Contenido principal

Réxime especial do mar (REM)

Existencia de tres grupos de cotización: A efectos de cotización, os traballadores comprendidos neste réxime especial clasifícanse en tres grupos, en función das toneladas de rexistro bruto (TRB) das embarcacións nas que presten os seus servizos. No primeiro grupo inclúense os traballadores por conta allea retribuídos a salario ou á parte que prestan servizos en embarcacións de máis de 150 TRB, é dicir, todos os traballadores da mariña mercante e dos grandes pesqueiros. No grupo segundo, inclúense os traballadores por conta allea retribuídos á parte que prestan servizos tanto en embarcacións pesqueiras de máis de 10 TRB e ata 50 TRB (Grupo II-A) como os que prestan os seus servizos en embarcacións de máis de 50 TRB e ata 150 TRB (Grupo II-B). E, por último, no terceiro grupo están integrados os traballadores por conta allea retribuídos á parte que prestan servizos en embarcacións de ata 10 TRB e os traballadores por conta propia.

Coeficientes correctores. Para os grupos segundo e terceiro aplícase un coeficiente corrector sobre a súa base de cotización por continxencias comúns e por desemprego, co que a cota a ingresar é menor. Estes coeficiente correctores son de 2/3 para o grupo II A, 1/2 para o grupo II B e de 1/3 para o grupo III. Non obstante, a efectos do cálculo das prestacións da Seguridade Social tómase en consideración a base completa, sen aplicación do coeficiente corrector.

Bases de cotización únicas: As bases de cotización dos traballadores incluídos nos grupos II e III son únicas e determínanse anualmente por provincias, modalidades de pesca e categorías profesionais, sobre a base dos valores medios de remuneración percibida no ano anterior. Estas bases únicas non poderán ser inferiores ás bases mínimas que se establezan cada ano para as distintas categorías profesionais.

Contenido complementario
${loading}