Titulares / Requisitos
Titulares do dereito á asistencia sanitaria
Son titulares do dereito á protección da saúde e á atención sanitaria conforme ao disposto no artigo 3.1 da Lei 16/2003, do 28 de maio, de cohesión e calidade do Sistema Nacional de Saúde:
- Todas as persoas con nacionalidade española e as persoas estranxeiras que teñan establecida a súa residencia no territorio español.
- As persoas con dereito á asistencia sanitaria en España en aplicación dos regulamentos comunitarios de coordinación de sistemas de Seguridade Social ou dos convenios bilaterais que comprendan a prestación de asistencia sanitaria, sempre que residan en territorio español ou durante os seus desprazamentos temporais a España, na forma, extensión e condicións establecidos nas disposicións comunitarias ou bilaterais indicadas.
Requisitos
De conformidade co artigo 3.2 da Lei 16/2003, do 28 de maio, de cohesión e calidade do Sistema Nacional de Saúde para acceder á asistencia sanitaria a cargo de fondos públicos, as persoas deberán atoparse nalgunha destas situacións:
- Ter a nacionalidade española e residencia habitual no territorio español.
- Ter recoñecido o seu dereito á asistencia sanitaria en España por calquera outro título xurídico, aínda non tendo a súa residencia habitual en territorio español, sempre que non exista un terceiro obrigado ao pagamento da devandita asistencia. En particular, quen se atope nalgún dos seguintes supostos dos réximes da Seguridade Social:
-
- Ser traballador por conta allea ou por conta propia, afiliado e en situación de alta ou asimilada á de alta.
- Ostentar a condición de pensionista dos devanditos réximes na súa modalidade contributiva.
- Ser perceptor de calquera outra prestación periódica dos devanditos réximes.
Así mesmo, os traballadores por conta allea e por conta propia e os pensionistas, españois de orixe residentes no exterior e os familiares que lles acompañen nos seus desprazamentos temporais a España, aos que se refire o Real Decreto 8/2008, do 11 de xaneiro, polo que se regula a prestación por razón de necesidade a favor dos españois residentes no exterior e retornados.
- Ser persoa estranxeira e con residencia legal e habitual no territorio español e que non ter a obriga de acreditar a cobertura obrigatoria da prestación sanitaria por outra vía.
A comprobación destes requisitos actualmente corresponde ao Instituto Nacional da Seguridade Social e ao Instituto Social da Mariña nos seus respectivos ámbitos de xestión.
A residencia legal dos estranxeiros acredítase co correspondente permiso de residencia.
A residencia habitual certifícase co empadroamento.
Aquelas persoas que non se atopen en ningunha das situacións anteriores, poderán obter a devandita prestación mediante o pagamento da correspondente contraprestación ou cota derivada da subscrición dun convenio especial.
A xestión dos convenios especiais corresponde ás CCAA (Servizos Públicos de Saúde).
As persoas titulares ou beneficiarios dos réximes especiais xestionados a Mutualidade Xeral de Funcionarios Civís do Estado, a Mutualidade Xeral Xudicial e o Instituto Social das Forzas Armadas, manterán o seu réxime xurídico específico. A xestión deste colectivo corresponde ás Mutualidades.
Asegurado e beneficiario para os efectos do previsto na normativa internacional e a achega á prestación farmacéutica
Para os efectos do establecido nas normas internacionais de coordinación dos sistemas de Seguridade Social, e o texto refundido da Lei de garantías e uso racional dos medicamentos e produtos sanitarios, aprobado por Real Decreto Lexislativo 1/2015, do 24 de xullo, teñen a consideración de asegurados as persoas recollidas no apartado de titulares do dereito á asistencia sanitaria.
