Campo de aplicación
Para os efectos deste Réxime Especial entenderase como traballador por conta propia ou autónomo, aquel que realiza de forma habitual, persoal e directa unha actividade económica a título lucrativo, sen suxeición por ela a contrato de traballo e aínda que utilice o servizo remunerado doutras persoas, sexa ou non titular de empresa individual ou familiar.
Presumirase, agás proba en contrario, que no interesado concorre a condición de traballador por conta propia ou autónomo se este ostenta a titularidade dun establecemento aberto ao público como propietario, arrendatario, usufrutuario ou outro concepto análogo.
Pola Lei 18/2007, do 4 de xullo establécese, dentro do Réxime Especial dos Traballadores por Conta Propia ou Autónomos, e con efectos dende 1 de xaneiro de 2008, o Sistema Especial para Traballadores por Conta Propia Agrarios, no que quedarán incluídos os traballadores por conta propia agrarios, maiores de 18 anos. O art. 324 de texto refundido Lei Xeral da Seguridade Social establece os seguintes requisitos de inclusión:
- Ser titulares dunha explotación agraria e obter, polo menos, o 50 por cento da súa renda total da realización de actividades agrarias ou outras complementarias, e que esa parte da renda proceda directamente da actividade agraria realizada na súa explotación e non sexa inferior ao 25 por cento da renda total.
- O tempo de traballo dedicado ás actividades agrarias debe ser superior á metade do seu tempo de traballo total.
- Que os rendementos anuais netos obtidos da explotación agraria por cada titular desta non superen a contía equivalente ao 75 por cento do importe, en cómputo anual, da base máxima de cotización ao Réxime Xeral da Seguridade Social vixente no exercicio en que se proceda á súa comprobación.
- A realización dos labores agrarios, aínda cando ocupen traballadores por conta allea, sempre que non se trate de máis de dous traballadores que coticen coa modalidade de bases mensuais ou, de tratarse de traballadores que coticen coa modalidade do artigo 255, que o número total de xornadas reais efectivamente realizadas non supere as 546 nun ano, computado dende o 1 de xaneiro a 31 de decembro de cada ano.