Réximes Especiais

Integración do Réxime Especial Agrario no Réxime Xeral:

Os traballadores por conta allea agrarios incluídos no REA , así como os empresarios aos que prestan os seus servizos, quedan integrados, con efectos do 01-01-12,  no Réxime Xeral da Seguridade Social, mediante o establecemento dun Sistema especial para estes traballadores,  tendo dereito ás prestacións da Seguridade Social nos mesmos termos e condicións que no Réxime xeral, coas particularidades establecidas  regulamentariamente.

Integración do Réxime Especial de Empregados de Fogar no Réxime Xeral:

Con efectos do 01-01-2012, o Réxime Especial dos Empregados de Fogar queda integrado no Réxime Xeral da Seguridade Social, mediante o establecemento dun sistema especial para estes traballadores, os que terán dereito ás prestacións da Seguridade Social nos mesmos termos e condicións que no Réxime Xeral, coas peculiaridades que se determinen regulamentariamente. 

Requisitos xerais esixidos

Os requisitos xerais esixidos para causar dereito á prestación nos réximes especiais son, en cada caso, os seguintes:

  • Estar en alta ou en situación asimilada á alta no Réxime correspondente. Non obstante, pódese causar dereito a pensión de xubilación dende a situación de non alta, sempre que se reúnan os requisitos de idade e cotización establecidos.
  • Estar ao corrente no pagamento das cotas das que sexan responsables directos os traballadores, aínda que a prestación sexa recoñecida, como consecuencia do cómputo recíproco de cotizacións, nun réxime de traballadores por conta allea.
    • Para tales efectos, será de aplicación o mecanismo de invitación ao pagamento previsto no |art.  28.2 do Decreto 2530/1970, do 20 de agosto, calquera que sexa o réxime de Seguridade Social en que o interesado estivese incorporado, no momento de acceder á prestación ou no que esta se cause.
    • Cando ao interesado se lle considere ao corrente no pagamento das cotizacións para os efectos do recoñecemento dunha prestación, en virtude dun aprazamento no pagamento das cotas debidas, pero posteriormente incumpra os prazos ou condicións do devandito aprazamento, perderá a consideración de atoparse ao corrente no pagamento e, en consecuencia, procederase á suspensión inmediata da prestación recoñecida que estivese a percibir, a cal soamente poderá ser rehabilitada unha vez que salde a débeda coa Seguridade Social na súa totalidade. Para tal fin, a Entidade Xestora da prestación poderá detraer de cada mensualidade percibida polo interesado a correspondente cota debida.
    • Para os efectos do recoñecemento do dereito a unha pensión, as cotizacións correspondentes ao mes do feito causante da pensión e aos dous meses previos a aquel, cuxo ingreso aínda non conste como tal nos sistemas de información da Seguridade Social, presumiranse ingresadas sen necesidade de que o interesado o teña que acreditar documentalmente, sempre que o traballador acredite o período mínimo de cotización esixible, sen computar para estes efectos o período de tres meses referido neste.
    • Nestes supostos, a entidade xestora revisará, con periodicidade anual, todas as pensións recoñecidas durante o exercicio inmediato anterior baixo a presunción de situación de estar ao corrente para verificar o ingreso puntual e efectivo desas cotizacións. No caso contrario, procederase inmediatamente á suspensión do pagamento da pensión, aplicándose as mensualidades retidas á amortización das cotas debidas ata a súa total extinción, rehabilitándose o pagamento da pensión a partir dese momento.

Réxime Especial dos Traballadores por Conta Propia ou Autónomos

A prestación recoñécese nos mesmos termos e condicións que no Réxime Xeral da Seguridade Social, coas particularidades seguintes:

Non obstante, en determinados casos especiais, poderán xubilarse cunha idade inferior á ordinaria aqueles traballadores que, ao longo da súa vida laboral, efectuasen cotizacións nalgún dos Réximes da Seguridade Social que recoñezan o dereito á xubilación anticipada, sempre que se cumpran determinados requisitos.

