Aviso Cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario. As cookies non se utilizan para recoller información de carácter persoal. Para máis información consulte a nosa política de cookies.

Valore esta página
Valore este contenido

Ingreso Mínimo Vital

Resultados de la búsqueda

A páxina á que intenta acceder non está dispoñible no idioma seleccionado. Desculpe as molestias.
Idiomas dispoñibles: Castellano

A páxina á que intenta acceder non está dispoñible no idioma seleccionado. Desculpe as molestias.
Idiomas dispoñibles: Castellano

O Ingreso Mínimo Vital é unha prestación dirixida a previr o risco de pobreza e exclusión social das persoas que viven soas ou están integradas nunha unidade de convivencia e carecen de recursos económicos básicos para cubrir as súas necesidades básicas.

Configúrase como dereito subxectivo a unha prestación económica, que forma parte da acción protectora da Seguridade Social, e garante un nivel mínimo de renda aos que se encontren en situación de vulnerabilidade económica.  Persegue garantir unha mellora real de oportunidades de inclusión social e laboral das persoas beneficiarias.

Opera como unha rede de protección dirixida a permitir o tránsito dende unha situación de exclusión a unha participación na sociedade. Conterá para iso no seu deseño incentivos ao emprego e á inclusión, articulados a través de distintas fórmulas de cooperación entre administracións.


Beneficiarios

Beneficiarios individuais

  • Persoas de, polo menos, 23 anos que, aínda que compartan domicilio cunha unidade de convivencia, non se integren nela, sempre que:

    • Non estean casadas, agás que iniciasen os trámites de separación ou divorcio.
    • Non estean unidas a outra persoa como parella de feito.
    • Non formen parte doutra unidade de convivencia.

    Se se trata de persoas de entre 23 e 29 anos, deberán ter residencia legal e efectiva en España e vivir de forma independente durante, polo menos, os tres anos anteriores á solicitude, agás que abandonasen o domicilio habitual por ser vítimas de violencia de xénero, iniciasen trámites de separación ou divorcio ou outras circunstancias que se determinen. Enténdese que unha persoa viviu de forma independente se acredita que o seu domicilio foi distinto ao dos seus proxenitores, titores ou acolledores durante os tres anos e que no devandito período permaneceu durante polo menos doce meses, continuados ou non,  de alta na Seguridade Social, Clases Pasivas do Estado ou unha mutualidade alternativa ao Réxime Especial de Traballadores por Conta Propia ou Autónomos.
    Se se trata de persoas maiores de 30 anos deberán acreditar que, durante o ano inmediatamente anterior á devandita data, o seu domicilio en España foi distinto ao dos seus proxenitores, titores ou acolledores, salvo que o cesamento da convivencia cos proxenitores, titores ou acolledores se debese ao falecemento destes.    

  • Mulleres maiores de idade vítimas de violencia de xénero ou vítimas de trata de seres humanos e explotación sexual.
  • Persoas de entre 18 e 22 anos que proveñan de centros residenciais de protección de menores das diferentes Comunidades Autónomas, despois de estar baixo a tutela de Entidades Públicas de protección de menores dentro dos tres anos anteriores á maioría de idade, ou sexan orfos absolutos, sempre que vivan sós sen integrarse nunha unidade de convivencia.
  • Persoas sen fogar.
  • Non teñen dereito á prestación as persoas usuarias dunha prestación de servizo residencial, de carácter social, sanitario ou sociosanitario, con carácter permanente, agás no suposto de mulleres vítimas de violencia de xénero ou vítimas de trata de seres humanos e explotación sexual.

Titulares da unidade de convivencia

Os titulares do IMV, é dicir, as persoas que perciben a prestación en nome da unidade de convivencia e a representan, deberán ter capacidade xurídica e unha idade mínima de 23 anos.

Tamén poderán ser titulares, sempre que teñan capacidade xurídica, as persoas maiores de idade ou menores emancipados, cando teñan fillos ou menores en réxime de garda con fins de adopción ou acollemento familiar permanente ou os orfos absolutos cando sexan os únicos membros da unidade de convivencia e ningún deles alcance a idade de 23 anos.


Unidade de convivencia

A unidade de convivencia está formada por todas as persoas que vivan nun mesmo domicilio, unidas por vínculo matrimonial ou como parella de feito ou por un vínculo ata o segundo grao por consanguinidade ou afinidade, adopción, e outras persoas coas que conviva en virtude de garda con fins de adopción ou acollemento familiar permanente.

Considerarase parella de feito, para estes efectos, a constituída con análoga relación de afectividade á conxugal con polo menos dous anos de antelación, polos que, non achándose impedidos para casarse, non teñan vínculo matrimonial con outra persoa e convivisen de forma estable e notoria con carácter inmediato á solicitude da prestación e cunha duración ininterrompida non inferior a cinco anos.

