MINISTERIO
DE EMPLEO
Y SEGURIDAD SOCIAL

Seguridade Social

Escudo de España ao carón do logotipo do Ministerio de Emprego e Seguridade Social con ligazón á súa páxina web. Ligazón nunha nova ventá. Logotipo da Seguridade Social con enlace á páxina de inicio
Información Lingüística

Traballadores

Canto se debe cotizar?

Cota

As cantidades que hai que ingresar á Seguridade Social, chamadas cotas, calcúlanse aplicando o tipo á base de cotización.

Base de cotización

A base de cotización neste Réxime Especial será a elixida polo traballador entre as bases mínima e máxima que lle corresponda.

Durante o ano 2011 a base elixida situarase entre unha base mínima de cotización de 850,20 euros mensuais e unha base máxima de cotización de 3.230,10 euros mensuais.

Os traballadores autónomos que a 1 de xaneiro de 2011, sexan menores de 48 anos de idade será a elixida por estes, dentro dos límites das bases mínimas e máximas.

Igualmente terán a mesma posiblidade de elección de bases os traballadores autónomos que nesa data teñan 48 ou 49 anos de idade e a súa base de cotización no mes de decembro de 2010 fose igual ou superior a 1.665,90 euros mensuais ou que causen alta nese réxime especial. Se a base de cotización fose inferior a 1.665,90 euros mensuais, non poderán elixir unha base superior a 1.682,70 euros mensuais, agás que exerciten a súa opción en tal sentido antes do 30 de xuño de 2011, o que producirá efectos a partir do 1 de xullo do mesmo ano, ou que se trate do cónxuxe supérstite do titular do negocio que, como consecuencia do falecemento deste, tivese que poñerse á fronte do mesmo e darse de alta neste Réxime Especial con 48 ou 49 anos de idade, en cuxo caso non existirá esa limitación.

Para os traballadores autónomos que a 1 de xaneiro de 2010 teñan 50 ou máis anos, a base de cotización estará comprendida entre as contías de 1.682,70 e 916,50 euros mensuais, agás que se trate do cónxuxe supérstite do titular do negocio que, como consecuencia do falecemento deste, tivese que poñerse á fronte do mesmo e darse de alta no RETA, con 45 ou máis anos de idade, en cuxo caso a elección de bases estará comprendida entre as contías de 850,20 e 1.682,70 euros mensuais.

Non obstante, as bases de cotización dos autónomos que causen alta no Réxime, e que con anterioridade aos 50 anos cotizasen en calquera dos Réximes do Sistema da Seguridade Social, durante 5 ou máis anos, rexeranse polas seguintes regras:

  • Se a última base de cotización acreditada fose igual ou inferior a 1.665,90 euros mensuais, cotizarán por unha base comprendida entre 850,20 e 1.682,70 euros mensuais.
  • Se a última base acreditada fose superior a 1.665,90 euros mensuais, cotizarán por unha base comprendida entre 850,20 euros mensuais e o importe daquela incrementado nunha porcentaxe igual ao aumento experimentado pola base máxima de cotización deste Réxime Especial (1,00 por cento).

A estes efectos considérase como última base de cotización acreditada, a última base pola que cotizase o traballador, cumpridos ou non os 50 anos de idade.

Os traballadores dedicados á venda ambulante ou a domicilio (CNAE 09.4781, 4782, 4789 e 4799) poderán elixir como base mínima de cotización a establecida con carácter xeral no Réxime- 850,20 euros mensuais - ou unha base de cotización de 748,20 euros mensuais.

Os traballadores autónomos dedicados á venda a domicilio (CNAE 09.4799 - comercio polo miúdo a domicilio) poderán elixir como base mínima de cotización a establecida con carácter xeral no Réxime - 850,20 euros mensuais - ou unha base de cotización de 467,70 euros mensuais.

Os socios traballadores de Cooperativas de Traballo Asociado dedicados á venda ambulante, que perciban ingresos directamente dos compradores, quedarán incluídos, a efectos da Seguridade Social, no Réxime Especial de Traballadores por Conta Propia ou Autónomos.

Estes poderán elixir como base mínima de cotización a establecida con carácter xeral no Réxime, 850,20 euros mensuais, ou a de 748,20 euros mensuais, agás que acrediten que a venda ambulante se realiza en mercados tradicionais ou mercados, con horario de venda inferior a 8 horas/día, en cuxo caso poderán optar por unha base de 850,20 euros mensuais ou unha base de 467,70 euros mensuais. Esta elección de bases tamén será de aplicación  ás persoas que se dediquen de forma individual á venda ambulante en mercados tradicionais ou mercados con horario de venda inferior a oito horas ao día, sempre que non dispoñan de establecemento fixo propio, nin produzan os artigos ou produtos que vendan.

