MINISTERIO
DE EMPLEO
Y SEGURIDAD SOCIAL

Seguridade Social

Escudo de España ao carón do logotipo do Ministerio de Emprego e Seguridade Social con ligazón á súa páxina web. Ligazón nunha nova ventá. Logotipo da Seguridade Social con enlace á páxina de inicio
Información Lingüística
Buscador avanzado

Glosario

Estás en: Inicio » Glosario


  • Abandonados (fillos)
    Os menores de 18 anos, ou maiores con discapacidade igual ou superior ao 65 %, e foran abandonados polos seus pais, sempre que non se atopen en réxime de acollemento familiar, poden ser beneficiarios da asignación económica por fillo ou menor acollido a cargo.
  • Accidente de Traballo (AT)
    Enténdese por accidente de traballo toda lesión corporal que o traballador sufra con ocasión ou por consecuencia do traballo que execute por conta allea. No traballo por conta propia dos Réximes Especiais de traballadores Autónomos e de traballadores do Mar, entenderase coma accidente de traballo o ocorrido como consecuencia directa e inmediata do traballo que realiza pola súa propia conta e que determina a súa inclusión no campo de aplicación do réxime especial. A lei establece, ademais, diversas consideracións e presuncións para determinar o concepto de accidente de traballo.
  • Accidente non laboral
    Lesión ou alteración da saúde derivada de accidente sempre que este non sexa consecuencia do traballo realizado. Correspóndelle a acción protectora na mesma forma que na enfermidade común, sen esixencia de período previo de cotización, salvo para acceder a pensións de incapacidade permanente absoluta ou gran invalidez, ou de morte e supervivencia, dende situacións de non-alta.
  • Acción civil

    Posibilidade de exercicio dun dereito subxectivo público, anterior ao proceso, a unha tutela xurisdicional específica, e referido a un interese xurídico concreto, que conceden as leis para pedir a intervención dos órganos competentes do Poder Xudicial.

  • Acción positiva
    En Dereito comunitario, medidas dirixidas a un grupo determinado, coas que se pretende suprimir e previr unha discriminación ou compensar as desvantaxes resultantes de actitudes, comportamentos e estruturas existentes (denominadas, ás veces, “discriminación positiva”). (A Sentenza do Tribunal Constitucional 28/1992, intenta deslindar as accións positivas das medidas protectoras, afirmando ao respecto que "a prohibición da discriminación por razón de sexo admite a existencia de medidas singulares a favor da muller, que traten de corrixir unha situación desigual de partida, como son as medidas de acción positiva ou similares, pero ao mesmo tempo, esixe a eliminación, en principio, das normas protectoras do traballo feminino, e que poden supoñer un obstáculo para o acceso real da muller ao emprego en igualdade de condicións de traballo cos varóns". Deste modo, dáse entrada a unha concepción da igualdade que permite tratamentos razoablemente desiguais para conseguir a igualdade efectiva, considerando que a formal xa se conseguiu).
  • Acción protectora
    Comprende o conxunto de prestacións, en cartos ou en especie, que o Sistema da Seguridade Social establece para prever, reparar ou superar os estados de necesidade nacidos ou derivados das continxencias ou situacións sufridas polos suxeitos protexidos e determinadas na Lei.
  • Achega do Estado
    Recursos económicos achegados polo Estado previstos na lei e incluídos nos presupostos xerais de cada exercicio para financiar aqueles gastos que legalmente así se establecese.
  • Achegas para o Sostemento dos Servizos Comúns Sociais
    As que cada Mutua colaboradora coa Seguridade Social efectúa para o sostemento dos Servizos Comúns e Sociais da Seguridade Social e que a Tesouraría Xeral da Seguridade Social deduce ao transferir a cada Mutua a recadación das cotas mensuais que lle corresponden. Determínase mediante a aplicación a estas cotas dun coeficiente que anualmente fixa o Ministerio de Emprego e Seguridade Social.
    As empresas colaboradoras ingresan estas achegas xunto coas cotas.
  • Acollemento

    Institución que ten coma fin a protección necesaria para a garda dos menores en situación de desamparo, ou por solicitude de pais e titores, en circunstancias graves. É unha das situacións protexidas, mediante os subsidios por maternidade e paternidade, durante os períodos de descanso que con motivo do acollemento gocen os traballadores, aboándose o equivalente ao 100 % da base reguladora. Protéxese tanto a garda con fins de adopción como o acollemento familiar e permanente e, nalgúns casos, o temporal, sempre que, neste último caso, a súa duración non sexa inferior a un ano, e aínda que os devanditos acollementos sexan provisionais.

