MINISTERIO
DE EMPLEO
Y SEGURIDAD SOCIAL

Seguridade Social

Escudo de España ao carón do logotipo do Ministerio de Emprego e Seguridade Social con ligazón á súa páxina web. Ligazón nunha nova ventá. Logotipo da Seguridade Social con enlace á páxina de inicio
Información Lingüística

Traballadores

Estás en: Inicio » Traballadores » Prestacións / Pensións de Traballadores » Incapacidade temporal » Réximes Especiais

Réximes Especiais

Integración do Réxime Especial Agrario no Réxime Xeral:

Os traballadores por conta allea agrarios incluídos no REA , así como os empresarios aos que prestan os seus servizos, quedan integrados, con efectos do 01-01-12, no Réxime Xeral da Seguridade Social, mediante o establecemento dun Sistema especial para estes traballadores,  tendo dereito ás prestacións da Seguridade Social nos mesmos termos e condicións que no Réxime Xeral, coas particularidades establecidas  regulamentariamente (Lei 28/2011, do 22 de setembro).

Integración do Réxime Especial de Empregados de Fogar no Réxime Xeral:

Con efectos do 01-01-2012, o Réxime Especial dos Empregados de Fogar queda integrado no Réxime Xeral da Seguridade Social, mediante o establecemento dun sistema especial para estes traballadores, quen terá dereito ás prestacións da Seguridade Social nos mesmos termos e condicións que no Réxime Xeral, coas peculiaridades que se determinen regulamentariamente (Lei 27/2011, do 1 de agosto). 



Os requisitos xerais esixidos para causar dereito á prestación nos Réximes Especiais son, en cada caso, os seguintes:

  • Estar en alta  ou en situación asimilada á alta no réxime correspondente.

  • Estar ao corrente no pagamento das cotas, das que sexan responsables directos os traballadores, aínda que a prestación sexa recoñecida, como consecuencia do cómputo recíproco de cotizacións, nun réxime de traballadores por conta allea.

    A tales efectos, será de aplicación o mecanismo de invitación ao pagamento previsto no |art.  28.2 do Decreto 2530/1970, do 20 de agosto, calquera que sexa o réxime de Seguridade Social no que o interesado estivese incorporado, no momento de acceder á prestación ou no que se cause esta.


A prestación recoñécese nos mesmos termos e condicións ca no réxime xeral da Seguridade Social, coas particularidades seguintes:

Opción e formalización da cobertura:

  • A cobertura da prestación económica por IT derivada de continxencias comúns terá carácter obrigatorio, sen prexuízo do indicado nos parágrafos seguintes, e deberá formalizarse cunha MATEPSS, que estará obrigada a aceptar toda proposta de adhesión que se lle formule para tal efecto.

Os traballadores autónomos (agás os TRADE ou os que desempeñen actividades en que a cobertura das continxencias profesionais resulte obrigatoria polo seu maior risco de sinistralidade) que teñan cuberta a prestación por IT noutro réxime do sistema da Seguridade Social no que tamén se atopen en alta poderán, en tanto se manteña a súa situación de pluriactividade, acollerse voluntariamente á cobertura desta prestación no RETA así como, no seu caso, renunciar a ela.

  • Para os traballadores incluídos no Sistema especial de traballadores agrarios por conta propia, a cobertura da IT será voluntaria, coas seguintes particularidades:
    • Se ao solicitar a súa inclusión neste sistema especial xa estivesen de alta no RETA, tendo cuberta obrigatoriamente a prestación por IT, poden renunciar a esta cobertura na respectiva solicitude, con efectos do día 1º do mes seguinte ao da súa presentación. 
    • Cando os traballadores, que non se acollesen á cobertura por IT, queden excluídos deste sistema especial, permanecendo en alta no RETA pola mesma ou distinta actividade, a cobertura da prestación será obrigatoria dende a data de efectos da exclusión, agás que se tivese dereito a ela en virtude da actividade realizada noutro réxime da Seguridade Social.
  • A opción en favor desta cobertura, que haberá de formalizarse cunha Mutua, poderá realizarse no momento de causar alta neste réxime especial e os seus efectos coincidirán cos desta alta. Se non se exercita esta opción, os traballadores poderán optar por acollerse a esta protección mediante solicitude por escrito que deberá formularse antes do 1 de outubro de cada ano, con efectos dende o día 1 de xaneiro do ano seguinte.

