Asistencia sanitaria

Quen pode percibir asistencia sanitaria da Seguridade Social?

Terán dereito á prestación de asistencia sanitaria da Seguridade Social, entre outros:

  • Como asegurados, os traballadores (afiliados e en alta ou en situación asimilada á de alta ), os pensionistas e perceptores de prestacións periódicas, incluídos os perceptores da prestación ou subsidio de desemprego e quen, tendo esgotada a prestación e o subsidio por desemprego, se atopen en desemprego.
  • Os familiares ou asimilados a cargo dos anteriores:
    • O cónxuxe ou persoa con análoga relación de afectividade, que se atope inscrita oficialmente.
    • O ex cónxuxe a cargo do asegurado, con dereito a pensión compensatoria.
    • Os descendentes e persoas asimiladas a cargo do mesmo, menores de 26 anos ou que teñan unha discapacidade en grao igual ou superior ao 65% e os acollidos de feito.
    Todos eles han de reunir os seguintes requisitos:
    • Convivir co titular (agás separados e divorciados) e estar ao seu cargo (agás cónxuxe e parella de feito).
    • Non percibir rendas superiores ao dobre do IPREM.
    • Non ter dereito a esta prestación por título distinto.
  • Persoas de nacionalidade española ou nacionais dalgún Estado membro da Unión Europea, do Espazo Económico Europeo ou de Suíza que residan en España e, os estranxeiros titulares de autorización en vigor para residir en territorio español.
  • Persoas que teñan subscrito Convenio Especial.

A persoa incluída como beneficiaria na cartilla da Seguridade Social dun traballador, ten dereito ás mesmas prestacións sanitarias ca o titular?

En xeral, as prestacións sanitarias teñen o mesmo contido  tanto para o asegurado (traballadores e pensionistas) como para os beneficiarios ao seu cargo, agás que a continxencia determinante fose un accidente de traballo ou enfermidade profesional, en cuxo caso, a asistencia é máis completa (cirurxía plástica e reparadora...).

O traballador divorciado, que convive coa súa parella sen estaren casados, pode incluír a esta como beneficiaria na súa cartilla da Seguridade Social se a súa ex muller segue estando nela porque non traballa?

Con carácter xeral e sempre que cumpra os requisitos esixidos, ten dereito á asistencia sanitaria a persoa que, sen ser cónxuxe do asegurado, teña análoga relación de afectividade e que se atope inscrita oficialmente.

A inclusión como beneficiaria desta persoa non modifica o dereito á asistencia sanitaria do posible ex cónxuxe.

Complementary Content
${loading}