Contía / Aboamento

A contía da pensión obtense aplicando á base reguladora a porcentaxe correspondente.

Porcentaxe

  • O 100 % da base reguladora.
  • Nos casos de accidente de traballo ou enfermidade profesional:

    As pensións aumentaranse, segundo a gravidade da falta, dun 30 % a un 50 % cando a lesión se produza por máquinas, artefactos ou en instalacións, centros ou lugares de traballo que carezan dos dispositivos de precaución regulamentarios, os teñan inutilizados ou en malas condicións, ou cando non se observen as medidas de seguridade e hixiene no traballo, ou as elementais de salubridade ou as de adecuación persoal a cada traballo, tendo en conta as súas características e a idade, sexo e demais condicións do traballador.

    Esta recarga recae directamente sobre o empresario infractor.

    Non será de aplicación aos empregados de fogar a recarga das prestacións económicas en caso de AT e EP por falta de medidas de prevención de riscos laborais.
  • Nos casos en que o traballador, alcanzada a idade ordinaria de xubilación ou máis anos, acceda á pensión de incapacidade permanente absoluta derivada de continxencias comúns por non reunir os requisitos para causar dereito á pensión de xubilación:

    A porcentaxe aplicable será a que corresponda ao período mínimo de cotización que estea establecido, en cada momento, para o acceso á pensión de xubilación. Actualmente, esta porcentaxe é do 50 %, que se aplicará á base reguladora correspondente.

Aplicación do complemento por maternidade:

Ás mulleres que tivesen dous ou máis fillos, biolóxicos ou adoptados, aplicaráselles un complemento por maternidade consistente nunha porcentaxe aplicable ao importe da pensión que se cause a partir do 1 de xaneiro de 2016, calculada de acordo co indicado nos apartados anteriores. A devandita porcentaxe será do 5 % no caso de dous fillos, do 10 % con tres fillos e do 15 % no caso de catro ou máis fillos.

Son computables para a determinación do dereito e a súa cuantificación os fillos, con independencia de que o nacemento se producise en España ou no estranxeiro.

Base reguladora

Se a incapacidade deriva de enfermidade común:

  • Beneficiario en situación de alta ou asimilada ou en situación de "non alta":

    Calcúlase aplicando integramente as mesmas regras sinaladas para a incapacidade permanente total derivada de enfermidade común.

Se a incapacidade deriva de accidente non laboral:

  • Beneficiario en situación de alta ou asimilada:

    Calcúlase aplicando as mesmas regras que as sinaladas para a incapacidade permanente total derivada de accidente non laboral.
  • Beneficiario en situación de "non alta":

    Será o cociente que resulte de dividir por 112 as bases de cotización do interesado durante os 96 meses inmediatamente anteriores ao mes previo ao do feito causante. O cómputo destas bases realizarase conforme ás seguinte regras:
    • As bases dos 24 meses anteriores ao mes previo ao do feito causante compútanse no seu valor nominal.
    • As restantes bases actualizaranse de acordo coa evolución do Índice de Prezos ao Consumo, dende os meses a que aquelas correspondan ata o mes inmediato anterior a aquel en que se inicie o período de bases non actualizables a que se refire o parágrafo anterior.

    Integración de lagoas:

    Se no período a tomar en conta para o cálculo aparecesen meses durante os cales non existise a obriga de cotizar, as lagoas de cotización integraranse coa base mínima de cotización do Réxime Xeral vixente en cada momento para traballadores maiores de 18 anos. Cando nalgún dos meses a obriga de cotizar exista só durante unha parte do mes, procederá a integración sinalada no parágrafo pola parte do mes en que non exista obriga de cotizar, sempre que a base de cotización correspondente ao primeiro período non alcance a contía da base mínima mensual sinalada. En tal suposto, a integración alcanzará ata esta última contía. 

    No caso de traballadores incluídos no Sistema especial para empregados de fogar, dende o ano 2012 ata o ano 2018, para o cálculo da BR da pensión de incapacidade permanente derivada de continxencias comúns só se terán en conta os períodos realmente cotizados (non se aplicará integración de lagoas).

    No caso de traballadores incluídos no Sistema especial para traballadores por conta allea agrarios, a partir do 01-01-2012, para o cálculo da BR só se terán en conta os períodos realmente cotizados (non se aplicará integración de lagoas).

    Nos supostos de contratos a tempo parcial, de remuda e fixos descontinuos:
    • A integración dos períodos, durante os que non houbese obriga de cotizar, levarase a cabo coa base mínima de cotización de entre as aplicables en cada momento, correspondente ao número de horas contratadas na data na que se interrompeu ou extinguiu a obriga de cotizar. Se a obriga de cotizar existe só durante unha parte do mes, a integración procederá pola parte do mes en que non exista obriga de cotizar, sempre que a base de cotización correspondente non alcance a contía da base mínima aplicable.
    • A excepción dos períodos entre tempadas ou campañas dos traballadores con contrato de traballo fixo-descontinuo, en ningún caso se considerarán lagoas de cotización as horas ou días nos que non se traballe en función das interrupcións na prestación de servizos derivadas do propio contrato a tempo parcial.

Se a incapacidade deriva de accidente de traballo ou enfermidade profesional:


A base reguladora calcúlase sobre salarios reais, aplicando as mesmas regras que as sinaladas para a incapacidade permanente total derivada destas continxencias.

Aboamento

  • As pensións derivadas de enfermidade común e accidente non laboral abóanse en 14 pagas, unha por cada un dos meses do ano e dúas pagas extraordinarias ao ano, que se fan efectivas xunto coas mensualidades de xuño e novembro e polo mesmo importe que o da mensualidade ordinaria correspondente a estes meses.

  • As pensións derivadas de accidente de traballo e enfermidade profesional abóanse en 12 mensualidades, xa que as pagas extraordinarias están pro rateadas dentro das mensualidades ordinarias, ao terse en conta para o cálculo da base reguladora da pensión.

  • Garántense contías mínimas mensuais, variando o seu importe en función de que o beneficiario teña ou non cónxuxe a cargo.

  • As pensións de incapacidade permanente absoluta e as de grande invalidez, así como as de xubilación derivadas delas, por cambio de denominación ao facer o beneficiario 65 anos de idade, están exentas de retención do Imposto sobre a renda das persoas físicas (IRPF). 
Complementary Content
${loading}