Aviso Cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario. As cookies non se utilizan para recoller información de carácter persoal. Para máis información consulte a nosa política de cookies.

Valore esta página
Valore este contenido

Beneficiarios / Contratos

A partir do 01-04-2013, modifícanse os requisitos de acceso a esta modalidade de xubilación. Non obstante, aplicarase a lexislación anterior aos que resulten afectados pola  disposición transitoria cuarta, apartado 5, da Lei Xeral da Seguridade Social.


Os traballadores por conta allea, integrados en calquera Réxime da Seguridade Social, así como os socios traballadores ou de traballo das cooperativas nos termos do artigo 215 da LXSS, que reúnan as demais condicións esixidas para ter dereito á pensión de xubilación contributiva da Seguridade Social, poderán acceder á xubilación parcial nos seguintes termos:

Xubilación parcial sen contrato de remuda:

  • Idade mínima: a idade ordinaria de xubilación que en cada caso resulte de aplicación (anos reais, sen aplicación de coeficientes redutores da idade de xubilación).
  • Poden estar contratados a xornada completa ou parcial.
  • Redución da  xornada de traballo: estará comprendida entre un mínimo dun 25 % e un máximo do 75 %.

  • Período mínimo de cotización: 15 anos, dos cales 2 deberán estar incluídos dentro dos 15 anos anteriores ao feito causante.
  • Antigüidade na empresa: non se esixe.
  • Contrato de remuda: non se esixe.

Xubilación parcial con contrato de remuda:

Sempre que  con carácter simultáneo se celebre un contrato de remuda nos termos previstos no artigo 12.6 do Estatuto dos Traballadores (ET), os traballadores a tempo completo poderán acceder á xubilación parcial cando reúnan os seguintes requisitos:

  • Deberán estar contratados a xornada completa. 
  • Que se celebre simultaneamente un contrato de remuda indefinido e a tempo completo.
  • Idade mínima (sen aplicación das reducións de idade de xubilación): ter cumprida na data do feito causante unha idade que sexa inferior en tres anos, como máximo, á idade ordinaria de xubilación que en cada caso resulte de aplicación.
  • Redución de xornada:
    • Estará comprendida entre un mínimo do 25 % e un máximo do 75 %. As devanditas porcentaxes entenderanse referidas á xornada dun traballador a tempo completo comparable.

      Nos supostos de anticipación do acceso á xubilación parcial en máis de dous anos respecto da idade ordinaria de xubilación, a redución de xornada de traballo durante o primeiro ano fixarase entre un 20 e un 33 por cento. Nestes casos, a partir do segundo ano as partes poderán alterar a redución da xornada dentro das marxes establecidas no parágrafo anterior.

    • Nos casos nos que resulte de aplicación a disposición transitoria cuarta, apartado 5, a redución de xornada estará comprendida entre un mínimo do 25 % e un máximo do75 %, ou do 85 %se o contrato de remuda é a xornada completa e por tempo indefinido.

  • Período mínimo de cotización:
    • 33 anos de cotizacións efectivas, sen que poida terse en conta a parte proporcional de pagas extras. Para estes exclusivos efectos, só se computará o período de prestación do servizo militar obrigatorio ou da prestación social substitutoria ou do servizo social feminino obrigatorio co límite máximo de 1 ano.
    • 30 anos de cotizacións efectivas, sen que se poida ter en conta a parte proporcional de pagas extras, nin o período de prestación do servizo militar obrigatorio ou da prestación social substitutoria, para os que resulte de aplicación a disposición transitoria cuarta, apartado 5.
    • 25 anos, no suposto de persoas con discapacidade en grao igual ou superior ao 33 %, a partir do 01-01-2013.
  • Antigüidade na empresa: polo menos, 6 anos inmediatamente anteriores á data da xubilación parcial. Para tal efecto, computarase a antigüidade acreditada na empresa anterior se mediou unha sucesión de empresa nos termos previstos no artigo 44 do ET, ou en empresas pertencentes ao mesmo grupo.
  • Cotización durante a xubilación parcial:

Nos casos nos que non resulte de aplicación a disposición transitoria cuarta, apartado 5, durante o período de desfrute da xubilación parcial, empresa e traballador cotizarán pola base de cotización que, no seu caso, tivese correspondido de seguir traballando este a xornada completa.

