Réxime Xeral

Situación protexida

Considérase situación protexida a redución da xornada de traballo, coa diminución proporcional do salario, que leven a cabo os proxenitores, adoptantes ou acolledores de carácter familiar en delegación de garda para a convivencia preadoptiva ou permanente, cando ambos traballen, para o coidado do menor ao seu cargo afectado por cancro ou outra enfermidade grave das incluídas na listaxe do anexo do RD 1148/2011, do 29 de xullo, que implique un ingreso hospitalario de longa duración que requira o seu coidado directo, continuo e permanente durante a hospitalización e tratamento continuado da enfermidade.

Considérase como ingreso hospitalario de longa duración, a continuación do tratamento médico ou o coidado do menor en domicilio tras o diagnóstico e hospitalización pola enfermidade grave. 

A acreditación da situación protexida efectuarase, mesmo nos casos en que a atención e diagnóstico se levase a cabo por servizos médicos privados, mediante declaración cuberta polo facultativo do |SPS ou órgano administrativo sanitario da Comunidade Autónoma correspondente, responsable da atención do menor. Cando o diagnóstico e tratamento do cancro ou enfermidade grave do menor se realizase a través dos servizos médicos privados, esixirase que a declaración sexa cuberta, ademais, polo médico do centro responsable da atención do menor.

Así mesmo, considérase situación protexida, nos mesmos termos establecidos para os supostos de adopción e acollemento familiar, a constitución de tutela sobre o menor por designación de persoa física, cando o titor sexa un familiar que, de acordo coa lexislación civil, non poida adoptar ao menor.

Cando exista recaída do menor polo cancro ou a mesma enfermidade grave, non será necesario un novo ingreso hospitalario, se ben deberá acreditarse, mediante nova declaración médica, a necesidade, tras o diagnóstico e hospitalización,  da continuación do tratamento médico así como do coidado directo, continuado e permanente do menor polo proxenitor, adoptante ou acolledor. 

Causantes

Os fillos ou menores acollidos a cargo do beneficiario sempre que:

  • Sexan menores de 18 anos.
  • Padezan cancro ou unha enfermidade grave que requira ingreso hospitalario de longa duración.
  • E, ademais, precisen coidado directo, continuo e permanente dos seus proxenitores, adoptantes ou acolledores.

Beneficiarios / Requisitos

Serán beneficiarios os traballadores por conta allea ou por conta propia e asimilados, calquera que fose o seu sexo, sempre que:

  • Reduzan a súa xornada de traballo en, polo menos, un 50% da súa duración. O subsidio recoñecerase en proporción á porcentaxe de redución que experimente a xornada de traballo que gocen as persoas traballadoras.

    Para a percepción do subsidio, a porcentaxe de redución de xornada entenderase referida a unha xornada de traballo dunha persoa traballadora a tempo completo comparable da mesma empresa e centro de traballo que realice un traballo idéntico ou similar, e computarase sen ter en conta outras reducións de xornada que, no seu caso, gocen as persoas traballadoras por razóns de garda legal de menores o de coidado de familiares, ou por calquera outra causa.

    No suposto de traballadores contratados a tempo parcial, non se terá dereito ao subsidio cando a duración efectiva da xornada a tempo parcial sexa igual ou inferior ao 25% dunha xornada de traballo dunha persoa traballadora a tempo completo comparable. Non obstante, se a persoa traballadora tivese dous ou máis contratos a tempo parcial, sumaranse as xornadas efectivas de traballo a efectos de determinar o citado límite.
  • Atoparse afiliados e en alta nalgún réxime do Sistema da Seguridade Social.

    Dentro de cada unidade familiar, ambas persoas proxenitoras, adoptantes ou acolledoras deben acreditar que se atopan afiliadas e en situación de alta nalgún réxime público de Seguridade Social ou só unha delas, se a outra, en razón do exercicio da súa actividade profesional, está incorporada obrigatoriamente á mutualidade de previsión social establecida polo correspondente colexio profesional. 