Poderán ser beneficiarias da prestación as persoas que, sen integrarse na unidade de convivencia ou integradas nunha unidade de convivencia independente, residan no mesmo domicilio con outras coas que teñan algún dos vínculos de parentesco sinalados. Para iso deberán encontrarse nalgún destes supostos:

a) Cando unha muller, vítima de violencia de xénero, abandone o seu domicilio familiar habitual acompañada ou non dos seus fillos ou de menores en réxime de garda con fins de adopción ou acollemento familiar permanente.

b) Cando con motivo do inicio dos trámites de separación, nulidade ou divorcio, ou de instalarse a disolución da parella de feito formalmente constituída, unha persoa abandonase o seu domicilio familiar habitual acompañada ou non dos seus fillos ou menores en réxime de garda con fins de adopción ou acollemento familiar permanente. No suposto de parellas de feito non formalizadas que cesasen a convivencia, a persoa que solicite a prestación deberá acreditar, no seu caso, o inicio dos trámites para a atribución da garda e custodia dos menores.

c) Cando se acredite abandono do domicilio por desafiuzamento, ou por quedar este inhabitable por mor dun accidente ou de forza maior, así como outros supostos que se establezan regulamentariamente.

Nos supostos previstos nos apartados b) e c) unicamente caberá a consideración como unidade independente durante os tres anos seguintes á data en que se producisen os feitos indicados en cada unha delas.

Cando convivan no mesmo domicilio persoas entre as que non concorran os vínculos de parentesco sinalados, poderán ser titulares do ingreso mínimo vital aquela ou aquelas que se encontren en risco de exclusión social, circunstancia que debe ser acreditada polos servizos sociais ou por entidades do terceiro sector inscritas no rexistro de mediadores sociais do ingreso mínimo vital.

Cando se trate de persoas que figuren empadroadas en establecementos colectivos, ou por carecer de teito e residir habitualmente nun municipio, figuren empadroadas nun domicilio ficticio, a unidade de convivencia estará constituída polas persoas unidas entre si por vínculo matrimonial, como parella de feito, e, no seu caso, cos seus descendentes menores de idade ata o primeiro grao de consanguinidade, afinidade, adopción ou en virtude de réxime de acollemento familiar permanente ou garda con fins de adopción. Os descendentes citados poderán ser ata o segundo grao se non estivesen empadroados cos seus ascendentes do primeiro grao.

A unidade de convivencia debe estar constituída de forma continuada durante, polo menos, os seis meses anteriores á presentación da solicitude.

Considerarase que non rompe a convivencia a separación transitoria motivada por razón de estudos, traballo, tratamento médico, rehabilitación ou outras causas similares.

Unha mesma persoa non pode formar parte de máis dunha unidade de convivencia.

Requisitos

Os seguintes requisitos deben cumprirse tanto no momento da presentación da solicitude coma das súas revisións, e manterse ao ditar a resolución e durante o tempo da percepción da prestación:

  1. Ter residencia en España:

    Os beneficiarios individuais ou membros dunha unidade de convivencia deben ter residencia legal e efectiva en España de forma continuada e ininterrompida durante, polo menos, o ano anterior a presentar a solicitude. Non se esixe o prazo dun ano a:
    • Os menores incorporados á unidade de convivencia por nacemento, adopción, reagrupación familiar de fillos e fillas, garda con fins de adopción ou acollemento familiar permanente.
    • As persoas vítimas de trata de seres humanos e de explotación sexual.
    • As mulleres vítima de violencia de xénero.

  2. Estar en situación de vulnerabilidade económica:

    Para determinar a situación de vulnerabilidade económica tómase en consideración a capacidade económica da persoa solicitante individual ou da unidade de convivencia, computando os recursos de todos os seus membros.

    Este requisito cúmprese cando a media mensual de ingresos e rendas anuais computables do exercicio anterior sexa inferior polo menos en 10 euros á contía mensual garantida polo ingreso mínimo vital que corresponda segundo a modalidade e o número de membros da unidade de convivencia. Computará como ingreso o importe das pensións e prestacións, contributivas ou non contributivas, públicas ou privadas.

    Non se considera en situación de vulnerabilidade económica a persoa beneficiaria individual que sexa titular dun patrimonio neto, sen incluír a vivenda habitual, valorado nun importe igual ou superior a tres veces a contía correspondente de renda garantida polo ingreso mínimo vital para unha persoa beneficiaria individual. En 2023 isto equivale a 20.353,62 euros.

    Cando se trate de unidades de convivencia, non se considera en situación de vulnerabilidade económica cando sexan titulares dun patrimonio, sen incluír a vivenda habitual, valorado nun importe igual ou superior ao que se indica nesta táboa en función do tamaño e configuración da unidade de convivencia.

    Táboa que mostra a escala de incrementos e límite en euros no patrimonio con relación á unidade de convivencia
    Unidade de convivencia Escala de Incrementos Límite euros
    Un adulto só 1 20.353,62
    Un adulto e un menor 1,40 28.495,07
    Un adulto e dous menores 1,80 36.636,52
    Un adulto e tres menores 2,20 44.777,96
    Un adulto e máis de tres menores 2,60 52.919,41
    Dous adultos  1,40 28.495,07
    Dous adultos e un menor 1,80 36.636,52
    Dous adultos e dous menores 2,20 44.777,96
    Dous adultos e máis de dous menores  2,60 52.919,41
    Tres adultos 1,80 36.636,52
    Tres adultos e un menor 2,20 44.777,96
    Tres adultos e máis de dous menores  2,60 52.919,41
    Catro adultos  2,20 44.777,96
    Catro adultos e un menor 2,60 52.919,41
    Outros  2,60 52.919,41

    Quedarán excluídos do acceso ao ingreso mínimo vital, independentemente da valoración do patrimonio neto, as persoas beneficiarias individuais ou as unidades de convivencia, que posúan activos non societarios sen vivenda habitual por un valor superior ao que, para cada configuración da unidade de convivencia, se indica nesta táboa:

    Unidade de convivencia Escala de Incrementos Límite euros
    Un adulto só 1 40.707,24
    Un adulto e un menor 1,40 56.990,14
    Un adulto e dous menores 1,80 73.273,03
    Un adulto e tres ou menores 2,20 89.555,93
    Un adulto e máis de tres menores 2,60 105.838,82
    Dous adultos  1,40 56.990,14
    Dous adultos e un menor 1,80 73.273,03
    Dous adultos e dous menores 2,20 89.555,93
    Dous adultos e máis de dous menores  2,60 105.838,82
    Tres adultos  1,80 73.273,03
    Tres adultos e un menor 2,20 89.555,93
    Tres adultos e máis de dous menores  2,60 105.838,82
    Catro adultos  2,20 89.555,93
    Catro adultos e un menor 2,60 105.838,82
    Outros  2,60 105.838,82

    Establécese un complemento de axuda para a infancia para aquelas unidades de convivencia que inclúan menores de idade entre os seus membros. O recoñecemento deste complemento está suxeito a que no exercicio inmediatamente anterior ao da solicitude os ingresos computables sexan inferiores ao 300% da contía garantida polo ingreso mínimo vital e o patrimonio neto sexa inferior ao 150% dos límites sinalados anteriormente, sempre que se cumpra o límite de activos non societarios indicado.

    Tampouco se consideran en situación de vulnerabilidade económica, con independencia da valoración do patrimonio, as persoas beneficiarias individuais ou as persoas que se integren nunha unidade de convivencia na que calquera dos seus membros sexa administrador de dereito dunha sociedade mercantil que non fose cesado na súa actividade.

A percepción da prestación do ingreso mínimo vital será incompatible coa percepción da asignación económica por fillo ou menor acollido a cargo, sen discapacidade ou con discapacidade inferior ao 33 por 100, cando exista identidade de causante ou beneficiarios desta.

No suposto de que a contía da prestación de ingreso mínimo vital sexa superior á da asignación económica por fillo ou menor a cargo, recoñecerase o dereito á prestación de ingreso mínimo vital. O devandito recoñecemento extinguirá o dereito á asignación por fillo ou menor a cargo do beneficiario do ingreso mínimo vital.

No suposto de que a contía da prestación de ingreso mínimo vital sexa inferior á da asignación económica por fillo ou menor a cargo, e o interesado optase pola primeira, o seu recoñecemento extinguirá o dereito á asignación económica por fillo ou menor a cargo do beneficiario do ingreso mínimo vital. Se optase pola asignación económica por fillo ou menor a cargo, denegarase por esta causa a solicitude da prestación de ingreso mínimo vital.

Acreditación dos requisitos

  1. A identidade, tanto das persoas solicitantes como das que forman a unidade de convivencia, acreditarase mediante o documento nacional de identidade no caso dos españois e mediante o documento nacional de identidade do seu país de orixe ou de procedencia, ou a tarxeta de identificación de estranxeiro, ou o pasaporte, no caso dos cidadáns estranxeiros que, ademais, deben achegar o número persoal de identificación (NIE) se non consta nos documentos presentados para acreditar a identidade ou a residencia legal en España.

    O DNI é esixible a todos os españois membros da unidade de convivencia, calquera que sexa a súa idade, pero os menores de 14 anos integrados nunha unidade de convivencia están exentos do pagamento de taxas de expedición e renovación do DNI.
  2. A residencia legal en España acreditarase mediante a inscrición no rexistro central de estranxeiros, no caso de nacionais dos Estados membros da Unión Europea, Espazo Económico Europeo ou a Confederación Suíza, ou con tarxeta de familiar de cidadán da Unión ou autorización de residencia, en calquera das súas modalidades, no caso de estranxeiros doutra nacionalidade. 

    As persoas vítimas de trata de seres humanos e de explotación sexual, así como os seus fillos, poderán acreditar a residencia legal en España coa autorización provisional de residencia expedida pola Secretaría de Estado de Seguridade do Ministerio do Interior por colaboración coas autoridades policiais ou xudiciais, ou expedida pola Secretaría de Estado de Migracións en atención á situación persoal da vítima. 

    As mulleres vítimas de violencia de xénero e os seus fillos poderán acreditar a residencia legal en España coa autorización provisional de residencia expedida pola autoridade que sexa competente para outorgar a autorización de residencia por circunstancias excepcionais, en tanto se resolve sobre esta última autorización.                                   
  3. O domicilio en España acreditarase co certificado de empadroamento.
  4. A existencia da unidade de convivencia acreditarase mediante o libro de familia, certificado do rexistro civil, e cos datos constantes nos Padróns municipais relativos aos inscritos na mesma vivenda. 