  • Acta de infracción
    Documento polo que a Inspección de Traballo e Seguridade Social inicia o procedemento sancionador no que se constatan os feitos e fundamentos de dereito en que se basea a sanción, cuxo importe tamén se indica, derivada do incumprimento de normas laborais ou de seguridade social. As Actas de Infracción gozan da presunción de legalidade, polo que quen se opón a elas debe probalo, xa que se inverte a carga da proba.
  • Acta de liquidación
    Documento polo que a Inspección de Traballo e Seguridade Social inicia a tramitación de expedientes liquidatorios por débedas á Seguridade Social nos supostos en que legalmente proceden. As Actas de liquidación gozan da presunción de legalidade, polo que quen se opón a elas debe probalo, xa que se inverte a carga da proba.
  • Actividades básicas da vida diaria (Lei 39/2006)
    Tarefas elementais da persoa que lle permiten desenvolverse cun mínimo de autonomía e independencia, tales como o coidado persoal, as actividades domésticas básicas, etc.
  • Adopción
    Acto xurídico polo que se concede a patria potestade sobre un menor, creando vínculos xurídicos de parentesco análogos á filiación.
  • Afiliación
    Acto administrativo da Tesourería Xeral da Seguridade Social polo que se realiza a incorporación ao Sistema da Seguridade Social dun suxeito protexido, o que o converte en titular de dereitos e obrigas co mesmo. En xeral, solicítase polo empregador para os traballadores por conta allea e polo propio traballador se o é por conta propia. Dá lugar á asignación do Número de Afiliación, de carácter vitalicio e único para todo o Sistema.
  • Agravación da Incapacidade Permanente
    Ata que o incapacitado permanente faga os 65 anos, (agás que a causa da incapacidade proveña de enfermidade profesional), a Administración, o interesado, as entidades colaboradoras ou os empresarios responsables das prestacións, poden promover a revisión por agravación do estado incapacitante, conforme ao procedemento establecido.
  • Alta de oficio
    Alta que se produce por chegar a coñecemento da TGSS a existencia dunha persoa que debendo figurar en alta no sistema, por cumprir os requisitos, non o está.
  • Alta de pleno dereito
    Os traballadores por conta allea e asimilados, incluídos no campo de aplicación dos réximes do Sistema da Seguridade Social, consideraranse, de pleno dereito, en situación de alta nos mesmos, a efectos de accidentes de traballo e enfermidades profesionais e desemprego, aínda que o seu empresario tivese incumprido as súas obrigas ao respecto. Igualmente se aplica para os exclusivos efectos da asistencia sanitaria por enfermidade común, maternidade, risco durante o embarazo e accidente non laboral. También se denomina a este tipo de alta como "alta presunta".
  • Alta especial
    A que ten lugar en supostos de folga, peche patronal e outras situacións que poidan determinarse e ten os efectos que fixe a norma que establecese este tipo de alta.
  • Alta inicial
    A que establece a primeira relación do traballador co Sistema da Seguridade Social.
  • Alta médica

    Declaración médica, mediante o parte médico de alta, nas situacións de incapacidade temporal, tras o recoñecemento do traballador, que establece a plena aptitude para o traballo ou a alta con proposta de invalidez. O parte médico de alta é expedido polo facultativo do Servizo Público de Saúde, do INSS ou da Mutua colaboradora coa Seguridade Social (en caso de continxencias profesionais). Ata o cumprimento da duración máxima de 365 días dos procesos de incapacidade temporal, tanto o INSS como o ISM poderán emitir unha alta médica para todos os efectos. Unha vez esgotado o prazo máximo de duración da incapacidade temporal (365 días), o INSS e o ISM son os únicos competentes para emitir a alta médica, recoñecer a situación de prórroga cun límite de 180 días máis ou determinar a iniciación dun expediente de Incapacidade Permanente.

