Aviso Cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario. As cookies non se utilizan para recoller información de carácter persoal. Para máis información consulte a nosa política de cookies.

Valore esta página
Valore este contenido

Xubilación anticipada por razón do grupo ou actividade profesional


A idade ordinaria de xubilación pode ser rebaixada ou anticipada naqueles grupos ou actividades profesionais, cuxos traballos sexan de natureza excepcionalmente penosa, perigosa, tóxica ou insalubre, e acusen elevados índices de morbilidade ou mortalidade, sempre que os traballadores afectados acrediten na respectiva profesión ou traballo o mínimo de actividade que se estableza, se atopen en situación de alta ou asimilada á de alta e cumpran os demais requisitos xerais esixidos.

A aplicación dos coeficientes redutores non pode dar lugar a que o interesado acceda á pensión de xubilación con idade inferior a 52 anos. Esta limitación non afectará aos traballadores dos réximes especiais (Minería do Carbón e Traballadores do Mar) que, no 01-01-08, tivesen recoñecidos coeficientes redutores da idade de xubilación, en cuxo caso, seguirán sendo de aplicación as regras establecidas na normativa anterior.

Dende o 01-01-08, os coeficientes redutores non serán tidos en conta para os efectos de acreditar a idade esixida para acceder á xubilación parcial, á xubilación anticipada coa condición de mutualista e a calquera outra modalidade de xubilación anticipada, nin tampouco para a porcentaxe adicional para aqueles que se xubilan despois da idade ordinaria de xubilación.

Establecerase regulamentariamente o procedemento xeral que debe observarse para rebaixar a idade de xubilación, no que se prevea a realización previa de estudos sobre sinistralidade no sector, penosidade, perigosidade e toxicidade das condicións do traballo, a súa incidencia nos procesos de incapacidade laboral que xera nos traballadores e os requirimentos físicos esixidos para o desenvolvemento da actividade.

 

Traballadores incluídos en Estatuto Mineiro

  • Poderá recoñecerse pensión de xubilación, cunha idade inferior á ordinaria esixida en cada momento, aos traballadores por conta allea incluídos no ámbito do Estatuto do Mineiro (non comprendidos no Réxime Especial da Minaría do Carbón), mediante a aplicación de coeficientes redutores da idade de xubilación, cando concorran circunstancias de penosidade, toxicidade, perigosidade ou insalubridade nos termos e condicións establecidos na escala aprobada para o efecto.
  • A idade mínima esixida rebaixarase nun período equivalente ao que resulte de aplicar o coeficiente que corresponda, de acordo coa escala establecida no anexo ao RD  2366/1984, do 26 de decembro, ao período "efectivamente traballado" en cada unha das categorías ou especialidades establecidas, descontándose todas as faltas ao traballo con excepción das baixas médicas e as ausencias autorizadas con dereito a retribución.
  • O período de tempo en que se reduce a idade de xubilación considérase como cotizado, unicamente, para determinar a porcentaxe aplicable á base reguladora.
  • Tanto a redución de idade coma o cómputo dese período para os efectos da porcentaxe serán de aplicación, aínda que a pensión se cause en calquera outro Réxime distinto ao Réxime Xeral.
  • Cando a xubilación afecte traballadores que se encontren realizando "simultaneamente" outra/s actividade/s que dean lugar á súa inclusión nalgún outro Réxime da Seguridade Social, supostos de pluriactividade, a redución só se aplicará para os efectos da idade.

