Aviso Cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario. As cookies non se utilizan para recoller información de carácter persoal. Para máis información consulte a nosa política de cookies.

Valore esta página
Valore este contenido

Beneficiarios / situacións protexidas

Asegurados

A asistencia sanitaria en España, con cargo a fondos públicos, a través do Sistema Nacional de Saúde (SNS), garantirase a aquelas persoas que ostenten a condición de asegurado.

  • Terán a condición de asegurado aquelas persoas que se encontren nalgún dos seguintes supostos:
    1. Ser traballador por conta allea ou por conta propia, afiliado á Seguridade Social e en situación de alta ou asimilada á de alta.
    2. Ostentar a condición de pensionista do sistema da Seguridade Social.
    3. Ser perceptor de calquera outra prestación periódica da Seguridade Social, incluídas a prestación e o subsidio por desemprego ou outras de similar natureza.
    4. Ter esgotado a prestación ou o subsidio por desemprego ou outras prestacións de similar natureza, encontrarse en situación de desemprego, non acreditar a condición de asegurado por calquera outro título e residir en España. Este suposto non será de aplicación ás persoas ás que se refire o artigo 3 ter da Lei 16/2003, do 28 de maio (estranxeiros non rexistrados nin autorizados como residentes en España).
  • As persoas non comprendidas no punto anterior nin no artigo 3 do R.D. 1192/2012, do 3 de agosto, que, non tendo cobertura obrigatoria da prestación sanitaria por outra vía, se encontren nalgúns dos supostos seguintes: 
    • Ter nacionalidade española e residir en territorio español.
    • Ser nacionais dalgún Estado membro da Unión Europea, do Espazo Económico Europeo ou de Suíza e estar inscrito no Rexistro Central de Estranxeiros.
    • Ser nacionais dun país distinto dos mencionados nos apartados anteriores, ou apátridas, e titulares dunha autorización para residir en territorio español, mentres esta se manteña vixente nos termos previstos na súa normativa específica.
    Polo que respecta á consideración de cobertura obrigatoria da prestación sanitaria por outra vía, non terá tal consideración a derivada de seguros obrigatorios especiais, de riscos para a saúde derivados de actividades concretas desenvolvidas pola persoa asegurada, tanto se os concerta ela ou é a través dun terceiro. Tampouco terá esta consideración o estar encadrado nunha mutualidade de previsión social alternativa ao réxime correspondente do sistema da Seguridade Social.
  • Os menores de idade suxeitos a tutela administrativa terán a consideración de persoas aseguradas.

Réxime transitorio de acceso á asistencia sanitaria en España:
As persoas que con anterioridade á entrada en vigor do Real decreto-lei 16/2012, do 20 de abril, tivesen acceso á asistencia sanitaria en España e non ostenten a condición de asegurado con base nalgún dos supostos do apartado 2 do artigo 3 da Lei 16/2003, do 28 de maio, ou en aplicación de regulamentos comunitarios ou convenios bilaterais, así como os beneficiarios dunhas e outras poderán seguir accedendo a esta ata o día 31 de agosto de 2012 sen necesidade de acreditar a condición de asegurado ou de beneficiario deste nos termos previstos no artigo 3 da Lei 16/2003, do 28 de maio.

Beneficiarios

Terán a condición de beneficiarios dun asegurado as persoas que, cumprindo os requisitos a que se refiren os apartados seguintes, se encontren nalgunha das seguintes situacións:

  • Ser cónxuxe da persoa asegurada ou convivir con ela cunha relación de afectividade análoga á conxugal, constituíndo unha parella de feito.
  • Ser ex cónxuxe, ou estar separado xudicialmente, en ambos os dous casos a cargo da persoa asegurada por ter dereito a percibir unha pensión compensatoria por parte desta.
  • Ser descendente, ou persoa asimilada a este, da persoa asegurada ou do seu cónxuxe, aínda que estea separado xudicialmente, do seu ex cónxuxe a cargo ou da súa parella de feito, en ambos os dous casos a cargo do asegurado e menor de 26 anos ou, en caso de ser maior da devandita idade, ter unha discapacidade recoñecida nun grao igual ou superior ao 65%.