Peculiaridades do contrato a tempo parcial do traballador que se xubila:

  • Formalizarase por escrito e no modelo oficial.
  • Deberán figurar no mesmo os elementos propios do contrato a tempo parcial, así como a xornada que o traballador realizaba antes e a que resulte como consecuencia da redución da súa xornada de traballo.
  • A celebración do contrato non suporá a perda dos dereitos adquiridos e da antigüidade que correspondan ao traballador.

Peculiaridades do contrato de remuda:

  • Formalizarase por escrito no modelo oficial e nel deberá constar necesariamente o nome, idade e circunstancias profesionais do traballador substituído, así como as características do posto de traballo que vaia desempeñar o remudista.
  • Cando o xubilado parcial accede a xubilación parcial antes de alcanzar a idade ordinaria de xubilación, a empresa deberá concertar simultaneamente un contrato de remuda indefinido e a tempo completo. 

O contrato de remuda deberá manterse vixente desde a data de efectos da xubilación parcial ata, polo menos, os dous anos posteriores á extinción da xubilación parcial. No suposto de que o contrato se extinga antes do devandito prazo, o empresario estará obrigado a celebrar un novo contrato de remuda nos mesmos termos do extinguido. En caso de incumprimento por parte do empresario da presente obriga será responsable do reintegro da pensión que percibise o pensionista a tempo parcial. 

O contrato de remuda celebrarase cun traballador en situación de desemprego ou que tivese concertado coa empresa un contrato de duración determinada. Tamén poderá celebrarse un contrato fixo-descontinuo nos termos que se estableza regulamentariamente.

O posto de traballo do traballador remudista poderá ser o mesmo ou diferente ao do traballador substituído. Para quen resulte de aplicación a disposición transitoria cuarta, apartado 5, da LXSS, o posto de traballo do traballador remudista poderá ser o mesmo do traballador substituído ou un similar, entendendo por tal o desempeño de tarefas correspondentes ao mesmo grupo profesional ou categoría equivalente.

En todo caso, deberá existir unha correspondencia entre as bases de cotización remudista e do xubilado parcial, de modo que a correspondente ao traballador remudista non poderá ser inferior ao 65 % da media das bases de cotización correspondentes aos 6 últimos meses do período de base reguladora da pensión de xubilación parcial.

Cando o traballador acceda á xubilación parcial unha vez alcanzada a idade ordinaria de xubilación poderase celebrar un contrato de remuda, cuxa xornada como mínimo será a deixada vacante polo xubilado parcial.

O devandito contrato de remuda poderá ser por tempo indefinido ou de duración determinada. Neste último suposto a súa duración será coincidente co tempo en que se manteña a xubilación parcial e, en todo caso, cun mínimo dun ano.

O contrato de remuda celebrarase cun traballador en situación de desemprego ou que tivese concertado coa empresa un contrato de duración determinada.

O posto de traballo do traballador remudista poderá ser o mesmo ou diferente do traballador substituído.

  • Nos dous supostos anteriores, o horario de traballo do traballador remudista poderá completar o do traballador substituído ou simultanearse con el.

A compatibilidade efectiva entre traballo e pensión permitirá a acumulación do tempo de traballo en períodos de días na semana, semanas no mes, meses no ano ou outros períodos de tempo, de conformidade co disposto en pacto individual ou, no seu caso, na negociación colectiva, en todas as súas expresións, incluído o acordo de centro de traballo, sen que en ningún ámbito se poida limitar ou impedir o seu uso.

Complementary Content
${loading}