    Cando non haxa coincidencia cos datos que se fixesen constar na solicitude da prestación solicitarase a achega do correspondente certificado de empadroamento, histórico e colectivo do período requirido en cada suposto, referidos aos domicilios onde residen ou residiron os membros da unidade de convivencia, expedido polo Concello.
  5. A existencia de parella de feito acreditarase mediante certificación da inscrición nalgún dos rexistros específicos existentes nas comunidades autónomas ou concellos do lugar de residencia ou documento público no que conste a constitución desta parella. Tanto a mencionada inscrición como a formalización do correspondente documento público deberán terse producido cunha antelación mínima de dous anos con respecto á data da solicitude da prestación.   

  6. O inicio dos trámites de separación ou divorcio, ou a súa existencia, acreditarase coa presentación da demanda ou coa correspondente resolución xudicial, ou mediante documento público.
  7. Non estar unido a outra persoa por vínculo matrimonial ou parella de feito, acreditarase por declaración xurada ou afirmación solemne do propio suxeito que constará na propia solicitude da prestación. A devandita declaración xurada ou afirmación solemne non impedirá que a entidade xestora requira acreditación adicional no caso de dúbida fundada.
  8. A acreditación de ter vivido de forma independente respecto aos proxenitores, titores ou acolledores efectuarase mediante os datos facilitados polo Instituto Nacional de Estatística ou, no seu caso, o certificado de empadroamento histórico e colectivo no que consten todas as persoas empadroadas no domicilio do solicitante durante o devandito período.
  9. Considérase persoa sen fogar aquela que carece de teito e reside habitualmente no municipio e acreditarase mediante o empadroamento nun domicilio ficticio en aplicación das correspondentes instrucións técnicas aos Concellos sobre a xestión do Padrón municipal.
  10. A condición vítima de violencia de xénero acreditarase por calquera dos medios establecidos no artigo 23 da Lei Orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero.
  11. A condición de vítima de trata de seres humanos e de explotación sexual, acreditarase a través dun informe emitido polos servizos públicos encargados da atención integral a estas vítimas ou polos servizos sociais. Tamén se poderá acreditar mediante un informe emitido por entidades sociais especializadas debidamente recoñecidas polas Administracións Públicas competentes na materia.
  12. A condición de persoa de entre 18 e 22 anos que proveñan de centros residenciais de protección de menores acreditarase mediante o certificado expedido pola entidade que ostentase a acollida ou tutela da Comunidade Autónoma correspondente.
  13. A condición de persoa con discapacidade igual ou superior ao 65 % acreditarase con certificado do órgano competente das comunidades autónomas e do IMSERSO en Ceuta e Melilla.
  14. Os requisitos de ingresos e patrimonio para o acceso e mantemento das prestacións económica de ingreso mínimo vital, realizarase pola entidade xestora conforme á información que se obteña por medios telemáticos da Axencia Estatal de Administración Tributaria e nas Facendas Tributarias Forais de Navarra e dos territorios históricos do País Vasco.
  15. Non será esixible ao solicitante a acreditación de feitos, datos ou circunstancias que a Administración da Seguridade Social deba coñecer de si propia, tales como a situación do beneficiario con relación ao sistema da Seguridade Social; ou a percepción polos membros da unidade de convivencia doutra prestación económica que conste no rexistro de prestacións sociais públicas.
  16. Requirirase un certificado expedido polos servizos sociais competentes ou por entidades do terceiro sector de acción social inscritas no rexistro de mediadores sociais do IMV, cando fose necesario para acreditar os seguintes requisitos:                                                                                                                      

    a) A residencia efectiva en España das persoas que á data da solicitude se encontren empadroadas nun domicilio ficticio en aplicación das correspondentes instrucións técnicas aos Concellos sobre a xestión do Padrón municipal.

    b) O carácter temporal da prestación de servizo residencial, de carácter social, sanitario ou sociosanitario, da que sexa usuario o solicitante da prestación de ingreso mínimo vital.

    c) O domicilio real da persoa que alegase non vivir no que consta no empadroamento.

    d) A inexistencia de vínculos de parentesco, cando no mesmo domicilio, ademais dos solicitantes do ingreso mínimo vital unidos polos devanditos vínculos, se encontren empadroadas outras persoas coas que se alegue non ter lazos de parentesco, de consanguinidade ou de afinidade, nin que se constituíse unha parella de feito.

    e) A inexistencia de vínculos de parentesco entre todos ou parte dos convivintes cando un deles solicitase o ingreso mínimo vital.

    f) O cumprimento dos requisitos relativos á acreditación de vivir de forma independente en España e á acreditación de formar parte dunha unidade de convivencia durante polo menos o ano anterior á presentación da solicitude.

  17. En todo caso, requirirase certificado expedido polos  servizos sociais competentes ou por entidades do terceiro sector de acción social inscritas no rexistro de mediadores sociais do IMV para acreditar o risco de exclusión social nos supostos de conviventes sen vínculo de parentesco.


Contías

Determinación da contía

A contía do ingreso mínimo vital para o beneficiario individual ou a unidade de convivencia será a diferenza entre a renda garantida e o conxunto de rendas e ingresos de tales persoas, sempre que a contía resultante sexa igual ou superior a 10 euros mensuais.

