Prestacións incluídas no Convenio
Información xeral
O Convenio aplícase ás seguintes prestacións:
En relación con España:
Ás seguintes prestacións de carácter contributivo do sistema da Seguridade Social:
-
Asistencia sanitaria por maternidade, enfermidade común ou profesional e accidente, sexa ou non de traballo.
-
Prestacións económicas por incapacidade temporal nos casos de enfermidade común e accidente non laboral.
-
Prestacións económicas por maternidade.
-
Prestacións por incapacidade permanente, xubilación, morte e supervivencia.
-
Prestacións económicas derivadas de accidente de traballo e enfermidades profesionais.
-
Prestacións familiares por fillos a cargo.
En relación con Tunisia:
Ás lexislacións de Seguridade Social de carácter contributivo aplicables aos traballadores asalariados, non asalariados ou asimilados relativas a:
-
Prestacións dos Seguros Sociais (enfermidade, maternidade e morte).
-
Reparación dos accidentes de traballo e enfermidades profesionais.
-
Prestacións do Seguro de invalidez, vellez e supervivencia.
-
Prestacións familiares.
Respecto a estas prestacións hai que ter en conta que:
-
Para adquirir as prestacións de carácter contributivo previstas no Convenio pódense sumar os períodos de seguro cumpridos en España e en Tunisia.
-
As prestacións económicas de carácter contributivo poderanse percibir con independencia de que o interesado resida ou se atope en España ou en Tunisia.
-
Cada país aboará as súas propias prestacións directamente ao beneficiario.
-
As persoas que reúnan os requisitos esixidos polas lexislacións de ambos os dous países para ter dereito a pensión contributiva, poderán percibila de cada un deles.
Asistencia sanitaria
A asistencia sanitaria recoñécea, de acordo coa súa lexislación nacional, o país no que estea asegurado o traballador, totalizando cando sexa necesario, os períodos de seguro de ambos países, sempre que non se superpoñan, ou para o pensionista, o país que lle aboe a pensión.
Normalmente a presta o país que a recoñece pero tamén poden recibila cando se despracen ou residan no outro país nos casos seguintes:
-
Traballadores asegurados nun país, así como os seus familiares, que se despracen temporalmente ao seu país de procedencia por vacacións retribuídas ou ausencias autorizadas e que precisen de forma inmediata a asistencia sanitaria.
-
Traballadores enfermos que fosen autorizados a trasladarse ao outro país.
-
Pensionistas dun país e os seus familiares que se atopen ou residan no outro país. Durante a estadía temporal só teñen dereito a prestacións por necesidade inmediata.
-
Familiares do traballador asegurado nun país que residan no territorio do outro país.
As prestacións sanitarias sérvense no país onde se atope o beneficiario, e segundo o establecido na lexislación sanitaria e nos Servizos Públicos de Saúde dese país, durante o tempo que autorice a Institución do país onde o traballador estea afiliado ou que aboe a pensión.
Incapacidade temporal e Maternidade
Para o recoñecemento destas prestacións súmanse, se é necesario, os períodos de seguro de ambos os dous países.
Invalidez, Vellez e Supervivencia
Cada país examinará por separado a solicitude de pensión na forma seguinte:
-
A Institución competente de cada país determinará se o interesado alcanza dereito á pensión tendo en conta unicamente os períodos de seguro propios, sen sumar os do outro país.
-
Así mesmo, a devandita Institución determinará o dereito a pensión sumando aos períodos de seguro propios os acreditados no outro país. Neste suposto, o importe da pensión non será íntegro, senón segundo a proporción existente entre os períodos de seguro cumpridos no país que a outorgue e a suma dos períodos de España e Tunisia.
-
Unha vez determinados os dereitos do interesado segundo o indicado nos apartados anteriores, a Institución competente de cada país recoñecerá e aboará a pensión que lle sexa máis favorable ao interesado.
-
No suposto de pensión de xubilación da Seguridade Social española, para a que se totalizasen períodos de seguro acreditados en Tunisia, a devandita totalización utilizarase igualmente para determinar a idade na que se pode acceder á pensión.
Accidente de Traballo e Enfermidade Profesional
A prestación será determinada polo país a cuxa lexislación estivese suxeito o traballador na data na que se produciu o accidente ou na que contraeu a enfermidade.