MINISTERIO
DE EMPLEO
Y SEGURIDAD SOCIAL

Seguridade Social

Escudo de España ao carón do logotipo do Ministerio de Emprego e Seguridade Social con ligazón á súa páxina web. Ligazón nunha nova ventá. Logotipo da Seguridade Social con enlace á páxina de inicio
Información Lingüística
Buscador avanzado

Traballadores

Estás en: Inicio » Traballadores » Prestacións / Pensións de Traballadores » Maternidade » Réxime Xeral » Xestión / Solicitudes

Xestión / Solicitudes



  • A xestión da prestación correspóndelle ao Instituto Nacional de Seguridade Social (INSS) ou ao Instituto Social da Mariña (ISM), se se trata de traballadores incluídos no campo de aplicación do Réxime Especial do Mar. 
  • A determinación do grao de discapacidade  está atribuída aos órganos competentes das Comunidades Autónomas e ás Direccións provinciais do Instituto de Maiores e Servizos Sociais (IMSERSO) en Ceuta e Melilla.
  • A determinación das dificultades de inserción social e familiar dos menores maiores de 6 anos, nos casos de adopción, acollemento e tutela está atribuída á Entidade Pública competente en materia de protección de menores.
  • Para a consideración da familia numerosa, estarase ao disposto na Lei 40/2003, do 18 de novembro, de Protección ás Familias Numerosas.


  • A Entidade xestora aboaralle directamente o subsidio a cada beneficiario, no seu caso, durante os períodos gozados efectivamente pola nai e o pai, efectuando o pagamento por períodos vencidos.
  • O subsidio especial por parto, adopción e acollemento múltiples aboarase nun só pagamento ao finalizar as 6 semanas posteriores ao parto ou á decisión administrativa ou xudicial de acollemento ou á resolución xudicial pola que se constitúa a adopción, respectivamente.
  • No momento de facer efectivo o subsidio, deducirase  do importe do mesmo:
    • A contía á que ascende a suma das achegas do traballador relativas ás cotizacións á Seguridade Social, desemprego e formación profesional que procedan, no seu caso, para o seu ingreso na TGSS . O empresario virá obrigado a ingresar unicamente as achegas ao seu cargo correspondentes á cotización á Seguridade Social e polos demais conceptos de recadación conxunta que, no seu caso, procedan.
    • A retención por IRPF


Á cotización dos traballadores ou dos socios traballadores ou socios de traballo das sociedades cooperativas, ou traballadores por conta propia ou autónomos, substituídos durante os períodos de descanso por maternidade, adopción, acollemento, paternidade, risco durante o embarazo ou risco durante a lactación natural, mediante os contratos de interinidade bonificados asinados con desempregados, que se refire o Real decreto-lei 11/1998, de 4 de setembro, seranlle de aplicación:

  • Unha bonificación do 100% nas cotas empresariais da Seguridade Social, incluídas as de accidentes de traballo e enfermidades profesionais e nas achegas empresariais das cotas de recadación conxunta para o caso dos traballadores encadrados nun réxime de Seguridade Social propio de traballadores por conta allea.
  • Unha bonificación do 100% da cota que resulte de aplicar sobre a base mínima ou fixa que corresponda o tipo de cotización establecido como obrigatorio para traballadores incluídos nun réxime de Seguridade Social propio de traballadores autónomos.

Esta bonificación só se aplicará mentres coincidan no tempo a suspensión da actividade polas causas mencionadas e o contrato de interinidade do substituto e, en todo caso, co límite máximo do período de suspensión.



Solicitude da prestación:
  • O procedemento para o recoñecemento do dereito iníciase a instancia do interesado, mediante solicitude dirixida á Dirección provincial da Entidade xestora, segundo o réxime de encadramento.
    • A solicitude formularase nos modelos normalizados e deberá conter os datos e circunstancias que establece o |art.  70 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común, acompañada dos documentos necesarios, agás dos que xa se achegasen para a tramitación dun subsidio de paternidade polos mesmos fillos ou menores acollidos.
    • Expresamente, deberá conter o motivo desta, a data de inicio e a distribución prevista do período de descanso de cada un dos beneficiarios, así como os datos relativos á empresa ou empresas, de tratarse de traballadores por conta allea.
    • A solicitude de interrupción do subsidio nos casos de parto prematuro e naqueles que o acabado de nacer deba permanecer hospitalizado a seguir do parto, deberá efectuarse pola nai ou polo outro proxenitor, segundo quen sexa ou vaia ser beneficiario, debendo acreditar a interrupción da suspensión do contrato de traballo ou o cesamento da actividade, así como a existencia de hospitalización do menor, mediante o documento correspondente do centro hospitalario.
  • A Entidade xestora poderá iniciar de oficio o procedemento para o recoñecemento do subsidio, cando dispoña dos datos suficientes para elo, debendo comunicar ao interesado esta circunstancia no prazo de 15 días contados dende o día seguinte ao do feito causante.
Resolución e notificación:

O Director provincial da Entidade xestora onde se presentase a solicitude ditará resolución expresa e notificaralla ao interesado no prazo de 30 días, contados dende a recepción da solicitude do interesado.

Non obstante, o subsidio poderá recoñecerse mediante resolución provisional coa última base de cotización que conste nas bases de datos corporativas do sistema. Se a base de cotización do mes inmediatamente anterior ao inicio do descanso fose diferente á utilizada na resolución provisional, recalcularase a prestación e emitirase resolución definitiva. Se a base non variase, a resolución provisional devirá en definitiva nun prazo de 3 meses dende a súa emisión.

Excepcionalmente, nos supostos en que se iniciase a actividade na empresa no mes anterior ao do feito causante, será necesario presentar un certificado da empresa no que conste a correspondente base de cotización, que será a que se considere a efectos do cálculo. Actuarase do mesmo modo, cando o traballador estea contratado a tempo parcial e non sexa posible determinar a base reguladora, ou nos casos nos que as empresas fosen autorizadas pola TGSS  a diferir o ingreso das cotas con posterioridade ao mes seguinte.

Prescrición:

O dereito ao recoñecemento da prestación prescribe aos 5 anos, contados dende o día seguinte a aquel en que se produce o feito causante, sen prexuízo de que os efectos deste recoñecemento se produzan a partir dos 3 meses anteriores á data na que se presente a correspondente solicitude. 



  • O facultativo do Servizo Público de Saúde que atenda a traballadora embarazada expedirá un informe de maternidade nos seguintes casos:
    • Cando a traballadora inicie o descanso con anterioridade á data do parto.
    • Cando se produza o falecemento do fillo, tras a permanencia no seo materno durante, polo menos, cento oitenta días.
  • O informe de maternidade constará dun orixinal e tres copias:
    • O orixinal entregarase á traballadora xunto cunha copia para que a presente na empresa no prazo de 7 días (se se trata de traballadoras por conta allea).
    • Outra copia tramitarase á Inspección de Servizos Sanitarios ou órgano equivalente do Servizo Público de Saúde correspondente.
    • A última copia quedará en poder do facultativo.
  • Cando a traballadora se atopase en situación de incapacidade temporal iniciada antes do parto, o facultativo deberá estenderlle, simultaneamente, un parte de alta médica por inicio da situación de maternidade.

  • O Servizo Público de Saúde remitirá á Entidade xestora o informe de maternidade e o parte de alta médica no prazo dos 5 días naturais seguintes ao da súa expedición.


 

DOCUMENTOS NECESARIOS PARA O TRÁMITE DE MATERNIDADE-PATERNIDADE

(Orixinal acompañado de copia para a súa compulsa ou fotocopia xa compulsada, agás para os documentos de identidade, nos que será suficiente a exhibición do orixinal)

 

  1. EN TODOS OS CASOS:

    • Acreditación de identidade dos solicitantes, e do representante legal se o houbese, mediante a seguinte documentación en vigor:

      • Españois: Documento nacional de identidade (DNI).
      • Estranxeiros: Pasaporte ou, se é o caso, documento de identidade vixente no seu país e NIE (Número de Identificación de Estranxeiro) esixido pola AEAT para os efectos de pagamento.
    • Documentación acreditativa da representación legal, se é o caso.
    • Traballadores por conta allea: certificado da empresa no que conste a data do inicio da suspensión laboral por maternidade/paternidade, se o devandito certificado non foi enviado pola empresa a través do Sistema RED.
  2. EN CASO DE MATERNIDADE

    1. Por nacemento:

      • O informe de maternidade expedido polo correspondente Servizo Público de Saúde, nos seguintes casos:
        • Cando a traballadora inicie o descanso con anterioridade á data do parto.
        • Cando se produza o falecemento do fillo, tras a permanencia no seo materno durante, polo menos, cento oitenta días.
      • Libro de familia ou, no seu defecto, a certificación da inscrición do fillo, cando estes datos non consten automatizados no Rexistro Civil. Se o descanso se iniciou con anterioridade ao parto, presentarase unha vez practicada a inscrición rexistral do fillo.
      • Se a nai cede parte do descanso ao outro proxenitor débese presentar cuberta a folla n.º 5 da solicitude. Ademais, se é funcionaria e non está incluída no Réxime Xeral da Seguridade Social, achegarase un certificado, expedido pola unidade de persoal do seu centro de traballo, indicando a situación administrativa na que se encontra e o período de licenza por maternidade que lle corresponde.
      • Se a nai exerce unha actividade profesional que non dea lugar á alta no sistema da Seguridade Social e pertence a unha mutualidade ou colexio profesional, presentarase un certificado no que conste que, con motivo do parto, non percibiu unha prestación ou indemnización, calquera que sexa a súa duración, contía, configuración ou réxime.
    2. Por adopción, acollemento ou tutela:

      • A resolución xudicial pola que se constitúe a adopción ou tutela, ou ben a resolución administrativa ou xudicial pola que se concede o acollemento familiar tanto preadoptivo coma permanente ou simple sempre que, neste último caso, a súa duración non sexa inferior a un ano, e aínda que os devanditos acollementos sexan provisionais. No caso do acollemento simple considerarase válida a comunicación do organismo das comunidades autónomas que o regulen.
      • Cando se trate de adopción ou acollemento de menores, maiores de seis anos, se os menores teñen discapacidade, deberán presentar certificación do Instituto de Maiores e Servizos Sociais (Imserso) ou órgano competente da comunidade autónoma respectiva, acreditativa de que o adoptado ou acollido presenta un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 por 100, ou certificación da entidade pública competente en materia de protección de menores, acreditativa de que o adoptado ou acollido, polas súas circunstancias persoais ou por provir do estranxeiro, ten especiais dificultades de inserción social ou familiar.
      • Se é o caso, libro de familia ou, no seu defecto, a certificación da inscrición do fillo ou fillos, cando estes datos non consten automatizados no Rexistro Civil.
      • No caso de que ambos os dous proxenitores traballen, o período de suspensión distribuirase a opción dos interesados, que poderán gozalo de forma simultánea ou sucesiva, sempre con períodos ininterrompidos. Para iso deben cubrir a folla n.º 5 da solicitude.

        1. Adopción ou acollemento internacional:

          • Cando sexa necesario o desprazamento previo dos proxenitores ao país de orixe do adoptado, achegarase a documentación emitida polo órgano competente da comunidade autónoma, na que se xustifique o inicio dos trámites para a adopción ou o acollemento.
          • Adopción constituída nun estado estranxeiro e inscrita na oficina consular española: Xustificante da inscrición rexistral ou o documento en que se acredite a constitución da adopción e o seu rexistro.
          • Adopción e tutela coa finalidade de adopción, constituída nun estado estranxeiro non inscrita en España:
            • Resolución administrativa ou xudicial que acredite a constitución da adopción ou a tutela.
            • Visado a favor do menor expedido pola oficina consular española.
            • Certificado, resolución ou declaración de idoneidade do adoptante, expedido pola autoridade competente española.
            • Documento no que o solicitante acredite que iniciou os trámites que conducen á constitución en España da adopción ou, se é o caso, á inscrición da adopción no Rexistro Civil.
    3. EN CASO DE PATERNIDADE

      1. Por nacemento:

        • Libro de familia ou, no seu defecto, a certificación da inscrición do fillo ou fillos, cando estes datos non consten automatizados no Rexistro Civil.
      2. Por adopción ou acollemento:

        • A resolución xudicial pola que se constitúe a adopción ou tutela, ou ben a resolución administrativa ou xudicial pola que se concede o acollemento familiar tanto preadoptivo coma permanente ou simple sempre que, neste último caso, a súa duración non sexa inferior a un ano, e aínda que os devanditos acollementos sexan provisionais. No caso do acollemento simple considerarase válida a comunicación do organismo das comunidades autónomas que o regulen.
    4. OUTRA DOCUMENTACIÓN

      1. En caso de discapacidade/dependencia dos solicitantes e os fillos: Certificado de discapacidade, con recoñecemento do grao igual ou superior ao 33% (agás para a ampliación da maternidade non contributiva que será nun grao igual ou superior ao 65%) emitido polo Imserso ou órgano competente da comunidade autónoma.

        Nos supostos de discapacidade dos fillos ou menores acollidos, menores de tres anos, deberá presentarse certificación do Imserso ou órgano da comunidade autónoma respectiva, acreditativa de que a discapacidade é igual ou superior ao 33 por 100, ou de que a valoración do grao e nivel de dependencia é, polo menos, do grao I moderado, conforme a escala de valoración específica para menores de tres anos. Cando o grao de discapacidade non sexa determinado, tratándose de acabados de nacer, será suficiente un informe do Servizo Público de Saúde ou un informe médico dun hospital público ou privado, neste último caso avalado polo Servizo Público de Saúde, no que se faga constar a discapacidade ou a súa posible existencia.
      2. En caso de familias numerosas: Título de familia numerosa ou xustificante de telo solicitado.
      3. A familia monoparental quedará acreditada se consta no libro de familia un só proxenitor. Se constan dous proxenitores, achegarase o certificado de defunción ou a resolución xudicial na que se declare o abandono da familia do outro proxenitor.
      4. En caso de internamento hospitalario do acabado de nacer a continuación do parto, que dea lugar á ampliación do período de descanso, documento expedido polo centro hospitalario acreditativo da devandita hospitalización, en que se especifiquen as circunstancias que, afectando ao acabado de nacer, determinan o devandito internamento, así como as datas do seu inicio e da súa finalización.
      5. En caso de gozo do descanso en réxime de xornada a tempo parcial:

        • Para traballadores por conta allea, documento que acredite o acordo empresario-traballador sobre gozo do descanso por maternidade/paternidade en réxime de xornada parcial.
        • Para traballadores por conta propia, documento acreditativo do interesado no que se recollan os termos en que se realizará o réxime de parcialidade da actividade.
      6. Os traballadores fixos descontinuos que non perciban prestacións por desemprego de nivel contributivo: Documento polo que se acredite esta condición para os nacementos, adopcións ou acollementos producidos no período entre campañas sen prexuízo da devindicación da prestación cando se produza o reinicio da actividade.
      7. Se está a percibir a prestación de incapacidade temporal en pagamento directo dunha Mutua colaboradora coa Seguridade Social, achegará un certificado desta entidade, con indicación do cálculo da base reguladora e a data de finalización do subsidio.
      8. Se está a percibir prestación de desemprego: Certificado do Servizo Público de Emprego Estatal coa data de suspensión da prestación.
      9. Os traballadores do Réxime Especial de Traballadores Autónomos (a excepción dos incluídos no Sistema Especial para Traballadores por Conta Propia Agrarios e dos traballadores economicamente dependentes) presentarán unha declaración de situación de actividade se llo solicita a entidade xestora.

 

 

Esta documentación pode presentarse en calquera dos Centros de Atención e Información da Seguridade Social ou se dispón de certificado dixital a través do Servizo: Maternidade e paternidade.

Copyright © Seguridad Social 2017. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal