O contido da carteira común de servizos do Sistema Nacional de Saúde (SNS) está regulado na Lei 16/2003, do 28 de maio, e no art. 2 do RD 1030/2006, do 15 de setembro.
A carteira común de servizos do SNS é o conxunto de técnicas, tecnoloxías ou procedementos, entendendo por tales cada un dos métodos, actividades e recursos baseados no coñecemento e experimentación científica, mediante os que se fan efectivas as prestacións sanitarias. Articúlase ao redor das seguintes modalidades:
a) A carteira común básica de servizos asistenciais do SNS comprende todas as actividades asistenciais de prevención, diagnóstico, tratamento e rehabilitación que se realicen en centros sanitarios ou sociosanitarios, así como o transporte sanitario urxente, cubertos de forma completa por financiamento público.
A prestación destes servizos farase de forma que se garanta a continuidade asistencial, baixo un enfoque multidisciplinar, centrado no paciente, garantindo a máxima calidade e seguridade na súa prestación, así como as condicións de accesibilidade e equidade para toda a poboación cuberta.
b) A carteira común suplementaria do SNS inclúe todas aquelas prestacións cuxa provisión se realiza mediante dispensación ambulatoria e están suxeitas a achega do usuario: prestación farmacéutica, prestación ortoprotésica, prestación con produtos dietéticos e o transporte sanitario non urxente, suxeito a prescrición facultativa, por razóns clínicas e cun nivel de achega do usuario acorde ao determinado para a prestación farmacéutica.
A porcentaxe de achega do usuario rexerase polas mesmas normas que regulan a prestación farmacéutica, tomando como base de cálculo para iso o prezo final do produto e sen que se aplique o mesmo límite de contía a esta achega.
c) Carteira común de servizos accesorios do SNS inclúe todas aquelas actividades, servizos ou técnicas, sen carácter de prestación, que non se consideran esenciais e/ou que son coadxuvantes ou de apoio para a mellora dunha patoloxía de carácter crónico, estando suxeitas a achega e/ou reembolso por parte do usuario.
A achega do usuario ou, no seu caso, o reembolso, rexerase polas mesmas normas que regulan a prestación farmacéutica, tomando como referencia o prezo final de facturación que se decida para o SNS.