A contía mensual da renda garantida en 2024 é:

  • Para un beneficiario individual: o 100 por 100 do importe anual das pensións non contributivas dividido entre doce. En 2024 son 604,21 euros. Esta cantidade increméntase un 22 por 100 se o perceptor ten un grao de discapacidade igual ou superior ao 65 por 100.
  • Para a unidade de convivencia a contía anterior incrementada nun 30 por 100 por membro adicional a partir do segundo, cun máximo do 220 por 100. Para 2024 os importes son:

    • 785,48 euros para unha unidade de convivencia formada por un adulto e un menor ou dous adultos.
    • 966,74 euros para unha unidade de convivencia formada por un adulto e dous menores, dous adultos e un menor ou tres adultos.
    • 1.148,01 euros para unha unidade de convivencia formada por un adulto e tres menores, dous adultos e dous menores ou tres adultos e un menor ou por catro adultos.
    • 1.329,27 euros para unha unidade de convivencia formada por un adulto e catro ou máis menores, dous adultos e tres ou máis menores ou tres adultos e dous ou máis menores, ou por catro adultos e un menor.
  • A contía sinalada no punto anterior increméntase cun complemento de 22 por 100 do importe, cando se trata de unidade de convivencia monoparental (un só adulto que conviva cun ou máis descendentes ata o segundo grao menores de idade sobre os que teña a garda e custodia exclusiva, ou que conviva cun ou máis menores en réxime de acollemento familiar permanente ou garda con fins de adopción cando se trata do único acolledor ou gardador, ou cando o outro proxenitor, gardador ou acolledor se encontre ingresado en prisión ou nun centro hospitalario por un período ininterrompido igual ou superior a un ano). Para 2024 os importes mensuais son:

    • 918,4 euros para unha unidade de convivencia monoparental formada por un adulto e un menor.
    • 1.099,67 euros para unha unidade de convivencia monoparental formada por un adulto e dous menores.
    • 1.280,93 euros para unha unidade de convivencia monoparental formada por un adulto e tres menores.
    • 1.462,20 euros para unha unidade de convivencia monoparental formada por un adulto e catro ou máis menores.
  • No suposto de que os descendentes ou menores referidos no parágrafo anterior convivan exclusivamente cos seus proxenitores ou, no seu caso, cos seus avós ou gardadores ou acolledores, recoñecerase o mesmo complemento cando un destes teña recoñecido un grao 3 de dependencia, a incapacidade permanente absoluta ou a grande invalidez. Tamén se entenderá como unidade de convivencia monoparental, para os efectos da percepción do indicado complemento, a formada exclusivamente por unha muller que sufriu violencia de xénero e un ou máis descendentes ata o segundo grao, menores de idade, sobre os que teña a garda e custodia ou, no seu caso, un ou máis menores en réxime de acollemento familiar permanente ou garda con fins de adopción.
  • Á contía mensual que corresponda á unidade de convivencia sumarase un complemento equivalente a un 22 por cento no suposto no que na unidade de convivencia estea incluída algunha persoa cun grao de discapacidade recoñecida igual ou superior ao sesenta e cinco por cento.

Ademais das contías indicadas aboarase un complemento mensual de axuda para a infancia por cada menor de idade membro da unidade de convivencia (en función da solicitude), en función da idade cumprida o día 1 de xaneiro do correspondente exercicio, conforme aos seguintes tramos:

  • Menores de tres anos: 115 euros.
  • Maiores de tres anos e menores de seis anos: 80,50 euros.
  • Maiores de seis anos e menores de 18 anos: 57,50 euros.

Para a determinación da contía, os fillos ou menores ou maiores que teñan establecidas xudicialmente medidas de apoio para a toma de decisións que formen parte de distintas unidades familiares en supostos de custodia compartida establecida xudicialmente, considerarase que forman parte da unidade onde se encontren domiciliados.

En todo caso, e independentemente de cales terían sido as rendas e ingresos do exercicio anterior da persoa que vive soa ou da unidade de convivencia, cando o solicitante do ingreso mínimo vital ou un ou varios dos membros da unidade de convivencia, se é o caso, tivesen recoñecida na data da solicitude, ou lles fose recoñecida antes da resolución, unha ou máis pensións, contributivas ou non contributivas, do sistema da Seguridade Social, ou un subsidio de desemprego para maiores de 52 anos, cuxo importe mensual conxunto, incluída a parte proporcional de pagas extraordinarias, fose inferior á contía mensual de renda garantida aplicable, e procedese o recoñecemento do ingreso mínimo vital por concorrer todos os requisitos para iso, o importe mensual desta prestación non poderá ser superior á diferenza entre a referida contía mensual da renda garantida e o importe mensual da pensión ou da suma das pensións, incluída no seu caso a parte proporcional das pagas extraordinarias.

Cando o referido importe mensual conxunto das pensións, contributivas ou non contributivas, do sistema da Seguridade Social, así como, se é o caso, dos subsidios de desemprego para maiores de 52 anos, fose igual ou superior á contía mensual da renda garantida aplicable non procederá recoñecer o dereito ao ingreso mínimo vital.

Igualmente, o recoñecemento dunha pensión contributiva ou non contributiva do sistema da Seguridade Social ou un subsidio de desemprego para maiores de 52 anos á persoa ou persoas beneficiarias da prestación do ingreso mínimo vital determinará a minoración ou extinción desta prestación consonte aos mesmos criterios indicados nos parágrafos anteriores, tendo en conta a suma de todas as pensións das que sexa titular o beneficiario individual ou os membros da unidade de convivencia, con efectos do día primeiro do mes seguinte ao de recoñecemento da pensión ou da súa data de efectos se esta fose posterior.

En ningún caso a actualización do importe do ingreso mínimo vital con efectos do 1 de xaneiro de cada ano poderá dar lugar á percepción dunha cantidade mensual superior á diferenza entre a renda garantida aplicable consonte a este artigo e a contía que, unha vez actualizada, tivese nesa data a pensión ou da suma das pensións e, no seu caso, subsidios por desemprego, percibidos polo beneficiario individual ou calquera dos membros da unidade de convivencia.

As persoas beneficiarias do ingreso mínimo vital encóntranse exentas da achega dos usuarios á prestación farmacéutica ambulatoria.

Así mesmo, estarán exentos do pagamento de taxas de expedición e renovación de Documento Nacional de Identidade os menores de 14 anos integrados nunha unidade de convivencia que solicite a prestación de ingreso mínimo vital.

Contías da renda garantida en 2024. Unidade non monoparental
Unidade de convivencia Euros / ano Euros / mes
Un adulto 7.250,52 604,21
Un adulto e un menor 9.425,76 785,48
Un adulto e dous menores 11.600,88 966,74
Un adulto e tres menores 13.776,12 1.148,01
Un adulto e máis de tres menores 15.951,24 1.329,27
Dous adultos 9.425,76 785,48
Dous adultos e un menor 11.600,88 966,74
Dous adultos e dous menores 13.776,12 1.148,01
Dous adultos e máis de dous  menores  15.951,24 1.329,27
Tres adultos 11.600,88 966,74
Tres adultos e un menor 13.776,12 1.148,01
Tres adultos e máis de dous menores 15.951,24 1.329,27
Catro adultos 13.776,12 1.148,01
Catro adultos e un menor 15.951,24 1.329,27
Outros  15.951,24 1.329,27
Contías da renda garantida en 2024. Unidade monoparental
Unidade de convivencia Euros / ano Euros / mes
Un adulto e un menor 11.020,80 918,40
Un adulto e dous menores 13.196,04 1.099,67
Un adulto e tres menores 15.371,16 1.280,93
Un adulto e catro ou máis menores 17.546,40 1.462,20
Contías da renda garantida en 2024. Unidade monoparental. Proxenitores/avós/gardadores ou acolledores, un deles cun grao 3 de dependencia, incapacidade permanente absoluta ou a grande invalidez recoñecidos.
Unidade de convivencia Euros / ano Euros / mes
Dous adultos e un menor 12.615,96 1.051,33
Dous adultos e dous menores 14.791,20 1.232,60
Dous adultos e tres ou máis menores 19.141,56 1.595,13

Modificación da contía

O cambio nas circunstancias persoais da persoa beneficiaria do ingreso mínimo vital, ou dalgún dos membros da unidade de convivencia, poderá supoñer a modificación da contía da prestación económica mediante a revisión correspondente pola entidade xestora.

A modificación terá efectos a partir do día primeiro do mes seguinte ao da data en que se tivese producido o feito causante da modificación.

En todo caso, a contía da prestación actualizarase con efectos do día 1 de xaneiro de cada ano, tomando como referencia os ingresos anuais computables do exercicio anterior. Cando a variación dos ingresos anuais computables do exercicio anterior motivase a extinción da prestación, esta producirá igualmente efectos a partir do día 1 de xaneiro do ano seguinte a aquel ao que correspondan os devanditos ingresos.

Obrigas das persoas beneficiarias

As persoas titulares do ingreso mínimo vital estarán suxeitas durante o tempo de percepción da prestación ás seguintes obrigas:

  1. Proporcionar a documentación e información precisa en orde á acreditación dos requisitos e a conservación da prestación, así como para garantir a recepción de notificacións e comunicacións.
  2. Comunicar calquera cambio ou situación que puidese dar lugar á modificación, suspensión ou extinción da prestación, no prazo de trinta días naturais dende que estes se produzan.
  3. Comunicar calquera cambio de domicilio ou de situación no Padrón municipal que afecte persoalmente os devanditos titulares ou calquera outro membro que forme parte da unidade de convivencia, no prazo de trinta días naturais dende que se produzan.
  4. Reintegrar o importe das prestacións indebidamente percibidas.
  5. Comunicar á entidade xestora con carácter previo as saídas ao estranxeiro tanto do titular coma dos membros da unidade de convivencia, por un período, continuado ou non, superior a noventa días naturais cada ano natural, así como, no seu caso, xustificar a ausencia do territorio español por causa de enfermidade.
  6. Presentar anualmente declaración correspondente ao Imposto sobre a renda das persoas físicas.
  7. No caso de compatibilizar a prestación do ingreso mínimo vital coas rendas do traballo ou a actividade económica, cumprir as condicións establecidas para o acceso e mantemento da devandita compatibilidade.
  8. Participar das estratexias de inclusión que promova o Ministerio de Inclusión, Seguridade social e Migracións.
  9. Calquera outra obriga que se poida establecer regulamentariamente.