  • Base reguladora:

Non existe integración de lagoas. Se no período tomado en conta para efectuar o cálculo aparecesen meses durante os cales non tivese habido obriga de cotizar, estes non se completarán coas bases mínimas vixentes, correspondentes aos traballadores maiores de 18 anos.

Nos supostos de redución de bases de cotización:

O establecido nos apartados 2 e 3 da disposición transitoria 5ª da LXSS resulta de aplicación aos traballadores por conta propia ou autónomos con respecto aos cales tivese transcorrido un ano dende a data en que se esgotase a prestación por cesamento de actividade regulada na Lei 32/2010, do 5 de agosto, sempre que o devandito cesamento, producido a partir de facer os 55 anos de idade, o fose respecto da última actividade realizada previa ao feito causante da pensión de xubilación.

Nos casos de exoneración de cotas, polos períodos de actividade nos que non se cotizase, para os efectos de determinar a base reguladora, teranse en conta as seguintes regras:

  1. As bases de cotización tomadas en consideración para a determinación da base reguladora serán equivalentes ao resultado de incrementar a media das bases de cotización do ano natural inmediatamente anterior ao comezo do período de exención de cotización, na porcentaxe de variación media coñecida do IPC no último ano indicado, sen que as bases así calculadas poidan ser inferiores á contía da base mínima de cotización fixada anualmente na correspondente Lei de Presupostos Xerais do Estado.
  2. Para os efectos do cálculo da devandita media tomaranse as bases de cotización correspondentes á actividade por conta propia pola que estea exonerado de cotización.
  3. Se non existisen bases de cotización en todas as mensualidades do ano natural anterior ao comezo do período de exención de cotización, tomarase a media das bases de cotización que existan, dividido polo número de meses ao que estas correspondan.
  4. De non existir bases de cotización no ano anterior, tomaranse as bases de cotización do primeiro ano en que existan, calculando a media citada conforme as regras mencionadas nos apartados anteriores; a devandita media incrementarase na porcentaxe de variación media do ano ou anos naturais anteriores ata chegar ao ano correspondente ao do período de exoneración de cotas.
  • Porcentaxe:

Non se aplica a escala de aboamento de anos, segundo idade feita a 1-1-67, para os efectos do cómputo dos anos de cotización.

  • Feito causante da prestación:
    • O último día do mes do cesamento no traballo, para os que se encontren na situación de alta.
    • O último día do mes en que se presente a solicitude, para os que se encontren nalgunha das situacións asimiladas ás de alta.
    • A data da solicitude, para as situacións de non alta.
  • Efectos económicos:

O día primeiro do mes seguinte á data do feito causante.

  • Exoneración de cotas:

A partir do 1-1-2013, os traballadores están exentos de cotizar á Seguridade Social agás, se é o caso, por incapacidade temporal e por continxencias profesionais, sempre que se encontren nalgún destes supostos: 

    • 65 anos de idade e 38 anos e 6 meses de cotización.
    • 67 anos de idade e 37 anos de cotización.

Para estes efectos, non se computarán as partes proporcionais de pagas extraordinarias. Se ao facer a idade correspondente o traballador non tivese cotizado o número de anos en cada caso requirido, a exención prevista nestes casos será aplicable a partir da data en que se acrediten os anos de cotización esixidos para cada suposto.

Polos períodos de actividade nos que o traballador non efectuase cotizacións, nos termos previstos no apartado 1, para os efectos de determinar a base reguladora das prestacións excluídas de cotización, as bases de cotización correspondentes ás mensualidades de cada exercicio económico exentas de cotización serán equivalentes ao resultado de incrementar a media das bases de cotización do ano natural inmediatamente anterior na porcentaxe de variación media coñecida do índice de prezos ao consumo no último ano indicado, sen que as bases así calculadas poidan ser inferiores ás contías das bases mínimas ou únicas de cotización fixadas anualmente na Lei de Presupostos Xerais do Estado para os traballadores por conta propia incluídos nos Réximes Especiais da Seguridade Social a que se refire o apartado anterior.

