Aviso Cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario. As cookies non se utilizan para recoller información de carácter persoal. Para máis información consulte a nosa política de cookies.

Valore esta página
Valore este contenido

Contía / Aboamento

A contía da pensión obtense aplicando sobre a base reguladora a porcentaxe correspondente.

Nos casos de AT e EP, a prestación aumentarase, segundo a gravidade da falta, dun 30% a un 50% cando a lesión se produza por falta de medidas de prevención de riscos laborais.
 
Esta recarga recae directamente sobre o empresario infractor e mantense durante todo o período de percepción da pensión. Esta recarga non será de aplicación aos empregados de fogar.
 

Porcentaxe

  • O 52% da base reguladora, con carácter xeral.

    • A partir de 01-01-2019 a porcentaxe aplicable á base reguladora da pensión de viuvez será do 60%, cando na persoa beneficiaria concorran os seguintes requisitos:

      • Ter unha idade igual ou superior a 65 anos.

      • Non ter dereito a outra pensión pública española e estranxeira.

      • Non percibir ingresos pola realización de traballos por conta allea ou por conta propia.

      • Non dispoñer de rendas de capital mobiliario ou inmobiliario, ganancias patrimoniais ou rendas de actividades económicas, superiores a 7.707,00 euros/ano.

  • O 70% da base reguladora correspondente sempre que, durante todo o período de percepción da pensión, se cumpran os seguintes requisitos:
  1. Que o pensionista teña cargas familiares. Enténdese que existen cargas familiares cando:
    • Conviva con fillos menores de 26 anos ou maiores incapacitados, ou menores acollidos ou suxeitos a garda con fins de adopción. A estes efectos, considérase que existe incapacidade cando acredite unha discapacidade igual ou superior ao 33%.
    • Os rendementos da unidade familiar, incluído o propio pensionista, divididos entre o número de membros que a compoñen, non superen, en cómputo anual, o 75 % do salario mínimo interprofesional vixente en cada momento, excluída a parte proporcional das dúas pagas extraordinarias.
  2. Que a pensión de viuvez constitúa a principal ou única fonte de ingresos, entendendo que se cumpre este requisito cando o importe anual da pensión sexa superior ao 50% do total dos ingresos do pensionista.
  3. Que os rendementos anuais do pensionista por todos os conceptos non superen a contía resultante de sumar ao límite que, en cada exercicio económico, estea previsto para o recoñecemento dos complementos por mínimos das pensións contributivas, o importe anual que, en cada exercicio económico, corresponda á pensión mínima de viuvez con cargas familiares. O límite de ingresos en 2021 é de 18.877,6 € anuais (7.707,00 + 11.170,60).

A pensión de viuvez, en cómputo anual, máis os rendementos anuais do pensionista, non poden exceder o límite de ingresos do parágrafo anterior. En caso contrario, reducirase a contía da pensión de viuvez co fin de non superar este límite.
Os tres requisitos esixidos deben concorrer simultaneamente. A perda dun deles motivará a aplicación da porcentaxe do 52% con efectos dende o día 1 do mes seguinte a aquel no que deixe de concorrer este requisito.

Mantemento transitorio do complemento por maternidade
As persoas que, o 4-2-2021, estivesen a percibir o complemento por maternidade por achega demográfica, manterán o seu percibo.

A percepción do complemento de maternidade será incompatible co novo complemento de pensións contributivas para a redución da fenda de xénero, podendo optar as persoas interesadas entre un ou outro.

Complemento para a redución da fenda de xénero

O complemento de pensións contributivas para a redución da fenda de xénero, substitúe o complemento por maternidade por achega demográfica por un complemento dirixido á redución da fenda de xénero, co que  se persegue reparar o dano que sufriron ao longo da súa carreira profesional as mulleres por asumir un papel principal na tarefa dos coidados dos fillos que se proxecta no ámbito das pensións.

  • Nos casos de separación xudicial ou divorcio:

Cando exista un único beneficiario con dereito a pensión, o importe da contía será íntegro.

Se mediando divorcio existe concorrencia de beneficiarios con dereito a pensión, esta será recoñecida en contía proporcional ao tempo que cada un dos beneficiarios vivise co causante, garantíndose, en todo caso, o 40 % a favor do cónxuxe ou supervivente dunha parella de feito con dereito a pensión de viuvez.

Límite máximo: a partir do 01-01-2010, a contía da pensión de viuvez non pode ser superior á pensión compensatoria. Se fose superior, aquela diminuirase ata alcanzar a contía desta última.

Cando se trate de separados ou divorciados non acredores de pensión compensatoria, a pensión será recoñecida en contía proporcional ao tempo vivido co causante falecido, sen prexuízo dos límites (40 %) que poidan resultar en favor do cónxuxe ou supervivente da parella de feito no suposto de concorrencia de beneficiarios.

  • Nos casos de nulidade matrimonial, a pensión será recoñecida en contía proporcional ao tempo vivido co falecido, sen prexuízo dos límites (40%) que poidan resultar en favor do cónxuxe ou supervivente da parella de feito no suposto de concorrencia de beneficiarios.

Base reguladora

Calcúlase de xeito diferente, dependendo da situación na que se atope o causante (traballador en activo ou pensionista) e da causa do falecemento (continxencia común ou continxencia profesional).

Falecemento de pensionistas de xubilación ou incapacidade permanente:

A base reguladora será a mesma que serviu para determinar a pensión de xubilación ou incapacidade permanente do falecido, á que se aplicará a porcentaxe que, no seu caso, corresponda. O resultado increméntase co importe das revalorizacións que, para as pensións de viuvez, tivesen lugar dende a data na que se causou a pensión orixinaria.

Se o falecido se atopaba en situación de xubilación parcial, teranse en conta as bases de cotización correspondentes ao período traballado a tempo parcial, incrementadas ata o 100% da contía que lle tería correspondido de ter traballado a "tempo completo" durante este período.

Falecemento de traballadores en activo:

  • Falecemento debido a continxencias comúns:

A base reguladora será o cociente que resulte de dividir por 28 a suma das bases de cotización do interesado durante un período ininterrompido de 24 meses. Este período será elixido polos beneficiarios dentro dos 15 anos inmediatamente anteriores ao mes previo ao do feito causante (falecemento) da pensión.

  • Falecemento de traballador, en situación de alta ou asimilada, debido a accidente non laboral:

    Se o traballador non completase un período ininterrompido de 24 meses de cotización nos 15 anos anteriores ao mes anterior ao de falecemento, a base reguladora será a máis beneficiosa de entre as dúas seguintes:

    • A prevista no punto anterior.

    • A que resulte de dividir por 28 a suma das bases mínimas de cotización vixentes nos 24 meses inmediatamente anteriores ao do falecemento, tomadas estas na contía correspondente á xornada laboral contratada en último termo polo falecido.

  • Pluriactividade:

Cando se acrediten cotizacións a varios réximes e non se cause dereito a pensión nun deles, as bases de cotización acreditadas neste último, en réxime de pluriactividade, poderán ser acumuladas ás do réxime no que se cause a pensión, exclusivamente para determinar a base reguladora, sen que a suma das bases poida exceder do límite máximo de cotización vixente en cada momento.

Polos períodos de actividade nos que non se efectuasen cotizacións por continxencia comúns, teranse en conta as seguintes regras:

    1. Tomaranse as bases polas que viñese cotizando o interesado, agás que sexan superiores ao resultado de incrementar a media das bases de cotización do ano natural inmediatamente anterior, na porcentaxe de variación media coñecida do índice de prezos ao consumo (IPC) no último ano indicado, máis dous puntos porcentuais.
    2. Se as bases de cotización declaradas fosen superiores á media das do ano anterior, incrementadas segundo o disposto na regra 1, tomarase como base de cotización esta contía.
    3. Para os efectos do cálculo da media citada na regra 1, tomaranse as bases de cotización correspondentes á actividade e empresa pola que estea exonerado de cotización e por xornada equiparable á que se estea realizando.
    4. Se non existisen bases de cotización en todas as mensualidades do ano natural anterior, tomarase a media das bases de cotización que existan, dividido polo número de meses ao que correspondan.
    5. De non existir bases de cotización pola actividade que se encontra suxeita á exoneración de cotas, tomaranse as bases de cotización que teña o interesado por traballos por conta allea realizados durante o ano anterior ao comezo desta exoneración, en xornada equiparable á que estea exenta de cotización.
    6. De non existir bases de cotización no ano anterior, tomaranse as bases de cotización do primeiro ano en que existan, calculando a media citada na regra 1 e aplicando as regras citadas nos apartados anteriores. A devandita media incrementarase na porcentaxe de variación media do ano ou anos naturais anteriores ata chegar ao ano correspondente ao do período de exoneración de cotas.
  • Falecemento por accidente de traballo ou enfermidade profesional: será o cociente de dividir por 12 os sumandos seguintes:

    • Soldo e antigüidade diarios do traballador na data do accidente ou da baixa por enfermidade multiplicado por 365 días.

      Nos supostos de contratos a tempo parcial e de remuda, nos que o traballador non preste servizos todos os días ou, prestándoos, a súa xornada de traballo sexa irregular ou variable, o salario diario será o que resulte de dividir entre 7 ou 30 o semanal ou mensual pactado en función da distribución das horas de traballo concretadas no contrato para cada un deses períodos.

      Nos supostos de contratos fixos-descontinuos, o salario diario será o que resulte de dividir entre o número de días naturais de campaña transcorridos ata a data do feito causante, os salarios percibidos polo traballador no mesmo período.

    • Pagas extraordinarias, beneficios ou participación, polo seu importe total no ano anterior ao accidente ou á baixa por enfermidade.

    • O cociente de dividir os plus, retribucións complementarias e horas extraordinarias percibidas no ano anterior ao accidente, polo número de días efectivamente traballados no devandito período. O resultado multiplicarase por 273, agás que o número de días laborais efectivos na actividade da que se trate sexa menor, en cuxo caso se aplicará o multiplicador que corresponda.

      Nos supostos de contratos a tempo parcial, de remuda e fixos-descontinuos, a suma dos complementos salariais percibidos polo interesado no ano anterior ao do feito causante dividirase entre o número de horas efectivamente traballadas nese período. O resultado así obtido multiplicarase pola cifra que resulte de aplicar a 1826 o coeficiente de proporcionalidade existente entre a xornada habitual da actividade de que se trate e a que se recolla no contrato.

No caso de traballadores incluídos no Sistema especial para empregados de fogar, a BR será equivalente á base de cotización do empregado de fogar na data do feito causante da prestación.

Aboamento

  • A pensión abóaselles aos beneficiarios mensualmente, con dúas pagas extraordinarias ao ano, que se fan efectivas coas mensualidades de xuño e novembro, agás nos casos de accidente de traballo e enfermidade profesional, nos que están rateadas dentro das doce mensualidades ordinarias.
  • A pensión, incluído o importe da pensión mínima, revalorízase ao comezo de cada ano, de acordo co disposto no artigo 58 da Lei Xeral da Seguridade Social e no Real Decreto de revalorización de pensións que se publica anualmente.
  • Garántense contías mínimas mensuais, segundo a idade e as cargas familiares do beneficiario:
    • Titular con cargas familiares.
    • Titular con 65 anos ou con discapacidade |>= 65%.
    • Titular con idade entre 60 e 64 anos.
    • Titular menor de 60 anos.
  • A pensión está suxeita a tributación nos termos establecidos nas normas reguladoras do Imposto sobre a renda das persoas físicas (IRPF) e sometida, de ser o caso, ao sistema xeral de retencións a conta do imposto, coa seguinte excepción: estará exenta se deriva de actos de terrorismo.
Complementary Content
${loading}