  • Alta (na Seguridade Social)
    Comunicación á Tesourería Xeral da Seguridade Social da incorporación dun traballador a unha actividade que o converte nun suxeito protexido do Sistema de Seguridade Social.
  • Alta sucesiva
    A que se produce cada vez que o traballador reinicia a súa actividade laboral nunha ocupación que obriga á inclusión no Sistema da Seguridade Social.
  • Anticipo de prestacións

    As Entidades xestoras, Mutuas colaboradoras coa Seguridade Social ou, se é o caso, os Servizos comúns procederán de acordo coas súas respectivas competencias ao pagamento das prestacións aos beneficiarios nos casos de incumprimento en materia de afiliación, altas, baixas e cotización determinados regulamentariamente, coa conseguinte subrogación nos dereitos e accións de tales beneficiarios; o indicado pagamento procederá, aínda cando se trate de empresas desaparecidas ou daquelas que pola súa especial natureza non poidan ser obxecto de procedemento de constrinximento. Igualmente, as mencionadas Entidades, Mutuas e Servizos asumen o pagamento das prestacións, na medida na que se atenúe o alcance da responsabilidade dos empresarios respecto a este pagamento.

    O anticipo das prestacións non poderá exceder en ningún caso da cantidade equivalente a dúas veces e media o importe do indicador público de renda de efectos múltiples vixente no momento do feito causante ou, se é o caso, do importe do capital custo necesario para o pagamento anticipado, co límite indicado polas Entidades xestoras, Mutuas ou Servizos.

  • Aprazamento ou fraccionamento no pagamento das cotas
    Resolución administrativa de carácter discrecional instada por un suxeito responsable pola que a Tesourería Xeral da Seguridade Social pode conceder o aprazamento ou fraccionamento no pagamento de calquera tipo de débedas coas Entidades Xestoras ou Servizos Comúns da Seguridade Social, agás as de cotas de Accidentes de Traballo e Enfermidades Profesionais, en todo caso, e as achegadas polos traballadores cando o suxeito responsable do ingreso sexa o empresario. É aprazamento ordinario o solicitado dentro dos vinte primeiros días naturais do prazo regulamentario e o suxeito responsable non pode realizar o ingreso neste prazo. É extraordinario en calquera outra circunstancia.
  • Asignación económica por fillo ou menor acollido a cargo

    Prestación familiar, de modalidade non contributiva, de carácter económico, que se recoñece en determinadas condicións, por cada fillo menor de 18 anos ou, cando sendo maior da devandita idade, está afectado por unha discapacidade, nun grao igual ou superior ao 65 por 100, a cargo do beneficiario, calquera que sexa a natureza legal da filiación daquel, así como polos menores ao seu cargo en réxime de acollemento familiar permanente ou garda con fins de adopción.

  • Asimilación a situación de alta
    (Véxase "Situación asimilada á alta")
  • Asimilación de categorías profesionais
    Resolución contida na Orde do 25-6-63 pola que se asimilaron as categorías profesionais existentes naquela data nas distintas Regulamentacións de Traballo aos Grupos de Cotización establecidos no Decreto 56/1963, do 17 de xaneiro (BOE  |Nº.  17). Cando por convenio colectivo ou por norma se crea unha categoría profesional solicítase e obtense desta Tesourería Xeral a asimilación adecuada.
  • Asistencia persoal (Lei 39/2006)
    Servizo prestado por un asistente persoal que realiza ou colabora en tarefas da vida cotiá dunha persoa en situación de dependencia, para fomentar a súa autonomía persoal.
  • Asistencia sanitaria (AS)
       Garantirase a asistencia sanitaria con cargo a fondos públicos, a través do Sistema Nacional de Saúde ás persoas que ostenten a condición de asegurado ou beneficiario. Considéranse asegurados as persoas que se atopen nalgún dos seguintes supostos:

    - Ser traballadores por conta propia ou allea, afiliados á Seguridade Social e en alta ou situación asimilada

    - Ostentar a condición de pensionistas do sistema da Seguridade Social

    - Ser perceptores de prestacións periódicas, incluída a prestación e o subsidio de desemprego

    - Ter esgotado a prestación ou o subsidio de desemprego e atoparse en situación de  desemprego, non acreditando a condición de asegurado por ningún outro título.

