Aviso Cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario. As cookies non se utilizan para recoller información de carácter persoal. Para máis información consulte a nosa política de cookies.

Contenido principal

Outros servizos específicos do ISM

O Instituto Social da Mariña é unha entidade de dereito público, con personalidade xurídica propia, de ámbito nacional, encadrado na Secretaria de Estado da Seguridade Social do Ministerio de Emprego e Seguridade Social, coa dobre misión de atender a protección e problemática social do sector marítimo-pesqueiro, e de xestionar o Réxime Especial da Seguridade Social dos Traballadores do Mar.

O colectivo dos traballadores do mar diferénciase dos demais sectores da produción polas súas condicións de illamento, perigosidade e mobilidade, que derivan, fundamentalmente, da natureza do traballo no mar e da do propio buque, onde a vida laboral do traballador transcorre integramente durante períodos dilatados de tempo, exceptuando a maior parte da flota de baixura.

Illamento: no barco o traballador desenvolve todas as actividades persoais, laborais e sociais. O barco delimita un espazo illado e reducido, no que as persoas desconectadas do seu ambiente social e illadas do seu medio familiar por períodos de tempo prolongados, están inmersas nunha convivencia imposta, non elixida libremente, sen horario de traballo definido, e suxeitas a un réxime disciplinario durante as vinte e catro horas do día.

Perigosidade: durante o período laboral os traballadores están sometidos a un alto risco derivado da permanente exposición aos perigos do mar e á dureza das condicións en que se desenvolve a vida a bordo: horarios de traballo prolongados, estados da mar, gardas, inclemencias do tempo, exposicións a ruídos elevados...

Mobilidade: a condición de centro de traballo móbil do barco, que varía en función da súa envergadura e das necesidades da explotación, expón á xente do mar a incesantes alteracións dos sincronizadores biolóxicos polos continuos cambios de latitude e lonxitude (sono/vixilia e hábitos alimenticios); a atopar nos portos, sobre todo no estranxeiro, perigos ou dificultades especiais; e nun caso extremo, ao risco de abandono por calquera causa: fin de contrato, enfermidade, abandono do buque, naufraxio, etc.

Estas continxencias e situacións específicas nas que se pode ver envolto o traballador do mar determinan que, independentemente da xestión do Réxime Especial da Seguridade Social dos Traballadores do Mar, o Instituto Social da Mariña despregue unha serie de actuacións que garanten a protección dos traballadores do mar, e que se encadran nas seguintes áreas:

Sanidade Marítima

Ten como finalidade garantir a saúde e prestar atención sanitaria aos traballadores do mar embarcados, e no estranxeiro. A singularidade propia do sector determina as diferenzas que caracterizan a prestación do servizo de Sanidade Marítima, que se asenta sobre dous piares básicos de actuación: o nivel preventivo e o nivel asistencial.

O nivel preventivo comprende catro accións básicas: o recoñecemento médico previo ao embarque, a formación sanitaria, as campañas de prevención e o apoio médico respecto ao control das condicións hixiénico-sanitarias dos buques e das boticas de primeiros auxilios.

O recoñecemento médico previo ao embarque merece especial atención porque é obrigatorio superalo para traballar a bordo do buque.

Estes recoñecementos gratuítos realízaos o Instituto Social da Mariña en función do posto de traballo, periodicidade e continuidade. Deben garantir que o traballador non padeza enfermidade algunha susceptible de agravarse no mar, que o incapacite para o servizo, e que represente un perigo para a saúde do resto da tripulación. A través de terminais informáticas, conectadas cun único Banco de Datos ubicado nos Servizos Centrais do Instituto Social da Mariña, introdúcese a información dos historiais médicos, que poden ser consultados nas unidades asistenciais.

A formación sanitaria é outra actividade fundamental para o desenvolvemento do programa, posto que forma en primeiros auxilios a todos os tripulantes e capacita aos oficiais responsables sanitarios dos buques na correcta utilización da botica de primeiros auxilios, e no debido uso da “Guía sanitaria a bordo”, instrumento imprescindible para realizar a consulta co centro Radio-Médico de forma clara e eficaz.

O nivel Asistencial desenvólvese mediante as seguintes unidades operativas:

O Centro Radio-Médico, que presta un servizo asistencial a través de radio consulta. Un facultativo, especialmente formado nesta materia e cun coñecemento amplio do mundo marítimo, emite un diagnóstico médico en resposta á consulta realizada dende calquera parte do mundo. Atende consultas durante as 24 horas do día, todos os días do ano, e dispón de acceso directo ao Banco de Datos onde están rexistrados os historiais médicos dos traballadores, dispoñendo así dos antecedentes sanitarios para a adecuada atención ao tripulante que motiva a consulta. O seu labor non finaliza ata que o paciente é dado de alta ou ingresado nun centro hospitalario. No caso de que o hospital estea fóra do territorio nacional manterase o seguimento ata a súa repatriación.

Como centro de posible emerxencia atópase conectado co Centro Nacional de Coordinación de Salvamento Marítimo da Sociedade Estatal de Salvamento Marítimo, por se, nun momento determinado, fose necesaria evacuar a enfermos ou accidentados.

Os Buques Sanitarios e de Apoio Loxístico "ESPERANZA DEL MAR", e “JUAN DE LA COSA”, están deseñados como buques asistenciais en torno a un hospital, que ocupa unha cuberta completa dende proa, e con acceso directo ao heliporto, para facilitar o transporte de enfermos. Equipados cos últimos avances técnicos, dispoñen de quirófano, laboratorio, sala de exploracións Rx, coidados intensivos, sala de illamento e zona para náufragos.

O apoio sanitario que prestan estes dos buques - un pola zona marítima correspondente á costa occidental de África ata augas de Mauritania e Senegal, e outro no Atlántico Norte entre as Illas Azores e o Golfo de Biscaia- ten diferentes modalidades de atención, en razón da patoloxía que en cada momento se presente. En tal sentido, pódense realizar consultas médicas por radio, consultas ambulatorias a bordo, desprazamento do equipo sanitario aos buques demandantes, hospitalizacións na clínica de a bordo e evacuacións sanitarias cando a situación así o requira.

Independentemente destas actividades sanitarias, ambos buques realizan asistencias de apoio loxístico aos buques que o precisen cando estea afectada a súa seguridade, como servizos de remolque e subministros, apoio de mergulladores e reparacións de emerxencia.

Os centros asistenciais no estranxeiro, ubicados nos lugares xeográficos de maior confluencia das flotas: NOUADHIBOU (Mauritania), DAKAR (Senegal), WALVIS BAY (Namibia) e o Centro do ÍNDICO con sedes temporais en PORT VICTORIA (Illas Seychelles)-MOMBASA (Kenya)-DIEGO SUÁREZ (Madagascar), cumpren funcións de asistencia sanitaria e social con profesionais e facultativos nacionais.

Servizos Sociais

Unha vez producidos, e a punto de culminar en todas as Comunidades Autónomas, os traspasos das funcións e servizos sociais que viña desempañando o Instituto Social da Mariña, o seu ámbito de actuación queda delimitado á atención dos traballadores do mar, que no desempeño do seu exercicio profesional se atopen apartados do seu medio sociofamiliar, mediante a contribución ao seu desenvolvemento persoal, con instrumentos que palíen o seu illamento das redes culturais, e dos ámbitos educativos, formativos, de promoción profesional e de participación na vida política, social e comunitaria.

Co fin de cumprir os obxectivos sociais no novo marco trabállase na actualización dos servizos sociais existentes e na definición de novas actuacións, considerando as particulares condicións do sector, especialmente, en canto a illamento e a mobilidade.

Nesta liña actualizáronse os servizos de:

  • Asistencia no estranxeiro aos traballadores do mar en casos de abandono por empresas insolventes, por apresamento, naufraxios e outros análogos, procedendo ao seu sostemento e restitución ao seu lugar de residencia.
  • Asistencia no territorio nacional aos traballadores do mar nacionais ou estranxeiros transeúntes, que a consecuencia de naufraxio, accidente ou calquera outra causa xustificada, poidan requirir atencións urxentes.

Séguese promocionando a creación das “Xuntas de benestar en porto” e colabórase coas xa existentes. Periodicamente publícanse “Guías do porto” con información sobre o porto e a cidade para os traballadores en arribada.

Trabállase na posta en marcha de novos servizos, entre os que procede sinalar o centro de radio-asistencia social.

Como complemento da acción protectora da Seguridade Social, o Instituto Social da Mariña concede prestacións asistenciais para atender as seguintes situacións específicas do traballo no mar:

  • Perda de equipaxe individual a consecuencia de naufraxio ou accidente de mar.
  • Falecemento a bordo ou desaparición.
  • Traslado de cadáveres.

Formación

O Instituto Social da Mariña ofrece ao traballador do mar as accións formativas necesarias para asegurar o seu nivel de competencia, para reforzar a estabilidade no emprego e para dotar aos buques de tripulacións competentes. Esta formación impártese en conformidade cos Convenios e Normas Internacionais relativos á seguridade marítima e á prevención da contaminación, como medio eficaz para evitar sinistros marítimos e contaminar o mar.

A formación prioritaria na posta ao día dos traballadores céntrase na seguridade da vida no mar e a saúde laboral no traballo marítimo; na prevención e a loita contra a contaminación e o medio ambiente mariño; nas tecnoloxías do buque, o frío, a climatización, a electricidade e a electrónica; no mantemento do buque e máquinas; nas tecnoloxías da información e nas titulacións profesionais.

A característica sinalada de illamento no traballo marítimo obriga a unha formación práctica para a adquisición de destreza en actividades, que noutros sectores produtivos en terra contan con profesionais específicos, como a loita contra-incendios.

Os Centros Nacionais de Formación Marítima de Bamio (Dirección Provincial de Vilagarcía) e Isla Cristina (Dirección Provincial de Huelva) que dispoñen de residencia de alumnos e contan con tecnoloxías, simuladores, instalacións e recursos formativos para atender a demanda nacional que, por complexidade ou necesidade, recursos e instalacións, non pode ser impartida nas Direccións Provinciais.

Teñen unha especial proxección os programas formativos e de cooperación técnica internacional, destacando os que se refiren a África e Iberoamérica en colaboración coa Organización Internacional do Traballo e a Axencia Española de Cooperación Internacional.

Desemprego

O Instituto Social da Mariña, unha vez transferidas ás Comunidades Autónomas as políticas activas de emprego no sector marítimo, xestiona, en colaboración co Servizo Público de Emprego Estatal, as prestacións por desemprego dos traballadores do mar.

En colaboración co Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio xestiona e tramita as axudas por paro biolóxico ou por suspensión das campañas de capturas de determinadas especies.

Contenido complementario
${loading}