MINISTERIO
DE EMPLEO
Y SEGURIDAD SOCIAL

Seguridade Social

Escudo de España ao carón do logotipo do Ministerio de Emprego e Seguridade Social con ligazón á súa páxina web. Ligazón nunha nova ventá. Logotipo da Seguridade Social con enlace á páxina de inicio
Información Lingüística
Buscador avanzado

Traballadores

Beneficiarios / requisitos

A partir do 17-03-2013, esta modalidade de xubilación mantese vixente só para que resulte de aplicación o establecido na disposición transitoria cuarta, apartado 5, da LGSS.




Poderán acceder á xubilación anticipada os traballadores que reúnan os seguintes requisitos:

  1. Encontrarse en alta ou situación asimilada á alta.
  2.  Ter  61 anos de idade real. Para tal efecto, non serán de aplicación as bonificacións de idade das que poidan beneficiarse os traballadores dalgúns sectores profesionais pola realización de actividades penosas, tóxicas, perigosas ou insalubres e as persoas con discapacidade igual ou superior ao 45% ou ao 65%. 
  3. Acreditar un período mínimo de cotización efectiva de:

    30 anos (computarase como cotizado á Seguridade Social o período de prestación do servizo militar obrigatorio ou da prestación social substitutoria, co límite máximo dun ano) sen que se teña en conta, para tales efectos, a parte proporcional por pagas extraordinarias nin o aboamento de anos e días de cotización por cotizacións anteriores ao 1-1-67.

    Do período de cotización, polo menos 2 anos deberán estar comprendidos dentro dos 15 inmediatamente anteriores ao momento de causar o dereito ou ao momento en que cesou a obriga de cotizar, se se accede á pensión de xubilación anticipada dende unha situación de alta ou asimilada á alta sen obriga de cotizar.

    No caso de traballadores incluídos no Sistema especial para traballadores por conta allea agrarios, para os efectos de acreditar o período mínimo de cotización efectiva (30 anos), será necesario que, nos últimos 10 anos anos cotizados, polo menos 6 correspondan a períodos de actividade efectiva neste sistema especial. Para estes efectos, computaranse tamén os períodos de percepción de prestacións por desemprego de nivel contributivo neste sistema especial.

    No caso de traballadores contratados a tempo parcial,  para acreditar o período mínimo de cotización de 30 anos, aplicaranse,  a partir do 04-08-2013, as regras establecidas no Real Decreto-lei 11/2013, do 2 de agosto.
  4. Encontrarse inscritos, como demandantes de emprego, nas oficinas do servizo público de emprego, durante un prazo de, polo menos, 6 meses inmediatamente anteriores á data de solicitude de xubilación. Non obstará ao cumprimento deste requisito a simultaneidade da inscrición sinalada coa realización dunha actividade por conta propia ou allea, sempre que a devandita actividade sexa compatible coa inscrición como demandante de emprego, segundo a lexislación vixente.
  5. Que o cesamento no traballo, como consecuencia da extinción do contrato de traballo, non se producise por causa imputable á libre vontade do traballador. Para tales efectos, entenderase por libre vontade do traballador a inequívoca manifestación de vontade de quen, podendo continuar a súa relación laboral e non existindo razón obxectiva que a impida, decide poñer fin a esta. Considerarase en todo caso que o cesamento na relación laboral se produciu de forma involuntaria, cando a extinción se produza por algunha das causas previstas no artigo 267,1 a) da Lei Xeral da Seguridade Social (LGSS).

Os requisitos  de encontrarse inscrito nas oficinas de emprego durante, polo menos, 6 meses e que o cesamento no traballo non se tivese producido por causa imputable ao traballador non serán esixibles naqueles supostos nos que o empresario, en virtude de obriga adquirida mediante acordo colectivo ou contrato individual de prexubilación, aboase ao traballador tras a extinción do contrato de traballo, e nos dous anos inmediatamente anteriores á solicitude de xubilación anticipada, unha cantidade que, en cómputo global, represente un importe mensual non inferior ao resultado de sumar a cantidade que lle tivese correspondido en concepto de prestación por desemprego e a cota que tivese aboado ou, se é o caso, a cota de maior contía que tivese podido aboar en concepto de convenio especial coa Seguridade Social. (A novidade radica na equiparación dos contratos individuais de prexubilación aos acordos colectivos).

Tamén poderán acceder á xubilación, cumpridos os requisitos esixidos nos apartados 1, 2 e 3, sempre que a extinción da relación laboral anterior viñese precedida por algunha das causas sinaladas no apartado anterior:

  • Os beneficiarios da prestación de desemprego, cando esta se extinga por esgotamento do prazo de duración da prestación ou por pasar a ser pensionista de xubilación, de conformidade co sinalado nas letras a) e e), apartado 1, do artigo 272 da LGSS.
  • Os beneficiarios do subsidio por desemprego, de nivel asistencial, maiores de 52/55 anos.
  • Aos traballadores maiores de 55 anos que non reúnan os requisitos para acceder ao subsidio por desemprego de maiores da devandita idade, unha vez esgotada a prestación por desemprego, e continúen inscritos nas oficinas do servizo público de emprego.

Non será esixible o cumprimento dos requisitos 3 e 4, cando se trate de traballadores aos que a empresa, en virtude de obriga adquirida en acordo colectivo, aboase, como mínimo, durante os 2 anos anteriores á data da solicitude da xubilación, unha cantidade que, en cómputo global, non sexa inferior ao resultado de multiplicar por 24 a suma dos seguintes importes:

  • A contía mensual da prestación que tivese correspondido ao traballador en concepto de prestación contributiva por desemprego, de ter accedido á situación legal de desemprego, na data da extinción do contrato de traballo.
  • O importe mensual da cota satisfeita polo traballador no convenio especial subscrito por aquel.

Para a acreditación do cumprimento deste requisito, a empresa deberá emitir unha certificación na que consten as cantidades aboadas ao traballador, en virtude de obriga adquirida mediante acordo colectivo, polo menos durante os 2 anos inmediatamente anteriores á data da xubilación, así como as bases de cotización por desemprego dos 180 días inmediatamente anteriores á baixas na empresa. O traballador, xunto coa solicitude da pensión de xubilación, deberá presentar a certificación da empresa ante a Entidade xestora correspondente.



No caso de que teñan que computarse cotizacións acreditadas en diferentes réximes da Seguridade Social:

  • Recoñecerá a prestación o réxime no que o traballador estea en alta, no momento do feito causante, sempre que reúna todos os requisitos para o acceso á pensión establecidos neste, computándose para estes efectos exclusivamente as cotizacións acreditadas neste réxime.

  • No suposto de que non fose posible acceder deste xeito á xubilación, recoñecerá a pensión o réxime de Seguridade Social no que non se estaba en alta, sempre que se reúnan os demais requisitos para o acceso á xubilación, computándose para estes efectos exclusivamente as cotizacións acreditadas neste Réxime.

  • Se tampouco fose posible o acceso á xubilación aplicando a regra anterior, decidirá o réxime onde o interesado acredite o maior número de cotizacións.

  • Se aplicando tales regras, o Réxime que recoñece a pensión é o Réxime Xeral (ou o Réxime Especial da Minaría do Carbón ou o Réxime Especial do Mar cando se trate de traballadores por conta allea), o interesado poderá acceder á xubilación anticipada pola vía do artigo 161 bis, apartado 2, do Real Decreto Lexislativo 1/1994, do 20 de xuño, segundo a súa redacción a 31/12/2012. En caso contrario, non caberá a aplicación deste mecanismo de xubilación anticipada.

Copyright © Seguridad Social 2018. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal