Á cotización dos traballadores ou dos socios traballadores ou socios de traballo das sociedades cooperativas, ou traballadores por conta propia ou autónomos, substituídos durante os períodos de descanso por maternidade, adopción, acollemento, paternidade, risco durante o embarazo ou risco durante a lactación natural, mediante os contratos de interinidade bonificados asinados con desempregados, a que se refire o Real Decreto-lei 11/1998, do 4 de setembro, seranlle de aplicación:
-
Unha bonificación do 100% nas cotas empresariais da Seguridade Social, incluídas as de accidentes de traballo e enfermidades profesionais e nas achegas empresariais das cotas de recadación conxunta para o caso dos traballadores encadrados nun réxime de Seguridade Social propio de traballadores por conta allea.
Esta bonificación só se aplicará mentres coincidan no tempo a suspensión da actividade polas causas mencionadas e o contrato de interinidade do substituto e, en todo caso, co límite máximo do período de suspensión.
Solicitude da prestación:
-
A solicitude formularase nos modelos normalizados e deberá conter os datos e circunstancias que establece o
|art. 70 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común, acompañada dos documentos necesarios, agás dos que xa se achegasen para a tramitación dun subsidio de paternidade polos mesmos fillos ou menores acollidos.
-
Expresamente, deberá conter o motivo desta, a data de inicio e a distribución prevista do período de descanso de cada un dos beneficiarios, así como os datos relativos á empresa ou empresas, de tratarse de traballadores por conta allea.
-
A solicitude de interrupción do subsidio nos casos de parto prematuro e naqueles que o acabado de nacer deba permanecer hospitalizado a seguir do parto, deberá efectuarse pola nai ou polo outro proxenitor, segundo quen sexa ou vaia ser beneficiario, debendo acreditar a interrupción da suspensión do contrato de traballo ou o cesamento da actividade, así como a existencia de hospitalización do menor, mediante o documento correspondente do centro hospitalario.
-
A Entidade xestora poderá iniciar de oficio o procedemento para o recoñecemento do subsidio, cando dispoña dos datos suficientes para elo, debendo comunicar ao interesado esta circunstancia no prazo de 15 días contados dende o día seguinte ao do feito causante.
Resolución e notificación:
O Director provincial da Entidade xestora onde se presentase a solicitude ditará resolución expresa e notificaralla ao interesado no prazo de 30 días, contados dende a recepción da solicitude do interesado.
Non obstante, o subsidio poderá recoñecerse mediante resolución provisional coa última base de cotización que conste nas bases de datos corporativas do sistema. Se a base de cotización do mes inmediatamente anterior ao inicio do descanso fose diferente á utilizada na resolución provisional, recalcularase a prestación e emitirase resolución definitiva. Se a base non variase, a resolución provisional devirá en definitiva nun prazo de 3 meses dende a súa emisión.
Excepcionalmente, nos supostos en que se iniciase a actividade na empresa no mes anterior ao do feito causante, será necesario presentar un certificado da empresa no que conste a correspondente base de cotización, que será a que se considere a efectos do cálculo. Actuarase do mesmo modo, cando o traballador estea contratado a tempo parcial e non sexa posible determinar a base reguladora, ou nos casos nos que as empresas fosen autorizadas pola TGSS a diferir o ingreso das cotas con posterioridade ao mes seguinte.
Prescrición:
O dereito ao recoñecemento da prestación prescribe aos 5 anos, contados dende o día seguinte a aquel no que se produce o feito causante.
(Orixinal acompañado de copia para a súa compulsa ou fotocopia xa compulsada, agás para os documentos de identidade, nos que será suficiente a exhibición do orixinal)
EN TODOS OS CASOS:
- Acreditación de identidade dos interesados mediante a seguinte documentación en vigor:
- Españois: Documento nacional de identidade (DNI).
- Estranxeiros: Pasaporte ou, no seu caso, documento de identidade vixente no seu país e NIE (Número de Identificación de Estranxeiro) esixido pola AEAT a efectos de pagamento.
- Certificado de empresa informando da situación do traballador e doutros datos relacionados coa data do inicio do descanso por maternidade ou paternidade.
- Documentación relativa á cotización:
- Para os Artistas e Profesionais Taurinos: Declaración de actividades e xustificantes de actuacións que non fosen presentados na TGSS.
- Traballadores por conta propia, Representantes do Comercio, Réxime Especial Agrario e Empregados de Fogar: Xustificantes do pagamento de cotas dos 2 últimos meses.
- Declaración de situación de actividade, só para os traballadores do Réxime Especial de Traballadores Autónomos (a excepción dos incluídos no Sistema Especial para Traballadores por Conta Propia Agrarios e dos traballadores economicamente dependentes).
EN CASO DE MATERNIDADE por nacemento
- “Certificado do descanso por maternidade” ou “Informe de maternidade” expedido polo correspondente Servizo Público de Saúde (SPS).
- Libro de familia ou certificación da inscrición do fillo ou fillos no Rexistro Civil. Cando o descanso se iniciase con anterioridade ao parto, tales documentos deberán presentarse unha vez practicada a inscrición rexistral do fillo.
- Se a nai exercita o dereito de opción a favor do outro proxenitor, cubrir a folla |Nº. 4 da solicitude.
