo que expida os partes médicos de baixa, confirmación e alta entregará ao traballador dúas copias deste, unha para o interesado e outra con destino á empresa.