Prestación por nacemento e coidado de menor do Estatuto dos Traballadores
O Real Decreto-Lei 6/2019, do 1 de marzo, de medidas urxentes para garantía da igualdade de trato e de oportunidades entre mulleres e homes no emprego e a ocupación creou unha nova prestación denominada prestación por nacemento e coidado de menor que substitúe e engloba as prestacións de maternidade e paternidade.
Para os traballadores aos que se aplica o Estatuto dos Traballadores, a prestación por nacemento e coidado de menor en caso de parto terá unha duración de 16 semanas para cada proxenitor, das cales son obrigatorias as 6 semanas inmediatamente posteriores ao parto (desaparecen os dous días por cargo á empresa que existían na paternidade) que deben gozarse de xeito ininterrompido e a xornada completa. As 10 semanas restantes, poderán gozarse a xornada completa ou parcial, en períodos semanais xa sexa de xeito acumulado ou interrompido respecto do primeiro período e pode exercitarse dende a finalización das 6 primeiras semanas ata que o/a fillo/a cumpra 12 meses. O gozo de cada período semanal ou, no seu caso, acumulado, debe comunicarse a empresa cunha antelación mínima de 15 días, debendo presentar un certificado de empresa por cada período de gozo. A nai biolóxica poderá anticipar ata 4 semanas o inicio da prestación, antes da data previsible do parto.
Para os traballadores aos que se aplica o Estatuto dos Traballadores, a prestación por nacemento e coidado de menor en caso adopción, acollemento ou garda con fins de adopción terá unha duración total para cada proxenitor de 16 semanas, 6 semanas obrigatorias, ininterrompidas e a xornada completa, inmediatamente posteriores á data da resolución xudicial ou decisión administrativa. As 10 semanas restantes, en períodos semanais, de forma acumulada ou interrompida, dentro dos 12 meses seguintes á resolución xudicial ou decisión administrativa.
Tanto en caso de parto, coma de adopción, acollemento ou garda con fins de adopción, a prestación ampliarase polos seguintes motivos:
- 1 semana para cada proxenitor, por cada fillo/a, a partir do segundo, en caso de nacemento, adopción ou acollemento múltiples.
- 1 semana para cada proxenitor en caso de discapacidade do/a fillo/a.
- Por parto prematuro e hospitalización (por un período superior a 7 días) a continuación do parto, ata un máximo de 13 semanas.
Esta nova prestación entra en vigor para os nacementos, adopcións, gardas con fins de adopción e acollementos que se produzan a partir do 1 de abril de 2019. Non obstante, a súa aplicación é paulatina; así, para 2019:
A nova regulación é aplicable na súa totalidade en caso de parto para a nai biolóxica. O outro proxenitor (en caso de parto) gozará de 8 semanas de prestación, das cales, 2 semanas son obrigatorias e ininterrompidas a xornada completa, inmediatamente posteriores ao parto. As 6 semanas restantes poderán ser continuadas ou interrompidas en períodos semanais, en réxime de xornada completa ou parcial. Tamén existe a posibilidade de que a nai biolóxica lle ceda ao outro proxenitor un máximo de 4 semanas.
Para 2019 no caso de adopción, acollemento ou garda con fins de adopción cada proxenitor dispoñerá de 6 semanas obrigatorias ininterrompidas, inmediatamente despois resolución xudicial ou decisión administrativa e a tempo completo. Outras 12 semanas son voluntarias e a distribuír entre os dous (ininterrompidas dentro dos 12 meses seguintes a resolución xudicial ou decisión administrativa) tendo en conta que sobre estas 12 semanas cada proxenitor poderá gozar individualmente dun máximo de 10 semanas a xornada completa ou parcial.