Prestacións incluídas no Convenio
Prestacións incluídas no Convenio
Información xeral
O Convenio aplícase ás seguintes prestacións:
En relación con España:
Ás seguintes prestacións económicas do Sistema da Seguridade Social:
-
Prestacións por incapacidade temporal por enfermidade común e accidente non laboral.
-
Prestacións por maternidade e risco durante o embarazo.
-
Prestacións por incapacidade permanente, xubilación e morte e supervivencia.
-
Prestacións por accidente de traballo e enfermidade profesional.
En relación con Filipinas:
Ás seguintes prestacións económicas:
-
Prestacións por maternidade e por enfermidade.
-
Prestacións por xubilación.
-
Prestacións por invalidez.
-
Prestacións por morte e supervivencia.
-
Prestacións por accidente de traballo e enfermidade profesional.
Respecto a estas prestacións hai que ter en conta que:
-
Para adquirir as prestacións de carácter contributivo previstas no Convenio pódense sumar os períodos de seguro feitos en España e en Filipinas.
-
As prestacións económicas de carácter contributivo poderanse percibir con independencia de que o interesado resida ou se encontre en España ou en Filipinas, agás as prestacións por incapacidade temporal e as prestacións non contributivas que non se aboarán cando o beneficiario resida no territorio do outro país.
-
Cada país aboará as súas propias prestacións directamente ao beneficiario.
-
As persoas que reúnan os requisitos esixidos polas lexislacións de ambos os dous países para ter dereito a pensión contributiva, poderán percibila de cada un deles.
Incapacidade temporal, e maternidade e risco durante o embarazo
As prestacións económicas recoñéceas o país no que estea asegurado o beneficiario/a, tendo en conta, se é preciso, os períodos de seguro do outro país, sempre que non se superpoñan.
Invalidez, Xubilación e Supervivencia
Cada país examinará por separado a solicitude de pensión na forma seguinte:
-
Comprobarase se o interesado alcanza dereito á prestación tendo en conta, unicamente, os períodos de seguro propios sen sumar os do outro país.
-
Así mesmo, calcularase a prestación sumando aos períodos de seguro propios os acreditados no outro país (pensión teórica). Neste suposto, o importe da prestación non será íntegro, senón segundo a proporción existente entre os períodos de seguro feitos no país que a outorgue e a suma dos períodos de España e Filipinas (pensión pro rata).
Existe unha excepción para os supostos nos cales a duración total dos períodos de seguro acreditados nun dos dous países sexa inferior a un ano e que por si mesmos non dean dereito a pensión nese país. Asumiranse, se fose necesario, polo outro país como propios, pero sen aplicar a cláusula "pro rata temporis".
Se os períodos de seguro acreditados en cada un dos dous países non chega a un ano, estes sumaranse polo país no que o interesado reúna os requisitos para acceder á prestación, aplicando, neste caso, a cláusula "pro rata temporis".
Compararanse as prestacións calculadas segundo o indicado nos apartados anteriores e cada país recoñecerá e aboará a prestación que sexa máis favorable ao interesado.
Para o recoñecemento e cálculo da pensión terase en conta:
Se a lexislación dalgún dos países esixe unha duración máxima de períodos de seguro para o recoñecemento dunha prestación completa, cuxa contía está en función dos períodos de seguro, a Institución competente dese país terá en conta, nos supostos de totalización, soamente os períodos de cotización do outro país necesarios para alcanzar dereito á devandita pensión.
A Institución que calcula a pensión considerará que o traballador se encontra sometido á súa lexislación, se está asegurado no outro país ou recibe unha prestación dese país baseada nos seus propios períodos de seguro. Para o recoñecemento das pensións de supervivencia terase en conta se o falecido se encontraba asegurado ou era pensionista do outro país.
Se para o recoñecemento dunha prestación se esixe que algúns períodos de seguro se tivesen feito inmediatamente antes do feito causante da devandita prestación, este requisito considérase tamén cumprido se o interesado os acredita no período inmediatamente anterior ao recoñecemento da prestación do outro país.
Se a lexislación dun dos países asinantes contén cláusulas de redución, de suspensión ou de supresión da pensión para o caso de pensionistas que exerzan unha actividade laboral, estas seranlles aplicables aínda que a devandita actividade laboral a efectúe no outro país.
Se para o recoñecemento da pensión española foi preciso sumar períodos de seguro en Filipinas, o cálculo desta pensión efectuarase segundo as bases de cotización reais acreditadas polo asegurado en España durante os anos que preceden inmediatamente ao pagamento da última cotización á Seguridade Social española. A contía así obtida incrementarase segundo as revalorizacións establecidas anualmente ata a data do feito causante para as prestacións da mesma natureza.
Para acceder aos beneficios de determinados réximes especiais (por exemplo, traballadores do Mar, Minaría do Carbón) só se terán en conta os períodos do outro país que se tivesen feito en igual profesión ou emprego.
No suposto de pensión de xubilación da Seguridade Social española para a que se totalizasen períodos de seguro acreditados en Filipinas, a devandita totalización utilizarase igualmente para determinar a idade na que se pode acceder á pensión.
Accidente de Traballo e Enfermidade Profesional
A prestación será determinada polo país a cuxa lexislación se achase suxeito o traballador na data de producirse o accidente ou durante o tempo que exerceu a actividade suxeita ao risco da enfermidade profesional.