    Entendarase cumprido este requisito naqueles supostos en que a persoa proxenitora, adoptante ou acolledora do menor, que non é beneficiaria da prestación, teña subscrito un convenio especial no Sistema da Seguridade Social por realizar a súa actividade laboral nun país co que non exista instrumento internacional de Seguridade Social.

  • Acrediten o período de cotización esixido en cada caso:
     
    • Se son menores de 21 anos na data en que inicien a redución de xornada: non se esixe período de cotización.
    • Se teñen cumpridos 21 anos de idade e son menores de 26 na data en que inicien a redución de xornada: 90 días cotizados dentro dos 7 anos inmediatamente anteriores a esta data. Considerarase cumprido o mencionado requisito se, alternativamente, acredita 180 días cotizados ao longo da súa vida laboral, con anterioridade á data indicada.
    • Se teñen cumpridos 26 anos na data en que inicie a redución de xornada: 180 días dentro dos 7 anos inmediatamente anteriores a esta data. Considerarase cumprido o mencionado requisito se, alternativamente, acredita 360 días cotizados ao longo da súa vida laboral, con anterioridade á data indicada.

Cando se trate de traballadores a tempo parcial, o lapso de tempo inmediatamente anterior ao inicio da redución de xornada, no que debe estar comprendido o período mínimo de cotización esixido, incrementarase en proporción inversa á existente entre a xornada efectuada pola persoa traballadora e a xornada habitual na actividade correspondente e exclusivamente en relación cos períodos en que, durante este lapso, se realizase unha xornada inferior á habitual.

  • Atoparse ao corrente no pagamento das cotas, das que sexan responsables directos os traballadores, aínda que a prestación sexa recoñecida, como consecuencia do cómputo recíproco de cotizacións, nun réxime de traballadores por conta allea.

    Para tales efectos, será de aplicación o mecanismo de invitación ao pagamento previsto no |art.  28.2 do Decreto 2530/1970, do 20 de agosto, calquera que sexa o réxime de Seguridade Social no que o interesado estivese incorporado, no momento de acceder á prestación ou no que se cause esta. 
  • Nas situacións de pluriemprego, o recoñecemento do subsidio efectuarase en proporción á porcentaxe de redución que experimente o total da xornada de traballo dos distintos empregos.
  • Nas situacións de pluriactividade, poderá percibirse o subsidio en cada un dos réximes da Seguridade Social no que se reúnan os requisitos esixidos.

    Se se acreditan as condicións para acceder á prestación soamente nun dos réximes, recoñecerase un único subsidio computando exclusivamente as cotizacións satisfeitas a este réxime.

    Se en ningún dos réximes se reúnen os requisitos para acceder ao dereito, totalizaranse as cotizacións efectuadas en todos eles, sempre que non se superpoñan, e recoñecerase o subsidio no réxime no que se acrediten máis días de cotización.

Determinación do suxeito beneficiario

  • Cando ambos proxenitores, adoptantes ou acolledores tivesen dereito ao subsidio, só poderá ser recoñecido en favor dun deles.

  • Nos casos de separación xudicial, nulidade ou divorcio, se ambos proxenitores, adoptantes ou acolledores tivesen dereito ao subsidio poderá ser recoñecido a favor do determinado de común acordo. A falta de acordo e de previsión xudicial expresa, atribuirase a condición de beneficiario a quen se conceda a custodia do menor e, se esta fose compartida, ao que o solicite en primeiro lugar. O disposto neste parágrafo será igualmente de aplicación nos supostos de ruptura dunha unidade familiar baseada nunha análoga relación de afectividade á conxugal.

  • Sempre que os dous proxenitores, adoptantes ou acolledores reúnan os requisitos establecidos, mediante acordo entre ambos e a empresa ou empresas respectivas, poderán alternarse entre eles a percepción do subsidio por períodos non inferiores a un mes, en cuxo caso a percepción do subsidio quedará en suspenso cando se recoñeza un novo subsidio ao outro proxenitor, adoptante ou acolledor.

