Aviso Cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario. As cookies non se utilizan para recoller información de carácter persoal. Para máis información consulte a nosa política de cookies.

Valore esta página
Valore este contenido

Sistema Especial Traballadores Conta Allea Agrarios

Información xeral

Por Lei 28/2011 do 22 de setembro (BOE do 23) quedan integrados no Réxime Xeral da Seguridade Social dende o 1 de xaneiro de 2012, data de entrada en vigor da presente lei, os traballadores por conta allea que figuren incluídos no Réxime Especial Agrario da Seguridade Social ao 31 de decembro de 2011, mediante a creación dun sistema especial, así como os empresarios aos que presten os seus servizos.

Así mesmo, quedarán integrados no Réxime Xeral da Seguridade Social os traballadores por conta allea que, no sucesivo, realicen labores agrarios, sexan propiamente agrícolas, forestais ou pecuarios ou sexan complementarios ou auxiliares dos mesmos en explotacións agrarias, así como os empresarios aos que presten os seus servizos.

A cotización correspondente aos traballadores agrarios por conta allea e aos empresarios aos que presten os seus servizos rexerase pola normativa vixente no Réxime Xeral da Seguridade Social, coas seguintes particularidades:

A efectos de cotización á Seguridade Social no Sistema Especial para Traballadores por Conta Allea Agrarios, distinguirase entre os períodos de actividade e de inactividade.

Cotización períodos de actividade

A cotización poderá efectuarse, a opción do empresario, por bases diarias, en función das xornadas reais realizadas, ou por bases mensuais. En caso de que o empresario non exercite expresamente esta opción, entenderase que este elixiu a modalidade de bases mensuais de cotización.

A modalidade de cotización por bases mensuais resultará obrigatoria para os traballadores por conta allea con contrato indefinido, sen incluír entre estes os que presten servizos con carácter fixo descontinuo, respecto aos cales terá carácter opcional.

A partir do domingo, 01 de xaneiro de 2017, as bases aplicables para os traballadores incluídos neste Sistema Especial determinaranse conforme o establecido no artigo 147 do Real Decreto Lexislativo 8/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba texto refundido da Lei Xeral da Seguridade Social.

Cando a cotización se efectúe por bases diarias, o establecido no parágrafo anterior entenderase referido a cada xornada real realizada, sen que poida ser inferior á base mínima diaria de cotización que se estableza legalmente.

Aos traballadores incluídos neste Sistema especial non lles será de aplicación a cotización adicional por horas extraordinarias.

Tampouco será de aplicación o incremento da cota empresarial de continxencias comúns, do 36 por cento, establecida nos contratos temporais de duración efectiva inferior a sete días.

Cotización períodos de inactividade

No ano 2017, a base mensual de cotización aplicable para os traballadores por conta allea incluídos neste Sistema Especial durante os períodos de inactividade será de 825,60 euros, sendo o tipo de cotización o 11,50 por cento.

A cotización respecto a estes períodos de inactividade determinarase aplicando a seguinte fórmula:

C=[(n/N) - (jr x 1,304/N)]bc x tc

Na que:

C= Contía da cotización.

n= Número de días no Sistema Especial sen cotización por bases mensuais de cotización.

N= Número de días de alta no Sistema Especial no mes natural.

jr= Número de días no mes natural nos que se realizaron xornadas reais.

bc= Base de cotización mensual.

tc= Tipo de cotización aplicable.

En ningún caso, a aplicación da fórmula anterior poderá dar lugar a que C alcance un valor inferior a cero.

Cando os traballadores non figuren en alta no Sistema Especial durante un mes natural completo, a cotización respecto dos períodos de inactividade realizarase con carácter proporcional aos días de alta no devandito mes.

Entenderase que existen períodos de inactividade, dentro dun mes natural, cando o número de xornadas realizadas durante o mesmo sexa inferior ao 76,67 por cento dos días naturais en que o traballador figure en alta nese mes, neste Sistema Especial.

Sen prexuízo do anteriormente sinalado, non existirán períodos de inactividade dentro dun mes natural cando o traballador realice nel, para un mesmo empresario, un mínimo de 5 xornadas reais semanais, en cumprimento do convenio colectivo que resulte de aplicación.

Se durante a percepción da prestación por desemprego de nivel contributivo, corresponde cotizar neste Sistema Especial, a base de cotización será a establecida no artigo 8 da Orde ESS/106/2017, do 9 de febreiro. O tipo de cotización nesta situación será o 11,50 por cento.

Responsables das cotizacións

En canto á responsabilidade no ingreso das cotizacións correspondentes aos traballadores por conta allea agrarios, existen as seguintes particularidades:

a) Durante os períodos de actividade, o empresario será o suxeito responsable do cumprimento da obriga de cotizar, debendo ingresar na súa totalidade tanto as achegas propias como as dos seus traballadores, así como comunicar as xornadas reais realizadas por aqueles no prazo que regulamentariamente se determine.

Para estes efectos, o empresario descontará aos seus traballadores, no momento de facerlles efectivas as súas retribucións, a achega que corresponda a cada un deles.

Se non efectuase o desconto nese momento, non poderá realizalo con posterioridade, quedando obrigado a ingresar a totalidade das cotas ao seu exclusivo cargo.

Durante estes períodos, a liquidación e ingreso de cotas por continxencias profesionais correrá a cargo exclusivo do empresario.

b) Durante os períodos de inactividade, será o propio traballador o responsable do cumprimento da obriga de cotizar e do ingreso das cotas correspondentes.

c) Durante as situacións de incapacidade temporal, risco durante o embarazo e risco durante a lactación natural, así como de maternidade e paternidade causadas durante os períodos de actividade, o empresario deberá ingresar unicamente as achegas ao seu cargo.

As achegas a cargo do traballador serán ingresadas pola entidade que efectúe o pagamento directo das prestacións correspondentes ás situacións indicadas.

Ingreso de cotas

 

Ingreso das cotas:

Responsable:
En ambas as dúas modalidades de cotización, por bases mensuais (en función dos días en alta mensual) e por bases diarias (en función das xornadas reais realizadas), o empresario será o suxeito responsable de ingresar a totalidade da cota, tanto da súa propia achega coma da achega dos traballadores, para o cal deberá reter a súa achega da retribución aboada a eles.

Dentro dos seis primeiros días de cada mes, as empresas agrarias deberán comunicar as xornadas reais efectuadas polos seus traballadores con modalidade de cotización diaria.

Prazos:
As cotas ingresaranse dentro do mes seguinte ao que corresponden.

Documentos que hai que presentar:
Boletín de Cotización (TC-1/8) e Relación Nominal de Traballadores ( TC-2/8 ).

Remisión electrónica de documentos (RED)
A Dirección Xeral da Tesourería Xeral da Seguridade Social poderá autorizar que a información contida nas relacións nominais de traballadores TC-2/8 sexa facilitada a través da Remisión electrónica, informática ou telemática de documentos. A comunicación de datos utilizando os medios citados determinará o cumprimento da obriga verbo da presentación de documentos de cotización en prazo regulamentario.

A utilización do Sistema RED permite efectuar o pagamento das cotas mediante as modalidades de pagamento electrónico ou de domiciliación bancaria.

Se a empresa elixe a modalidade de pagamento electrónico, efectuará o ingreso en calquera entidade financeira colaboradora da Seguridade Social co recibo que lle facilita a Tesourería Xeral da Seguridade Social a través do Sistema RED.

En caso de que opte pola modalidade de domiciliación bancaria unicamente, terá que indicar o número de conta no que desexa se lle efectúe o cargo, sen necesidade de acudir á entidade financeira.

Lugar:
A presentación dos documentos de cotización para o ingreso das cotas pódese realizar en calquera Entidade Financeira (Bancos, Caixas de Aforros, Cooperativas de Crédito ou Caixas Rurais) autorizada para actuar como Oficina Recadadora.

Efectos de presentación documentación en prazo
A presentación en prazo regulamentario dos documentos de cotización producirá os seguintes efectos:

    • Se ademais da presentación dos documentos se efectuase o ingreso no prazo regulamentario, poderíanse aplicar as correspondentes deducións por reducións ou bonificacións.
    • Evitarase a comisión dunha infracción tipificada como grave polo artigo 22 do R.D. Lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre Infraccións e Sancións na Orde Social, ou na responsabilidade penal que, se é o caso, puidese derivarse.

Recargas e xuros de demora

Transcorrido o prazo regulamentario establecido para o pagamento das cotas á Seguridade Social, sen que estas se ingresasen e sen prexuízo das especialidades previstas para os aprazamentos, acumularanse as seguintes recargas:

  • Presentación dos documentos de cotización dentro do prazo regulamentario:
    • Recarga do 20% da débeda, se se aboasen as cotas debidas tras o vencemento do prazo regulamentario.

  • Sen presentación dos documentos de cotización en prazo:

    • Recarga do 20% da débeda, se se aboasen as cotas debidas antes da terminación do prazo de ingreso establecido na reclamación de débeda ou na acta de liquidación.
    • Recarga do 35% da débeda, se se aboasen as cotas debidas a partir da terminación deste prazo de ingreso.

  • Xuros de demora:

    Os xuros de demora devindicaranse a partir do día seguinte ao do vencemento do prazo regulamentario de ingreso das cotas, aínda que serán esixibles unha vez transcorridos quince días dende a notificación da providencia de prema ou comunicación do inicio do procedemento de dedución, sen que se aboase a débeda.

    Así mesmo, serán esixibles estes xuros cando non se aboase o importe da débeda no prazo fixado nas resolucións desestimatorias dos recursos presentados contra as reclamacións de débeda ou actas de liquidación, se a execución destas resolucións fose suspendida nos trámites do recurso contencioso-administrativo que contra elas se interpuxese.

    Os xuros de demora esixibles serán os que reportase o principal da débeda desde o vencemento do prazo regulamentario de ingreso e os que reportase, ademais, a recarga aplicable no momento do pagamento, desde a data en que, segundo o apartado anterior, sexan esixibles.

    O tipo de xuro de demora será o xuro legal do diñeiro vixente en cada momento do período de acumulación de xuros, incrementado nun 25%, agás que a Lei de Orzamentos Xerais do Estado estableza un diferente. Para o ano 2017, o 3,75%.

Complementary Content
${loading}