    Terán a consideración de persoas asimiladas aos descendentes as seguintes:
    • Os menores suxeitos á tutela ou ao acollemento legal dunha persoa asegurada, do seu cónxuxe, aínda que estea separado xudicialmente, ou da súa parella de feito, así como do seu ex cónxuxe a cargo cando, neste último caso, a tutela ou o acollemento se tivesen producido antes do divorcio ou da nulidade matrimonial.
    • As irmás e os irmáns da persoa asegurada.

    Entenderase que os descendentes e persoas a eles asimiladas se encontran a cargo dunha persoa asegurada se conviven con esta e dependen economicamente dela. Para estes efectos, deberá terse en conta o seguinte:

    • Considerarase que os menores de idade non emancipados se encontran sempre a cargo da persoa asegurada.
    • Considerarase que, nos casos de separación por razón de traballo, estudos ou circunstancias similares, existe convivencia coa persoa asegurada. 
    • Considerarase que os maiores de idade e os menores emancipados non dependen economicamente da persoa asegurada se teñen uns ingresos anuais, que superen o dobre da contía do Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (IPREM), tamén en cómputo anual.

Todas as persoas indicadas nos parágrafos anteriores terán a consideración de beneficiarias sempre e cando cumpran os seguintes requisitos:

  • Non ostentar a condición de persoas aseguradas con base ao artigo 2.1.a do |R.D. 1192/2012, do 3 de agosto. 
  • Ter residencia autorizada e efectiva en España, agás no caso daquelas persoas que se despracen temporalmente a España e estean a cargo de traballadores trasladados pola súa empresa fóra do territorio español, sempre que estes se encontren en situación asimilada a de alta, cotizando no correspondente réxime de Seguridade Social español.

As persoas que reúnan os requisitos esixidos para ter a condición de beneficiarias conforme este artigo 3 non poderán acceder á condición de aseguradas do artigo 2.1.b do |R.D. 1192/2012, do 3 de agosto, mentres sigan cumprindo os devanditos requisitos.

Cando unha persoa poida ostentar a condición de beneficiaria de dúas ou máis persoas aseguradas, só se poderá recoñecer a devandita condición por unha delas, prevalecendo, en todo caso, a condición de beneficiaria dunha persoa asegurada do artigo 2.1.a antes mencionado.

Outros supostos

Asistencia sanitaria para españois de orixe retornados  e para os traballadores e pensionistas españois de orixe residentes  no exterior desprazados temporalmente a España, e para os familiares dos anteriores que se establezan con eles ou os acompañen.

Os españois de orixe retornados e os pensionistas e traballadores por conta allea e por conta propia, así como os seus familiares, que non residan en UE/EEE/Suíza, que se despracen temporalmente a España, terán dereito á asistencia sanitaria, con cargo a fondos públicos, a través do Sistema Nacional de Saúde cando, de acordo coas disposicións da Seguridade Social española, as do estado de procedencia ou as normas ou convenios internacionais de Seguridade Social establecidos para o efecto, non tivesen prevista esta cobertura.

Familiares con dereito a asistencia sanitaria:

  • O cónxuxe das persoas indicadas ou quen conviva con elas cunha relación de afectividade análoga á conxugal, constituíndo unha parella de feito.
  • Os descendentes das persoas indicadas ou os do seu cónxuxe ou os da súa parella de feito, que estean a cargo daquelas e sexan menores de 26 anos ou maiores da devandita idade cunha discapacidade recoñecida nun grao igual ou superior ao 65 por cento.

O recoñecemento do dereito á asistencia sanitaria en todos estes supostos corresponde ao INSS, o cal expedirá o documento acreditativo do dereito. Este dereito conservarase ata que o beneficiario reúna os requisitos establecidos para obtelo de acordo coas disposicións de Seguridade Social española, as do Estado de procedencia ou as normas ou convenios internacionais da Seguridade Social.

Os españois de orixe retornados xustificarán a súa condición mediante a presentación da baixa consular no país de residencia e o certificado de empadroamento no municipio onde fixasen a súa residencia no noso país.

Lei 40/2006, do 14 de decembro, do Estatuto da cidadanía española no exterior e o RD 8/2008, do 11 de xaneiro, polo que se regula a prestación por razón de necesidade a favor dos españois residentes no exterior e retornados, modificado pola Lei 26/2015, do 28 de xullo, de mecanismo de segunda oportunidade, redución da carga financeira e outras medidas de orde social.

Asistencia sanitaria en aplicación de regulamentos comunitarios e convenios internacionais:

  1. As persoas con dereito a asistencia sanitaria en aplicación dos regulamentos comunitarios de coordinación de sistemas de Seguridade Social ou dos convenios bilaterais que comprendan a prestación de asistencia sanitaria, terán acceso a esta, sempre que residan en territorio español ou durante os seus desprazamentos temporais a España, na forma, extensión e condicións establecidos nas disposicións comunitarias ou bilaterais indicadas.
  2. En ningún caso terán a consideración de estranxeiros non rexistrados nin autorizados como residentes en España para os efectos previstos no artigo 3 ter da Lei 16/2003, do 28 de maio, os nacionais dos Estados membros da Unión Europea, do Espazo Económico Europeo ou de Suíza que se encontren na situación de estada inferior a tres meses regulada no artigo 6 do R.D. 240/2007, do 16 de febreiro, sobre entrada, libre circulación e residencia en España de cidadáns dos Estados membros da Unión Europea e doutros Estados parte no Acordo sobre o Espazo Económico Europeo.

Asistencia sanitaria ás persoas con discapacidade:

En relación coa asistencia sanitaria ás persoas con discapacidade será de aplicación o disposto na disposición transitoria única do Texto Refundido da Lei Xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, aprobado polo Real Decreto Lexislativo 1/2013, do 29 de novembro (BOE 3/12).

A competencia para o recoñecemento do dereito á asistencia sanitaria corresponde ás |CCAA/IMSERSO.

Réximes especiais de funcionarios:

  1. As persoas que ostentan a condición de mutualista ou beneficiario dos réximes especiais da Seguridade Social xestionados pola Mutualidade Xeral de Funcionarios Civís do Estado, o Instituto Social das Forzas Armadas e a Mutualidade Xeral Xudicial, manteñen o réxime de cobertura obrigatoria da prestación sanitaria conforme a normativa especial reguladora de cada Mutualidade que, así mesmo, determina o seu respectivo colectivo protexido, incluídos os funcionarios que ingresasen en calquera administración pública con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2011 en corpos que formen parte do campo de aplicación do mutualismo. Estes funcionarios manterán a condición de mutualistas cando pasen á situación de pensionistas.
  2. O recoñecemento e control da condición de mutualista ou beneficiario corresponde a cada mutualidade, conforme a súa normativa específica, así como a súa respectiva estrutura organizativa.
  3. As mutualidades e o Instituto Nacional da Seguridade Social ou, se é o caso, o Instituto Social da Mariña, establecerán os mecanismos de colaboración e coordinación necesarios para evitar a duplicidade de dereitos propios ou derivados cando estes sexan incompatibles, así como para asegurar o acceso ao sistema sanitario público ao colectivo mutualista que optase por esa modalidade de asistencia sanitaria.

Estranxeiros non rexistrados nin autorizados como residentes en España:

Os estranxeiros non rexistrados nin autorizados como residentes en España recibirán asistencia sanitaria nas seguintes modalidades:

  1. Asistencia sanitaria de urxencia por enfermidade grave ou accidente, calquera que sexa a súa causa, ata a situación de alta médica.
  2. A partir do 01-09-2013, os estranxeiros menores de dezaoito anos residentes en España aos que se refire o artigo 3 ter da Lei 16/2003, do 28 de maio, terán dereito á asistencia sanitaria pública polo SNS coa mesma extensión recoñecida ás persoas que ostentan a condición de aseguradas, sendo o tipo de achega do usuario para as prestacións da carteira de servizos do SNS que a esixan o correspondente aos asegurados en activo.
  3. A partir do 01-09-2013, as mulleres estranxeiras embarazadas ás que se refire o artigo 3 ter da Lei 16/2003, do 28 de maio, terán dereito a que o SNS lles proporcione a asistencia ao embarazo, parto e posparto coa mesma extensión recoñecida ás persoas que ostentan a condición de aseguradas, sendo o tipo de achega da usuaria para as prestacións da carteira de servizos do SNS que a esixan, o correspondente aos asegurados en activo.

