Xubilación anticipada de traballadores cunha discapacidade igual ou superior ao 45%

A idade ordinaria esixida en cada momento poderá reducirse no caso de traballadores cun  grao de discapacidade igual ou superior ao 45 por cento, sempre que se trate de discapacidades regulamentariamente determinadas nas que concorran evidencias que determinan de forma xeneralizada e apreciable unha redución da esperanza de vida desas persoas.

Beneficiarios / requisitos

Os traballadores por conta allea e por conta propia incluídos en calquera dos réximes que integran o Sistema da Seguridade Social, que acrediten:

  • Estar en alta ou en situación asimilada á de alta na data do feito causante.
  • Que ao longo da súa vida laboral, traballaron un tempo efectivo equivalente, polo menos, ao período mínimo de cotización que se esixe para poder acceder á pensión de xubilación, afectados por algunha das discapacidades enumeradas no apartado seguinte e que determinaran durante todo ese tempo un grao de discapacidade igual ou superior ao 45 por cento.

Discapacidades que poden dar lugar á redución da idade de xubilación

As discapacidades nas que concorren evidencias que determinan de forma xeneralizada e apreciable unha redución da esperanza de vida e que poderán dar lugar á anticipación da idade de xubilación, son as enumeradas no artigo 2 do RD 1851/2009, do 4 de decembro, polo que se desenvolve o artigo 206 do Texto Refundido da  LGSS  en canto á anticipación da xubilación dos traballadores con discapacidade en grao igual ou superior ao 45 %.

Idade mínima de xubilación

A idade mínima de xubilación das persoas afectadas, en grao igual ou superior ao 45 por cento, por unha discapacidade das enumeradas no apartado anterior, será, excepcionalmente, a de 56 anos (a partir do 01-01-12).

Cómputo do tempo traballado

Para o cómputo do tempo efectivamente traballado, descontaranse todas as ausencias ao traballo, agás as seguintes:

  • As que teñan por motivo a baixa médica por enfermidade común ou profesional ou accidente, sexa ou non de traballo.
  • As que teñan por motivo a suspensión do contrato de traballo por maternidade, paternidade, adopción, acollemento, risco durante o embarazo ou risco durante a lactación natural.
  • As ausencias do traballo con dereito a retribución.

Cálculo da pensión

O período de tempo en que resulte reducida a idade de xubilación do traballador, computarase como cotizado ao exclusivo efecto de determinar a porcentaxe aplicable á correspondente base reguladora para calcular o importe da pensión de xubilación.

Dereito de opción

Os traballadores que reúnan as condicións esixidas para acollerse ao establecido no RD 1851/2009, do 4 de decembro, polo que se desenvolve o artigo 206 do Texto Refundido  da LGSS  en canto á anticipación da xubilación dos traballadores con discapacidade en grao igual ou superior ao 45 %, e no RD 1539/2003, do 5 de decembro, polo que se establecen coeficientes redutores da idade de xubilación a favor dos traballadores que acreditan un grao importante de discapacidade, poderán optar pola aplicación do que lles resulte máis favorable.

Complementary Content
${loading}