MINISTERIO
DE EMPLEO
Y SEGURIDAD SOCIAL

Seguridade Social

Escudo de España ao carón do logotipo do Ministerio de Emprego e Seguridade Social con ligazón á súa páxina web. Ligazón nunha nova ventá. Logotipo da Seguridade Social con enlace á páxina de inicio
Información Lingüística

Traballadores

Beneficiarios / requisitos



Poderán acceder á xubilación anticipada os traballadores que reúnan os seguintes requisitos:

 1) .- Ter  61 anos de idade real. Para este efecto, non serán de aplicación as bonificacións de idade, das que poidan beneficiarse os  traballadores dalgúns sectores profesionais pola realización de actividades penosas, tóxicas, perigosas ou insalubres. 

2) .-  Acreditar un período mínimo de cotización efectiva de:

  • 30 anos (computarase como cotizado á Seguridade Social o período de prestación do servizo militar obrigatorio ou da prestación social substitutoria, co límite máximo dun ano) sen que se teña en conta, para tales efectos, a parte proporcional por pagas extraordinarias nin o aboamento de anos e días de cotización por aquelas anteriores ao 1-1-67.
  • Do período de cotización, polo menos 2 anos deberán estar comprendidos dentro dos 15 inmediatamente anteriores ao momento no que causou o dereito ou ao momento no que cesou a obriga de cotizar, se se accede á pensión de xubilación anticipada desde unha situación de alta ou asimilada á alta sen obriga de cotizar.

No caso de traballadores incluídos no Sistema especial para traballadores por conta allea agrarios, a efectos de acreditar o período mínimo de cotización efectiva (30 anos), será necesario que, nos últimos 10 anos cotizados, polo menos 6 correspondan a períodos de actividade efectiva neste sistema especial. Para estes efectos, computaranse tamén os períodos de percepción de prestacións por desemprego de nivel contributivo neste sistema especial.

No caso de traballadores contratados a tempo parcial, para acreditar o período mínimo de cotización de 30 anos, computaranse exclusivamente as cotizacións efectuadas en función das horas traballadas, tanto ordinarias como complementarias, e calcularase a súa equivalencia en días teóricos de cotización:

    • O número de horas efectivamente traballadas dividirase entre 5, equivalente diario do cómputo de 1.825 horas anuais.
    • Ao número de días teóricos de cotización obtidos, aplicarase o coeficiente multiplicador 1,5. De aí resulta o número de días que se considerarán acreditados para determinar:
      • Os períodos mínimos de cotización. A fracción de día, de ser o caso, asimilarase a día completo.
      • O número de anos cotizados para os efectos de fixar a porcentaxe aplicable á base reguladora da pensión. A fracción de ano computarase coma un ano completo. 

 3) .- Atoparse inscritos como demandantes de emprego nas oficinas do servizo público de emprego, durante un prazo de, como mínimo, 6 meses inmediatamente anteriores á data de solicitude de xubilación. Non obstará ao cumprimento deste requisito a simultaneidade da inscrición sinalada coa realización dunha actividade por conta propia ou allea, sempre que esta actividade sexa compatible coa inscrición como demandante de emprego, segundo a lexislación vixente.

4) .- Que o cesamento no traballo, como consecuencia da extinción do contrato de traballo, non se producise por causa imputable á libre vontade do traballador. Para estes efectos, entenderase por libre vontade do traballador a inequívoca manifestación de vontade de quen, coa posibilidade de continuar a súa relación laboral e sen que exista ningunha razón obxectiva que a impida, decide poñerlle fin. Considerarase en todo caso que o cesamento na relación laboral se produciu de forma involuntaria, cando a extinción se producise por algunha das causas previstas no art. 208.1.1 da Lei Xeral da Seguridade Social (LGSS).