As persoas integrantes da unidade de convivencia estarán obrigadas a:

  1. Comunicar o falecemento do titular.
  2. Poñer en coñecemento da administración calquera feito que distorza o fin da prestación outorgada.
  3. Presentar anualmente declaración correspondente ao Imposto sobre a renda das persoas físicas.
  4. Cumprir as obrigas que o apartado anterior impón ao titular e este, polo motivo que for, non cumpre.
  5. No caso de compatibilizar a prestación do ingreso mínimo vital coas rendas do traballo ou a actividade económica, cumprir as condicións establecidas para o acceso e mantemento da devandita compatibilidade.
  6. Participar das estratexias de inclusión que promova o Ministerio de Inclusión, Seguridade social e Migracións.
  7. Cumprir calquera outra obriga que se poida establecer regulamentariamente.

Reintegro de prestacións indebidamente percibidas

O Instituto Nacional da Seguridade Social poderá revisar de oficio, en prexuízo dos beneficiarios, os actos relativos á prestación de ingreso mínimo vital, sempre que a devandita revisión se efectúe dentro do prazo máximo de catro anos dende que se ditou a resolución administrativa que non fose impugnada. Así mesmo, en tal caso poderá de oficio declarar e esixir a devolución das prestacións indebidamente percibidas.

A entidade xestora, poderá proceder en calquera momento á rectificación de erros materiais ou de feito e os aritméticos, así como as revisións motivadas pola constatación de omisións ou inexactitudes nas declaracións do beneficiario, así como á reclamación das cantidades que, no seu caso, se tivesen percibido indebidamente por tal motivo.

En supostos distintos aos indicados nos parágrafos anteriores, a revisión en prexuízo dos beneficiarios efectuarase de conformidade coa Lei 36/2011, do 10 de outubro, Reguladora da Xurisdición Social.

Cando mediante resolución se acorde a extinción ou a modificación da contía da prestación como consecuencia dun cambio nas circunstancias que determinaron o seu cálculo e non exista dereito á prestación ou o importe a percibir sexa inferior ao importe percibido, os beneficiarios da prestación virán obrigados a reintegrar as cantidades indebidamente percibidas, mediante o procedemento establecido no Real Decreto 148/1996, do 5 de febreiro, polo que se regula o procedemento especial para o reintegro das prestacións da Seguridade Social indebidamente percibidas e no Real Decreto 1415/2004, do 11 de xuño, polo que se aproba o Regulamento Xeral de Recadación da Seguridade Social.

Serán responsables solidarios do reintegro das prestacións indebidamente percibidas os beneficiarios e todas aquelas persoas que en virtude de feitos, omisións, negocios ou actos xurídicos participen na obtención dunha prestación de forma fraudulenta. Aos responsables solidarios poderáselles esixir o principal, as recargas e xuros que se deban esixir ao primeiro responsable, e todas as costas que se xeren para o cobramento da débeda.

Para o reintegro de prestacións indebidamente percibidas, declaradas e esixidas a partir do 28 de decembro de 2022, en cada exercicio económico, non serán esixibles as cantidades que non superen o 65 por cento da contía mensual das pensións non contributivas, cando na unidade de convivencia se integre, polo menos, un beneficiario menor de idade. Para os efectos da consideración da existencia de menores de idade na unidade de convivencia tomarase como referencia a data de efectos económicos da modificación da contía ou da extinción da prestación.

Só no caso de que o importe indebidamente percibido pola unidade de convivencia supere o 65 por cento do referido indicador, o Instituto Nacional da Seguridade Social iniciará o procedemento de reintegro de prestacións indebidamente percibidas para esixir a devolución da diferenza entre a cantidade non esixible e o importe indebidamente percibido.

Nos supostos anteriores, transcorrido o prazo de ingreso en período voluntario sen pagamento da débeda, aplicaranse as correspondentes recargas e comezará a devindicación de xuros de demora, sen prexuízo de que estes últimos só sexan esixibles respecto do período de recadación executiva. Nos supostos que se determinen regulamentariamente, a entidade xestora poderá acordar compensar a débeda coas mensualidades do ingreso mínimo vital ata unha determinada porcentaxe máxima de cada mensualidade.

Pagamento

O pagamento da prestación será mensual e efectúase por transferencia bancaria a unha conta do titular da prestación.

O dereito á prestación do ingreso mínimo vital nacerá a partir do primeiro día do mes seguinte ao da data de presentación da solicitude. 

O ingreso mínimo vital é intransferible. Non poderá ofrecerse en garantía de obrigas, nin ser obxecto de cesión total ou parcial, nin de compensación ou desconto, nin de retención ou embargo.

Duración

O dereito á prestación nace a partir do primeiro día do mes seguinte ao da data de presentación da solicitude. Manterase mentres subsistan os motivos que deron lugar á súa concesión e se cumpran os requisitos e obrigas previstos na Lei.

