MINISTERIO
DE EMPLEO
Y SEGURIDAD SOCIAL

Seguridade Social

Escudo de España ao carón do logotipo do Ministerio de Emprego e Seguridade Social con ligazón á súa páxina web. Ligazón nunha nova ventá. Logotipo da Seguridade Social con enlace á páxina de inicio
Información Lingüística

Traballadores

Causantes / Beneficiarios



  • As persoas integradas no Réxime Xeral de Seguridade Social, afiliadas e en alta ou en situación asimilada á de alta, que reúnan o período mínimo de cotización esixido:
    • Se o falecemento é debido a enfermidade común:

      500 días dentro dun período ininterrompido de 5 anos inmediatamente anteriores ao falecemento ou á data en que cesou a obriga de cotizar, se o causante se atopase en situación de alta ou asimilada sen obriga de cotizar.

      Non obstante suprímese o requisito de cotización para as prestacións de orfandade se ao falecer o causante este se atopa en alta ou en situación asimilada á de alta.

      No caso dos traballadores con contratos a tempo parcial, de remuda e fixo-descontinuo, para acreditar os períodos de cotización, computaranse exclusivamente as cotizacións efectuadas en función das horas traballadas, tanto ordinarias como complementarias, calculando a súa equivalencia en días teóricos de cotización:

      • O número de horas efectivamente traballadas dividirase entre 5, equivalente diario do cómputo de 1.825 horas anuais.
      • O período de 5 anos, dentro do que deben de estar comprendidos os 500 días, incrementarase na mesma proporción na que se reduza a xornada efectivamente realizada respecto á xornada habitual na actividade correspondente.
      • A fracción de día, de ser o caso, asimilarase a día completo.

      Para estes efectos, cando se trate de traballadores incluídos no Sistema especial para empregados de fogar, dende 2012 ata 2018, as horas efectivamente traballadas no mesmo determinaranse en función das bases de cotización a que se refiren os números 1º, 2º e 3º do apartado 2.a) da disposición adicional 39 da Lei 27/2011, divididas polo importe fixado para a base mínima horaria do Réxime Xeral pola LPGE para cada un destes exercicios. 

    • Se o falecemento é debido a accidente (sexa ou non de traballo) ou a enfermidade profesional, non se esixe período previo de cotización.
    • Tampouco se esixe ningún período previo de cotización para o auxilio por defunción.
  • As persoas que, na data do falecemento, "non estean" en alta ou en situación asimilada á de alta, causarán dereito a pensión sempre que reúnan un período mínimo de cotización de 15 anos. En ningún caso se terá dereito ao cobro de cantidades correspondentes a exercicios anteriores ao 1-1-99.
  • Os perceptores dos subsidios de incapacidade temporal, risco durante o embarazo, maternidade, paternidade ou risco durante a lactación natural, que cumpran o período de cotización que, de ser o caso, estea establecido.

  • Os pensionistas de xubilación na súa modalidade contributiva.
  • Os pensionistas de incapacidade permanente. Considérase morto por accidente de traballo ou enfermidade profesional quen teña recoñecida por tales continxencias unha incapacidade permanente absoluta ou a condición de grande inválido.
  • Os traballadores que cesasen no seu traballo con dereito a pensión de xubilación na súa modalidade contributiva e falecesen sen solicitala.
  • Os traballadores desaparecidos con ocasión dun accidente, sexa ou non laboral, en circunstancias que fagan presumible a súa morte, e dos que non se tivesen noticias durante os 90 días naturais seguintes ao do accidente. Neste caso, non se causa nunca dereito ao auxilio por defunción.
  • Os traballadores con dereito a pensión por incapacidade permanente total que optaron pola indemnización especial a tanto alzado a favor dos menores de 60 anos.


Ademais dos requisitos xerais (afiliación, alta e cotización) esixidos ao causante en cada situación, para acceder á pensión de viuvez, os beneficiarios deben acreditar outros requisitos específicos en determinadas circunstancias.

  • O cónxuxe supervivente, no suposto de falecemento derivado de enfermidade común anterior ao matrimonio, deberá acreditar un dos seguintes requisitos:

    • Que existan fillos comúns.
    • Que o matrimonio se celebrara cun ano de antelación ao falecemento. Non se esixirá esta duración do vínculo matrimonial, cando na data de celebración do mesmo se acreditara un período de convivencia co causante como parella de feito que, sumado ao de duración do matrimonio, superara os dous anos.

Cando o cónxuxe non acredite un destes requisitos, poderá acceder a unha prestación temporal de viuvez, sempre que reúna o resto dos requisitos esixidos. 

  • Os separados xudicialmente ou divorciados, sempre que neste último caso non teñan contraído novo matrimonio nin constituído unha parella de feito, cando fosen acredores da pensión compensatoria á que se refire o |art. 97 do Código Civil, e esta quedase extinguida polo falecemento do causante. A partir do 01-01-2010, no suposto de que a contía da pensión de viuvez fose superior á pensión compensatoria, aquela se diminuirá ata acadar a contía desta última.

    En todo caso, terán dereito a pensión de viuvez, aínda non sendo acredoras da pensión compensatoria, as mulleres que puidesen acreditar que eran vítimas da violencia de xénero no momento da separación xudicial ou o divorcio mediante sentenza firme, ou arquivo da causa por extinción da responsabilidade penal por falecemento; en defecto de sentenza, a través da orde de protección ditada ao seu favor ou informe do Ministerio Fiscal que indique a existencia de indicios de violencia de xénero, así como calquera outro medio de proba admitido en Dereito (aplicable a falecementos producidos a partir do 01-01-08).