Para os mesmos efectos, terán a condición de beneficiarios dos asegurados anteriores, o cónxuxe ou persoa con análoga relación de afectividade, que deberá acreditar a inscrición oficial correspondente, así como os descendentes e persoas asimiladas a cargo deste que sexan menores de 26 anos ou que teñan unha discapacidade en grao igual ou superior ao 65 %, sempre que cumpran todos os seguintes requisitos:
- Teñan a súa residencia legal e habitual en España, agás que esta non sexa esixible en virtude da norma internacional correspondente, ou que se trate de persoas que se despracen temporalmente a España e estean a cargo de traballadores trasladados pola súa empresa fóra do territorio español en situación asimilada á de alta no correspondente réxime da Seguridade Social.
- Non se atopen nalgún dos seguintes supostos dos réximes da Seguridade Social:
-
- Ser traballador por conta allea ou por conta propia, afiliado e en situación de alta ou asimilada á de alta.
- Ostentar a condición de pensionista dos devanditos réximes na súa modalidade contributiva.
- Ser perceptor de calquera outra prestación periódica dos devanditos réximes.
Para estes efectos, terán a consideración de persoas asimiladas aos descendentes as seguintes:
- Os menores suxeitos á tutela ou ao acollemento legal dunha persoa asegurada como titular, do seu cónxuxe ou da súa parella de feito.
- As irmás e os irmáns da persoa asegurada como titular.
Outros supostos con normativa específica
Asistencia sanitaria para españois de orixe retornados e para os traballadores e pensionistas españois de orixe residentes no exterior desprazados temporalmente ao territorio nacional e para os familiares dos anteriores que se establezan con eles ou os acompañen. (Real Decreto 8/2008, do 11 de xaneiro, polo que se regula a prestación por razón de necesidade a favor dos españois residentes no exterior e retornados)
Os españois de orixe residentes no exterior que retornen a España así como os traballadores por conta allea e por conta propia e os pensionistas españois de orixe residentes no exterior (que non residan en UE/EEE/Suíza) nos seus desprazamentos temporais ao noso país terán dereito á asistencia sanitaria cando, de acordo coas disposicións da lexislación de Seguridade Social española, as do Estado de procedencia ou as normas ou Convenios Internacionais de Seguridade Social establecidos para o efecto, non tivesen prevista esta cobertura.
Os familiares dos españois de orixe retornados que se establezan con eles en España, e os dos pensionistas e traballadores por conta allea e por conta propia españois de orixe, residentes no exterior, que lles acompañen nos seus desprazamentos temporais a España, terán igualmente dereito á asistencia sanitaria en España, a través do Sistema Nacional de Saúde, cando, de acordo coas disposicións de Seguridade Social española, as do Estado de procedencia ou as normas ou Convenios internacionais de Seguridade Social establecidos para o efecto, estes familiares non tivesen prevista esta cobertura.
Para os efectos indicados, entenderase que son familiares con dereito a asistencia sanitaria:
- O cónxuxe das persoas indicadas no apartado 1 ou quen conviva con elas cunha relación de afectividade análoga á conxugal, constituíndo unha parella de feito.
- Os descendentes das persoas indicadas no apartado 1 ou os do seu cónxuxe ou os da súa parella de feito, que estean a cargo daquelas e sexan menores de 26 anos ou maiores da devandita idade cunha discapacidade recoñecida nun grao igual ou superior ao 65 por cento.
O recoñecemento do dereito á asistencia sanitaria en todos estes supostos corresponde ao Instituto Nacional da Seguridade Social, o cal expedirá o documento acreditativo do dereito. Este dereito conservarase ata que o beneficiario reúna os requisitos establecidos para obtelo de acordo coas disposicións da Seguridade Social española, as do Estado de procedencia ou as normas ou Convenios Internacionais de Seguridade Social.
Os españois de orixe retornados xustificarán a súa condición mediante a presentación da baixa consular no país de residencia e o certificado de empadroamento no municipio onde fixasen a súa residencia no noso país.
Asistencia sanitaria en aplicación de Regulamentos comunitarios e Convenios internacionais:
As persoas con dereito a asistencia sanitaria en aplicación dos regulamentos comunitarios de coordinación de sistemas de Seguridade Social ou dos convenios bilaterais que comprendan a prestación de asistencia sanitaria, terán acceso a esta, sempre que residan en territorio español ou durante os seus desprazamentos temporais a España, na forma, extensión e condicións establecidos nas disposicións comunitarias ou bilaterais indicadas.
