Aviso Cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies. As cookies non se utilizan para recoller información de carácter persoal.


Valore esta páxina
Valore este contido

Información Xeral

Quen debe cotizar á Seguridade Social?

Os empresarios e os traballadores incluídos no Réxime Xeral que realicen a súa actividade por conta daqueles.

Nacemento e Fin da Obriga de cotizar

A obriga de cotizar nace desde o comezo da prestación do traballo e non se interrompe mentres dura a relación laboral entre o empresario e o traballador. Mesmo subsiste nas situacións de incapacidade temporal, risco durante o embarazo, risco durante a lactación natural, aproveitamento dos períodos de descanso por maternidade e paternidade ou períodos de proba do traballador.

A obriga de cotizar remata ao finalizar a prestación de traballo, sempre que se presente o parte de baixa do traballador dentro dos 3 días naturais seguintes.

Se a baixa do traballador se presenta despois deses 3 días de prazo, a obriga de cotizar continúa ata o día en que a Tesourería Xeral da Seguridade Social coñeza o cesamento no traballo, agás que os interesados proben que este cesamento se produciu con anterioridade.

Canto se debe cotizar?

Cota

As cantidades que se deben ingresar á Seguridade Social, chamadas cotas, calcúlanse aplicándolle á base de cotización do traballador a porcentaxe ou tipo de cotización que lle corresponde a cada continxencia protexida.

Base de cotización

A base de cotización calcúlase engadíndolles ás retribucións mensuais que teña dereito a percibir o traballador, ou que realmente perciba, de seren estas superiores, a parte proporcional das pagas extraordinarias e as demais percepcións de vencementos superiores ao mensual ou que non teñan carácter periódico e se satisfagan no exercicio.

Base de cotización, mínimas e máximas

Anualmente se establecen bases de cotización (mensuais ou diarias) mínimas e máximas para as distintas continxencias e categorías profesionais dos traballadores (grupos de cotización). Para o ano 2017 ver  'Bases de Cotización'. A base de accidentes de traballo e enfermidades profesionais tamén se utiliza para calcular as cotizacións por Desemprego, Fondo de Garantía Salarial e Formación Profesional.


Tipo de cotización


O Tipo de cotización é a porcentaxe que se aplica ás bases de cotización para a obtención das cotas da Seguridade Social. O tipo de cotización distribúese entre o empregador e o empregado, agás as correspondentes a Accidentes de Traballo e Enfermidades Profesionais e ao Fondo de Garantía Salarial, que van a cargo exclusivamente da empresa. Os tipos de cotización son fixados anualmente pola Lei de Presupostos Xerais do Estado. Para o ano 2017 os tipos de cotización para cada continxencia protexida serán os seguintes:

CONTINXENCIAS SEGURIDADE SOCIAL
Concepto Empresa Traballador Total
Continxencias comúns 23,60 4,70 28,30
Accidentes de traballo e enfermidades profesionais Tarifa Primas Disposición adicional cuarta, Lei 42/2006 do 28 de decembro - P.G.E. 2007 Non cotiza

 

OUTROS CONCEPTOS RECADACIÓN CONXUNTA

Concepto Empresa Traballador Total
Desemprego Tipo xeral 5,50 1,55 7,05
Contrato duración determinada Tempo completo 6,70 1,60 8,30
Contrato duración determinada Tempo parcial 6,70 1,60 8,30
Fondo de Garantía Salarial 0,20 Non cotiza 0,20
Formación Profesional 0,60 0,10 0,70
COTIZACIÓN ADICIONAL HORAS EXTRAORDINARIAS
Concepto Empresa Traballador Total
Cotización adicional horas extraordinarias Horas extraordinarias forza maior 12 2 14
Resto horas extraordinarias 23,60 4,70 28,30

Ingreso de Cotas

Responsable:

O empresario é o responsable do ingreso da cotización propia e da dos seus traballadores, para o que descontará do salario dos seus traballadores as achegas que lles correspondan no momento do seu aboamento.