    O acordo para alternarse no goce da prestación poderá ser solicitado en calquera momento ao longo da duración da prestación.

Nacemento do dereito / Duración

O dereito nace a partir do mesmo día en que se inicie a redución de xornada, sempre que a solicitude se formule no prazo de 3 meses dende a data en que se produciu esta redución. Transcorrido este prazo, os efectos económicos do subsidio terán unha retroactividade máxima de 3 meses.

O subsidio recoñecerase por un período inicial de 1 mes, prorrogable por períodos de 2 meses cando subsista a necesidade do coidado directo, continuo e permanente do menor, que se acreditará mediante declaración do facultativo do SPS ou órgano administrativo sanitario da Comunidade Autónoma correspondente (ou do INGESA nas cidades de Ceuta e Melilla) e, como máximo, ata que o menor cumpra os 18 anos

Cando a necesidade do coidado directo, continuo e permanente do menor, segundo se acredite na declaración médica emitida ao efecto, sexa inferior a 2 meses, o subsidio recoñecerase polo período concreto que conste no informe.

Prestación económica / Contía

  • A prestación consiste nun subsidio, de devindicación diario, equivalente ao 100% da base reguladora (BR) que estea establecida para a prestación de incapacidade temporal (IT) derivada de continxencias profesionais ou, no seu caso, a derivada de continxencias comúns, cando non optase pola cobertura das continxencias profesionais e en proporción á redución que experimente a xornada de traballo.

Cando o traballador non teña cuberta a continxencia de IT no réxime que deba recoñecer a prestación, a BR estará constituída pola base de cotización de continxencias comúns.

A BR modificarase ou actualizarase ao mesmo tempo que as bases de cotización correspondentes.

  • No caso de traballadores contratados a tempo parcial, a BR diaria do subsidio será o resultado de dividir a suma das bases de cotización acreditadas na empresa durante os tres meses inmediatamente anteriores á data de inicio da suspensión laboral, entre o número de días naturais comprendidos neste período. A esta base aplicarase a porcentaxe de redución de xornada que corresponda.

    De ser menor a antigüidade na empresa, a BR será o resultado de dividir a suma das bases de cotización acreditadas entre o nº de días naturais comprendido neste período.
  • Na situación de pluriemprego, a efectos de BR, calcúlase computando todas as bases de cotización correspondentes a cada unha das empresas ou actividades, con aplicación do tope máximo establecido a efectos de cotización.

Suspensión e extinción do dereito

A percepción do subsidio quedará en suspenso:

  • Nas situacións de IT, durante os períodos de descanso por maternidade ou paternidade, nos supostos de risco durante o embarazo e de risco durante a lactación natural e, en xeral, cando a redución da xornada de traballo por coidado de menores afectados de cancro ou outra enfermidade grave concorra con calquera causa de suspensión da relación laboral.

    Cando, por motivos de saúde, a persoa que se facía cargo do menor non poida atenderlle e se atope en situación de IT ou en período de descanso obrigatorio de maternidade por nacemento dun novo fillo, poderá recoñecerse un novo subsidio ao outro proxenitor, adoptante ou acolledor, sempre que reúna os requisitos para ter dereito ao subsidio.
  • No suposto de alternancia na percepción do subsidio entre proxenitores, adoptantes ou acolledores, quedará en suspenso a percepción para a persoa que o tivese recoñecido cando se efectúe o recoñecemento do subsidio ao outro proxenitor, adoptante ou acolledor.  

