Xestión e pagamento
As propostas de pagamento das pensións de Clases Pasivas e outras prestacións sociais efectúanse pola Dirección Xeral de Ordenación da Seguridade Social.
Pensionistas residentes no estranxeiro
Os pensionistas residentes no estranxeiro acreditarán a súa vivencia, para os efectos de continuar percibindo a pensión que tivesen recoñecida, mediante a correspondente certificación do encargado do Rexistro civil consular.
O documento orixinal mediante o que se acredite a vivencia deberá presentarse no primeiro trimestre do ano. Transcorrido o prazo indicado, sen que se recibise o devandito documento, procederase a dar de baixa a pensión con efectos do 31 marzo dese ano.
Mensualidades ordinarias e pagas extras
As pensións de Clases Pasivas devindícanse por mensualidades vencidas e abóanse en 14 pagas: 12 ordinarias e 2 extraordinarias.
- As mensualidades ordinarias abóanse íntegras, incluída a correspondente ao mes en que se produza a extinción do dereito.
- As mensualidades ou pagas extraordinarias devindícanse o día primeiro dos meses de xuño e decembro, aboándose conxuntamente coas mensualidades deses meses. O seu importe é da mesma contía que as ordinarias, salvo nos seguintes supostos:
- Primeira paga extraordinaria a partir da data de efectos económicos da pensión ou do momento da rehabilitación da mesma: abóase 1/6 parte por cada un dos meses que medie entre ese primeiro día de efectos iniciais, ou de rehabilitación da pensión, e o 31 de maio ou o 30 de novembro seguinte, segundo corresponda.
- Derradeira paga extraordinaria por falecemento do pensionista ou perda do dereito a pensión: devindícase o primeiro día do mes en que ocorra o falecemento, ou a perda do dereito, pagándose xunto coa última mensualidade de pensión, como haberes devindicados e non percibidos aos seus herdeiros de dereito civil, ou a el mesmo, en razón de 1/6 parte por cada un dos meses que medien entre o día da devindicación da devandita paga e o 31 de maio ou o 30 de novembro anterior.
Sistema de pagamento
O pagamento das pensións e prestacións de Clases Pasivas do Estado realízase unicamente mediante transferencia á conta corrente ou caderno ordinario que o pensionista designe e que estea ao seu nome, individual ou indistintamente con outras persoas, en Entidade Financeira situada en España ou no exterior, segundo o seu lugar de residencia.
Non obstante, as prestacións de Clases Pasivas solicitadas antes do 1 de abril de 2010 e que estivesen a percibirse a través de habilitado de Clases Pasivas poderán seguir cobrándose por ese sistema. Nestes supostos, os habilitados están obrigados a pagar ao pensionista o importe íntegro da pensión ou pensións de Clases Pasivas que lle fose ingresado pola Administración, sen efectuar ningún desconto por comisións, gastos de xestión e impostos derivados da súa intervención profesional. O pensionista deberá aboar ao Habilitado as contías correspondentes a estes conceptos unha vez que coñeza o seu importe, segundo o acordado entre ambos.
Atrasos e reintegros
A retroactividade máxima dos efectos económicos do recoñecemento das prestacións do Réxime de Clases Pasivas, así como da lexislación especial derivada da guerra civil, será de tres meses, contados desde o día primeiro do mes seguinte á presentación da solicitude.
Non obstante, o prazo de prescrición para o reintegro de calquera prestación percibida indebidamente será de catro anos.
Inicio