A competencia para o recoñecemento do dereito á asistencia sanitaria corresponde ás CCAA/Servizos Públicos de Saúde.

Prestación de asistencia sanitaria para solicitantes de protección internacional:

  • As persoas solicitantes de protección internacional cuxa permanencia en España fose autorizada por este motivo recibirán, mentres permanezan nesta situación, asistencia sanitaria coa extensión prevista na carteira común básica de servizos asistenciais do SNS regulada no artigo 8 bis da Lei 16/2003, do 28 de maio.
  • Así mesmo, proporcionarase a atención necesaria, médica ou doutro tipo, aos solicitantes de protección internacional con necesidades especiais.
  • A competencia para o recoñecemento do dereito á asistencia sanitaria corresponde ás CCAA/Servizos Públicos de Saúde.

Prestación de asistencia sanitaria para vítimas de tráfico de seres humanos en período de restablecemento e reflexión:

  • As vítimas de tráfico de seres humanos cuxa estada temporal en España fose autorizada durante o período de restablecemento e reflexión recibirán, mentres permanezan nesta situación, asistencia sanitaria coa extensión prevista na carteira común básica de servizos asistenciais do SNS regulada no artigo 8 bis da Lei 16/2003, do 28 de maio.
  • Así mesmo, proporcionarase a atención necesaria, médica ou doutro tipo, ás vítimas de tráfico de seres humanos con necesidades especiais.
  • A competencia para o recoñecemento do dereito á asistencia sanitaria corresponde ás CCAA/Servizos Públicos de Saúde.

Convenio especial de prestación de asistencia sanitaria a persoas que non teñan a condición de aseguradas nin de beneficiarias do SNS:

Para os efectos do disposto no artigo 3.5 da Lei 16/2003, do 28 de maio, poderán obter a prestación de asistencia sanitaria mediante o pagamento da correspondente contraprestación ou cota derivada da subscrición dun convenio especial aquelas persoas que, non tendo a condición de aseguradas ou beneficiarias, teñan acceso a un sistema de protección sanitaria pública por calquera outro título.

Esta vía de acceso á prestación de asistencia sanitaria regulada no R.D. 576/2013, do 26 de xullo e desenvolvido pola Orde SSI/1475/2014, pola que se establecen os requisitos básicos do convenio especial de prestación de asistencia sanitaria a persoas que non teñan a condición de aseguradas nin de beneficiarias do SNS, en vigor dende o 01-09-2013, permite ás persoas que o subscriban acceder, mediante o pagamento dunha contraprestación económica, ás prestacións da carteira común básica de servizos asistenciais do SNS regulada no artigo 8 bis da Lei 16/2003, do 28 de maio, coas mesmas garantías de extensión, continuidade asistencial e cobertura das que gozan as persoas que ostentan a condición de aseguradas ou de beneficiarias do SNS, no ámbito correspondente á administración pública coa que este se formaliza e sen prexuízo do disposto na disposición adicional primeira deste real decreto.

A competencia para o recoñecemento do dereito á asistencia sanitaria a través do Convenio especial corresponde ao Instituto Nacional de Xestión Sanitaria

Situacións protexidas

  • A enfermidade común ou profesional.
  • O accidente sexa ou non de traballo.
  • A maternidade.
  • Risco durante o embarazo.
  • Risco durante a lactación natural.

Mantemento do requisito de residencia

Para os efectos do mantemento do dereito das prestacións sanitarias nas que se esixa a residencia en territorio español, entenderase que o beneficiario das devanditas prestacións ten a súa residencia habitual en España aínda cando teña estancias no estranxeiro sempre que estas non superen os 90 días ao longo de cada ano natural (artigo 51 da Lei Xeral da Seguridade Social).

Complementary Content
${loading}