Persoal de voo de traballos aéreos

  • Poderá recoñecerse pensión de xubilación, cunha idade inferior á ordinaria esixida en cada momento, aos tripulantes técnicos de voo, incluídos na Ordenanza Laboral para o persoal das compañías de traballos aéreos, mediante a aplicación de coeficientes redutores da idade de xubilación.
  • A idade mínima esixida reducirase nun período equivalente ao que resulte de aplicar ao período "efectivamente traballado" en cada categoría, do que se descontarán todas as faltas ao traballo con excepción das baixas médicas e as ausencias autorizadas con dereito a retribución, o coeficiente que corresponda, de acordo coa escala establecida no RD  1559/1986, do 28 de xuño:
    • O 0,40 na de piloto e segundo piloto.
    • O 0,30 na de mecánico de aeronave, navegante operador de fotografía aérea, operador de medios tecnolóxicos, fotógrafo aéreo e operador de cámara aérea.
  • O período de tempo en que se reduce a idade de xubilación considérase como cotizado, unicamente, para determinar a porcentaxe aplicable á base reguladora.
  • Tanto a redución de idade coma o cómputo dese período de tempo para os efectos da porcentaxe, serán de aplicación aínda que a pensión se cause en calquera outro Réxime distinto ao Réxime Xeral.
  • Cando a xubilación afecte traballadores que se encontren realizando "simultaneamente" outra/s actividade/s que dean lugar á súa inclusión nalgún outro Réxime da Seguridade Social, supostos de pluriactividade, a redución só se aplicará para os efectos da idade.

Traballadores ferroviarios

  • A idade mínima esixida en cada momento reducirase para os traballadores ferroviarios pertencentes ou que pertencesen a grupos e actividades profesionais de natureza especialmente perigosa ou penosa, nun tempo igual ao número de anos que resulten de aplicar o coeficiente que corresponda (0'15 ou 0'10), segundo a escala establecida no |art.  3 do RD  2621/1986, do 24 de decembro, ao período de tempo "efectivamente traballado" en tales grupos e actividades, descontándose todas as faltas ao traballo agás as que teñan por motivo a baixa médica e as autorizadas con dereito a retribución polas normas aplicables.
  • O período de tempo computable efectivamente traballado a este fin debe ser fixado nun número enteiro (sen fraccións) de anos, para o cal, se no cálculo do devandito período existen fraccións de ano, as que excedan de seis meses se computan como un ano completo e as inferiores non se computan en absoluto.
  • Así mesmo, as diferentes fraccións de ano con distinto coeficiente correspondentes a actividades perigosas computaranse, se a suma de todas elas supera o semestre, por un ano feito na actividade na que se acredite a fracción de tempo máis prolongada.
  • O período que medie entre a idade de xubilación reducida e a idade mínima xeral servirá para determinar o coeficiente redutor, se é o caso, aplicable e considerarase como cotizado para o exclusivo efecto de incrementar a porcentaxe de pensión aplicable.
  • Tanto a redución de idade coma o cómputo dese período de tempo para os efectos da porcentaxe serán de aplicación, aínda que a pensión se cause en calquera outro Réxime distinto ao Réxime Xeral.
  • Cando a xubilación afecte traballadores que se encontren realizando "simultaneamente" outra/s actividade/s que dean lugar á súa inclusión nalgún outro Réxime da Seguridade Social, supostos de pluriactividade, a redución só se aplicará para os efectos da idade.

Artistas

  • Os cantantes, bailaríns e trapecistas poderán causar a pensión de xubilación a partir dos 60 anos de idade, sen aplicación de coeficientes redutores, cando traballen na especialidade un mínimo de 8 anos durante os 21 anteriores á xubilación.
  • Os demais artistas poderán xubilarse a partir dos 60 anos de idade, cunha redución dun 8%, na porcentaxe da pensión, por cada ano que falte para facer a idade ordinaria esixida en cada momento.
  • Nos dous supostos previstos, será requisito indispensable para acceder á xubilación, a condición de atoparse en alta ou en situación asimilada á de alta na data do feito causante.