       Aínda que non se cumpran ningún destes supostos, as persoas de nacionalidade española ou dalgún Estado membro da Unión Europea, do Espazo Económico Europeo ou de Suíza que residan en España e os estranxeiros titulares dunha autorización para residir en territorio español, poderán ostentar a condición de asegurado sempre que acrediten que non obteñen ingresos superiores a 100.000€ en cómputo anual.    Pola súa parte, terán a condición de beneficiarios dun asegurado, sempre que residan en España, o cónxuxe ou persoa con análoga relación de afectividade, que deberá acreditar a inscrición oficial correspondente, o ex cónxuxe a cargo do asegurado, así como os descendentes e persoas asimiladas a cargo do mesmo que sexan menores de 26 anos ou que teñan unha discapacidade en grao igual ou superior ao 65%.    Ademais, os estranxeiros non rexistrados nin autorizados como residentes en España, recibirán asistencia sanitaria nas seguintes modalidades:

    a) De urxencia por enfermidade grave ou accidente, calquera que sexa a súa causa, ata a situación de alta médica.

    b) De asistencia ao embarazo, parto e posparto.

       En todo caso, os estranxeiros menores de dezaoito anos recibirán asistencia sanitaria nas mesmas condicións que os españois.

  • Asistencia Sanitaria concertada
    Asistencia Sanitaria prestada por entidades públicas ou privadas en virtude de concerto cos Organismos da Administración de Seguridade Social e aprobados polos Departamentos Ministeriais competentes.
  • Asistencia xurídica gratuíta
    Dereito a participar gratuitamente nos preitos laborais e de Seguridade Social por parte dos traballadores, beneficiarios, Entidades Xestoras e outras persoas, nos termos recoñecidos polas leis.
  • Audiencia do interesado

    Obriga da Administración de permitir ao interesado que poida efectuar alegacións na súa defensa. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, ponse de manifesto o expediente ao interesado para que poida efectuar as súas alegacións e presentar os documentos e xustificantes que estime pertinentes, nun prazo non inferior a dez días nin superior a quince. Nalgúns casos, o dereito a determinadas informacións ou datos contidos no expediente non pode ser exercido. Considérase realizado o trámite se, antes do vencemento do prazo, o interesado manifesta a súa decisión de non efectuar alegacións nin achegar novos documentos ou xustificacións e, así mesmo, poderase prescindir do trámite de audiencia cando non figuren no procedemento nin sexan tidos en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións e probas máis que as aducidas polo interesado.

  • Auto xudicial

    Resolución dos Xuíces ou Tribunais que decide a admisión ou inadmisión dos recursos contra providencias, cuestións incidentais, presupostos procesuais, nulidade do procedemento ou cando as leis procesuais o establezan. Serán sempre fundados e conterán en parágrafos separados e numerados os feitos e fundamentos de dereito e a parte dispositiva, debendo firmalos o Xuíz ou o Maxistrado ou Maxistrados que o diten.

  • Autónomos
    Traballador por conta propia, maior de 18 anos, que realiza de forma habitual, persoal e directa, unha actividade económica a título lucrativo, en territorio nacional, sen suxeición por ela a contrato de traballo e aínda que utilice o servizo remunerado doutras persoas, sexa ou non titular de empresa, actividade que lle obriga á inclusión no Sistema de Seguridade Social no Réxime Especial de Traballadores por Conta Propia ou Autónomos.
  • Autónomos economicamente dependentes
    Traballadores que realizan unha actividade económica ou profesional a título lucrativo e de forma habitual, persoal, directa e predominante para unha persoa física ou xurídica, denominada cliente, do que dependen economicamente por percibir del, polo menos, o 75% dos seus ingresos por rendementos de traballo e de actividades económicas ou profesionais.
  • Autoridade competente

    Designa a calquera persoa ou órgano a quen a lei lle atribúe competencia en determinada materia, para cada Estado membro, o ministro, os ministros ou calquera outra autoridade correspondente da cal dependan, para o conxunto do territorio do Estado de que se trate, os réximes de Seguridade Social.

  • Auxilio por defunción
    É unha das prestacións por morte e supervivencia, consistente nunha cantidade a tanto alzado de que para o ano 2012 ascende a  45,10 euros, actualizándose a partir dese ano conforme ao índice de prezos ao consumo (IPC), para facer fronte aos gastos de enterro a quen os soportase. Presúmese, agás proba en contrario, que estes gastos foron satisfeitos por esta orde: polo cónxuxe supervivente, o sobrevivente dunha parella de feito, fillos e parentes do falecido que convivisen con el habitualmente.
  • Axudas asistenciais
    Auxilios económicos en atención a estados ou situacións de necesidade.

Copyright © Seguridad Social 2017. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal