Prestacións incluídas no Convenio
Información xeral
O Convenio aplícase ás seguintes prestacións:
En relación con España:
Ás seguintes prestacións do sistema da Seguridade Social:
- Asistencia sanitaria por maternidade ou enfermidade ou accidente.
- Prestacións económicas por incapacidade temporal e maternidade.
- Prestacións por incapacidade permanente, vellez e morte e supervivencia.
- Prestacións de protección familiar.
- Prestacións por desemprego.
- Prestacións económicas por accidente de traballo e enfermidade profesional.
En relación con Chile:
Á lexislación da Seguridade Social no referente a:
- Asistencia sanitaria en casos de maternidade, enfermidade común e accidente non laboral comprendidas no sistema público de saúde.
- Prestacións económicas por incapacidade laboral transitoria derivada de maternidade, enfermidade común ou accidente non laboral comprendidas no sistema público de saúde.
- Prestacións de invalidez, vellez e supervivencia do Novo Sistema de Pensións baseado no réxime de capitalización individual e nos réximes administrados polo Instituto de Normalización Previsional.
- Prestacións familiares.
- Prestacións por desemprego.
- Asistencia sanitaria e prestacións económicas derivadas de accidente de traballo e enfermidade profesional.
Respecto a estas prestacións hai que ter en conta que:
- Para adquirir as pensións de carácter contributivo previstas no Convenio pódense sumar os períodos de seguro cumpridos en España e en Chile.
- As pensións de carácter contributivo poderán percibirse con independencia de que se resida ou se atope en España ou en Chile.
- Cada país aboará as súas propias prestacións directamente ao beneficiario.
- As persoas que reúnan os requisitos esixidos pola lexislación de ambos os dous países para ter dereito a pensión contributiva, poderán percibir esta de cada un deles.
Asistencia sanitaria
A asistencia sanitaria recoñécea, de acordo coa súa lexislación, o país no que estea asegurado o traballador, totalizando cando sexa necesario os períodos de seguro de ambos os dous países, sempre que non se superpoñan, ou para o pensionista, o país que lle aboe a pensión.
Normalmente é prestada polo país que a recoñece pero tamén poden recibila cando se despracen ou residan no outro país nos casos seguintes:
- Traballadores asegurados nun país, así como os seus familiares, que se despracen ao outro país temporalmente e que precisen de forma inmediata a asistencia sanitaria.
- Traballadores asegurados nun país e enviados a traballar ao outro por un período non superior a tres anos, así como os familiares que o acompañen.
- Familiares dun traballador asegurado nun país que residan no territorio do outro país.
- Pensionistas dun país e os seus familiares que se atopen ou residan no outro país. Durante a estadía temporal teñen dereito a prestacións por necesidade inmediata.
As prestacións sanitarias sérvense no país onde se atope o beneficiario, e segundo o establecido na lexislación sanitaria e nos Servizos Públicos de Saúde dese país, durante o tempo que autorice a Institución do país onde o traballador estea afiliado ou que aboe a pensión.
Incapacidade temporal por enfermidade común ou accidente non laboral e Maternidade
Para o recoñecemento destas prestacións súmanse, se é necesario, os períodos de seguro de ambos os dous países.
Invalidez, Vellez e Supervivencia
- Seguridade Social española e Réximes administrados polo Instituto de Normalización Previsional chileno
Cada país examinará por separado a solicitude de pensión na forma seguinte:- Se o interesado alcanza dereito á pensión sen necesidade de sumar os períodos de seguro do outro país, concederalle a pensión que lle corresponda, tendo en conta unicamente os seus propios períodos de seguro.
- Se o interesado non alcanza dereito á pensión segundo o apartado anterior, sumaranse os períodos de seguro acreditados no outro país. O importe da pensión non será íntegro, senón en proporción aos períodos de seguro cumpridos no país que a outorgue e a suma total dos períodos de Chile e España
- No suposto de pensión de xubilación da Seguridade Social española para a que se totalizasen períodos de seguro acreditados en Chile, a devandita totalización utilizarase igualmente para determinar a idade na que se pode acceder á pensión.
- Sistema Chileno de Capitalización Individual
Os afiliados a unha Administradora de Fondos de Pensións financiarán as súas pensións en Chile co saldo acumulado na súa conta de capitalización individual. Así e todo, se o saldo da súa conta individual é insuficiente para financiar pensións dunha contía polo menos igual á da pensión mínima garantida polo Estado, poderanse totalizar os períodos de seguro españois para poder acceder á dita pensión mínima.
Os afiliados ao Novo Sistema de Pensións poderán continuar pagando voluntariamente as súas cotizacións previsionais como traballadores independentes durante o tempo que residan en España e realicen unha actividade laboral pola que deban cotizar á Seguridade Social española. Estas cotizacións previsionais serán tidas en conta pola Institución chilena aínda que coincidan con períodos obrigatorios españois.
Accidente de Traballo e Enfermidade Profesional
A prestación será determinada polo país a cuxa lexislación estivese suxeito o traballador na data na que se produciu o accidente ou na que contraeu a enfermidade.