Aos traballadores aos que se lles apliquen as exencións da obriga de cotizar previstas na disposición adicional trixésimo segunda con  anterioridade ao 1 de xaneiro de 2013 e que accedan ao dereito á pensión de xubilación con posterioridade á devandita data, o período durante o que se estendesen as devanditas exencións será considerado como cotizado para os efectos do cálculo da pensión correspondente.

  • A xubilación parcial: pendente de desenvolvemento regulamentario.
  • A xubilación especial aos 64 anos non se protexe.
  • A xubilación anticipada sen ter a condición de mutualista non se protexe.
  • A xubilación anticipada derivada do cesamento non voluntario no traballo non se protexe.
  • Máis información relativa a este Réxime:

Réxime especial da minería do carbón

A prestación recoñécese nos mesmos termos e condicións que no Réxime Xeral da Seguridade Social, coas seguintes particularidades:

XUBILACIÓN:

  • Idade:

A idade ordinaria esixida en cada momento rebaixarase nun período equivalente ao que resulte de aplicar ao período de tempo efectivamente traballado en cada categoría e especialidade profesional da minaría do carbón, o coeficiente que corresponda de conformidade cunha escala que comprende dende o 0,50 ao 0,05, segundo a perigosidade e toxicidade da actividade desenvolvida.

O traballador, con idade real inferior a 60 anos, só poderá xubilarse se coa idade teórica (idade real máis as bonificacións), chega a superar a idade mínima esixida.

Xubilación anticipada por ter a condición de mutualista: a partir dos 60 anos de idade real, con aplicación de coeficientes redutores, para aqueles traballadores que estivesen comprendidos no campo de aplicación deste réxime especial o día 1-4-69 e fosen cotizantes a algunha das Mutualidades Laborais do Carbón en 31 de marzo do devandito ano ou en calquera outra data con anterioridade, ou os que tivesen sido cotizantes a algunha das Mutualidades Laborais de traballadores por conta allea con anterioridade ao 1-1-67.

  • Base reguladora:

Será a que corresponda, pero as bases de cotización a ter en conta serán as bases normalizadas.

  • Porcentaxe:

O período de tempo en que resulte rebaixada a idade de xubilación do traballador, computarase como cotizado para os efectos de incrementar a porcentaxe de pensión por anos de cotización.

XUBILACIÓN DE INVÁLIDOS TOTAIS:

  • Beneficiarios:

Considéranse en situación asimilada á de alta, para o exclusivo efecto de poder causar a pensión de xubilación, os pensionistas de incapacidade permanente total deste Réxime Especial, que reúnan os seguintes requisitos:

    • Ter a idade real esixida en cada momento ou a teórica que resulte de aplicar ao período de tempo efectivamente traballado en cada unha das categorías da minaría do carbón o coeficiente que corresponda, segundo a escala citada.
    • Que a pensión de incapacidade permanente total non tivese substituído, en virtude de opción, a de xubilación que o interesado percibise deste Réxime Especial.
    • Ter ingresado, incluíndo as achegas de empresario e traballador, as cotas do período abranguido entre a data de efectos da incapacidade permanente total e a do feito causante da xubilación, con dedución do importe das cotas que, durante o devandito período, tivesen sido ingresadas a nome do interesado neste Réxime Especial.
  • Base reguladora:

Determínase tomando, para cada un dos meses que a integren, as bases normalizadas que correspondesen nestes á categoría ou especialidade profesional que tivese o interesado ao producirse a incapacidade permanente total.

  • Porcentaxe:

As cotas satisfeitas polo beneficiario do período abranguido entre a data de efectos da pensión de incapacidade permanente total e a do feito causante da xubilación, serán computables:

    • Para a determinación da porcentaxe aplicable en función dos anos de cotización.
    • Para o cómputo do período mínimo de cotización esixido para causar dereito á pensión.
  • Máis información relativa a este Réxime:

Réxime Especial dos Traballadores do Mar

A prestación recoñécese nos mesmos termos e condicións ca no Réxime Xeral, coas seguintes particularidades:

  • Idade:

No réxime especial do mar existen coeficientes redutores da idade de xubilación en determinados traballos debido á dureza, condicións de penosidade, afastamento, etc. no que se desenvolve o traballo no mar, e que fan posible reducir a idade de xubilación en ata 10 anos, como máximo, respecto á xeral de 65 anos.