Deberán cotizar en calquera caso polas continxencias de accidentes de traballo e enfermidades profesionais, aplicando, sobre a base de cotización elixida, a tarifa de primas contida na disposición adicional cuarta da Lei 42/2006, do 28 de decembro, de Orzamentos Xerais do Estado para o ano 2007, na redacción dada pola disposición final oitava da Lei 26/2009, do 23 de decembro, de Orzamentos Xerais do Estado para o ano 2010.

Estas específicas bases mínimas unicamente poderán ser aplicadas polos traballadores ou socios traballadores cuxa actividade se limite exclusivamente á venda, non incluíndose aqueles casos nos que, ademais, se fabrican ou elaboran os produtos obxectos de venda.

Os traballadores cuxa alta no Réxime Especial se practicase de oficio, como consecuencia, á súa vez, dunha baixa de oficio no Réxime Xeral da Seguridade Social ou noutro réxime de traballadores por conta allea, poderán optar, calquera que sexa a súa idade no momento de causar alta, entre manter a base de cotización pola que viña cotizando no réxime no que causaron baixa ou elixir unha base de cotización aplicando as regras xerais previstas, a tales efectos, neste Réxime Especial.

Segundo a disposición transitoria primeira da Orde de Cotización, os traballadores comprendidos neste réxime especial que, á data de producir efectos as novas bases de cotización, optasen polas bases máximas permitidas ata ese momento, poderán elixir ata o día 28 de febreiro, calquera base de cotización das comprendidas entre aquela pola que viñesen cotizando e o límite máximo que lles sexa de aplicación, podendo ingresar sen recarga, ata o día 31 de marzo. A nova base elixida producirá efectos dende o 1 de xaneiro de 2011.

A lei 20/2007, do 11 de xullo, do Estatuto do Traballador Autónomo, crea a figura do traballador economicamente dependente para aqueles autónomos que traballan basicamente para un cliente, do que perciben polo menos o 75 por cento dos seus ingresos e co que están vinculados mediante un específico contrato escrito.

O Real Decreto 197/2009, do 23 de febreiro, desenvolve regulamentariamente a regulación deste contrato.

A posibilidade de establecer bases de cotización diferenciadas para estes traballadores, cuestión contemplada no Estatuto, non foi obxecto de regulación para o presente ano 2011.

Respecto da acción protectora, estes traballadores teñen a cobertura obrigatoria da incapacidade temporal derivada de continxencias comúns e a de continxencias de accidentes de traballo e enfermidades profesionais, debendo polo tanto cotizar por elas.

Solicitude de cambio da base de cotización.

Os traballadores por conta propia ou autónomos poderán cambiar dúas veces ao ano a base de cotización, elixindo outra, dentro das establecidas na norma, sempre que o soliciten na Dirección Provincial da Tesourería Xeral da Seguridade Social, Administración da mesma ou a través do Servizo de Internet, antes do día 1 de maio, con efectos do 1 de xullo seguinte, e antes do 1 de novembro, con efectos do 1 de xaneiro do ano seguinte. Esta solicitude poderá ser realizada a través da Sede Electrónica > Cidadáns> Servizos con certificado dixital ou/e Servizos con certificado SILCON>. Solicitude cambio de base de cotización (Autónomos).

No suposto de estar cotizando por calquera das bases máximas do RETA, poderán solicitar que a súa base se incremente automaticamente na mesma porcentaxe en que se incrementen as bases máximas, co tope do límite máximo. Así mesmo aínda non cotizando polas bases máximas poderán solicitar que se incremente a súa base automaticamente na mesma porcentaxe en que se incrementen as bases máximas, co límite do tope máximo aplicable ao traballador.

As solicitudes anteriores ao 1 de novembro de cada ano terán efectos dende o 1 de xaneiro do ano seguinte á data da solicitude.

A renuncia a estas opcións poderá realizarse no mesmo prazo e terá efectos a partir do 31 de decembro do ano en que se presente a solicitude

Beneficios na cotización.

Os traballadores autónomos que teñan 65 ou máis anos de idade e acrediten 35 anos ou máis de cotización efectiva, á Seguridade Social, seralles de aplicación a exoneración de cotas, agás por incapacidade temporal e no seu caso por continxencias profesionais, de acordo co establecido na disposición adicional trixésima segunda da Lei Xeral da Seguridade Social.

En consecuencia, os traballadores autónomos que non teñan a cobertura de incapacidade temporal e reúnan os requisitos indicados estarán exentos de ingresar cotización algunha.