Se se dan os seguintes supostos debe achegar:
- Se a nai non pertence ao sistema da Seguridade Social: Certificado expedido pola unidade de persoal do seu centro de traballo, indicando se lle é de aplicación a Lei 7/2007, do 12 de abril, do EBEP, así como a situación administrativa na que se atopa e o período de licenza por maternidade.
- Cando a nai biolóxica exerza unha actividade profesional que non dea lugar á alta no sistema da Seguridade Social: Xustificante ou certificado que acredite a inexistencia de dereito a prestacións no seu sistema de previsión privado ou, no seu caso, xustificación de que non procede a inclusión da interesada nunha mutualidade de previsión alternativa.
- En caso de falecemento da nai: Certificado de defunción desta.
EN CASO DE MATERNIDADE por adopción, acollemento ou tutela:
- A resolución judicial pola que se constitúe a adopción ou tutela, ou ben a resolución administrativa ou xudicial pola que se concede o acollemento familiar, tanto preadoptivo como permanente ou simple, sempre que, neste último caso, a súa duración non sexa inferior a un ano e aínda que os devanditos acollementos sexan provisionais. No caso do acollemento simple, estimarase válida a comunicación do órgano das Comunidades Autónomas que o regulen.
- Cando se trate de adopción, acollemento ou tutela de menores, maiores de seis anos, discapacitados: Certificación do IMSERSO ou órgano competente da Comunidade Autónoma respectiva, de que o adoptado ou acollido presenta un grao de minusvalía igual ou superior ao 33%, ou da Entidade pública competente en materia de protección de menores, de que aquel, polas súas circunstancias persoais ou por provir do estranxeiro, ten especiais dificultades de inserción social ou familiar.
- No seu caso, libro de familia ou certificación da inscrición do fillo no Rexistro Civil.
- No caso de que ambos proxenitores teñan dereito ao descanso, deberán encher a folla nº 4 desta solicitude indicando a data do goce do descanso ou a renuncia ao mesmo en favor do outro proxenitor.
EN CASO DE ADOPCIÓN INTERNACIONAL
- Cando sexa necesario o desprazamento previo dos proxenitores ao país de orixe do adoptado, achegarase a documentación emitida polo órgano competente da Comunicade Autónoma, na que se xustifique o inicio dos trámites para a adopción ou o acollemento.
- Adopción constituída nun estado estranxeiro e inscrita na oficina consular española: Xustificante da inscrición rexistral ou o documento en que se acredite a constitución da adopción e o seu rexistro.
- Adopción e tutela coa finalidade de adopción, constituída nun estado estranxeiro non inscrita en España:
- Resolución administrativa ou xudicial que acredite a constitución da adopción ou a tutela.
- Visado a favor do menor expedido pola oficina consular española.
- Certificado, resolución ou declaración de idoneidade do adoptante, expedido pola autoridade competente española.
- Documento no que o solicitante acredite que iniciou os trámites que conducen á constitución en España da adopción ou, no seu caso, á inscrición da adopción no Rexistro Civil.
EN CASO DE PATERNIDADE por nacemento:
- Libro de familia ou certificado de inscrición do fillo ou fillos no Rexistro Civil.
EN CASO DE PATERNIDADE por adopción ou acollemento:
- Libro de familia ou certificación da inscrición do fillo no Rexistro Civil, a resolución xudicial pola que se constitúe a adopción, ou ben a resolución administrativa ou xudicial pola que se concede o acollemento familiar.
OUTRA DOCUMENTACIÓN:
En caso de discapacidade/dependencia:
- Dos solicitantes: Certificado de discapacidade, con recoñecemento do grao igual ou superior ao 33%, efectuada ante o órgano competente da Comunidade Autónoma (artigo 28.1 do RD 1335/2005, do 11 de novembro).
- Do fillo ou menor acollido:
- Informe de valoración específica emitido polos órganos competentes da Comunidade Autónoma ou xustificante de que se solicitou.
- Cando se trate de acabados de nacer pode substituírse por un informe médico do hospital público ou informe médico do SPS no que se faga constar a discapacidade ou a súa posible existencia.
- No caso de familias numerosas: Título de familia numerosa ou xustificante de solicitalo.
- No caso de familias monoparentais: Libro de familia no que conste un só proxenitor ou, no caso de que consten dous proxenitores, partida de defunción dun deles, ou resolución xudicial na que se declare o abandono da familia por parte do outro proxenitor.
- No caso de hospitalización do acabado de nacer: Informe do hospital público no que conste a data de ingreso do acabado de nacer, así como a data da alta hospitalaria cando se produza. Se o nacemento se produciu nun centro privado, deberá achegarse un informe do facultativo do SPS.
- En caso de goce do descanso en réxime de xornada a tempo parcial:
- Para traballadores por conta allea, documento que acredite o acordo empresario-traballador sobre goce do descanso por maternidade/paternidade, por nacemento, adopción ou acollemento, en réxime de xornada parcial.
- Para traballadores por conta propia, declaración da situación.
- Traballadores fixos descontinuos: Documento polo que se acredite esta condición para os nacementos, adopcións ou acollementos producidos no período entre campañas para cando se reinicia a actividade.
- Traballadores en incapacidade temporal que se aboa en pagamento directo polas mutuas: Certificado da Mutua desta circunstancia.
Esta documentación pode presentarse en calquera dos centros de atención e información da Seguridade Social.