    Cando a separación xudicial ou divorcio sexa anterior ao 01-01-2008, o recoñecemento do dereito á pensión non quedará condicionado a que a persoa divorciada ou separada xudicialmente sexa acredora de pensión compensatoria sempre que:
    • Entre a data do divorcio ou separación xudicial e a data do falecemento do causante, non transcorresen máis de 10 anos.
    • O vínculo matrimonial tivese unha duración mínima de 10 anos.
    • Ademais, cumprirse algunha das condicións seguintes: ou a existencia de fillos comúns do matrimonio; ou que o beneficiario teña unha idade superior aos 50 anos na data do falecemento do causante.
    A contía da pensión resultante calcularase de acordo coa normativa vixente con anterioridade 01-01-2008 (entrada en vigor da Lei 40/2007, do 4 de decembro).

    O disposto anteriormente aplícase tamén aos  falecementos producidos entre o 01-01-2008 e o 31-12-2009, sempre que o divorcio ou separación xudicial se producise antes do 01-01-2008. 

    A persoa divorciada ou separada xudicialmente que fose debedora da pensión compensatoria non terá dereito a pensión de viuvez.
  • O supervivente cuxo matrimonio fose declarado nulo, ao que se lle recoñecese o dereito á indemnización prevista no |art.  98 do Código Civil, sempre que non teña contraído novas nupcias nin constituído unha parella de feito debidamente acreditada.
  • O sobrevivente da parella de feito, sempre que acredite:

    • Que o falecemento é posterior a 01-01-08.
    • A inscrición da parella de feito nalgún dos rexistros específicos existentes nas Comunidades Autónomas (CCAA) ou Concellos do lugar de residencia ou a formalización de documento público no que conste a constitución desta parella, en ambos casos, cunha antelación mínima de 2 anos con respecto á data do falecemento do causante.

    Nas CCAA con Dereito Civil propio, a consideración de parella de feito e a súa acreditación levarase a cabo conforme á súa lexislación específica, cumpríndose o requisito de convivencia.

    • Convivencia estable e notoria con carácter inmediato ao falecemento do causante, cunha duración ininterrompida non inferior a 5 anos.
    • Que, durante o período de convivencia, ningún compoñente da parella estivese impedido para contraer matrimonio nin tivese vínculo matrimonial con outra persoa.
    • Que os seus ingresos:
      • Durante o ano natural anterior ao falecemento, non atinxiron o 50% da suma dos propios máis os do causante habidos no mesmo período, ou o 25%  no caso de inexistencia de fillos comúns con dereito a pensión de orfandade.
      • Ou alternativamente que son inferiores a 1,5 veces o importe do SMI  vixente no momento do falecemento, requisito que deberá concorrer tanto no momento do feito causante coma durante a súa percepción. O límite indicado incrementarase en 0,5 veces a contía do SMI vixente por cada fillo común con dereito á pensión de orfandade que conviva co sobrevivinte.

Considéranse coma ingresos os rendementos do traballo e do capital así coma os de carácter patrimonial, nos termos en que se computan para o recoñecemento dos complementos para mínimos de pensións.



Considéranse situacións asimiladas á de alta a efectos destas prestacións:

  • A situación legal de desempego, total e subsidiado, e a de paro involuntario unha vez esgotada a prestación contributiva ou asistencial, sempre que en tal situación se manteña a inscrición como desempregado na oficina de emprego.
  • A situación do traballador durante o período correspondente a vacacións anuais retribuídas que non se gozasen con anterioridade á finalización do contrato.
  • A excedencia forzosa.
  • O período de tempo no que o traballador permaneza en situación de excedencia por coidar o fillo, de menor acollido ou doutros familiares, que exceda do período considerado de cotización efectiva no artigo 180 da LGSS.
  • O traslado do traballador pola empresa fóra do territorio nacional.
  • Os períodos de inactividade entre traballos de tempada.
  • Os períodos de prisión sufridos como consecuencia dos supostos contemplados na Lei 46/1977, do 15 de outubro, de amnistía, nos termos regulados na Lei 18/1984, do 8 de xuño.
  • Os períodos de percepción da axuda equivalente a xubilación anticipada e da axuda previa á xubilación ordinaria.
  • A situación de incapacidade temporal que subsista, unha vez extinguido o contrato.
  • A situación de maternidade ou paternidade que subsista unha vez extinguido o contrato de traballo ou que se inicie durante a percepción da prestación por desemprego.
  • No caso dos traballadores afectados pola síndrome tóxica que, por tal causa, cesaron no seu día no exercicio da súa actividade laboral ou profesional, sen que puidesen continuar ese exercicio, e que estiveran en alta nalgún dos réximes do sistema da Seguridade Social, a situación asimilada entenderase con respecto ao réxime no que o traballador estivese encadrado cando cesou na súa actividade e para as continxencias comúns.
  • O período de suspensión do contrato de traballo por decisión da traballadora que se vexa obrigada a abandonar o seu posto de traballo como consecuencia de ser vítima da violencia de xénero. 


Copyright © Seguridad Social 1995. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal.

Icona de conformidade cos estándares AA Icona de conformidade cos estándares HTML 4.0. Icona de conformidade cos estándares CSS