Os traballadores autónomos que optaron pola cobertura desta continxencia deberán aplicar o tipo do 3,30 por 100, e ingresar a prima que lles corresponda por continxencias profesionais, en caso de que se acollesen ás mesmas.

Non obstante a exoneración establecida na norma, o traballador autónomo poderá optar por continuar practicando a súa cotización conforme ao que viñan realizando con anterioridade.

Os traballadores incorporados ao RETA (incluídos os Socios Traballadores de Cooperativas de Traballo Asociado), a partir da entrada en vigor do Estatuto do Traballador Autónomo, que teñan 30 ou menos anos de idade (35 anos, no caso de mulleres), aplicaranse unha redución sobre a cota de continxencias comúns que lles corresponda durante os 15 meses seguintes á data de efectos da alta, equivalente ao 30 por 100 da cota resultante de aplicar o tipo mínimo vixente (29,80% ou 29,30% se está acollido á protección por cesamento de actividade) á base mínima de cotización deste réxime, e unha bonificación de igual contía nos 15 meses seguintes á finalización da redución anterior.

Esta redución irá a cargo dos orzamentos da Seguridade Social mentres que a bonificación serao a cargo dos orzamentos do Servizo Público de Emprego Estatal (Disposición adicional trixésima quinta da Lei Xeral da Seguridade Social).

Estes beneficios serán aplicables tanto se se trata dunha alta inicial como se se trata dunha alta sucesiva no Réxime consecuencia do reinicio da súa actividade producida a partir do 1 de xaneiro de 2005. Para que esta alta teña a consideración de sucesiva, a estes efectos, non deberá ser continuada debendo mediar polo menos un mes natural entre a data de efectos da baixa anterior e a data de efectos da nova alta.

Terá unha duración de 30 meses en total, ininterrompidos, con independencia dos períodos de baixa no Réxime dentro deste prazo e que serán tidos en conta a efectos do cómputo dos 30 meses.

As traballadoras autónomas que cesando a súa actividade por conta propia por maternidade e gozando do descanso correspondente, reiniciaran a mesma nos 2 anos seguintes á data do parto, terán dereito a unha bonificación do 100 por 100 da cota por continxencias comúns, resultante de aplicar o tipo de cotización á base mínima vixente no réxime, durante 12 meses. Esíxese para acceder a este beneficio na cotización que a traballadora faga efectivo, polo menos, o período de descanso obrigatorio por maternidade de 42 días naturais (seis semanas) despois do parto.

Non se require que o cesamento na actividade por conta propia fose definitivo (baixa RETA) xa que podería ser temporal (descanso por maternidade).

Os traballadores autónomos substituídos durante os períodos de descanso por maternidade, adopción, acollemento, paternidade, risco durante o embarazo ou risco durante a lactación natural, mediante contratos de interinidade bonificados, celebrados con desempregados (Real decreto Lei 11/1998, do 4 de setembro), terán dereito a unha bonificación do 100 por 100 da cota resultante de aplicar sobre a base mínima do réxime o tipo de cotización obrigatorio (29,80%).

Esta bonificación será de aplicación mentres coincidan no tempo a suspensión da actividade polas devanditas causas e o contrato de interinidade do substituto, co límite máximo en todo caso do período de suspensión.

Os traballadores autónomos, a tempo completo, incluídos os socios traballadores de cooperativas de traballo asociado dedicados a actividades incluídas nos sectores de comercio, hostalería, turismo e industria (agás enerxía e auga), que residan e exerzan a súa actividade en Ceuta e Melilla terán dereito a unha bonificación do 40 por 100 da cota por continxencias comúns durante dous anos, contados a partir do día primeiro do mes seguinte a aquel en que entrou en vigor a Orde TAS/471/2004, do 20 de febreiro, pola que se ditan normas para a súa aplicación, é dicir, ata o período de liquidación marzo/2006, inclusive.

Mediante Orde TIN/530/2010, do 5 de marzo, prorrógase a aplicación destas bonificacións ata o período de liquidación marzo/2012, inclusive.

Os discapacitados que causen alta inicial no RETA terán dereito a unha bonificación do 50% da cota resultante de aplicar sobre a base mínima do réxime o tipo vixente neste, durante os 5 anos seguintes á data de efecto da alta.

De acordo co criterio establecido polo Servizo Público de Emprego Estatal, Entidade que soporta a cargo dos seus orzamentos o importe desta bonificación, para que a alta teña a consideración de inicial esíxese que a mesma sexa a orixinaria no Réxime (interpretación estrita do concepto de alta incial).