    Os dereitos e obrigas derivados da opción en favor da cobertura da prestación por IT serán esixibles durante o período dun ano natural, que se prorrogará por períodos de igual duración.
  • A renuncia á cobertura da prestación poderá realizarse, mediante solicitude por escrito, nos seguintes supostos:
  1. Con carácter xeral, antes do 1 de outubro de cada ano, con efectos dende o día 1 de xaneiro do ano seguinte.
  2. Cando a situación de pluriactividade se produza con posterioridade á alta no RETA, dentro dos 30 días seguintes aos da alta pola nova actividade, con efectos dende o día 1º do mes seguinte ao da renuncia. Noutro caso, será de aplicación o disposto no parágrafo anterior.
  3. Cando os traballadores deixen de reunir os requisitos para ter a condición de economicamente dependentes ou de desempeñar unha actividade con alto risco de siniestralidade, permanecendo en alta no RETA, con efectos dende o primeiro día do mes seguinte a aquel en que se extinguise o respectivo contrato ou en que finalizase a referida actividade, sempre que a variación de datos correspondente se comunique dentro de prazo; noutro caso, a cobertura manterase ata o último día do mes en que produza efectos a referida variación.

A renuncia realizada nos supostos anteriores non impedirá exercer novamente a opción por esta cobertura, sempre que transcurrise, como mínimo, un ano natural dende que tivo efectos a renuncia anterior.

  • Nos supostos de cambio de MATEPSS, os efectos da opción por esta cobertura ou da renuncia a ela terán lugar dende o día 1º do mes de xaneiro do ano seguinte ao da formulación da correspondente opción ou ao de presentación da renuncia.

  • Cando na data de efectos da opción e da renuncia a que se refiren as regras anteriores, ou ben do cambio de MATEPSS a que se refire o parágrafo anterior, o traballador se atopase en situación de IT, tales efectos demoraranse ao día primeiro do mes seguinte a aquel en que se produza a alta médica.
  • A cobertura da prestación por IT, se atopen acollidos ou non os traballadores a ela, pasará a ser obrigatoria:
    • Cando finalice a situación de pluriactividade con mantemento da alta no RETA, con efectos dende o día 1º do mes en que cese a pluriactividade.
    • Cando os traballadores pasen a ter a condición de TRADE ou a desempeñar unha actividade profesional con elevado risco de sinistralidade, con efectos dende o día 1º do mes en que se reúna tal condición ou se iniciase a referida actividade profesional.

Continxencias profesionais

  • A protección terá carácter voluntario, agás para os TRADE e para aqueles que estean obrigados a formalizar a súa cobertura por desempeñar unha actividade profesional cun elevado risco de sinistralidade.

    A formalización desta cobertura levarase a cabo coa mesma Mutua ou Entidade xestora coa que se formalizase ou se formalice a cobertura da IT.
  • A opción pola protección fronte a estas continxencias, a renuncia a ela e, no seu caso, a súa conversión en obrigatoria realizaranse na forma, prazos, condicións e cos efectos establecidos sobre a opción e renuncia da protección por IT.
  • Nos supostos en que se opte pola protección da prestación por IT poderase optar simultaneamente pola das continxencias profesionais, cuxos efectos coincidirán. De non terse exercido simultaneamente ambas opcións, a protección das continxencias profesionais poderase solicitar antes do 1 de outubro de cada ano, con efectos dende o día 1 de xaneiro do ano seguinte.

    Nestes casos, a renuncia á cobertura da prestación por IT suporá, en todo caso, a renuncia á das continxencias profesionais, sen que a renuncia a esta implique a renuncia á protección por IT, agás que así se solicite expresamente
  • No caso de traballadores que realicen varias actividades que dean lugar a unha única inclusión no RETA, a cobertura dos accidentes de traballo e enfermidades profesionais practicarase por aquela das súas actividades á que resulte aplicable o tipo de cotización máis alto entre os recollidos na tarifa de primas vixente. 

Declaración de situación da actividade:

Ademais de acreditar os requisitos xerais esixidos, o traballador autónomo (a excepción dos incluídos no Sistema Especial para traballadores por conta propia agrarios e dos TRADE) deberá presentar ante o INSS ou a MATEPSS coa que concertase a continxencia de IT, declaración no modelo oficial sobre a persoa que xestione directamente o establecemento mercantil, industrial ou doutra natureza do que sexan titulares ou, no seu caso, o cesamento temporal ou definitivo na actividade desenvolvida.