Os coeficientes redutores que se aplican varían segundo a clase de embarcación, tipos de navegación e natureza do traballo:

    • Traballos a bordo de buques de mariña mercante: 0,40 a 0,20.
    • Traballos a bordo de embarcacións de pesca. 0,40 a 0,15.
    • Estibadores portuarios: 0,30.
    • Mariscadores, percebeiros e recolledores de algas: 0,10

O período de tempo en que se reduce a idade de xubilación considérase como cotizado, unicamente para determinar a porcentaxe aplicable á base reguladora. Tanto a redución de idade como o cómputo dese período a efectos da porcentaxe serán de aplicación aínda que a pensión se cause en calquera outro réxime da Seguridade Social.

Xubilación anticipada por ter a condición de mutualista: recoñécese en iguais termos ca no  Réxime Xeral, se ben toda referencia á data de efectos do Réxime Xeral (1-1-67) entenderase feita ao 1-8-70, data de entrada en vigor do Réxime Especial dos Traballadores do Mar (REM).

No Réxime Especial dos Traballadores do Mar establécese como dereito transitorio que os traballadores que estivesen en alta no Montepío Marítimo Nacional, na Mutualidade Nacional de Previsión dos Pescadores de Baixura e na Caixa de Previsión dos Estibadores Portuarios na data de entrada en vigor do réxime Especial do mar (1-8-1970) ou con anterioridade e que, de acordo coas normas vixentes nesa data, tivesen dereito a obter a pensión de xubilación, a partir dos 55 anos ou 60 no caso de estibadores portuarios, poderán causar dereito á pensión de xubilación a partir desas idades, sen prexuízo de que a porcentaxe da pensión experimente unha diminución de sete centésimas por cada ano que falte para acadar a idade de xubilación.

Xubilación anticipada por ter a condición de mutualista: Recoñécese en iguais termos ca no réxime xeral. Con todo, no Réxime Especial do Mar unicamente poderán acceder a este tipo de xubilación os traballadores por conta allea.

  • Base reguladora:

Calcúlase igual que no Réxime Xeral. Porén, aos traballadores por conta propia non se lles integran as lagoas de cotización que aparezan no período que se deba ter en conta para o cálculo da base reguladora.

  • Porcentaxe:

O período de tempo no que resulte rebaixada a idade de xubilación do traballador, computarase como cotizado para os efectos de incrementar a porcentaxe da pensión por anos de cotización.

Xubilación anticipada por ter a condición de mutualista:  A porcentaxe da base reguladora que corresponda, de acordo cos anos de cotización, verase diminuída pola aplicación dos seguintes coeficientes redutores:

    • Cando o traballador acceda á pensión desde un cesamento voluntario ou cando acredite menos de 38 anos de cotización, calquera que sexa a causa do cesamento no traballo, a contía da pensión reducirase nun 7 % por cada ano que lle falte para facer os 65 anos no momento do feito causante.

    • Cando o traballador acredite 38 anos ou máis de cotización e acceda á pensión por extinción do contrato de traballo en virtude de causa non imputable á súa libre vontade, as porcentaxes de redución da contía da pensión en función dos anos cotizados serán as seguintes:

PORCENTAXE REDUCIÓN CONTÍA XUBILACIÓN MUTUALISTA
Anos cotizados Cesamento e 38 ou máis anos cotizados
Entre 38 e 39 anos 6,50%
Con 40 ou máis anos 6,00%

Xubilación anticipada por ter a condición de mutualista: Este tipo de xubilación outórgase nos mesmos termos e condicións ca no réxime xeral. Con todo, no Réxime Especial do Mar unicamente poderán acceder a este tipo de xubilación os traballadores por conta allea.

Máis información relativa a este Réxime:


  • Tramitación

    Direccións provinciais e locais do Instituto Social da Mariña.
Complementary Content
${loading}