Estes beneficios seranlles igualmente aplicables aos socios traballadores de cooperativas de traballo asociado que se inclúan no RETA e cumpran os requisitos establecidos.

Aos traballadores autónomos que se dean de alta na Seguridade Social fóra de prazo, non lles será de aplicación ningún beneficio na cotización por canto non obstante ter ingresado as cotas correspondentes a períodos anteriores á formalización da alta, aquel realizouse fóra de prazo, non podendo considerarse que se atopan ao corrente coa Seguridade Social, requisito para acceder aos mesmos.

Os traballadores incorporados á actividade agraria a partir do 1 de xaneiro de 2008, incluídos no Sistema Especial, que teñan 40 ou menos anos de idade no momento da incorporación e sexan cónxuxe ou descendentes do titular da explotación agraria, aplicaranse, sobre a cotización por continxencias comúns de cobertura obrigatoria, unha redución equivalente ao 30 por 100 da cota resultante de aplicar á base mínima o tipo do 18,75 por 100, durante 5 anos.

Os socios traballadores de cooperativas de traballo asociado dedicados á venda ambulante que, con anterioridade ao 31 de decembro de 2010, quesasen incluídos no Réxime Especial dos Traballadores por Conta Propia ou Autónomos en aplicación do establecido no artigo 120.Catro.8 da Lei 2/2008 do 23 de decembro, de PGE para o ano 2009, terán dereito durante o ano 2011, a unha redución do 50 por cento da cota a ingresar.

Tamén terán dereito a esta redución os socios traballadores de cooperativas de traballo asociado dedicados á venda ambulante que iniciasen a súa actividade e quedasen incluídos no Réxime Especial a partir do 1 de xaneiro de 2009.

Esta reducción aplicarase sobre a cota resultante de aplicar sobre a base mínima elixida, o tipo de cotización aplicable (29,80% ou 29,30% se o interesado está acollido ao sistema de protección por cesamento actividade). 

Os traballadores autónomos que, en razón do seu traballo por conta allea, desenvolvido simultaneamente, cotizasen no ano 2010, respecto de continxencias comúns en réxime de pluriactividade e tendo en conta tanto as achegas empresariais como as correspondentes ao traballador no Réxime Xeral, así como as efectuadas no Réxime Especial por unha contía igual ou superior a 10.860,00 euros anuais, terán dereito a unha devolución do 50 por cento do exceso en que as súas cotizacións ingresadas superen a mencionada contía, co tope do 50 por cento das cotas ingresadas no Réxime Especial, en razón da súa cotización polas continxencias comúns de cobertura obrigatoria.

A efectos do cómputo dos 10.860,00 euros, indicar que os importes obxecto de aprazamento non deberán ser tidos en conta.

A devolución efectuarase a instancia do interesado, que haberá de formulala nos catro primeiros meses do 2011.

Tipo de cotización.

Durante o ano 2011 neste Réxime Especial será o 29,80 por 100 ou o 29,30 por cento se o interesado está acollido ao sistema de protección por cesamento de actividade. Cando o interesado non teña a protección por incapacidade temporal, neste Réxime o tipo de cotización será do 26,50 por cento.

Conforme á Lei 32/2010 do 5 de agosto pola que se establece un sistema específico de protección por cesamento de actividade para os traballadores autónomos que tivesen cubertas as continxencias de accidentes de traballo e enfermidades profesionais, o tipo de cotización establecido para a cobertura da referida continxencia é do 2,2 por cento. Os traballadores autónomos acollidos ao sistema de protección por cesamento de actividade terán unha redución de 0,5 puntos porcentuais na cotización pola cobertura de incapacidade temporal derivada de continxencias comúns.

Para Accidentes de traballo e Enfermidades Profesionais, aplicarase a Tarifa de Primas establecida na Disposición adicional cuarta da Lei 42/2006, do 28 de decembro, de Orzamentos Xerais do Estado para o ano 2007, en redacción dada pola disposición final oitava da Lei 26/2009, do 23 de decembro, de Orzamentos Xerais do Estado para o ano 2010.Tarifa de Primas - Disposición Adicional Cuarta

Os traballadores que non optasen pola cobertura das continxencias de accidentes de traballo e enfermidades profesionais, efectuarán unha cotización adicional do 0,10%, sobre a base de cotización elixida, para o financiamento das prestacións por risco durante o embarazo e risco durante a lactación natural.



Copyright © Seguridad Social 1995. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal.

Icona de conformidade cos estándares AA Icona de conformidade cos estándares HTML 4.0. Icona de conformidade cos estándares CSS