Profesionais taurinos

  • 55 anos para os matadores de touros, toureiros dacabalo, persoas que lidan xovencos, banderilleiros, picadores e toureiros cómicos, sempre que acrediten estar en alta ou en situación asimilada á de alta na data do feito causante e ter actuado nun determinado número de espectáculos taurinos:
    • Matadores de touros, toureiros dacabalo e persoas que lidan xovencos, 150 festexos en calquera destas categorías.
    • Banderilleiros, picadores e toureiros cómicos, 200 festexos en calquera destas categorías ou nalgunha das categorías indicadas no parágrafo anterior.
  • 60 anos para os toureiros que rematan o touro, sempre que acrediten estar en alta ou en situación asimilada á de alta no momento do feito causante e ter actuado en 250 festexos en calquera categoría profesional.
  • 65 anos ou a idade ordinaria esixida en cada momento, para os mozos de estoques e de aguilladas e os seus axudantes.

    Non obstante, poderán xubilarse a partir dos 60 anos con aplicación dun coeficiente redutor dun 8% por cada ano de anticipación, sempre que acrediten estar en alta ou en situación asimilada á de alta na data do feito causante e ter actuado en 250 festexos en calquera categoría profesional.

Bombeiros ao servizo das administracións e organismos públicos

De acordo co previsto no RD 383/2008, do 14 de marzo, poderá recoñecerse pensión de xubilación, cunha idade inferior á ordinaria esixida en cada momento, aos traballadores por conta allea e empregados públicos, incluídos no Réxime Xeral da Seguridade Social, que presten servizos como bombeiros, nas súas diferentes escalas, categorías ou especialidades, en corporacións locais, en comunidades autónomas, no Ministerio de Defensa, no Organismo Aeroportos Españois e Navegación Aérea, así como nos consorcios ou agrupacións que puidesen ter constituídos as expresadas administracións.

A idade ordinaria esixida en cada momento para o acceso á pensión de xubilación reducirase nun período equivalente ao que resulte de aplicar aos anos completos efectivamente traballados como bombeiro o coeficiente redutor do 0,20.

A aplicación da redución da idade de xubilación en ningún caso dará ocasión a que o interesado poida acceder á pensión de xubilación cunha idade inferior aos 60 anos, ou á de 59 nos supostos en que se acrediten 35 ou máis anos de cotización efectiva, sen cómputo da parte proporcional correspondente por pagas extraordinarias, polo exercicio da actividade de bombeiro. 

Para o cómputo do tempo efectivamente traballado, descontaranse todas as faltas ao traballo, agás as seguintes:

  • As que teñan por motivo a baixa médica por enfermidade común ou profesional, ou accidente, sexa ou non de traballo.
  • As que teñan por motivo a suspensión do contrato de traballo por maternidade, paternidade, adopción, acollemento, risco durante o embarazo ou risco durante a lactación natural.
  • As autorizadas nas correspondentes disposicións laborais con dereito a retribución.

O período de tempo en que se reduce a idade de xubilación considérase como cotizado, unicamente, para determinar a porcentaxe aplicable á base reguladora.

Tanto a redución de idade coma o cómputo dese período para os efectos da porcentaxe serán de aplicación, aínda que a pensión se cause en calquera outro réxime distinto ao Réxime Xeral.

Membros do Corpo da Ertzaintza

  • A idade ordinaria esixida en cada momento para o acceso á pensión de xubilación reducirase nun período equivalente ao que resulte de aplicar o coeficiente redutor do 0,20 aos anos completos efectivamente traballados como membros do Corpo da Ertzaintza ou como integrantes dos colectivos que quedaron incluídos neste.

A aplicación da redución da idade de xubilación prevista no parágrafo anterior en ningún caso dará ocasión a que o interesado poida acceder á pensión de xubilación cunha idade inferior aos 60 anos, ou á de 59 anos nos supostos en que se acrediten 35 ou máis anos de actividade efectiva e cotización no Corpo da Ertzaintza, ou nos colectivos que quedaron incluídos neste, sen cómputo da parte proporcional correspondente por pagas extraordinarias, polo exercicio da actividade a que se refire o parágrafo anterior.

  • O período de tempo en que resulte reducida a idade de xubilación do traballador, de acordo co establecido no apartado anterior, computarase como cotizado para o exclusivo efecto de determinar a porcentaxe aplicable á correspondente base reguladora para calcular o importe da pensión de xubilación.

Tanto a redución da idade coma o cómputo, para os efectos de cotización, do tempo en que resulte reducida aquela, que se establecen no apartado anterior, serán de aplicación aos membros do Corpo da Ertzaintza que permanecesen en situación de alta pola devandita actividade ata a data en que se produza o feito causante da pensión de xubilación.

Así mesmo, manterán o dereito a estes mesmos beneficios os que despois de alcanzar a idade de acceso á xubilación que, en cada caso, resulte da aplicación do establecido nos dous primeiros parágrafos, cesen na súa actividade como membro do devandito Corpo pero permanezan en alta por razón do desempeño dunha actividade laboral diferente, calquera que sexa o réxime da Seguridade Social no que por razón desta queden encadrados.

  • En relación con este colectivo, procederá aplicar un tipo de cotización adicional sobre a base de cotización por continxencias comúns, tanto para a empresa coma para o traballador. 
  • O sistema establecido na Disposición adicional 20ª da LGSS será de aplicación despois de que na Comisión Mixta de Cota se faga efectivo un acordo de financiamento por parte do Estado da contía anual correspondente ás cotizacións recargadas que se deban implantar como consecuencia da perda de cotizacións polo adianto da idade de xubilación e polo incremento nas prestacións nos anos en que se anticipe a idade de xubilación, en contía equiparable á que a Administración do Estado aboa nos casos de xubilación anticipada dos membros dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado no Réxime de Clases Pasivas.

Policías Locais

BONIFICACIÓN POR TRABALLOS COMO POLÍCIA LOCAL (Real Decreto 1449/2018, do 14 de decembro)  

  • A partir do 2 de xaneiro de 2019 poderá recoñecerse pensión de xubilación cunha idade inferior á ordinaria esixida en cada momento aos Funcionarios de carreira, incluídos no Réxime Xeral da Seguridade Social, membros da Policía local ao servizo das entidades locais, nas súas diferentes escalas, categorías ou especialidades.
  • A idade ordinaria de xubilación reducirase nun período equivalente ao que resulte de aplicar o coeficiente redutor do 0,20 aos anos completos efectivamente traballados como membros da Policía local ao servizo das entidades locais, nas súas diferentes escalas, categorías ou especialidades.
  • A aplicación da redución da idade de xubilación indicada, en ningún caso, dará ocasión a que a persoa interesada poida acceder á pensión de xubilación cunha idade inferior en 5 anos á súa idade ordinaria de xubilación, ou en 6 anos nos supostos en que se acrediten 37 anos de actividade efectiva e cotización, sen cómputo da parte proporcional correspondente por pagas extraordinarias, polo exercicio da actividade como membros da Policía local.
  • Os 37 anos de cotización efectiva como policía local, para poder anticipar a idade de xubilación en 6 anos con respecto á idade ordinaria que corresponda, serán esixidos de xeito progresivo, de acordo co establecido a continuación:

Ano

Cotización

2019

35 anos e 6 meses de cotización efectiva como policía local

2020, 2021, 2022

36 anos de cotización efectiva como policía local

2023, 2024, 2025, 2026

36 anos e seis meses de cotización efectiva como policía local

2027

37 anos de cotización efectiva como policía local

  • A anticipación da idade de xubilación por aplicación dos coeficientes redutores condicionarase tanto á necesidade de ter cuberto o período de carencia de 15 anos que se esixen para acceder á devandita prestación coma os 15 anos de cotización como policía local necesarios para poder aplicar o coeficiente.

Terá a consideración de tempo efectivamente traballado, para os efectos da aplicación do coeficiente redutor, o tempo de actividade efectiva e cotización destinado en postos propios dos Corpos de Policía local ao servizo da respectiva entidade local.

Descontaranse todas as faltas ao traballo, agás as seguintes:

    1. As que teñan por motivo a incapacidade temporal por enfermidade común ou profesional, ou accidente, sexa ou non de traballo.

    2. As que teñan por motivo a suspensión da prestación de servizos por maternidade, paternidade, adopción, acollemento, risco durante o embarazo ou risco durante a lactación natural.

    3. Os permisos e as licenzas retribuídos, gozados en virtude das correspondentes disposicións normativas ou convencionais.
  • Tanto a redución da idade coma o cómputo, para os efectos de cotización, do tempo en que resulte reducida aquela, serán de aplicación aos membros da Policía local que permanecesen en situación de alta pola devandita actividade ata a data en que se produza o feito causante da pensión de xubilación.
  • O período de tempo en que resulte reducida a idade de xubilación do traballador computarase como cotizado ao exclusivo efecto de determinar a porcentaxe aplicable á correspondente base reguladora para calcular o importe da pensión de xubilación.
  • Manterán o dereito a estes mesmos beneficios os que despois de alcanzar a idade de acceso á xubilación que, en cada caso, resulte da aplicación do coeficiente redutor asignado, cesen na súa actividade como membro da Policía local, pero permanezan en alta por razón do desempeño dunha actividade laboral diferente, calquera que sexa o réxime da Seguridade Social no que por razón desta queden encadrados.
  • En relación con este colectivo, procederá aplicar un tipo de cotización adicional sobre a base de cotización por continxencias comúns, tanto para a empresa coma para o traballador. A disposición adicional 164 da Lei 6/2018 de PGE 2018 estableceu un tipo de cotización adicional do 10,6%, para todos os policías en activo. Desta cota, os municipios deberán financiar o 8,84% e os propios funcionarios, o 1,76% restante.

Membros do Corpo de Mossos d´Escuadra

  • A idade ordinaria esixida en cada momento para o acceso á pensión de xubilación reducirase nun período equivalente ao que resulte de aplicar o coeficiente redutor do 0,20 aos anos completos efectivamente traballados como membros do Corpo de Mossos d´Esquadra.

A aplicación desa redución en ningún caso dará ocasión a que o interesado poida acceder á pensión de xubilación cunha idade inferior aos 60 anos, ou á de 59 anos cando acredite 35 ou máis anos de actividade efectiva e cotización no Corpo de Mossos d'Esquadra, sen computar a parte proporcional por pagas extraordinarias.

  • O período de tempo en que resulte reducida a idade de xubilación computarase como cotizado ao exclusivo efecto de determinar a porcentaxe aplicable á correspondente base reguladora para calcular o importe da pensión de xubilación.

Tanto a redución da idade coma o cómputo como cotizado do tempo en que resulte reducida aquela, á que se refire o parágrafo anterior, serán de aplicación aos membros do Corpo de Mossos d´Esquadra que permanecesen en situación de alta pola devandita actividade ata a data en que se produza o feito causante da pensión de xubilación.

Así mesmo, manterán o dereito a estes mesmos beneficios os que despois de alcanzar a idade de acceso á xubilación que, en cada caso, resulte da aplicación do establecido nos dous primeiros parágrafos, cesen na súa actividade como membro do devandito Corpo pero permanezan en alta por razón do desempeño dunha actividade laboral diferente, calquera que sexa o réxime da Seguridade Social no que por razón desta queden encadrados.

  • En relación con este colectivo, procederá aplicar un tipo de cotización adicional sobre a base de cotización por continxencias comúns, tanto para a empresa coma para o traballador.
  • Este sistema, establecido na Disposición adicional vixésima bis da LGSS, é de aplicación a partir de 1 de xaneiro de 2022 e, en exercicios posteriores, no marco da Comisión Bilateral Xeneralidade-Estado axustaranse os tipos de cotización e actualizarase o cálculo da transferencia nominativa con que a Administración do Estado financiará a Generalitat de Cataluña o custo da xubilación anticipada da Policía da Generalitat-Mossos d'Esquadra.
Complementary Content
${loading}