En ningún caso terán a consideración de estranxeiros non rexistrados nin autorizados como residentes en España para os efectos previstos no artigo 3 ter da Lei 16/2003, do 28 de maio, os nacionais dos Estados membros da Unión Europea, do Espazo Económico Europeo ou de Suíza que se atopen na situación de estancia inferior a tres meses regulada no artigo 6 do R.D. 240/2007, do 16 de febreiro, sobre entrada, libre circulación e residencia en España de cidadáns dos Estados membros da Unión Europea e doutros Estados parte no Acordo sobre o Espazo Económico Europeo.
Asistencia sanitaria ás persoas con discapacidade (Real Decreto Lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei Xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social)
Mantense o sistema especial de prestacións sociais e económicas para as persoas con discapacidade que, por non desenvolver unha actividade laboral, non estaban incluídas no campo de aplicación do Sistema da Seguridade Social, establecido pola antiga Lei 13/1982, do 7 de abril, de integración social dos minusválidos (LISMI).
A competencia para o recoñecemento do dereito á asistencia sanitaria en virtude deste Sistema Especial correspondía inicialmente ao IMSERSO e posteriormente ás CCAA.
Asistencia sanitaria polos Réximes Especiais de Funcionarios
As persoas que ostentan a condición de mutualista ou beneficiario dos réximes especiais da Seguridade Social xestionados pola Mutualidade Xeral de Funcionarios Civís do Estado, o Instituto Social das Forzas Armadas e a Mutualidade Xeral Xudicial, manteñen o réxime de cobertura obrigatoria da prestación sanitaria conforme á normativa especial reguladora de cada Mutualidade que, así mesmo, determina o seu respectivo colectivo protexido, incluídos os funcionarios que ingresasen en calquera administración pública con posterioridade a 1 de xaneiro de 2011 en corpos que formen parte do campo de aplicación do mutualismo. Estes funcionarios manterán a condición de mutualistas cando pasen á situación de pensionistas.
O recoñecemento e control da condición de mutualista ou beneficiario corresponde a cada mutualidade, conforme á súa normativa específica, así como á súa respectiva estrutura organizativa.
As mutualidades e o Instituto Nacional da Seguridade Social ou, se é o caso, o Instituto Social da Mariña, establecerán os mecanismos de colaboración e coordinación necesarios para evitar a duplicidade de dereitos propios ou derivados cando estes sexan incompatibles, así como para asegurar o acceso ao sistema sanitario público ao colectivo mutualista que optase por esa modalidade de asistencia sanitaria.
Persoas estranxeiras non rexistradas nin autorizadas como residentes en España (art.o 3 ter Lei 16/2003, do 28 de maio, de cohesión e calidade do Sistema Nacional de Saúde)
As persoas estranxeiras non rexistradas nin autorizadas como residentes en España teñen dereito á protección da saúde e á atención sanitaria nas mesmas condicións que as persoas con nacionalidade española.
A devandita asistencia será con cargo aos fondos públicos das administracións competentes sempre que as anteditas persoas cumpran coa totalidade dos seguintes requisitos:
- Non ter a obriga de acreditar a cobertura obrigatoria da prestación sanitaria por outra vía, en virtude do disposto no dereito da Unión Europea, os convenios bilaterais e demais normativa aplicable.
- Non poder exportar o dereito de cobertura sanitaria dende o seu país de orixe ou procedencia.
- Non existir un terceiro obrigado ao pagamento.
Esta asistencia non xera un dereito á cobertura da asistencia sanitaria fóra do territorio español financiada con cargo aos fondos públicos das administracións competentes, independentemente do disposto nas normas internacionais en materia de seguridade social aplicables.
A competencia para o recoñecemento do dereito á asistencia sanitaria corresponde ás CCAA/Servizos Públicos de Saúde.
As CCAA, no ámbito das súas competencias, fixarán o procedemento para a solicitude e expedición do documento certificativo que acredite as persoas estranxeiras para poder recibir esta prestación asistencial.
Solicitante de protección internacional (Disposición adicional cuarta do Real Decreto 1192/2012, do 3 de agosto, polo que se regula a condición de asegurado e de beneficiario para os efectos da asistencia sanitaria en España, con cargo a fondos públicos, a través do Sistema Nacional de Saúde)
As persoas solicitantes de protección internacional cuxa permanencia en España fose autorizada por este motivo recibirán, mentres permanezan nesta situación, asistencia sanitaria coa extensión prevista na carteira común básica de servizos asistenciais do SNS regulada no artigo 8 bis da Lei 16/2003, do 28 de maio.
Así mesmo, proporcionarase a atención necesaria, médica ou doutro tipo, aos solicitantes de protección internacional con necesidades especiais.
A competencia para o recoñecemento do dereito á asistencia sanitaria corresponde ás CCAA/Servizos Públicos de Saúde.
Vítimas de tráfico de seres humanos en período de establecemento e reflexión (Disposición adicional quinta do Real Decreto 1192/2012, do 3 de agosto, polo que se regula a condición de asegurado e de beneficiario para os efectos da asistencia sanitaria en España, con cargo a fondos públicos, a través do Sistema Nacional de Saúde)
As vítimas de trata de seres humanos cuxa estancia temporal en España fose autorizada durante o período de restablecemento e reflexión recibirán, mentres permanezan nesta situación, asistencia sanitaria coa extensión prevista na carteira común básica de servizos asistenciais do SNS regulada no artigo 8 bis da Lei 16/2003, do 28 de maio.
Así mesmo, proporcionarase a atención necesaria, médica ou doutro tipo, ás vítimas de trata de seres humanos con necesidades especiais.
A competencia para o recoñecemento do dereito á asistencia sanitaria corresponde ás CCAA/Servizos Públicos de Saúde.
Convenio especial de prestación de asistencia sanitaria (Real Decreto. 576/2013, do 26 de xullo)
Para os efectos do disposto no artigo 3.3 da Lei 16/2003, do 28 de maio, poderán obter a prestación de asistencia sanitaria mediante o pagamento da correspondente contraprestación ou cota derivada da subscrición dun convenio especial aquelas persoas que, non tendo a condición de aseguradas ou beneficiarias, non teñan acceso a un sistema de protección sanitaria pública por calquera outro título.
Esta vía de acceso á prestación de asistencia sanitaria, regulada no R.D. 576/2013, do 26 de xullo e desenvolvido pola Orde SSI/1475/2014, pola que se establecen os requisitos básicos do convenio especial de prestación de asistencia sanitaria a persoas que non teñan a condición de aseguradas nin de beneficiarias do SNS, en vigor dende 01-09-2013, permite ás persoas que o subscriban acceder, mediante o pagamento dunha contraprestación económica, ás prestacións da carteira común básica de servizos asistenciais do SNS regulada no artigo 8 bis da Lei 16/2003, do 28 de maio, coas mesmas garantías de extensión, continuidade asistencial e cobertura de que gozan as persoas que ostentan a condición de aseguradas ou de beneficiarias do SNS, no ámbito correspondente á administración pública coa que se formaliza este e sen prexuízo do disposto na disposición adicional primeira deste real decreto.
A competencia para o recoñecemento do dereito á asistencia sanitaria a través do Convenio especial corresponde ao Instituto Nacional de Xestión Sanitaria
Mantemento do requisito de residencia efectiva (art. 51 TRLGSS)
Para os efectos do mantemento do dereito das prestacións sanitarias nas que se esixa a residencia efectiva en territorio español, entenderase que o beneficiario das devanditas prestacións ten a súa residencia habitual en España aínda cando tivese estancias no estranxeiro sempre que estas non superen os 90 días ao longo de cada ano natural.