Xubilación parcial. Industria manufactureira. Aplicación da normativa anterior á Lei 27/2011, do 1 de agosto para feitos causantes de 08-12-2018 a 31-12-2023
De acordo coa alínea 6 á disposición transitoria cuarta do texto refundido da Lei Xeral da Seguridade Social aprobado polo Real Decreto Lexislativo 8/2015, do 30 de outubro, seguirase aplicando a regulación para a modalidade de xubilación parcial con simultánea celebración de contrato de relevo, vixente con anterioridade á entrada en vigor da Lei 27/2011, do 1 de agosto, a pensións causadas antes do 1 de xaneiro de 2030, sempre e cando se acredite o cumprimento dos seguintes requisitos:
-
Que o traballador que solicite o acceso á xubilación parcial realice directamente funcións que requiran esforzo físico ou alto grao de atención en tarefas de fabricación, elaboración ou transformación, así como nas de montaxe, posta en funcionamento, mantemento e reparación especializados de maquinaria e equipo industrial en empresas clasificadas como industria manufactureira.
-
Que o traballador que solicite o acceso á xubilación parcial acredite un período de antigüidade na empresa de, polo menos, seis anos inmediatamente anteriores á data da xubilación parcial. Para tal efecto, computarase a antigüidade acreditada na empresa anterior se mediou unha sucesión de empresa nos termos previstos no artigo 44 do texto refundido da Lei do Estatuto dos Traballadores, aprobado polo Real Decreto Lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, ou en empresas pertencentes ao mesmo grupo.
-
Que no momento do feito causante da xubilación parcial a porcentaxe de traballadores na empresa cuxo contrato de traballo o sexa por tempo indefinido, supere o 70 por cento do total dos traballadores do seu cadro de persoal.
-
Que a redución da xornada de traballo do xubilado parcial abranga un mínimo dun 25 por cento e un máximo do 67 por cento, ou do 80 por cento para os supostos en que o traballador remudista sexa contratado a xornada completa mediante un contrato de duración indefinida. As devanditas porcentaxes entenderanse referidas á xornada dun traballador a tempo completo comparable.
-
Que se acredite un período de cotización de trinta e tres anos na data do feito causante da xubilación parcial, sen que para estes efectos se teña en conta a parte proporcional correspondente por pagas extraordinarias. Para estes exclusivos efectos, só se computará o período de prestación do servizo militar obrigatorio ou da prestación social substitutoria, ou do servizo social feminino obrigatorio, co límite máximo de un ano.
No suposto de persoas con discapacidade en grao igual ou superior ao 33 por cento, o período de cotización esixido será de vinte e cinco anos. -
Sen prexuízo da redución de xornada á que se refire a letra d), durante o período de goce da xubilación parcial, empresa e traballador cotizarán polo 80 por cento da base de cotización que, se é o caso, correspondese ao xubilado parcial de seguir traballando este a xornada completa. Esta cotización aplicarase de forma gradual de acordo coa seguinte escala:
-
Durante o ano 2025, a base de cotización será equivalente ao 40 % da base de cotización que correspondese a xornada completa.
-
Durante o ano 2026, a base de cotización será equivalente ao 50 % da base de cotización que correspondese a xornada completa.
-
Durante o ano 2027, a base de cotización será equivalente ao 60 % da base de cotización que correspondese a xornada completa.
-
Durante o ano 2028, a base de cotización será equivalente ao 70 % da base de cotización que correspondese a xornada completa.
-
Durante o ano 2029, a base de cotización será equivalente ao 80 % da base de cotización que correspondese a xornada completa.
-
Para os efectos da aplicación do establecido neste apartado, a compatibilidade efectiva entre traballo e pensión permitirá a acumulación do tempo de traballo en períodos de días na semana, semanas no mes, meses no ano ou outros períodos de tempo, de conformidade co disposto en pacto individual ou, no seu caso, na negociación colectiva, en todas as súas expresións, incluído o acordo de centro de traballo, sen que en ningún ámbito se poida limitar ou impedir o seu uso.