A percepción do subsidio extinguirase:

  • Pola reincorporación plena ao traballo ou reanudación total da actividade laboral do beneficiario, cesando a redución da xornada por coidado de menores, calquera que sexa a causa que determine este cesamento.
  • Por cesar a necesidade do coidado directo, continuo e permanente do menor, debido á melloría do seu estado ou a alta médica por curación, segundo informe do Servizo Público de Saúde (SPS) ou órgano administrativo sanitario da respectiva comunidade autónoma, responsable da asistencia sanitaria do menor.
  • Cando un dos proxenitores, adoptantes ou acolledores do menor cese na súa actividade laboral, sen prexuízo de que cando ésta se reanude se poida recoñecer un novo subsidio se se acredita polo beneficiario o cumprimento dos requisitos esixidos e sempre que o menor continúe requirindo o coidado directo, continuo e permanente.
  • Por cumprir o menor 18 anos.
  • Por falecemento do menor.
  • Por falecemento do beneficiario da prestación.

As persoas beneficiarias estarán obrigadas a comunicar á correspondente entidade xestora ou á mutua calquera circunstancia que implique a suspensión ou extinción do dereito ao subsidio.

En calquera momento, a correspondente entidade xestora ou a mutua poderá levar a cabo as actuacións necesarias para comprobar que os perceptores do subsidio manteñen o cumprimento dos requisitos esixidos para o seu recoñecemento.

Xestión / Pagamento

A xestión da prestación levarase a cabo por:

  • A correspondente entidade xestora ou mutua colaboradora coa Seguridade Social, coa que o traballador teña cubertas as continxencias profesionais.
  • Se non ten a cobertura dos riscos profesionais, será competente a entidade xestora ou a mutua que asuma a cobertura da IT por continxencias comúns.
  • Se no réxime da Seguridade Social polo que se recoñeza a prestación económica, a traballadora non optase pola cobertura da IT, a xestión daquela atribuirase á correspondente entidade xestora da Seguridade Social.

O pagamento do subsidio realizarase pola entidade xestora ou pola mutua competente na data de inicio dos efectos económicos da prestación, por períodos mensuais vencidos.

A responsabilidade do pagamento manterase ata a data de vencemento do documento de asociación e de cobertura formalizado no seu día. Se na data do vencemento se producise un cambio da entidade que cubra as continxencias profesionais ou comúns, no seu caso, será a nova entidade a que asuma o pagamento durante o período de 12 meses e os sucesivos, no seu caso, en tanto manteña esta cobertura.

No caso de traballadores contratados a tempo parcial, a devindicación do subsidio será por días naturais, aínda que o pagamento se realice mensualmente.

[O empresario virá obrigado a ingresar unicamente as achegas ao seu cargo correspondentes á cotización á Seguridade Social e polos demais conceptos de recadación conxunta que, no seu caso, procedan].

Recoñecemento do dereito

Solicitude da prestación:

O procedemento para o recoñecemento do subsidio iniciarase mediante solicitude da persoa traballadora, dirixida á dirección provincial competente da correspondente entidade xestora da provincia en que aquela teña o seu domicilio, ou ante a mutua colaboradora coa Seguridade Social que lle corresponda.

As solicitudes serán formuladas nos modelos aprobados para tal efecto pola correspondente entidade xestora ou mutua colaboradora coa Seguridade Social e deberán conter os datos que establece o artigo 70 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE 27/11).

Xunto coa solicitude deberá acreditarse ou, no seu caso, achegarse os documentos que se indican na mesma. 

Resolución e notificación:

Á vista dos datos e da documentación presentada e unha vez comprobados todos os requisitos formais, feitos e condicións esixidos para acceder ao subsidio, a correspondente entidade xestora ou a mutua ditará resolución expresa e notificará no prazo de 30 días, contados dende a recepción da solicitude, o recoñecemento ou denegación do dereito á prestación económica.

Transcorrido o prazo de 30 días a que se refire o parágrafo anterior, sen que se ditase e se notificase resolución expresa, a solicitude entenderase desestimada, de conformidade co apartado 2 da disposición adicional vixésimo quinta do texto refundido da LGSS.

As resolucións, expresas ou presuntas, ditadas pola entidade xestora ou a mutua serán recurribles na forma prevista no artigo 71 da Lei 36/2011, do 10 de outubro, reguladora da xurisdición social. 

