Aviso Cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario. As cookies non se utilizan para recoller información de carácter persoal. Para máis información consulte a nosa política de cookies.

Valore esta página
Valore este contenido

Renda activa de inserción

Pode enlazar á sección Trámites e Xestións   para ver unha versión simplificada.

Beneficiarios: Requisitos de acceso

Poderán ser beneficiarios deste programa os traballadores desempregados menores de sesenta e cinco anos que, á data da solicitude de incorporación ao programa, reúnan os seguintes requisitos:

  • Ter feita a idade de corenta e cinco anos.
  • Ser demandante de emprego inscrito ininterrompidamente na Oficina do Servizo Público de emprego que lle corresponda durante doce ou máis meses. Para estes efectos, considerarase interrompida a demanda de emprego por ter traballado un período acumulado de 90 ou máis días nos 365 anteriores á data de solicitude de incorporación ao programa. A saída ao estranxeiro, por calquera motivo ou duración, interrompe a inscrición como demandante de emprego. Nos supostos en que se interrompa a demanda de emprego, esixirase un período de 12 meses ininterrompido dende a nova inscrición.
  • Ter extinguido a Prestación por Desemprego de Nivel Contributivo e/ou Subsidio por Desemprego de Nivel Asistencial establecidos no Título 3º do Texto Refundido da Lei Xeral da Seguridade Social, agás cando a extinción se producise por imposición de sanción e non ter dereito á protección pola devandita continxencia. Non se esixirá aos traballadores emigrantes retornados nin aos que acrediten a condición de vítima de violencia de xénero ou doméstica. 
  • Carecer de rendas, de calquera natureza, superiores en cómputo mensual ao 75% do Salario Mínimo Interprofesional, excluída a parte proporcional de dúas pagas extraordinarias.
    Para estes efectos, aínda que o solicitante careza de rendas, nos termos anteriormente establecidos, se ten cónxuxe e/ou fillos menores de 26 anos, ou maiores incapacitados, ou menores acollidos, unicamente se entenderá cumprido o requisito de carencia de rendas cando a suma das rendas de todos os integrantes da unidade familiar así constituída, incluído o solicitante, dividido polo número de membros que a compoñen non supere o 75% do salario mínimo interprofesional, excluída a parte proporcional de dúas pagas extraordinarias. Computarase como renda o importe dos salarios sociais, rendas mínimas de inserción ou axudas análogas de asistencia social concedidas polas Comunidades Autónomas. Consideraranse rendas as recollidas no artigo 215.3.2 do texto refundido da Lei Xeral da Seguridade Social. 
  • Non ter sido beneficiario da renda activa de inserción nos 365 días naturais anteriores á data de solicitude do dereito á admisión ao programa, agás no caso dos que acrediten un grao de discapacidade igual ou superior ao 33% ou a condición de vítima de violencia de xénero ou vítima de violencia doméstica.
  • Non ter sido beneficiario de tres dereitos ao programa de renda activa de inserción aínda que non se tivesen gozado polo período de duración máxima da renda.

Tamén poderán ser beneficiarios:

  • Traballadores que acrediten a condición de persoa con discapacidade en grao igual ou superior ao 33%, sempre que reúnan todos os requisitos indicados, agás o de ser maior de corenta e cinco anos.
  • Os traballadores emigrantes retornados do estranxeiro nos doce meses anteriores á solicitude, que traballou como mínimo seis meses no estranxeiro dende a súa última saída de España, e figura inscrito como demandante de emprego, sempre que reúna os requisitos do apartado primeiro, agás o de ter permanecido inscrito nos últimos doce meses.
  • Os traballadores que teñan acreditada pola Administración competente a condición de vítima de violencia de xénero e estean inscritos como demandantes de emprego, sempre que se reúnan todos os requisitos anteriores, agás o da idade e o da inscrición durante os últimos doce meses.
  • Os beneficiarios de pensións de invalidez non contributivas, se reúnen todos os requisitos agás o de carecer de rendas superiores en cómputo mensual ao 75% do Salario Mínimo Interprofesional, excluída a parte proporcional de dúas pagas extraordinarias, pola percepción da pensión, sempre que acrediten que deixarán de percibila.