Prazo regulamentario:

As cotas ingresaranse dentro do mes seguinte da súa devindicación.

Lugar:

A presentación dos documentos de cotización para o ingreso das cotas pódese realizar en calquera Entidade Financeira (Bancos, Caixas de Aforros, Cooperativas de Crédito ou Caixas Rurais) autorizada para actuar como Oficina Recadadora.

Remisión electrónica de documentos (RED)

A Dirección Xeral da Tesourería Xeral da Seguridade Social poderá autorizar que a información contida nas relacións nominais de traballadores TC-2 sexa facilitada a través da Remisión electrónica, informática ou telemática de documentos. A comunicación de datos utilizando os medios citados determinará o cumprimento da obriga verbo da presentación de documentos de cotización en prazo regulamentario.

A utilización do Sistema RED  permite efectuar o pagamento das cotas mediante as modalidades de pagamento electrónico ou de domiciliación bancaria.

Se a empresa elixe a modalidade de pagamento electrónico, efectuará o ingreso en calquera entidade financeira colaboradora da Seguridade Social co recibo que lle facilita a Tesourería Xeral da Seguridade Social a través do Sistema RED.

En caso de que opte pola modalidade de domiciliación bancaria unicamente, terá que indicar o número de conta no que desexa se lle efectúe o cargo, sen necesidade de acudir á entidade financeira.

Efectos da presentación de documentación en prazo

A presentación no prazo regulamentario dos documentos de cotización producirá os efectos seguintes:

    • O suxeito responsable pode efectuar na súa liquidación as compensacións polas prestacións económicas aboadas, en réxime de pagamento delegado, por incapacidade temporal, correspondentes ao mesmo período, obxecto de liquidación. Se ademais da presentación se efectuase o ingreso en prazo regulamentario, poderanse aplicar as correspondentes deducións por reducións ou bonificacións.
    • Evitarase a comisión dunha infracción tipificada como grave polo artigo 22 do RD lexislativo 5/2000 do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da lei sobre infraccións e sancións na orde social, ou na responsabilidade penal que, se é o caso, puidese derivar.

Recargas e xuros de demora:

Transcorrido o prazo regulamentario establecido para o pagamento das cotas á Seguridade Social, sen que estas se ingresasen e sen prexuízo das especialidades previstas para os aprazamentos, acumularanse as seguintes recargas:

  • Presentación dos documentos de cotización dentro do prazo regulamentario:
    • Recarga do 20 % da débeda, se se aboasen as cotas debidas tras o vencemento do prazo regulamentario.
  • Sen presentación dos documentos de cotización en prazo:

    • Recarga do 20% da débeda, se se aboasen as cotas debidas antes da terminación do prazo de ingreso establecido na reclamación de débeda ou na acta de liquidación.
    • Recarga do 35% da débeda, se se aboasen as cotas debidas a partir da terminación deste prazo de ingreso.

  • Xuros de demora:

    Os xuros de demora percibiranse a partir do día seguinte ao do vencemento do prazo regulamentario de ingreso das cotas, aínda que serán esixibles unha vez transcorridos quince días naturais dende a notificación da providencia de constrinximento ou comunicación do inicio do procedemento de dedución, sen que se aboase a débeda.

    Así mesmo, serán esixibles estes xuros cando non se aboase o importe da débeda no prazo fixado nas resolucións desestimatorias dos recursos presentados contra as reclamacións de débeda ou actas de liquidación, se a execución destas resolucións fose suspendida nos trámites do recurso contencioso-administrativo que contra elas se interpuxese.

    Os xuros de demora esixibles serán os que reportase o principal da débeda desde o vencemento do prazo regulamentario de ingreso e os que reportase, ademais, a recarga aplicable no momento do pagamento, desde a data en que, segundo o apartado anterior, sexan esixibles.

    O tipo de xuro de demora será o xuro legal do diñeiro vixente en cada momento do período de acumulación de xuros, incrementado nun 25%, agás que a Lei de Orzamentos Xerais do Estado estableza un diferente. Para o ano 2017, o 3,75%.

Complementary Content
${loading}