Aviso Cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario. As cookies non se utilizan para recoller información de carácter persoal. Para máis información consulte a nosa política de cookies.

Valore esta página
Valore este contenido

Réximes Especiais

Integración do Réxime Especial Agrario no Réxime Xeral:

Os traballadores por conta allea agrarios incluídos no REA , así como os empresarios aos que prestan os seus servizos, quedan integrados, con efectos do 01-01-12, no Réxime Xeral da Seguridade Social, mediante o establecemento dun Sistema especial para estes traballadores,  tendo dereito ás prestacións da Seguridade Social nos mesmos termos e condicións que no Réxime Xeral (disposición final 5ª ) do Texto Refundido da LGSS).

Integración do Réxime Especial de Empregados de Fogar no Réxime Xeral:

Con efectos dende o 01-01-2012, o Réxime Especial dos Empregados de Fogar queda integrado no Réxime Xeral da Seguridade Social mediante o establecemento dun sistema especial para estes traballadores, os que terán dereito ás prestacións da Seguridade Social nos mesmos termos e condicións que no Réxime Xeral, coas peculiaridades que se determine regulamentariamente (artigo 251 do Texto Refundido da LGSS). 

Requisitos xerais esixidos

Os requisitos xerais para causar dereito á prestación de incapacidade permanente nos  Réximes Especiais son, en cada caso, os seguintes:

  • Estar en alta ou en situación asimilada á alta no Réxime correspondente. Non obstante, pódese causar dereito a pensión de incapacidade permanente absoluta ou grande invalidez, derivadas de continxencias comúns, dende a situación de non alta.

  • Reunir o período mínimo de cotización esixido, se é o caso.

  • Estar ao corrente no pagamento das cotas, das que sexan responsables directos os traballadores, aínda que a prestación sexa recoñecida, como consecuencia do cómputo recíproco de cotizacións, nun réxime de traballadores por conta allea.
    • Para tales efectos, será de aplicación o mecanismo de invitación ao pagamento previsto no |art.  28.2 do Decreto 2530/1970, do 20 de agosto, calquera que sexa o réxime de Seguridade Social en que o interesado estivese incorporado, no momento de acceder á prestación ou no que cause esta.
    • Cando ao interesado se lle considere ao corrente no pagamento das cotizacións para os efectos do recoñecemento dunha prestación, en virtude dun aprazamento no pagamento das cotas debidas, pero posteriormente incumpra os prazos ou condicións do devandito aprazamento, perderá a consideración de atoparse ao corrente no pagamento e, en consecuencia, procederase á suspensión inmediata da prestación recoñecida que estivese a percibir, a cal soamente poderá ser rehabilitada unha vez que salde a débeda coa Seguridade Social na súa totalidade. A tal fin, a Entidade Xestora da prestación poderá detraer de cada mensualidade percibida polo interesado a correspondente cota debida.
    • Para os efectos do recoñecemento do dereito a unha pensión, as cotizacións correspondentes ao mes do feito causante da pensión e aos dous meses previos a aquel, cuxo ingreso aínda non conste como tal nos sistemas de información da Seguridade Social, presumiranse ingresadas sen necesidade de que o interesado o teña que acreditar documentalmente, sempre que o traballador acredite o período mínimo de cotización esixible, sen computar para estes efectos o período de tres meses referido neste.
    • Nestes supostos, a entidade xestora revisará, con periodicidade anual, todas as pensións recoñecidas durante o exercicio inmediato anterior baixo a presunción de situación de estar ao corrente para verificar o ingreso puntual e efectivo desas cotizacións. No caso contrario, procederase inmediatamente á suspensión do pagamento da pensión, aplicándose as mensualidades retidas á amortización das cotas debidas ata a súa total extinción, rehabilitándose o pagamento da pensión a partir dese momento.

Réxime Especial dos Traballadores por Conta Propia ou Autónomos

A prestación de incapacidade permanente recoñécese nos mesmos termos e condicións ca no Réxime Xeral da Seguridade Social, coas particularidades seguintes. 

Continxencias profesionais (AT e EP):

Os traballadores autónomos poderán acceder ás prestacións derivadas destas continxencias, sempre que mellorasen voluntariamente a acción protectora incorporando as continxencias por AT e EP, ou as teñan cubertas de forma obrigatoria e, ademais, previa ou simultaneamente, optasen por acollerse á cobertura da prestación por incapacidade temporal.