Prazo de presentación:

  • Dentro dos 15 días seguintes á data da baixa.
  • Mentres dure a situación de IT, o traballador estará obrigado a presentar esta declaración con periodicidade semestral, a contar dende a data en que se inicie a situación, se fora requirido para iso.

A falta de presentación da declaración, no prazo máximo indicado, producirá a suspensión no inicio do pagamento da prestación, podendo iniciarse de oficio as actuacións pertinentes para verificar a situación na que queda o establecemento do que é titular o beneficiario da prestación.

Se como consecuencia das actuacións administrativas, se deducise o carácter indebido da prestación que xa se comezara a percibir, procederase a realizar as actuacións precisas para o seu reintegro.

O establecido nos dous parágrafos anteriores enténdese sen prexuízo de que, pola non presentación en prazo da declaración, así como, no seu caso, por ter percibido indebidamente a prestación, puidesen iniciarse os correspondentes expedientes sancionadores naqueles casos en que, atendendo ás circunstancias concorrentes, oportunamente valoradas pola Entidade xestora, así se determine por esta.

Contía da prestación:

A contía obtense aplicando as porcentaxes correspondentes á base reguladora (BR).

Porcentaxes:

  • Se deriva de enfermidade común ou accidente non laboral:

    • O 60% (por cento), que se aboará dende o día cuarto ao vixésimo da baixa, ambos inclusive.
    • O 75%, que se aboará a partir do día vixésimo primeiro.
  • Se deriva de accidente de traballo ou enfermidade profesional, aboarase o 75 % da BR dende o día seguinte ao da baixa, sempre que o interesado optase pola cobertura das continxencias profesionais.

Base reguladora:

  • Estará constituída pola base de cotización do traballador correspondente ao mes anterior ao da baixa médica, dividida entre 30. Esta base manterase durante todo o proceso, incluídas recaídas, agás que o interesado optase por unha base de cotización inferior, en cuxo caso, se terá en conta esta última.
IT DOS TRABALLADORES AUTÓNOMOS QUE CESAN NA ACTIVIDADE

Contía da prestación por cesamento de actividade:

A contía da prestación, durante todo o seu período de goce, determinarase aplicando á BR o 70%.

A BR será o promedio das bases polas que se cotizase durante os 12 meses continuados e inmediatamente anteriores á situación legal de cesamento, computando a tal efecto o mes completo no que se produza esta situación.

A contía máxima da prestación por cesamento de actividade será do 175% do IPREM, agás cando o traballador autónomo teña un ou máis fillos ao seu cargo; en tal caso, a contía será, respectivamente, do 200% ou do 225% deste indicador.

A contía mínima da prestación por cesamento de actividade será do 107% ou do 80% IPREM, segundo o traballador autónomo teña ou non fillos ao seu cargo.

Para os efectos de calcular as contías máxima e mínima, entenderase que se teñen fillos a cargo, cando estes sexan menores de 26 anos, ou maiores cunha incapacidade en grao igual ou superior ao 33%, carezan de rendas de calquera natureza iguais ou superiores ao SMI excluída a parte proporcional das pagas extraordinarias e convivan co beneficiario.

Para os efectos da contía máxima e mínima da prestación por cesamento de actividade, terase en conta o IPREM mensual, incrementado nunha sexta parte, vixente no momento do nacemento do dereito.

Aos colectivos con base de cotización á Seguridade Social inferior á base mínima ordinaria de cotización para os traballadores por conta propia ou autónomos, non lles será de aplicación a contía mínima da prestación por cesamento de actividade.

Cesamento da actividade estando o traballador en situación de IT:

Cando o feito causante da protección por cesamento na actividade se produza estando o traballador en situación de IT, continuará percibindo a prestación por IT, na mesma contía que a prestación por cesamento de actividade, ata que a mesma se extinga, en cuxo momento pasará a percibir, sempre que reúna os requisitos legalmente establecidos, a prestación económica por cesamento de actividade que lle corresponda. En tal caso, descontarase do período de percepción da prestación por cesamento de actividade, como xa consumido, o tempo que permanecese na situación de IT a partir da data da situación legal de cesamento de actividade.

