Traballadores desprazados
Como norma xeral, os traballadores desprazados están sometidos á lexislación de seguridade social do país en cuxo territorio estean exercendo a súa actividade laboral. Así e todo, se se trata dun traslado temporal poden manter a lexislación española de Seguridade Social baseándose nos termos e cumprindo os requisitos que se indican a continuación:
Só se aplica aos traballadores españois ou tunisianos.
Desprazamento inicial
Os traballadores por conta allea que exercen a súa actividade nunha empresa española que os traslada a Tunisia para exercer alí temporalmente a súa actividade han solicitar ante a Dirección Provincial da Tesourería Xeral da Seguridade Social ou administracións dela a expedición do correspondente certificado de desprazamento.
Os traballadores por conta propia non poden acollerse ao disposto neste apartado para manter a lexislación española de Seguridade Social nos seus desprazamentos a Tunisia. Así e todo, poden realizar a súa solicitude de acordo co establecido no apartado "Outras excepcións".
Formulario que se debe tramitar
A empresa efectuará a súa solicitude mediante o modelo TA.200 "Solicitude de mantemento da lexislación española de Seguridade Social.- Desprazamentos iniciais" e acompañará o formulario ES/TUN.101 "Certificado de lexislación aplicable", cuberto en triplicado exemplar.
O formulario expedido pola dirección provincial ou administración correspondente certifica que o traballador continúa sometido á lexislación española de Seguridade Social durante o seu desprazamento nese país e, en consecuencia, está exento de cotizar á seguridade social tunisiana.
Período de autorización
O prazo máximo da duración do desprazamento é de vinte e catro meses.
Prórroga ordinaria
Se os traballadores por conta allea deben prolongar a súa estadía nese país máis alá dos dous anos inicialmente previstos, o empresario deberá solicitar, cunha antelación suficiente á finalización do período autorizado, a prórroga do mantemento da lexislación española de Seguridade Social ante a Subdirección Xeral de Afiliación e Procedementos Especiais da Tesourería Xeral da Seguridade Social.
Formulario que se debe tramitar
A solicitude de prórroga deberá efectuarse no modelo TA.202 "Solicitude de mantemento da lexislación española de Seguridade Social en aplicación do art.17 do Regulamento CEE 1408/71 e doutras prórrogas dos Convenios Bilaterais" e se achegarán catro exemplares do fomulario ES/TUN.102 "Certificación de prórroga do desprazamento", que se remitirán á Institución Competente de Tunisia para que unha vez cuberta a parte B dos mesmos os devolva a este Organismo.
Expresada a conformidade no formulario, este acredita que o traballador continúa sometido á Seguridade Social española durante o período autorizado.
Período de autorización
O prazo máximo da prórroga é de dous anos.
Outros desprazamentos
Direccións provinciais ou administracións da Tesourería Xeral da Seguridade Social
Serán os órganos competentes para autorizar os desprazamentos de:
-
Persoal itinerante das empresas de transporte aéreo con sede en España que exerce a actividade nos dous países.
-
Traballadores asalariados que exercen a súa actividade a bordo dun buque con bandeira tunisiana pero son remunerados por unha empresa ou persoa con domicilio en España.
-
Traballadores españois que residen en España e que prestan os seus servizos nunha empresa pesqueira mixta constituída en Tunisia e nun buque abandeirado no mesmo país.
-
Persoas enviadas en misións de cooperación.
A autorización expedirase no formulario E/TUN.1, "Certificado de lexislación aplicable". A empresa, xunto a este formulario cuberto por triplicado, achegará a solicitude TA-200.
Subdirección Xeral de Afiliación e Procedementos Especiais.
Para os desprazamentos de:
-
Funcionarios españois destinados en Tunisia,
A Subdirección Xeral de Afiliación e Procedementos Especiais expedirá, a petición do organismo público, o certificado E/TUN.101 "Certificado de lexislación aplicable", para toda a duración do desprazamento. A solicitude debe efectuarse mediante o modelo (TA-202).
Para os desprazamentos de:
-
Españois que desempeñan a súa actividade nas misións diplomáticas ou oficinas consulares de España en Tunisia.
-
Persoal ao servizo privado dos anteriores, con nacionalidade española, que optan pola lexislación española de Seguridade Social,
A Subdirección Xeral de Afiliación e Procedementos Especiais da Tesourería Xeral, a petición do Organismo público ou do traballador, expedirá o certificado E/TUN.103 "Exercicio do Dereito de opción", que deberá presentarse en triplicado e asinado polo traballador, para toda a duración do desprazamento.
Outras excepcións
A tramitación das solicitudes doutras excepcións será xestionada pola Subdirección Xeral de Afiliación e Procedementos Especiais da Tesourería Xeral da Seguridade Social.
A empresa ou traballador por conta propia efectuarán a súa solicitude mediante o modelo TA.202 "Solicitude de mantemento da lexislación española da Seguridade Social en aplicación do art. 17 do regulamento CEE 1408/71 e doutras prórrogas dos convenios bilaterais".
Dada a conformidade por parte da Seguridade Social de Tunisia e a Subdirección Xeral de Afiliación e Procedementos Especiais da Tesourería Xeral da Seguridade Social expedirá o formulario ES/TUN.101 "Certificado de lexislación aplicable", que acredita que o traballador continúa sometido á Seguridade Social española durante o período que foi autorizado.