Categoría:
> Tema:
A empresa está obrigada a expoñer, en lugar destacado do centro de traballo, a disposición dos traballadores, dentro do mes seguinte ao que corresponda o ingreso das cotas, o exemplar do documento de cotización ou copia autorizada deste, constituíndo o seu incumprimento unha infracción en materia de Seguridade Social, sancionable economicamente.
De non levarse a cabo, os traballadores poderán acudir ante a Inspección de Traballo e Seguridade Social co fin de realizar a correspondente denuncia do feito.
Respecto das solicitudes de información sobre o cumprimento das obrigas coa Seguridade Social por parte das empresas que poidan recibirse nas Unidades da Tesouraría Xeral da Seguridade Social, unicamente poderán ser atendidas se o solicitante é o propio empresario ou persoa que acredite poder suficiente para realizar a devandita solicitude, por tratarse de información de carácter persoal protexida coa confidencialidade esixida na normativa. Soamente os representantes legais dos traballadores na empresa (delegados de persoal e comités de empresa) estarán capacitados para solicitar esta información.
Polo que se refire aos traballadores, terán dereito a solicitar da Tesouraría Xeral da Seguridade Social (TGSS) un informe das súas bases de cotización.
A solicitude pode facerse a través da Sede Electrónica, mediante as seguintes vías:
- Servizo “Informe de bases de cotización" vía SMS. Cubrindo o formulario previsto para o efecto, sendo necesario que os datos de autenticación coincidan exactamente cos rexistrados na base de datos da Tesouraría Xeral da Seguridade Social. Recibirá un código pola mesma vía e, poderá obter, imprimir e/ou consultar as bases de cotización correspondentes aos períodos de liquidación nos que figurou en alta, nun exercicio determinado, nos diferentes réximes que conforman o Sistema de Seguridade Social.
- Servizo “Informe de bases de cotización" sen certificado dixital. O devandito informe será remitido ao domicilio que figure na base de datos da Tesouraría Xeral da Seguridade Social. Se este cambiou, debe notificalo con anterioridade na Administración da Seguridade Social máis próxima, podendo facelo en caso de dispoñer de certificado dixital a través do servizo de solicitude de cambio de domicilio.
- Se dispón de certificado dixital, pódeo obter directamente tamén dende o seu ordenador. Se non conta con este, a devandita páxina ofrece información acerca de como obtelo.