Aviso Cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario. As cookies non se utilizan para recoller información de carácter persoal. Para máis información consulte a nosa política de cookies.

Valore esta página
Valore este contenido

Incapacidade permanente parcial

É aquela que, sen alcanzar o grao de total, ocasiona ao traballador unha diminución non inferior ao 33% no seu rendemento normal para a profesión habitual, sen impedirlle a realización das tarefas fundamentais da mesma.

Beneficiarios / requisitos

As persoas incluídas no Réxime Xeral declaradas en situación de incapacidade permanente parcial, calquera que sexa a continxencia que a orixine, sempre que reúnan os seguintes requisitos:

  • Non ter a idade prevista no apartado 1.a) do artigo 205 da LGSS na data do feito causante ou non reunir os requisitos esixidos para acceder á pensión de xubilación contributiva do Sistema, se a incapacidade deriva de continxencias comúns.
  • Estar afiliadas e en alta ou en situación asimilada á alta.

    Cando a incapacidade se derive de accidente de traballo ou enfermidade profesional, os traballadores consideraranse de pleno dereito afiliados e en alta, aínda que o empresario incumprise as súas obrigas.

    Considérase situación de alta especial a folga legal ou peche patronal.

    No caso dos representantes de comercio, artistas e profesionais taurinos, esíxese, ademais, estar ao corrente do pagamento de cotas na data na que sobreveña a continxencia. Se non están ao corrente, sempre que as cotas debidas non afecten o período de carencia, advertirase da necesidade de que se poña ao corrente, quedando condicionado o pagamento da prestación ao cumprimento da devandita obriga.
  • Ter cuberto un período previo de cotización, se a incapacidade deriva de enfermidade común:

    De 1800 días de cotización comprendidos nos 10 anos inmediatamente anteriores á data na que se extinguise a incapacidade temporal da que derive a incapacidade permanente.

Para os traballadores menores de 21 anos de idade na data da baixa por enfermidade, deberá acreditar a metade dos días transcorridos entre a data na que fixesen os 16 anos de idade e a de iniciación do proceso de incapacidade temporal, ao que se sumará todo o período, esgotado ou non, da incapacidade temporal (545 días) (art. 3 Decreto 394/1974, do 31 de xaneiro).

No caso dos traballadores con contratos a tempo parcial, para acreditar o período de cotización esixido, a partir do 04-08-2013, aplicaranse as regras establecidas no Real Decreto-lei 11/2013, do 2 de agosto.

Non se esixe período previo de cotización, se a incapacidade deriva de accidente (sexa ou non laboral) ou de enfermidade profesional.

Situacións asimiladas á de alta

  • A situación legal de desemprego, total e subsidiado, e a de paro involuntario unha vez esgotada a prestación contributiva ou asistencial, sempre que en tal situación se manteña a inscrición como desempregado na oficina de emprego.
  • A situación do traballador durante o período correspondente a vacacións anuais retribuídas que non se gozasen con anterioridade á finalización do contrato.
  • A excedencia forzosa.
  • O período de tempo en que o traballador permaneza en situación de excedencia por coidado de fillo, de menor acollido ou doutros familiares, que exceda do período considerado de cotización efectiva no artigo 237 da LGSS.
  • O traslado do traballador pola empresa fóra do territorio nacional.
  • Os períodos de inactividade entre traballos de tempada.
  • Os períodos de prisión sufridos como consecuencia dos supostos contemplados na Lei 46/1977, do 15 de outubro, de amnistía, nos termos regulados na Lei 18/1984, do 8 de xuño.
  • A situación daqueles traballadores que non se atopen en alta nin en ningunha outra das situacións asimiladas a esta, despois de prestaren servizos en postos de traballo que ofrecesen risco de enfermidade profesional e para os únicos efectos de que poida declararse unha incapacidade permanente debida a esta continxencia.
  • Os períodos de percepción da axuda equivalente a xubilación anticipada e de axuda previa á xubilación ordinaria.
  • A situación de incapacidade temporal que subsista unha vez extinguido o contrato. 
  • A situación de maternidade ou paternidade que subsista unha vez extinguido o contrato de traballo ou que se inicie durante a percepción da prestación por desemprego.
  • No caso dos artistas e profesionais taurinos, os días que se consideren cotizados dentro de cada ano natural en aplicación das normas que regulan a súa cotización e que non se correspondan cos de prestación de servizos.
  • No caso dos traballadores afectados pola síndrome tóxica que, por tal causa, cesaron no seu día no exercicio da súa actividade laboral ou profesional, sen que puidesen continuar ese exercicio, e que estiveran en alta nalgún dos réximes do sistema da Seguridade Social, a situación asimilada entenderase con respecto ao réxime no que o traballador estivese encadrado cando cesou na súa actividade e para as continxencias comúns. 
  • O período de suspensión do contrato de traballo por decisión da traballadora que se vexa obrigada a abandonar o seu posto de traballo como consecuencia de ser vítima da violencia de xénero.

Feito causante / Efectos económicos

  • Feito causante:

    Se a incapacidade permanente xorde tras extinguirse a incapacidade temporal da que deriva, ben por esgotamento do prazo, ben por alta médica con proposta de incapacidade permanente, o feito causante enténdese producido na data da extinción da incapacidade temporal.

    Se a incapacidade permanente non está precedida de incapacidade temporal ou esta non se extinguiu, o feito causante enténdese producido na data de emisión do ditame-proposta do Equipo de Valoración de Incapacidades (EVI).
  • Efectos económicos: a prestación faise efectiva a partir da correspondente resolución.

Contía / Aboamento

Contía:

  • A prestación consiste nunha indemnización a tanto alzado.

  • A contía da indemnización é igual a 24 mensualidades da base reguladora que serviu para o cálculo do subsidio de incapacidade temporal do que se deriva a incapacidade permanente.

  • Nos supostos nos que non existise incapacidade temporal previa, por carecer desta protección o beneficiario, tomarase como base reguladora a que correspondería por incapacidade temporal, se tivese dereito a esta prestación.

Aboamento:

  • Abóase nun pagamento único.

  • Garántense contías mínimas nos casos de incapacidade permanente parcial, causada ao abeiro do Regulamento de Accidentes de Traballo (aprobado por Decreto de 22-6-56), ao facer os beneficiarios 65 anos de idade.

  • A prestación está suxeita a tributación nos termos establecidos nas normas reguladoras do Imposto sobre a renda das persoas físicas (IRPF) e sometida, no seu caso, ao sistema xeral de retencións a conta do imposto.

Compatibilidades

  • É compatible co desenvolvemento de calquera actividade laboral, tanto por conta allea como por conta propia.

  • É compatible co mantemento do traballo que se viñese desenvolvendo. 

Xestión / Pagamento

  • A xestión  é efectuada por:

    • O Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS), con carácter xeral.

    • O Instituto Social da Marina (ISM), se se trata de traballadores incluídos no campo de aplicación do Réxime Especial do Mar.

  • O pagamento é levado a cabo por:

    • O Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) ou, se é o caso, o Instituto Social da Mariña (ISM), cando a incapacidade permanente derive de enfermidade común ou accidente non laboral.

    • O Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) ou a Mutua Colaboradora coa Seguridade Social, se é o caso, cando a incapacidade permanente derive de enfermidade profesional.

    • O Instituto Nacional da Seguridade Social ou a Mutua Colaboradora coa Seguridade Social, se é o caso, cando derive de accidente de traballo.
Complementary Content
${loading}