Os requisitos  de atoparse inscrito nas oficinas de emprego durante, polo menos, 6 meses e que o cesamento no traballo non se producise por causa imputable ao traballador non serán esixibles naqueles supostos nos que o empresario, en virtude da obriga adquirida mediante acordo colectivo ou contrato individual de prexubilación, lle aboase ao traballador, tras a extinción do contrato de traballo e nos dous anos inmediatamente anteriores á solicitude de xubilación anticipada, unha cantidade que, en cómputo global, represente un importe mensual non inferior ao resultado de sumar a cantidade que lle correspondería en concepto de prestación por desemprego e a cota que aboaría ou, de ser o caso, a cota de maior contía que podería aboar en concepto de convenio especial coa Seguridade Social. (A novidade radica na equiparación dos contratos individuais de prexubilación aos acordos colectivos).

Tamén poderán acceder á xubilación, cumpridos os requisitos esixidos nos apartados 1, 2 e 3, sempre que a extinción da relación laboral anterior viñese precedida por algunha das causas sinaladas no apartado anterior:

  • Os beneficiarios da prestación de desemprego, cando esta se extinga por esgotamento do prazo de duración da prestación ou por pasar a ser pensionista de xubilación, de conformidade co sinalado nas letras a) e f), apartado 1, do artigo 213  da LGSS.
  • Os beneficiarios do subsidio por desemprego, de nivel asistencial, maiores de 52 anos.
  • Os traballadores maiores de 52 anos que non reúnan os requisitos para acceder ao subsidio por desemprego de maiores desta idade, que unha vez esgotada a prestación por desemprego continúen inscritos nas oficinas do servizo público de emprego.

Non será esixible o cumprimento dos requisitos 3 e 4, cando se trate de traballadores aos que a empresa, en virtude de obriga adquirida en acordo colectivo, lles aboase, como mínimo durante os 2 anos anteriores á data da solicitude da xubilación, unha cantidade que en cómputo global non sexa inferior ao resultado de multiplicar por 24 a suma dos seguintes importes:

  • A contía mensual da prestación que lle correspondería ao traballador en concepto de prestación contributiva por desemprego, de acceder á situación legal de desemprego, na data da extinción do contrato de traballo.
  • O importe mensual da cota satisfeita polo traballador no convenio especial subscrito por aquel.

Para acreditar o cumprimento deste requisito, a empresa deberá emitir unha certificación na que consten as cantidades aboadas ao traballador, en virtude de obriga adquirida mediante acordo colectivo, polo menos durante os 2 anos inmediatamente anteriores á data da xubilación, así como as bases de cotización por desemprego dos 180 días inmediatamente anteriores á baixa na empresa. O traballador, xunto coa solicitude da pensión de xubilación, deberá presentar a certificación da empresa ante a entidade xestora correspondente.



No caso de que haxa que computar cotizacións acreditadas en diferentes réximes da Seguridade Social:

  • Recoñecerá a prestación o réxime no que o traballador estea en alta, no momento do feito causante, sempre que reúna todos os requisitos para o acceso á pensión establecidos no mesmo, computándose a estes efectos exclusivamente as cotizacións acreditadas neste réxime.

  • No suposto de que non fose posible acceder deste xeito á xubilación, recoñecerá a pensión o réxime de Seguridade Social no que no se estaba en alta, sempre que se reúnan os demais requisitos para o acceso á xubilación, computándose a estes efectos exclusivamente as cotizacións acreditadas neste Réxime.

  • Se tampouco fose posible o acceso á xubilación aplicando a regra anterior, decidirá o réxime onde o interesado acredite o maior número de cotizacións.

  • Se aplicando estas regras, o Réxime que recoñece a pensión é o Réxime Xeral (ou o Réxime Especial da Minaría do Carbón ou o Réxime Especial do Mar cando se trate de traballadores por conta allea), o interesado poderá acceder á xubilación anticipada pola vía do artigo 161.3 da Lei Xeral da Seguridade Social. En caso contrario, non caberá a aplicación deste mecanismo de xubilación anticipada.


Copyright © Seguridad Social 1995. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal.

Icona de conformidade cos estándares AA Icona de conformidade cos estándares HTML 4.0. Icona de conformidade cos estándares CSS