Prestacións incluídas no Convenio
Prestacións incluídas no Convenio
Información xeral
O Convenio aplícase ás seguintes prestacións:
En relación con España:
Ás seguintes prestacións do sistema da Seguridade Social:
-
Prestacións por incapacidade permanente que non teña a súa causa en accidente de traballo ou enfermidade profesional.
-
Prestacións por vellez.
-
Prestacións por morte e supervivencia que non teñan a súa causa en accidente de traballo ou enfermidade profesional.
-
Prestacións familiares.
En relación co Canadá:
Aplícase ás prestacións incluídas nas lexislacións do Seguro de Vellez e do réxime de Pensións do Canadá.
Respecto a estas prestacións hai que ter en conta que:
-
Para adquirir as prestacións previstas no Convenio pódense sumar os períodos de seguro españois e os períodos de residencia cumpridos no Canadá.
-
As prestacións económicas, con excepción das non contributivas españolas, poderanse percibir con independencia de que o interesado resida ou se encontre en España ou no Canadá.
-
Cada país aboará as súas propias prestacións directamente ao beneficiario.
-
As persoas que reúnan os requisitos esixidos polas lexislacións de ambos os dous países para ter dereito a pensión contributiva, poderán percibila de cada un deles.
Prestacións da Seguridade Social española
A Institución competente española examinará a solicitude de prestación tendo en conta unicamente os períodos de seguro cumpridos en España, e se alcanza dereito á pensión sen necesidade de sumar os períodos de seguro ou de residencia do Canadá, concederáselle esta.
Se o interesado non alcanza dereito segundo o indicado no parágrafo anterior, esta Institución sumará os períodos de seguro ou residencia acreditados no Canadá. Neste suposto, o importe da pensión non será íntegro senón segundo a proporción existente entre os períodos de seguro cumpridos en España e a suma dos períodos de ambos os dous países.
No suposto de pensión de xubilación da Seguridade Social española para a que se totalizasen períodos de seguro acreditados no Canadá, a devandita totalización utilizarase igualmente para determinar a idade na que se pode acceder á pensión.
Prestacións da Seguridade Social canadense
A Institución competente canadense examinará a solicitude de prestación tendo en conta unicamente os períodos de residencia ou de cotización do Canadá, e se alcanza dereito á pensión sen necesidade de sumar os períodos españois, concederáselle esta.
- Lei de Seguro de Vellez
Se, segundo o parágrafo anterior, a persoa non alcanza dereito a percibir a pensión polos períodos de residencia canadenses, totalizaranse os períodos de residencia españois. De igual modo, se o interesado non alcanza dereito a percibir a pensión fóra do Canadá, segundo os períodos de residencia canadenses, totalizaranse os períodos de residencia españois.
Nestes supostos, a contía da pensión aboable calcularase sobre os períodos de residencia canadenses.
- Réxime de Pensións do Canadá
Se o interesado non alcanza dereito á pensión polos períodos cotizados neste réxime, a Institución competente canadense sumará os períodos cotizados en España. A contía da devandita prestación calcularase multiplicando a contía determinada segundo a lexislación canadense pola fracción resultante da relación entre os períodos de cotización efectivos ao Réxime de Pensións do Canadá e o período mínimo requirido para ter dereito a esa prestación.