O traballador autónomo terá a obriga de comunicar e acreditar a situación de cesamento de actividade ao órgano xestor que aboa a prestación de IT dentro dos 15 días seguintes ao que se produce o cesamento de actividade. 

A solicitude da protección por cesamento de actividade deberá facerse unha vez extinguida a IT, acreditando a situación legal de cesamento de actividade ante a entidade ou órgano xestor co que se teña cuberta as continxencias de accidentes de traballo e enfermidades profesionais (MATEPSS, ISM ou o SPEE se ten cuberta esta protección co INSS ) nos 15 días hábiles seguintes ao día de extinción da IT.  

IT causada durante a prestación económica por cesamento na actividade:

O período de percepción da prestación por cesamento de actividade non se ampliará como consecuencia de que o traballador autónomo pase á situación de IT. Durante esta situación, o órgano xestor da prestación farase cargo das cotizacións á Seguridade Social, nos termos previstos no artigo 4, apartado primeiro, letra b), ata o acollemento do período de duración da prestación ao que o traballador autónomo tivese dereito.

  • Nos casos en que a IT constitúa recaída dun proceso anterior iniciado con anterioridade á situación legal de cesamento na actividade, percibirá a prestación por IT en contía igual á prestación por cesamento na actividade. Neste caso, e no suposto de que o traballador autónomo continuase en situación de IT unha vez finalizado o período de duración establecido inicialmente para a prestación por cesamento na actividade, seguirá a percibir a prestación por IT na mesma contía na que a viña percibindo.
  • Cando a situación de IT non constitúa recaída dun proceso anterior iniciado con anterioridade á situación legal de cesamento na actividade, percibirá a prestación por IT en contía igual á prestación por cesamento na actividade. Neste caso, e no suposto de que o traballador autónomo continuase en situación de IT unha vez finalizado o período de duración establecido inicialmente para a prestación por cesamento na actividade, seguirá a percibir a prestación por IT en contía igual ao 80% do IPREM mensual.

    Esta garantía de contía mínima non será de aplicación aos colectivos con base de cotización á Seguridade Social inferior á base mínima ordinaria de cotización establecida para os traballadores por conta propia ou autónomos. 

O disposto nos parágrafos anteriores será aplicable aos traballadores incluídos no Sistema especial para traballadores por conta propia agrarios, que reúnan os requisitos esixidos no art. 4 da Lei 32/2010, coas especialidades previstas na disposición adicional quinta do RD 1541/2011, do 31 de outubro, en cuxo apartado 5, se establece que estes traballadores iniciarán a cotización a partir do 01-01-12.

Máis información relativa a este Réxime:



A prestación recoñécese nos mesmos termos e condicións que no Réxime Xeral da Seguridade Social, coa seguinte particularidade:

  • Base reguladora:

Cando a incapacidade derive de continxencias comúns, é a base normalizada  que corresponda ao traballador, en cada momento, segundo a categoría profesional que tivese ao iniciarse esta situación.

Máis información relativa a este Réxime: 


Todos os traballadores, incluídos no Réxime Especial do Mar teñen cuberta a incapacidade temporal, tanto se deriva de continxencias comúns como profesionais.

A prestación recoñécese nos mesmos termos e condicións que no Réxime Xeral da Seguridade Social coas particularidades seguintes:

Para os traballadores pertencentes aos grupos II e III o pagamento do Subsidio realizarase directamente a través das Direccións Provinciais ou Locais do Instituto Social da Mariña, sen que exista pagamento delegado por parte das empresas aínda que si responsabilidade en canto ao pagamento durante os días 4º ao 15º da baixa no traballo.

No caso dos traballadores por conta propia:

  • Será requisito indispensable para o acceso ao subsidio atoparse ao corrente no pagamento das cotas no momento da baixa médica, así como a presentación dunha declaración sobre a persoa que xestione a actividade ou, no seu caso, o cesamento temporal ou definitivo da mesma.
  • Non cabe a posibilidade de optar pola cobertura da incapacidade temporal derivada de continxencias comúns cunha Mutua.

Máis información relativa a este Réxime:

Persoas incluídas no campo de aplicación deste Réxime, afiliación, altas e baixas e cotización

Tramitación : Direccións Provinciais e Locais do ISM.



Copyright © Seguridad Social 1995. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal.

Icona de conformidade cos estándares AA Icona de conformidade cos estándares HTML 4.0. Icona de conformidade cos estándares CSS