2004/8 do 10 de decembro de 2004

Resultados de la búsqueda

A páxina á que intenta acceder non está dispoñible no idioma seleccionado. Desculpe as molestias.
Idiomas dispoñibles: Castellano

A páxina á que intenta acceder non está dispoñible no idioma seleccionado. Desculpe as molestias.
Idiomas dispoñibles: Castellano

Admisión de solicitudes de modalidade de pagamento (cargo en conta/pagamento electrónico) para empresas con autorización a pagamento diferido ou trimestral.

A partir do 1 de decembro, as empresas que teñen autorizado un prazo regulamentario de presentación e ingreso distinto ao establecido con carácter xeral (autorizadas a pagamento diferido nun ou máis meses respecto ao prazo xeral ou pagamentos con periodicidade trimestral) poderán acollerse ás modalidades de ingreso de pagamento electrónico ou cargo en conta, sempre que a presentación se realice no mes no que lles corresponde realizar o ingreso das cotas.

As liquidacións normais (L00) e complementarias por vacacións non gozadas e retribuídas á finalización do contrato de traballo (L13) destas empresas con solicitude de cargo en conta ou pagamento electrónico, que se transmitan con anterioridade ou posterioridade ao seu prazo autorizado de ingreso, aceptaranse como presentación de TC2 pero rexeitarase a solicitude de cargo en conta ou pagamento electrónico, e deberá realizarse o ingreso na entidade financeira co modelo do TC1 correspondente.

As liquidacións complementarias por salario de tramitación (L02) e por aboamento de salarios con carácter retroactivo (L03) aceptaranse nestas modalidades de pagamento e deberá facerse efectivo o seu importe no mesmo mes no que se presentan (no caso de que se optase por cargar en conta o importe, cargarase na conta indicada o último día hábil do mes de presentación).


Aceptaranse todas as solicitudes de cargo en conta/pagamento electrónico, sempre que cumpran as condicións xerais previstas para cada modalidade de pagamento (máis información no apartado "Modalidades de pagamento", incluído na área de información do Sistema RED, en www.seg-social.es).

Real decreto 2146/2004, do 5 de novembro, (BOE do 6 novembro de 2004), polo que se establecen medidas para atender os compromisos derivados da celebración da XXXII edición da Copa de América.

Regulación das bonificacións de cotas da Seguridade Social

O Real decreto 2146/2004, do 5 de novembro (BOE do 6 de novembro) desenvolve a disposición adicional undécima da Lei 62/2003, do 30 de decembro, de medidas fiscais, administrativas e da orde social, referida ás bonificacións de cotas respecto de traballadores contratados como consecuencia da celebración da Copa do América.

O capítulo II do devandito real decreto regula a aplicación destas bonificacións:


Porcentaxe e duración (artigo 5)

Establécese unha bonificación do 100% das achegas dos empresario nas súas cotizacións á Seguridade Social por continxencias comúns, incluída a incapacidade temporal, así como por desemprego, formación profesional e Fondo de Garantía Salarial, tanto en contratos a tempo completo como a tempo parcial.

As bonificacións serán aplicables nas liquidacións de cotas esixibles a partir do día 1 de xaneiro de 2004 e finalizarán co remate da realización das labores directamente relacionadas coa organización e participación no acontecemento, sen que en ningún caso poidan superar as liquidacións de cotas acumuladas ata o 31 de decembro de 2007.


Beneficiarios das bonificacións (artigo 3)

Serán aplicables ás persoas xurídicas que conten cun domicilio en España e fosen constituídas con motivo do acontecemento da Copa do América 2007, tanto polo que respecta á propia entidade organizadora como aos equipos participantes nela, en relación cos traballadores por conta allea que presten servizos que dean lugar á súa inclusión en calquera dos réximes do sistema de Seguridade Social.

Estas bonificacións aplicaranse ás achegas por cotización desas persoas xurídicas na súa calidade de empresarios para efectos da Seguridade Social, respecto dos traballadores por conta allea que, despois da constitución daquelas, fosen contratados por elas para a realización de labores directamente relacionados coa súa participación na Copa do América 2007.


Ámbito obxectivo (artigo 4)

Enténdese por labores directamente relacionadas coa participación na Copa do América 2007 aquelas que se produzan como consecuencia directa das actividades que se realicen no marco de tal acontecemento, e así se acredite mediante certificación da entidade organizadora.

Enténdense incluídas, entre outras, as seguintes actividades segundo a clasificación nacional de actividades económicas (CNAE-93), aprobadas polo Real decreto 1560/1992, do 18 de decembro:

  1. as correspondentes a transporte marítimo (código 61.1 CNAE-93)

  2. as actividades de operadores turísticos e outras actividades de apoio turístico (código 63.3 CNAE-93)

  3. o aluguer de medios de navegación (código 71.22 CNAE-93)

  4. a xestión de portos deportivos (código 92.662 CNAE-93).


Requisitos e procedemento

Os interesados deberán presentar unha comunicación en calquera dos órganos aos que se refire o artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e, preferentemente, no rexistro da oficina estatal para apoio da XXXII Copa do América ou nas direccións provinciais da Tesourería Xeral da Seguridade Social.

Os interesados deberán estar ao corrente no pagamento das súas obrigas fiscais e no pagamento das cotas de Seguridade Social e conceptos de recadación conxunta, na data na que se efectúe a referida comunicación.

A comunicación deberá ir acompañada dunha certificación (que será expedida polo Consorcio de Valencia 2007 ante a Tesourería Xeral da Seguridade Social e con carácter previo á aplicación das bonificacións nos documentos de cotización) de que se trata de persoas xurídicas constituídas para o acontecemento da Copa do América 2007.

A presentación desta certificación só será preceptiva cando se trate da primeira comunicación de bonificación do empresario.

As bonificacións nas achegas ás cotas de Seguridade Social e conceptos de recadación conxunta aplicaranse nos correspondentes documentos de cotización polos empresarios que sexan persoas xurídicas e beneficiarios daquelas.


Concorrencia de bonificacións

As bonificacións de cotas e conceptos de recadación conxunta reguladas neste capítulo serán incompatibles con calquera outra bonificación establecida. O empresario que tivese dereito a dous ou máis bonificacións respecto de determinados traballadores deberá optar por unha delas. Se optase por estas bonificacións, ao finalizaren poderá optar de novo por aquela ou aquelas ás que tivese dereito.

Forma de aplicación das bonificacións nos documentos de cotización.

As instrucións para a aplicación das bonificacións contidas no Real decreto 2146/2004, do 5 de novembro, detallaranse nun próximo Boletín de Noticias RED.

Duplicidade de solicitude de saldos acredores(RED/Administración)

Lémbrase que a través do Sistema RED se tramitan automaticamente, sen necesidade de presentar na administración o TC1 correspondente, os saldos acredores resultantes das seguintes liquidacións:

  • Tipo de liquidación: liquidacións normais (L00), liquidacións complementarias por aboamento de salarios con carácter retroactivo (L03), liquidacións complementarias por salarios de tramitación (L02), sempre que se presenten no prazo regulamentario.

  • Réximes admitidos:

    Réxime xeral (0111)
    Sistema especial de froitas, hortalizas e conservas vexetais (0132)
    Réxime especial do mar (08xx)
    Réxime especial de minería do carbón (0911).

  • Modo de pagamento:

    "0": normal
    "1": compensación en conta de colectivos de 3500 a 4200
    "3": relación contable de colectivos 22xx ou 26xx.


A presentación do TC2 a través do Sistema RED de liquidacións para percibir nestes réximes e colectivos –que inclúa a información necesaria para tramitar o saldo acredor– implica a solicitude automática do saldo acredor. Polo tanto, estas empresas non deben presentar o documento da serie TC1 con importe a percibir nas administracións da Tesourería Xeral da Seguridade Social.

Debido a que se veñen detectando duplicidades nas solicitudes de saldos acredores (presentación na administración do TC1 para percibir e presentación a través do Sistema RED), a partir do próximo mes de xaneiro non se tramitarán as solicitudes de saldos acredores presentadas na Administración, correspondentes a empresas que presentan o TC2 a través do Sistema RED, e que estean incluídas nos réximes para os que existe xestión automática.

No suposto de que a solicitude de saldo acredor presentada a través do Sistema RED contivese erros que impidan a súa tramitación, deberase enviar dentro do prazo regulamentario un novo documento TC2 corrixido que o substitúa.

Só se tramitarán nas administracións as solicitudes de saldos acredores de empresas que presenten o TC2 a través do Sistema RED, correspondentes aos seguintes réximes pendentes de incorporar a xestión automática de saldos acredores:

  • Réxime especial agrario (0613)
  • Sistema especial de manipulación e empaquetado de tomate fresco (0134).

Real decreto PRE/3682/2004, do 11 de novembro, (BOE do 13 novembro de 2004).

Orde PRE/3682/2004, do 11 de novembro, (BOE do 13 de novembro de 2004), pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para a concesión de axudas a traballadores embarcados en buques de pesca, afectados pola paralización temporal da actividade da frota pesqueira que faena na zona de regulación da Organización da Pesca do Atlántico Noroccidental.



Regulación

Mediante esta orde establécense as bases reguladoras e a convocatoria para a concesión de axudas aos tripulantes, como consecuencia da paralización temporal da frota española que opera no caladoiro da Organización da Pesca do Atlántico Noroccidental (NAFO, en adiante).

Esas axudas outorgaranse durante o período comprendido entre os anos 2004 e o 2007, e por un período máximo de tres meses de parada por ano. Estes tres meses deberán ser realizados de forma consecutiva, coas seguintes excepcións:

  1. Os devanditos períodos poderán ter o carácter de descontinuos cando durante o ano 2004 xa se efectuasen paradas non inferiores a un mes, na data de entrada en vigor da orde.

  2. Cando o buque inicie a paralización dentro do período do último trimestre dun exercicio e finalice no primeiro trimestre do exercicio seguinte, sempre que sexa de forma consecutiva.

  3. No suposto contido no apartado anterior e cando o buque inicie a parada dentro do último trimestre do ano 2006 e a finalice no primeiro trimestre do ano 2007, poderase solicitar unha axuda polo novo período de parada realizada durante o ano 2007 ata completar os tres meses de parada obrigatoria por ano natural.

Beneficiarios (artigo 2)

  1. Poderán ser beneficiarios das indemnizacións pola paralización temporal: os tripulantes españois, os tripulantes que sexan nacionais dun Estado membro da Unión Europea ou o Espazo Económico Europeo e os estranxeiros que conten con permiso de traballo e de residencia en vigor, que estean embarcados en buques pesqueiros que obtivesen e utilizasen a correspondente autorización para pescar no caladoiro do Atlántico Norte.

  2. Para identificar os buques afectados, o Instituto Social da Mariña comprobará que as solicitudes de axudas se corresponden cos buques incluídos na relación facilitada para tal efecto pola Secretaría Xeral de Pesca Marítima do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

  3. Quedan expresamente excluídos do dereito a percibir as axudas os armadores enrolados a bordo da embarcación, asimilados a traballadores por conta allea.


Requisitos (artigo 3)

  1. Para obter as axudas, os tripulantes deberán cumprir os seguintes requisitos:

    1. Figurar enrolados a bordo dalgún dos buques relacionados no listado elaborado pola Secretaría Xeral de Pesca Marítima, na data da última arribada do buque a porto desde o caladoiro NAFO.

    2. Estar incluídos no expediente de regulación de emprego instruído para autorizar a suspensión das relacións laborais.

    3. Atoparse en situación de alta na Seguridade Social e manter ininterrompida a relación laboral coa empresa armadora da embarcación na que se atopaban enrolados no momento de sobrevir a inmobilización da flota, durante os tres meses de parada.

    4. Acreditar un período de cotización no réxime especial de traballadores do mar de, polo menos, 6 meses ao longo da súa vida laboral.

    5. Estar ao corrente no pagamento das súas obrigas fiscais e de Seguridade Social.


  2. Tamén poderán percibir as indemnizacións aqueles traballadores que, mantendo ininterrompida a súa relación laboral coa empresa, non figuren enrolados no momento momento da paralización a consecuencia de incapacidade temporal, permisos retribuídos, vacacións, excedencias ou expectativa de embarque, sempre e cando cumpran os demais requisitos establecidos no apartado anterior.

Solicitudes (artigo 8)

  1. As solicitudes dirixiranse ao director provincial do Instituto Social da Mariña correspondente e presentaranse nas direccións locais ou provinciais do Instituto Social da Mariña ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Réxime de incompatibilidades (artigo 5)

  1. A percepción destas axudas será incompatible co traballo por conta propia ou por conta allea do beneficiario.

  2. Igualmente, a condición de beneficiario será incompatible co recoñecemento do dereito á protección por desemprego e do dereito ao resto das prestacións económicas do sistema da Seguridade Social que resulten incompatibles co traballo do beneficiario.

Contía da axuda (artigo 6)

  1. A contía da axuda para os beneficiarios será de 1114,45 euros/mes, cun incremento dun 2 por cen anual, a partir do ano 2005.

  2. O Instituto Social da Mariña descontará da contía contemplada no apartado anterior a cota do traballador á Seguridade Social e ingresaraa a favor da Tesourería Xeral da Seguridade Social.

Obriga de cotizar do empresario (artigo 7)

O empresario ou armador deberá manter o traballador en situación de alta na Seguridade Social durante o período de inactividade e ingresar, ao seu cargo, a cota patronal.


Pagamento (artigo 13)


O pagamento será efectuado pola Tesourería Xeral da Seguridade Social a proposta do Instituto Social da Mariña, entre os días 10 e 15 do mes seguinte ao do seu vencemento mensual.


Control das axudas (artigo 14)

De resultar indebida a percepción das axudas, procederase a regularizar as cantidades cobradas e iniciarase o procedemento de reintegro do seu importe.

Aplicación nos documentos de cotización

As empresas beneficiarias desta axuda deberán efectuar a presentación dos documentos de cotización segundo as seguintes instrucións:

  1. En canto á relación nominal de traballadores (ficheiro FAN e documentos TC2/5 normalizados), cubrirase como expedientes de regulación de emprego total seguindo as especificacións que se comunicaron no segundo punto do Noticias RED número 2004/01 (traballadores identificados co valor "T" no campo 1110 do ficheiro FAN ou co código "7" no TC2/5 normalizado, claves de bases exclusivamente empresariais e epígrafe 126).

  2. Polo que respecta aos documentos de ingreso TC1/16, unicamente se reflectirán as bases e cotas correspondentes á cotización empresarial.
Complementary Content
${loading}