Documentos que deben acompañar á solicitude

(Deberán presentarse en orixinal acompañado de copia para a súa compulsa ou fotocopia xa compulsada, agás para os documentos de identidade, nos que será suficiente a exhibición do orixinal)

EN TODOS OS CASOS:

  • Acreditación de identidade dos interesados (tamén do causante se ten 14 anos) mediante a seguinte documentación en vigor:
    • Españois: Documento nacional de identidade (DNI).
    • Estranxeiros: Pasaporte ou, no seu caso, documento de identidade vixente no seu país e NIE (Número de Identificación de Estranxeiro) esixido pola AEAT a efectos de pagamento.
  • Certificado da empresa no que consten a contía da base de cotización da persoa traballadora por continxencias profesionais ou, no seu caso, por continxencias comúns, correspondente ao mes previo á data de inicio da redución de xornada e, no seu caso, as cantidades de percepción non periódica aboadas durante o ano anterior a esta data.
  • Certificado da empresa sobre a data de inicio da redución de xornada do traballador prevista no parágrafo 3º do artigo 37.5 do Estatuto dos Traballadores, con indicación da porcentaxe en que quedou fixada esta redución de xornada. 
  • Documentación relativa á cotización:
    • Para os Artistas e Profesionais Taurinos: Declaración de actividades e xustificantes de actuacións que non fosen presentados na TGSS.
    • Traballadores responsables do ingreso das cotas: Xustificantes do pagamento dos 2 últimos meses.
  • Para os empregados de fogar, de carácter fixo, aportarase declaración do responsable do fogar familiar sobre a redución de xornada efectiva da persoa traballadora.
  • Declaración do facultativo do Servizo Público de Saúde no que conste que o menor se atopa afectado por cancro ou outra enfermidade grave que require ingreso hospitalario de longa duración, indicando a data estimada de duración do ingreso e se o menor precisa un tratamento continuado da enfermidade, fóra do centro hospitalario, que indique a duración estimada do mesmo.
  • Libro de familia ou, no seu defecto, certificado da inscrición do fillo no Rexistro Civil ou resolución xudicial da adopción.
  • Resolución xudicial ou administrativa pola que se concedeu o acollemento familiar preadoptivo ou permanente ou, no seu caso, a tutela do menor.

SÓ NO CASO DE TRABALLADORES RESPONSABLES DO INGRESO DE COTAS (traballadores por conta propia ou autónomos e asimilados e persoas empregadas de fogar de carácter descontinuo):

  • Deberán presentar unha declaración indicando expresamente a porcentaxe de redución da súa actividade profesional, en relación coa xornada semanal de 40 horas.

OUTROS DOCUMENTOS:

  • No suposto de non convivencia dos proxenitores, e en ausencia de acordo sobre quen debe percibir a prestación: documentación que acredite a custodia ou a cargo de quen está o menor.
  • No caso de familias monoparentais: Libro de familia no que conste un só proxenitor ou, no caso de que consten dous proxenitores, certificado de defunción dun deles, ou resolución xudicial na que se declare o abandono da familia por parte dun deles.
  • Se o outro proxenitor non pertence ao Sistema da Seguridade Social debe achegar, no seu caso:

    • Certificado expedido pola unidade de persoal do seu centro de traballo indicando que o mesmo realiza unha actividade laboral encadrada no Sistema de Clases Pasivas ou
    • Certificado do Colexio Profesional ao que pertenza, se se trata dunha actividade profesional.
  • SÓ PARA TRABALLADORES POR CONTA PROPIA OU AUTÓNOMOS: declaración da situación da actividade referida á parte de xornada profesional que reduce o traballador autónomo.
  • SÓ NO CASO DE QUE O OUTRO PROXENITOR SEXA FUNCIONARIO, incluído no ámbito de aplicación da Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto Básico do Empregado Público (EBEP): certificado expedido pola unidade de persoal do seu centro de traballo, indicando se lle é de aplicación o EBEP, se goza do permiso establecido no artigo 49.e) desta lei, así como a situación administrativa na que se atopa.
Complementary Content
${loading}