Compromiso de actividade

Para ser beneficiarios do programa, os traballadores, ademais de reunir os requisitos establecidos, deberán solicitalo e subscribir o compromiso de actividade, ao que se refire o artigo 231.2 do texto refundido da Lei Xeral da Seguridade Social, aprobado polo Real Decreto Lexislativo 1/1994, do 20 de xuño, en virtude do cal realizarán as distintas actuacións que se determinen polo servizo público de emprego, no plan persoal de inserción, que se desenvolverán mentres o traballador se manteña incorporado ao programa.

Solicitude

Para incorporarse ao programa, os traballadores deberán presentar a solicitude no Centro do Instituto Social da Mariña que lle corresponda polo seu domicilio, xunto coa documentación que acredita que reúne os requisitos esixidos no momento da solicitude.

Incorporación e desenvolvemento do Programa

Unha vez incorporado ao Programa, o beneficiario ten dereito a percibir a renda e a participar e beneficiarse das seguintes actuacións durante todo o tempo de permanencia nel:

  • Titoría individualizada.
  • Itinerario de inserción laboral.
  • Entrevista profesional polo titor para definir o seu perfil profesional.
  • Elaboración dun plan persoal de inserción laboral. Determinación dun calendario e actividades que se van desenvolver.
  • Xestión de ofertas de colocación.
  • Incorporación a plans de emprego e/ou formación.
  • Incorporación a accións de voluntariado.

Contía

A contía da renda é do 80% do Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (IPREM) mensual vixente en cada momento, 426,00 euros/mes para o ano 2013.

Durante a percepción da Renda Activa de Inserción o Servizo Público de Emprego Estatal ingresará as cotizacións á Seguridade Social correspondentes ás prestacións de asistencia sanitaria e, se é o caso, protección á familia.

As vítimas da violencia de xénero ou vítimas de violencia doméstica que se visen obrigadas e acrediten cambio da súa residencia nos 12 meses anteriores á solicitude de admisión ao Programa, ou durante a súa permanencia neste, poderán percibir nun pagamento único unha axuda suplementaria de tres meses de renda activa de inserción sen que iso minore a duración da devandita renda. Esta axuda poderase percibir unha soa vez por cada dereito á admisión ao programa de renda activa de inserción.

Os traballadores admitidos ao Programa que realicen un traballo por conta propia ou por conta allea a tempo completo, percibirán unha axuda equivalente ao 25 por 100 da contía da renda durante un máximo de 180 días, con independencia do número de contratos de traballo ou actividades por conta propia realizadas. A percepción da axuda non minorará a duración da renda activa de inserción.

Nacemento do dereito

Os traballadores, como consecuencia da súa admisión ao programa, terán recoñecida a renda activa de inserción a partir do día seguinte a aquel no que se solicite, data na que devindicarán a contía e a cotización de Seguridade Social.

Duración

A duración máxima da renda é de once meses.

Extinción

Causarán baixa definitiva no Programa os traballadores incorporados a este que cometan algún dos feitos seguintes:

  • Incumprimento das obrigacións que impliquen o compromiso de actividade e que se concretan no Plan persoal de inserción laboral, salvo causa xustificada.
  • Non comparecer, previo requirimento, ante o Servizo Público de Emprego Estatal ou ante os Servizos Públicos de Emprego, non renovar a demanda de emprego na forma e datas que se determinen no documento de renovación da demanda, ou non devolverlles no prazo aos Servizos Públicos de Emprego o correspondente xustificante de que compareceu no lugar e data indicados para cubrir as ofertas de emprego facilitadas polos devanditos servizos, salvo causa xustificada.
  • Rexeitamento dunha oferta de colocación adecuada ou de participar en programas de emprego ou en accións de inserción, orientación, promoción, formación ou reconversión profesionais, salvo causa xustificada.
  • Traballo por conta propia ou allea a tempo completo, por un período igual ou superior a seis meses.
  • Obter pensións ou prestacións de carácter económico da Seguridade Social que sexan incompatibles co traballo ou que, sen selo, excedan na súa contía dos límites que se fixan para poder percibir a renda activa de inserción, ademais de obter axudas sociais como vítima de violencia de xénero que non poida participar en programas de emprego.
  • Deixar de reunir o requisito de carencia de rendas por un período superior a seis meses.
  • Acceder a unha prestación por desemprego, a un subsidio por desemprego ou á renda agraria.
  • Traslado ao estranxeiro, agás no suposto de realización de traballo ou perfeccionamento profesional por un período inferior a seis meses.
  • Renuncia voluntaria á renda activa de inserción.
  • Obter ou manter indebidamente a percepción da renda activa de inserción.
  • Esgotar o prazo máximo de duración da renda activa de inserción.

Suspensión

Causarase baixa temporal no desenvolvemento do Programa nos seguintes supostos:

  • O traballo por conta allea a tempo completo por un período inferior a seis meses.
  • O traballo por conta propia por un período inferior a seis meses.
  • A superación do límite de rendas, por un período inferior a seis meses.
  • Traslado ao estranxeiro para a busca ou realización dun traballo ou perfeccionamento profesional ou cooperación internacional por un período inferior a seis meses.
  • Non terá consideración de traslado de residencia a saída ao estranxeiro por tempo non superior a 15 días naturais por unha soa vez ao ano, sen prexuízo de que o beneficiario está obrigado a comunicar a devandita situación.

Producida a baixa no programa polas causas previstas, producirase a reincorporación a aquel por solicitude do interesado nos 15 días seguintes ao cesamento no traballo por conta propia, ou ao retorno a España, previa inscrición como demandante de emprego e reactivación do Compromiso de Actividade na data da solicitude. A solicitude fóra do prazo sinalado suporá a perda de tantos días de renda como medien entre a data en que tivese lugar a reincorporación ao Programa no caso de que se solicitase en tempo e forma e aquela en que efectivamente se formulase a solicitude.

No caso de baixa no programa por deixar de reunir o requisito de carencia de rendas individuais ou da unidade familiar, producirase a reincorporación ao programa a partir do día seguinte á solicitude sempre que se acredite novamente a concorrencia destes requisitos dentro do período de seis meses a partir da data de baixa temporal no Programa, previa inscrición como demandante de emprego e reactivación do compromiso de actividade.

Tras o cesamento no traballo por conta allea a tempo completo recuperarase de oficio a percepción da renda activa de inserción, sempre que o traballador figure inscrito como demandante de emprego e que a entidade xestora teña constancia da involuntariedade do cesamento por tratarse da fin dunha relación temporal ou por figurar ese cesamento involuntario no informe de vida laboral.

Documentación

  • Solicitude oficial.
  • Identificación do solicitante e, de ser o caso, do cónxuxe e fillos.
  • Xustificante, de ser o caso, dos ingresos obtidos no mes anterior á solicitude polo solicitante, cónxuxe e fillos.
  • Certificado de minusvalía, só se se accede ao Programa pola condición de persoa con minusvalía.
  • Certificado da Área de Traballo das delegacións ou subdelegacións do Goberno en cada provincia se se accede ao Programa por ser traballador emigrante.
  • Sentenza xudicial, ou orde de protección xudicial, ou informe do Ministerio Fiscal ou certificado da Administración pública competente de ser vítima de violencia de xénero no caso de acceder ao Programa por ser vítima de violencia de xénero.
  • Certificado da Administración competente sobre a suspensión da pensión a partir da data en que se inicie a devindicación da renda activa de inserción se se é beneficiario dunha pensión de invalidez non contributiva.
  • Calquera outro que, de acordo coa normativa vixente, indique o Instituto Social da Mariña como necesario para o acceso ao programa de renda activa de inserción en cada caso particular.
Complementary Content
${loading}