Aviso Cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario. As cookies non se utilizan para recoller información de carácter persoal. Para máis información consulte a nosa política de cookies.

Valore esta página
Valore este contenido

Xubilación anticipada de traballadores cunha discapacidade igual ou superior ao 45%

A idade ordinaria esixida en cada momento poderá reducirse no caso de traballadores cun  grao de discapacidade igual ou superior ao 45 por cento, sempre que se trate de discapacidades regulamentariamente determinadas nas que concorran evidencias que determinan de forma xeneralizada e apreciable unha redución da esperanza de vida desas persoas.

Beneficiarios / requisitos

Os traballadores por conta allea e por conta propia incluídos en calquera dos réximes que integran o Sistema da Seguridade Social, que acrediten:

  • Estar en alta ou en situación asimilada á de altana data do feito causante.
  • Que ao longo da súa vida laboral, traballaron un tempo efectivo equivalente, polo menos, ao período mínimo de cotización que se esixe para poder acceder á pensión de xubilación, afectados durante ese tempo por algunha das patoloxías xeradoras de discapacidades enumeradas no apartado seguinte e dentro dese período durante polo menos cinco anos cun grao de discapacidade igual ou superior ao 45 por cento, motivado polas mesmas patoloxías.

Discapacidades que poden dar lugar á redución da idade de xubilación

As discapacidades nas que concorren evidencias contrastadas que determinan de forma xeneralizada e apreciable unha redución da esperanza de vida e que poderán dar lugar á redución da idade de xubilación, son as enumeradas no anexo do Real Decreto 1851/2009, do 4 de decembro, polo que se desenvolve o artigo 161 bis (actual artigo 206 bis da Lei Xeral da Seguridade Social, en canto á anticipación da xubilación dos traballadores con discapacidade en grao igual ou superior ao 45 por cento.

Idade mínima de xubilación

A idade mínima de xubilación das persoas afectadas, en grao igual ou superior ao 45 por cento, por unha discapacidade das enumeradas no apartado anterior, será, excepcionalmente, a de 56 anos (a partir do 01-01-12).

Cómputo do tempo traballado

Para o cómputo do tempo efectivamente traballado, descontaranse todas as ausencias ao traballo, agás as seguintes:

  • As que teñan por motivo a baixa médica por enfermidade común ou profesional ou accidente, sexa ou non de traballo.
  • As que teñan por motivo a suspensión do contrato de traballo por maternidade, paternidade, adopción, acollemento, risco durante o embarazo ou risco durante a lactación natural.
  • As ausencias do traballo con dereito a retribución.

Cálculo da pensión

O período de tempo en que resulte reducida a idade de xubilación do traballador, computarase como cotizado ao exclusivo efecto de determinar a porcentaxe aplicable á correspondente base reguladora para calcular o importe da pensión de xubilación.

Dereito de opción

Os traballadores que reúnan as condicións esixidas para acollerse ao establecido no Real Decreto 1851/2009, do 4 de decembro, polo que se desenvolve o artigo 161 bis (actual artigo 206 bis) da Lei Xeral da Seguridade Social, en canto a anticipación da xubilación dos traballadores con discapacidade en grao igual ou superior ao 45 por cento, e no Real Decreto 1539/2003, do 5 de decembro, polo que se establecen coeficientes redutores da idade de xubilación a favor dos traballadores que acreditan un grao importante de discapacidade, poderán optar pola aplicación do que lles resulte máis favorable.

Acreditación da discapacidade

A afectación da persoa traballadora por algunha das patoloxías xeradoras de discapacidade ás que se refire o anexo do Real Decreto 1851/2009, do 4 de decembro, polo que se desenvolve o artigo 161 bis (actual artigo 206 bis) da Lei Xeral da Seguridade Social, en canto á anticipación da xubilación das persoas traballadoras con discapacidade en grao igual ou superior ao 45 por cento, ha de acreditarse mediante informe médico que indique, en todo caso, a data en que se iniciou ou se manifestou a patoloxía, xa sexa esta a data do nacemento ou unha posterior.

A acreditación de que a discapacidade deriva dunha das patoloxías relacionadas no anexo e de que o grao de discapacidade foi igual ou superior ao 45 por cento durante polo menos cinco anos deberá efectuarse en todo caso mediante certificación do Instituto de Maiores e Servizos Sociais ou do órgano correspondente da respectiva comunidade autónoma que recibise a transferencia das funcións e servizos daquel, debendo indicar, tamén en todo caso, a data en que se iniciou ou se manifestou a discapacidade.

Entenderase que concorre un grao de discapacidade en total igual ou superior ao 45 por cento naqueles casos nos que, conforme aos certificados indicados no parágrafo precedente, se acrediten, conxuntamente, as seguintes condicións:

a) Que da suma das porcentaxes de discapacidade alcanzadas nas diferentes doenzas que figuren no certificado, así como da porcentaxe correspondente aos «baremos complementarios», de ser o caso, resulte unha porcentaxe de discapacidade total igual ou superior ao 45 por cento.

b) Que polo menos unha das doenzas reflectidas no certificado de discapacidade sexa unha das relacionadas no anexo e que a porcentaxe de discapacidade alcanzada por esta ou estas patoloxías xeradoras de discapacidade relacionadas no citado anexo supoña polo menos o 33 por cento do total do grao de discapacidade acreditado.


Complementary Content
${loading}