Réximes Especiais
Integración do Réxime Especial Agrario no Réxime Xeral:
Os traballadores por conta allea agrarios incluídos no REA , así como os empresarios aos que prestan os seus servizos, quedan integrados, con efectos do 01-01-12, no Réxime Xeral da Seguridade Social, mediante o establecemento dun Sistema especial para estes traballadores, tendo dereito ás prestacións da Seguridade Social nos mesmos termos e condicións que no Réxime Xeral (disposición final 5ª ) do Texto Refundido da LGSS).
Integración do Réxime Especial de Empregados de Fogar no Réxime Xeral:
Con efectos dende o 01-01-2012, o Réxime Especial dos Empregados de Fogar queda integrado no Réxime Xeral da Seguridade Social mediante o establecemento dun sistema especial para estes traballadores, os que terán dereito ás prestacións da Seguridade Social nos mesmos termos e condicións que no Réxime Xeral, coas peculiaridades que se determine regulamentariamente (artigo 251 do Texto Refundido da LGSS).
Réxime Especial dos Traballadores por Conta Propia ou Autónomos
A prestación de incapacidade permanente recoñécese nos mesmos termos e condicións ca no Réxime Xeral da Seguridade Social, coas particularidades seguintes.
Continxencias profesionais (AT e EP):
Os traballadores autónomos poderán acceder ás prestacións derivadas destas continxencias, sempre que mellorasen voluntariamente a acción protectora incorporando as continxencias por AT e EP, ou as teñan cubertas de forma obrigatoria e, ademais, previa ou simultaneamente, optasen por acollerse á cobertura da prestación por incapacidade temporal.
Concepto de AT:
Considérase AT o ocorrido como consecuencia directa e inmediata do traballo que realiza pola súa propia conta e que determina a súa inclusión no campo de aplicación deste réxime especial. Teñen tal consideración:
-
Os acaecidos en actos de salvamento e outros de natureza análoga, cando uns e outros teñan conexión co traballo.
-
As lesións que sufra o traballador durante o tempo e no lugar do traballo, cando se probe a conexión co traballo realizado por conta propia.
-
As enfermidades non consideradas profesionais que contraia o traballador con motivo da realización do seu traballo, sempre que se probe que a enfermidade tivo por causa exclusiva a execución daquel.
-
As enfermidades ou defectos padecidos con anterioridade polo traballador, que se agraven como consecuencia da lesión constitutiva do accidente.
-
As consecuencias do accidente que resulten modificadas na súa natureza, duración, gravidade ou terminación, por enfermidades intercorrentes que constitúan complicacións derivadas do proceso patolóxico determinado polo accidente mesmo ou teñan a súa orixe en afeccións adquiridas no novo medio en que se situase ao paciente.
-
Accidente in itínere: A partir de 26-10-2017, tamén se entenderá como accidente de traballo o sufrido ao ir ou volver do lugar da prestación da actividade económica ou profesional. Para estes efectos entenderase como lugar da prestación o establecemento onde o traballador autónomo exerza habitualmente a súa actividade sempre que non coincida co seu domicilio e se corresponda co local, nave ou oficina declarado como afecto á actividade económica para os efectos fiscais. Artigo 316.2 LGSS 2015, introducido pola Lei 6/2017, do 24 de outubro. Con anterioridade quedaban excluídos os accidentes in itínere.
-
Accidentes de traballadores que non optaron pola protección das continxencias profesionais: Os accidentes no traballo dos que non optaron pola protección deste risco consideraranse derivados de accidente non laboral.
Non teñen a consideración de AT:
- Os que sexan debidos a forza maior estraña ao traballo.
- Os que sexan debidos ao dolo ou imprudencia temeraria do traballador.
Nos supostos de TRADE, considérase AT toda lesión corporal do TRADE que sufra con ocasión ou por consecuencia da actividade profesional, o que sufra ao ir ou volver do lugar da prestación da actividade ou por causa e consecuencia desta. Agás proba en contrario, presúmese que non ten relación co traballo cando ocorrese fóra do desenvolvemento da actividade profesional de que se trate.
Concepto de EP:
É a contraída a consecuencia do traballo executado por conta propia na actividade, en virtude da cal, o traballador está incluído no campo de aplicación deste réxime especial, provocada pola acción dos elementos e substancias e nas actividades especificadas na lista de enfermidades profesionais, coas relacións das principais actividades capaces de producilas, anexa ao RD 1299/2006, do 10 de novembro.
Recarga por falta de medidas de prevención de riscos laborais:
Non é aplicable a recarga das prestacións económicas en caso de AT e EP.
Base reguladora:
-
Se a incapacidade deriva de contixencias comúns (enfermidade común ou accidente non laboral), non existe integración de lagoas, polo que se no período tomado en conta para efectuar o cálculo aparecesen meses durante os cales non houbese obriga de cotizar, estes non se completarán coas bases mínimas vixentes, correspondentes aos traballadores maiores de 18 anos.
-
Se a incapacidade deriva de continxencias profesionais, será equivalente á base de cotización do traballador na data do feito causante.
Incapacidade permanente parcial:
-
Se deriva de continxencias comúns, non se protexe.
-
Se deriva de continxencias profesionais, si se protexe. Considérase incapacidade permanente parcial para a profesión habitual a que, sen alcanzar o grao de total, ocasione ao traballador unha diminución non inferior ao 50% do seu rendemento normal para esta profesión sen impedirlle a realización das tarefas fundamentais daquela.
Incapacidade permanente total:
Porcentaxe:
A pensión de incapacidade permanente total para a profesión habitual, incrementarase nun 20% da base reguladora que se teña en conta para determinar a contía da pensión, sempre que o pensionista:
-
Teña unha idade igual ou superior aos 55 anos. Se o recoñecemento inicial da pensión se efectúa a unha idade inferior, o incremento aplicarase, previa solicitude do interesado, dende o día 1º do mes seguinte a aquel en que o traballador faga os 55 anos, sempre que nesta data cumpra os requisitos esixidos nos dous puntos seguintes.
Se o dereito ao incremento nace nun ano natural posterior ao do recoñecemento inicial da pensión, a esta, incrementada co 20%, aplicaránselle as revalorizacións que tivesen lugar dende a indicada data.
-
Non exerza unha actividade retribuída, por conta allea ou propia, que dea lugar á súa inclusión en calquera dos réximes da Seguridade Social. O incremento da pensión quedará en suspenso durante o período en que o traballador obteña un emprego ou efectúe unha actividade lucrativa por conta propia que sexa compatible coa pensión de incapacidade permanente total que viñese percibindo.
-
Non ostente a titularidade dunha explotación agraria ou marítimo-pesqueira, ou dun establecemento mercantil ou industrial como propietario, arrendatario, usufrutuario ou outro concepto análogo.
Indemnización:
A pensión de incapacidade permanente total, poderá ser substituída por unha cantidade a tanto alzado:
-
Se deriva de continxencias comúns, equivalente a 40 mensualidades da base reguladora destas continxencias, sempre que o interesado exerza esta opción dentro dos 30 días seguintes á declaración de incapacidade. Entenderase efectuada a opción en favor da pensión vitalicia, cando o traballador tivese a idade de 60 anos na data en que se entenda causada a prestación.
-
Se deriva de continxencias profesionais, equivalente a 40 mensualidades da base de cotización do traballador na data do feito causante da prestación.
Máis información relativa a este Réxime:
-
Outras prestacións.