Suspensión do dereito

O dereito á prestación por desemprego suspenderase polas causas seguintes:

  1. Perda temporal dalgún dos requisitos esixidos para o seu recoñecemento.
  2. Incumprimento temporal por parte da persoa beneficiaria, do titular ou dalgún membro da súa unidade de convivencia das obrigas asumidas ao acceder á prestación.
  3. Preventivamente en caso de indicios de incumprimento por parte da persoa beneficiaria, do titular ou dalgún membro da súa unidade de convivencia dos requisitos establecidos ou as obrigas asumidas ao acceder á prestación, cando así se resolva por parte da entidade xestora.
  4. En todo caso, procederase á suspensión preventiva no caso de traslado ao estranxeiro por un período continuado ou non superior a 90 días naturais ao ano, sen comunicar á entidade xestora con antelación este nin estar debidamente xustificado.
  5. Preventivamente, no caso no que no prazo previsto non se tivese recibido comunicación sobre o mantemento ou variación dos certificados expedidos polos servizos sociais ou por entidades do terceiro sector de acción social inscritas no rexistro de mediadores sociais do IMV, nos casos expresamente previstos.
  6. Incumprimento das condicións asociadas á compatibilidade do ingreso mínimo vital con rendas de traballo ou actividade económica por conta propia.
  7. Calquera outra causa que se determine regulamentariamente.

En caso de incumprimento da obriga de presentar a declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas, nas condicións e prazos previstos na normativa tributaria aplicable, a suspensión terá lugar cando as persoas que teñan a condición de obrigados tributarios incumprisen durante dous exercicios fiscais seguidos a devandita obriga.

A suspensión do dereito ao ingreso mínimo vital implicará a suspensión do pagamento da prestación a partir do primeiro día do mes seguinte a aquel en que se produzan as causas de suspensión ou a aquel no que se teña coñecemento pola entidade xestora competente e sen prexuízo da obriga de reintegro das cantidades indebidamente percibidas. A suspensión manterase mentres persistan as circunstancias que tivesen dado lugar a esta.

Se a suspensión se mantén durante un ano, o dereito á prestación quedará extinguido.

Se desaparece as causas que motivaron a suspensión do dereito, procederase de oficio ou a instancia de parte a continuar o dereito sempre que se manteñan os requisitos que deron lugar ao seu recoñecemento, devindicándose a prestación a partir do día 1 do mes seguinte á data en que tivesen decaído as causas que motivaron a suspensión.

Se as causas de suspensión se manteñen procederase á modificación ou extinción do dereito, segundo proceda.

Extinción do dereito

O dereito á prestación de ingreso mínimo vital extinguirase polas seguintes causas:

  1. Falecemento da persoa titular. Non obstante, cando se trate de unidades de convivencia, calquera outro membro que cumpra os requisitos, poderá presentar unha nova solicitude. Se a solicitude se presenta no prazo de tres meses a contar dende o día seguinte á data do falecemento os efectos económicos do dereito que poida corresponder á unidade de convivencia en función das súas novas circunstancias produciranse a partir do día primeiro do mes seguinte á data do falecemento,sempre que se solicite dentro do prazo sinalado.
  2. Perda definitiva dalgún dos requisitos esixidos para o mantemento da prestación.
  3. Resolución recaída nun procedemento sancionador que así o determine.
  4. Saída do territorio nacional sen comunicación nin xustificación á entidade xestora durante un período, continuado ou non, superior a 90 días naturais ao ano.
  5. Renuncia do dereito.
  6. Suspensión da prestación por tempo superior a un ano.
  7. Incumprimento reiterado das condicións asociadas á compatibilidade do ingreso mínimo vital coas rendas do traballo ou a actividade económica por conta propia.
  8. Calquera outra causa que se determine regulamentariamente.

A extinción do dereito á prestación producirá efectos dende o primeiro día do mes seguinte á data en que concorran as causas extintivas.

Preguntas Frecuentes

En Preguntas Frecuentes hai publicadas unha serie de cuestións sobre o Ingreso mínimo vital que poderán aclarar as dúbidas máis comúns sobre esta nova prestación. Iranse actualizando para incluír aquelas que se vaian producindo.

Cambio de Conta bancaria

A comunicación do cambio da conta bancaria pode realizarse pola entidade financeira en nome do titular do Ingreso Mínimo Vital. Máis información.


Incompatibilidades no IMV

  • A percepción da prestación do ingreso mínimo vital será incompatible coa percepción da asignación económica por fillo ou menor a cargo, sen discapacidade ou con discapacidade inferior ao 33 por cento, cando exista identidade de causantes ou beneficiarios desta.
  • O complemento de axuda para a infancia será incompatible coa asignación económica por fillo ou menor a cargo sen discapacidade ou con discapacidade inferior ao 33 por cento.
  • En caso de que a persoa interesada cumpra os requisitos necesarios para causar dereito á prestación en favor de familiares e a do ingreso mínimo vital, deberase optar por unha delas.
  • Dende 1 de xaneiro de 2023 a condición de beneficiario da prestación económica do IMV será incompatible coas pensións asistenciais que aínda sigan a se percibir e quedarán extinguidas cando se recoñezan os seus beneficiarios, a partir do 1 de xaneiro de 2023, a prestación do IMV.
  • A extinción da pensión asistencial terá efectos na mesma data en que teña efectos económicos a prestación económica do ingreso mínimo vital.






Complementary Content
${loading}