Concepto de AT:

Considérase AT o ocorrido como consecuencia directa e inmediata do traballo que realiza pola súa propia conta e que determina a súa inclusión no campo de aplicación deste réxime especial. Teñen tal consideración:

  • Os acaecidos en actos de salvamento e outros de natureza análoga, cando uns e outros teñan conexión co traballo.
  • As lesións que sufra o traballador durante o tempo e no lugar do traballo, cando se probe a conexión co traballo realizado por conta propia.
  • As enfermidades non consideradas profesionais que contraia o traballador con motivo da realización do seu traballo, sempre que se probe que a enfermidade tivo por causa exclusiva a execución daquel.
  • As enfermidades ou defectos padecidos con anterioridade polo traballador, que se agraven como consecuencia da lesión constitutiva do accidente.
  • As consecuencias do accidente que resulten modificadas na súa natureza, duración, gravidade ou terminación, por enfermidades intercorrentes que constitúan complicacións derivadas do proceso patolóxico determinado polo accidente mesmo ou teñan a súa orixe en afeccións adquiridas no novo medio en que se situase ao paciente.
  • Accidente in itínere: A partir de 26-10-2017, tamén se entenderá como accidente de traballo o sufrido ao ir ou volver do lugar da prestación da actividade económica ou profesional. Para estes efectos entenderase como lugar da prestación o establecemento onde o traballador autónomo exerza habitualmente a súa actividade sempre que non coincida co seu domicilio e se corresponda co local, nave ou oficina declarado como afecto á actividade económica para os efectos fiscais. Artigo 316.2 LGSS 2015, introducido pola Lei 6/2017, do 24 de outubro. Con anterioridade quedaban excluídos os accidentes in itínere.
  • Accidentes de traballadores que non optaron pola protección das continxencias profesionais: Os accidentes no traballo dos que non optaron pola protección deste risco consideraranse derivados de accidente non laboral.

Non teñen a consideración de AT:

  • Os que sexan debidos a forza maior estraña ao traballo.
  • Os que sexan debidos ao dolo ou imprudencia temeraria do traballador.

Nos supostos de TRADE, considérase AT toda lesión corporal do TRADE que sufra con ocasión ou por consecuencia da actividade profesional, o que sufra ao ir ou volver do lugar da prestación da actividade ou por causa e consecuencia desta. Agás proba en contrario, presúmese que non ten relación co traballo cando ocorrese fóra do desenvolvemento da actividade profesional de que se trate.

Concepto de EP:

É a contraída a consecuencia do traballo executado por conta propia na actividade, en virtude da cal, o traballador está incluído no campo de aplicación deste réxime especial, provocada pola acción dos elementos e substancias e nas actividades especificadas na lista de enfermidades profesionais, coas relacións das principais actividades capaces de producilas, anexa ao RD 1299/2006, do 10 de novembro.


Recarga por falta de medidas de prevención de riscos laborais:

Non é aplicable a recarga das prestacións económicas en caso de AT e EP.

Base reguladora:

  • Se a incapacidade deriva de contixencias comúns (enfermidade común ou accidente non laboral), non existe integración de lagoas, polo que se no período tomado en conta para efectuar o cálculo aparecesen meses durante os cales non houbese obriga de cotizar, estes non se completarán coas bases mínimas vixentes, correspondentes aos traballadores maiores de 18 anos.
  • Se a incapacidade deriva de continxencias profesionais, será equivalente á base de cotización do traballador na data do feito causante.

Incapacidade permanente parcial:

  • Se deriva de continxencias comúns, non se protexe.
  • Se deriva de continxencias profesionais, si se protexe. Considérase incapacidade permanente parcial para a profesión habitual a que, sen alcanzar o grao de total, ocasione ao traballador unha diminución non inferior ao 50% do seu rendemento normal para esta profesión sen impedirlle a realización das tarefas fundamentais daquela.

Incapacidade permanente total:

Porcentaxe:

A pensión de incapacidade permanente total para a profesión habitual, incrementarase nun 20% da base reguladora que se teña en conta para determinar a contía da pensión, sempre que o pensionista:

  • Teña unha idade igual ou superior aos 55 anos. Se o recoñecemento inicial da pensión se efectúa a unha idade inferior, o incremento aplicarase, previa solicitude do interesado, dende o día 1º do mes seguinte a aquel en que o traballador faga os 55 anos, sempre que nesta data cumpra os requisitos esixidos nos dous puntos seguintes.

