Prestación non económica por coidado de fillo, de menor acollido ou doutros familiares

Pode enlazar á sección Trámites e Xestións para ver unha versión simplificada.

Beneficiarios

  • Todos os traballadores por "conta allea", tanto do sector privado coma da Administración Pública, que gocen dos períodos de excedencia para atender o coidado de cada fillo, xa sexan naturais ou adoptados, ou de menores acollidos, nos supostos de acollemento familiar en delegación de garda para a convivencia preadoptiva, aínda que estes sexan provisionais, así como para o coidado dun familiar ata o 2º grao de consanguinidade ou afinidade, que por razóns de idade, accidente, enfermidade ou discapacidade non poida valerse por si mesmo e non desempeñe unha actividade retribuída.

    Para estes efectos, o |art.  46.3 do RD  Lexislativo 2/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei do Estatuto dos Traballadores, establece que:

    "Os traballadores terán dereito a un período de excedencia de duración non superior a 3 anos para atender o coidado de cada fillo, tanto cando o sexa por natureza como por adopción, ou nos supostos de garda con fins de adopción ou acollemento permanente, a contar dende a data de nacemento ou, se é o caso, da resolución xudicial ou administrativa".

    "Tamén terán dereito a un período de excedencia, de duración non superior a dous anos, agás que se estableza unha duración maior por negociación colectiva, os traballadores para atender o coidado dun familiar, ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade, que por razóns de idade, accidente, enfermidade ou discapacidade non poida valerse por si mesmo, e non desempeñe actividade retribuída." 

    "A excedencia considerada no presente apartado, cuxo período de duración poderá gozarse de forma fraccionada, constitúe un dereito individual dos traballadores, homes ou mulleres. Non obstante, se dous ou máis traballadores da mesma empresa xerasen este dereito polo mesmo suxeito causante, o empresario poderá limitar o seu exercicio simultáneo por razóns xustificadas de funcionamento da empresa." ...

Contido / período computable

Considéranse efectivamente cotizados para os efectos das prestacións por xubilación, incapacidade permanente, morte e supervivencia, maternidade e paternidade:

  1. Os tres primeiros anos do período de excedencia que gocen os traballadores, de acordo co art.46.3 do Estatuto dos Traballadores (ET), en razón do coidado de cada fillo ou menor a  cargo en réxime de acollemento familiar permanente ou garda con fins de adopción.
  2. O primeiro ano do período de excedencia do que gocen os traballadores, de acordo co 46.3 do ET, en razón do coidado doutros familiares ata o 2º grao de consanguinidade ou afinidade que, por razóns de idade, accidente, enfermidade ou discapacidade, non poidan valerse en por si e non desempeñen unha actividade retribuída.

  3. As cotizacións realizadas durante os dous primeiros anos do período de redución de xornada por coidado de menor de 12 anos, nos termos do |art.  37.6 do ET, computaranse incrementadas ata o 100 % da contía que tivese correspondido se se tivese mantido sen a devandita redución a xornada de traballo. Para o resto de supostos de redución de xornada (persoas con discapacidade maiores de 12 anos ou familiares ata o 2º grao), este incremento estará referido exclusivamente ao primeiro ano.

  4. Cando as situacións de excedencia sinaladas nos apartados 1 e 2 estivesen precedidas por unha redución de xornada nos termos previstos no art. 37.6 do ET, as cotizacións realizadas durante a redución de xornada computaranse incrementadas ata o 100% da contía que tivese correspondido se se tivese mantido sen a devandita redución a xornada de traballo.

  5. No suposto de que non cheguen a gozarse completamente os períodos sinalados nos apartados anteriores, computarase como cotizado o período efectivamente gozado.

  6. Iniciarase o cómputo dun novo período de cotización efectiva por cada gozo de excedencia laboral a que poidan dar lugar os sucesivos fillos ou menores ou outros familiares.

Efectos

O período en que se permaneza na situación de excedencia laboral para o coidado do fillo, do menor a cargo ou doutros familiares produce os seguintes efectos:

  • Será computable para os efectos de antigüidade.
  • Terase dereito á asistencia a cursos de formación profesional.
  • Durante o primeiro ano, o traballador terá dereito á reserva do seu posto de traballo; se se trata de familias numerosas, o prazo amplíase aos primeiros 15 ou 18 meses de excedencia, segundo a categoría. Transcorrido o prazo correspondente, a reserva quedará referida a un posto de traballo do mesmo grupo profesional ou categoría equivalente.

A fin do recoñecemento das prestacións por desemprego, todo o período de excedencia:

  • Terá a consideración de situación asimilada á de alta.
  • Non poderá computarse como de ocupación cotizada para obter as devanditas prestacións.
  • Para o cómputo do período de cotización esixido, poderase retrotraer o período dos 6 anos anteriores á situación legal de desemprego ou ao momento en que cesou a obriga de cotizar, polo tempo equivalente ao que o traballador permanecese na situación de excedencia forzosa.

Con vistas ao recoñecemento das prestacións por xubilación, incapacidade permanente, morte e supervivencia, maternidade e paternidade, o período de excedencia considerado como de "cotización efectiva" servirá para:

  • Acreditar os períodos mínimos de cotización que dan dereito ás prestacións.
  • Determinar a base reguladora  da prestación que se cause. Para os efectos do seu cómputo, a base de cotización que hai que considerar estará formada:
    • Polo termo medio das bases de cotización correspondentes aos 6 meses inmediatamente anteriores ao inicio do período de excedencia laboral para o coidado do fillo, do menor acollido ou doutros familiares.
    • Se non tivese acreditado o citado período de 6 meses de cotización, computarase o termo medio das bases de cotización correspondentes ao período inmediatamente anterior ao inicio da excedencia, que resulten acreditadas.
  • Determinar a porcentaxe aplicable en certas prestacións, como a xubilación.
  • Consideraranse os beneficiarios, durante este período, en situación de alta.

O período no que o traballador permaneza en situación de excedencia laboral que exceda do período considerado de cotización efectiva, será considerado en situación asimilada á de alta para acceder ás prestacións da Seguridade Social, agás no que se refire á incapacidade temporal, maternidade e paternidade.

Imprescritibilidade

  • O dereito ao recoñecemento da prestación non económica é imprescritible, polo que a persoa poderá alegalo en todo momento, podendo dar lugar, no seu caso, á revisión da contía de prestacións xa recoñecidas, así como ao recoñecemento de novas prestacións denegadas anteriormente por non ter sido computado como efectivamente cotizado o período de excedencia con reserva do posto de traballo.

  • Esta imprescritibilidade entenderase, sen prexuízo de que os efectos económicos da revisión ou do recoñecemento da prestación se produzan a partir dos 3 meses anteriores á data en que se presente a correspondente solicitude.

Obrigas das empresas

  • As empresas deberán comunicar á Tesouraría Xeneral da Seguridade Social, no prazo de 15 días a partir de que se produza, o inicio e a finalización do gozo, polos seus traballadores, dos períodos de excedencia laboral para o coidado de fillo, de menor a cargo ou doutros familiares, con dereito de reserva de posto de traballo.
  • A omisión da devandita comunicación poderá ser obxecto da correspondente sanción, de acordo coa gravidade da infracción, de conformidade co establecido no RD  Lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei sobre Infraccións e Sancións na Orde Social.

Redución nas cotizacións empresariais

Os contratos de interinidade, que se celebren para substituír aos traballadores en situación de excedencia laboral por coidado de fillo, terán dereito a unha redución nas cotizacións empresariais á Seguridade Social por continxencias comúns, cando estes contratos se celebren con beneficiarios de prestacións por desemprego, de nivel contributivo ou asistencial, que leven máis de 1 ano como perceptores.

Documentos que deben acompañar á solicitude

Bastará a alegación do período cotizado correspondente no momento en que sexa necesario xustificar a súa procedencia.

Complementary Content
${loading}