    Se o dereito ao incremento nace nun ano natural posterior ao do recoñecemento inicial da pensión, a esta, incrementada co 20%, aplicaránselle as revalorizacións que tivesen lugar dende a indicada data.
  • Non exerza unha actividade retribuída, por conta allea ou propia, que dea lugar á súa inclusión en calquera dos réximes da Seguridade Social. O incremento da pensión quedará en suspenso durante o período en que o traballador obteña un emprego ou efectúe unha actividade lucrativa por conta propia que sexa compatible coa pensión de incapacidade permanente total que viñese percibindo.
  • Non ostente a titularidade dunha explotación agraria ou marítimo-pesqueira, ou dun establecemento mercantil ou industrial como propietario, arrendatario, usufrutuario ou outro concepto análogo. 

Indemnización:

A pensión de incapacidade permanente total, poderá ser substituída por unha cantidade a tanto alzado:

  • Se deriva de continxencias comúns, equivalente a 40 mensualidades da base reguladora destas continxencias, sempre que o interesado exerza esta opción dentro dos 30 días seguintes á declaración de incapacidade. Entenderase efectuada a opción en favor da pensión vitalicia, cando o traballador tivese a idade de 60 anos na data en que se entenda causada a prestación.
  • Se deriva de continxencias profesionais, equivalente a 40 mensualidades da base de cotización do traballador na data do feito causante da prestación.

Máis información relativa a este Réxime:

Réxime Especial da Minería do Carbón

A prestación recoñécese nos mesmos termos e condicións que no Réxime Xeral da Seguridade Social, coas seguintes particularidades:

  • Valoración conxunta do estado do traballador para a declaración inicial da incapacidade permanente ou a súa revisión:

    A cualificación da incapacidade, tanto inicial como por posteriores revisións, levarase a cabo valorando o estado do beneficiario resultante do conxunto de reducións anatómicas ou funcionais determinadas polas distintas continxencias que puidesen concorrer.
  • Base reguladora:

Cando a incapacidade permanente derive de continxencias comúns, a base reguladora será a que corresponda en cada caso, aínda que as bases de cotización a ter en conta serán as bases normalizadas.

  • Aplícanse as bonificacións de idade en caso de incapacidade permanente total, tanto a efectos da substitución excepcional da pensión vitalicia por unha indemnización a tanto alzado como do posible incremento do 20% correspondente á incapacidade permanente total cualificada.

    Estas bonificacións resultan de aplicar ao período de tempo efectivamente traballado en cada categoría profesional da minería do carbón, o coeficiente que corresponda, de conformidade cunha escala que comprende dende o 0,50 ao 0,05 segundo a perigosidade e toxicidade da actividade desenvolvida.
  • Contía da pensión dos incapacitados absolutos e grandes inválidos ao facer a idade de xubilación::

    Beneficiarios:

    Os pensionistas de incapacidade permanente absoluta ou grande invalidez deste Réxime Especial, que cumpran os seguintes requisitos:
  • Ter 65 anos de idade real ou da teórica que resulte de aplicar as bonificacións de idade ás que se fai referencia no punto anterior.
  • Non ser titular de ningunha outra pensión da Seguridade Social ou ter renunciado a ela.
  • Que a pensión de incapacidade permanente absoluta ou grande invalidez non substituíse, en virtude de opción, á de xubilación que o interesado percibise deste Réxime Especial.

Contía:

A nova contía será equivalente á que correspondería, o día 1 do mes seguinte a aquel en que o interesado exercite o seu dereito, a unha pensión de xubilación determinada conforme a unhas determinadas regras, sempre que esta contía resulte superior á que tivese con anterioridade.

Máis información relativa a este Réxime:

Réxime Especial dos traballadores do Mar

É unha prestación económica e vitalicia ao traballador que, despois de estar sometido ao tratamento prescrito e ser dado de alta médica, presenta reducións anatómicas e funcionais graves, susceptibles de determinación obxectiva e previsiblemente definitivas que diminúan ou anulen a súa capacidade laboral.

Non será necesaria a alta médica para a valoración da incapacidade permanente nos casos en que concorran secuelas definitivas.

Tamén terá a consideración de incapacidade permanente, no grao que se cualifique, a situación de incapacidade que subsista despois de extinguida a incapacidade temporal polo transcurso do prazo máximo de duración sinalado para esta, agás que a situación clínica do interesado fixese aconsellable demorar a citada cualificación.

A incapacidade permanente gradúase inicialmente e revísase periodicamente nos seguintes graos:

  • Incapacidade permanente parcial para a profesión habitual.
  • Incapacidade permanente total para a profesión habitual.
  • Incapacidade permanente absoluta para todo traballo.
  • Grande invalidez.

Condicións e requisitos xerais: igual que no Réxime Xeral

 

Máis información relativa a este Réxime:

Tramitación: Direccións Provinciais e Locais do ISM.

Complementary Content
${loading}